sábado, 13 de decembro de 2014

ESCOLMA D-ARTIGOS NAZONALISTAS



ESCOLMA D-ARTIGOS NAZONALISTAS / Antón Vilar Ponte
Marzal de 1936
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
22 p ; 17,5 Cm.

O folleto Escolma d-artigos Nazonalistas impreso por Nós en Compostela en 1936 reúne varios textos escritos por Antón Vilar Ponte e foi editado pola Federación de Mocedades Galeguistas como homenaxe ao político e xornalista falecido na Coruña o 4 de marzo dese mesmo ano.
Irmán Antón Vilar Ponte, ti que foches o noso guía, ti que nos alentaches tantas veces a través dos teus artigos e fermosas oracións, recibe a nosa ofrenda encheita de sinxeleza que dende eiquí, dende a vella e groriosa Compostela che brindamos (...) Hoxe coma sempre nos nosos corazóns levamos a magoa da dôr e no noso pensamento a tua imaxen que nos fai renovar a fé de seguirnos sempre firmes e dispostos a verter sangue pol-a redeución da Patrea.
Os textos van precedidos dunhas palabras do alcalde de Cork, símbolo do nacionalismo irlandés promovido polos republicanos do Sinn Féin.
Non pedimos ser nós quen rompa as cadeas, nin vivir despois da acción sagrada para gozar, vivos, a sua victoria, pedimos que a libertade sea un feito... E dormire a TUA veira o sono eterno.
A morte na cadea de Terence McSwiney, alcalde de Cork, en outubro de 1920 logo dunha folga de fame internacionalizou o conflito irlandés, merecendo a simpatía dun amplo sector do galeguismo e particularmente dos máis novos, partidarios do arredismo.
Estes mozos militaban na Federación de Mocedades Galeguistas – 4.000 segundo as declaracións da propia Federación, con toda probabilidade esaxeradas – constituída en 1934 con carácter de vangarda ideolóxica a partir de diferentes organizacións xuvenís locais do Partido Galeguista. Por estas agrupacións pasaron entre outros Celso Emilio Ferreiro, Xaime Illa Couto, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Xosé Velo ou Luís Seoane.
Un dos principais inspiradores da ideoloxía nacionalista foi Antón Vilar, representante do nacionalismo republicano dentro do Partido Galeguista. As súas opinións fustrigaron decontino no caciquismo e acompañaron o devalo do rexionalismo cara ao nacionalismo. Vilar concibía Galiza como unha nación chamada a federarse territorialmente coas outras nacións ibéricas, na liña do federalismo pragmático defendido por Pi i Margall.
Pí i Margall, prefiría unha Monarquía federal a unha República unitaria. Nós, o mesmo.
Os textos escolmados polas Mocidades Galeguistas para homenaxear a Vilar reivindican de xeito principal o carácter nacional de Galiza e a necesidade de dignificar o uso da lingua galega.
Sinopse da obra

A bandeira ergueita. O autor afirma contra o criterio dos Precursores que Galiza é unha patria natural con lingua de seu. A lingua ha ser chave da redención dos galegos.

Pobo que recobra a sua lingua recóbrase a si mesmo; pénsase como se fala, e fálase como se pensa.

O 17 de Nadal de 1483. Aniversario da morte de Pedro Pardo de Cela. Resulta recorrente na iconografía nacionalista da época a reivindicación da figura do “heroe-mártir”.

Co aforcamento do indomabre guerreiro Pedro Pardo de Cela, sucumbéu a nacionalidade galega, e dende entón emprincipiou o calvario dooroso da nosa Terra, que deberamos escribire con bágoas e sangue.

Vilar establece o paralelismo simbólico entre Pardo de Cela e Rafael Casanova, Conseller en Cap de Barcelona durante o asedio das tropas borbónicas en 1714.

¡Malpocado! O texto chama polos meniños fillos da Galiza, carballo derrubado que non ha servir para darlles acubillo e “que chegarán a homes baixo o negro e morno cobixo d’unhas tocas de pobre viuda”.

Decatádevos do qu’é o nazonalismo galego. Vilar subtrae o nacionalismo da dialéctica esquerda-dereita onde pretenden confinalo os oitocentistas: “as duas intolerancias, a roxa e a negra, valeiras d’idealismo e fallas de sentimento natural, queren erguerse contra de nós” alcumando o nacionalismo de reaccionario ou ateo.

O nacionalismo loita por combater o caciquismo, reivindicar a lingua, derrogar os aranceis casteláns, irmandar Galiza con Portugal, asentar os galegos na súa terra e civilizar o pobo.

Os nazonalistas galegos, endexamais perguntamos a ninguén dos nosos que confesionalismo sentía, que idea política profesaba. Socialista, republicano, monárquico, católico, protestante ou ateio, todos son compatibres co credo da redenzón galega que se afinca no conquerimento da autonomía integral.

Imperialismo da língoa. Sentir a lingua é sentir a liberdade.

Arrenegar do noso idioma, é arrenegar da nosa natureza, da nosa i-alma, pra sentírmonos escravos vountarios, soicidas do noso sere.

Lembranza. Vilar enxalza símbolos históricos como o Medulio, as Irmandades, a lírica galega medieval, Xelmírez, San Rosendo, Prisciliano, Pardo de Cela, María Pita, os guerrilleiros galegos, os mártires de Carral, Faraldo, Brañas, Pastor Díaz, Rosalía e moitos outros.

Perguntar logo ôs patrioteiros “del regionalismo sano y bien entendido”: ¿qué lle debe Galicia â Hespaña castelán? I-a ver se vos son capaces de provar que lle deba algo como non seian os aldraxes contínuos dend’os tempos de Gelmírez.

Lembranza d’amore

Xurdíu súpeta a lua trál-os pinos
que irtos érguense na cima montañosa,
como hostia sanguiñenta e lumiosa
baixo palio d’escorzos pelengrinos.
Seus lácteos fulgores diamantinos
tornaron a campía misteriosa...
¿Te non lembras?... Tua boca – neve e rosa –
mostrou meiga a rir seus dentes finos,
e un bico lle roubei con ansia tola:
i ô sentir nos meus labres a frescura
d’aquela branca e linda dentadura,
ô trocarse ambas bocas n’unha sola,
nos teus ollos que o amor de lus enchía,
vin a Dios... ¡i-adorei a eucaristía!

(1)    Imaxe de Antón Vilar Ponte: Real Academia Galega


Ningún comentario:

Publicar un comentario