sábado, 6 de decembro de 2014

DA EMIGRACIÓN



DA EMIGRACIÓN / Antón Paz Míguez
Martes de antroido do 1936
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
122 p ; 18 Cm.

A novela Da emigración. Notas d’un galego escrita por Antón Paz Miguez foi impresa por Nós en Compostela en febreiro de 1936.
Este título inaugura as publicacións editadas por Nós durante o ano 1936; unha época de escasa produción editorial debido entre outras cousas á actividade política de Ánxel Casal, quen compatibiliza desde finais de 1935 o traballo na imprenta coa pertenza ao comité de Compostela da Fronte Popular e como resultado da vitoria frontepopulista nas eleccións xerais acepta o posto de alcalde de Compostela o 23 de febreiro, recaendo tamén sobre el o cargo de vicepresidente da Deputación.
Entre os meses de febreiro e xuño de 1936 a editorial publicou tres libros e dous folletos antes do cesamento definitivo da actividade editorial, deixando no prelo varias obras que non chegaron a imprimirse.
Antón Paz, autor da novela Da emigración, deixou Galiza en 1929 cando contaba dezasete anos para traballar como empregado de comercio na Arxentina. De novo volveu en 1935 e logo de publicar a novela regresou a América fuxindo do servizo militar, polo que foi xulgado en rebeldía como desertor polos tribunais franquistas.
O autor describe na obra a vida dos emigrantes americanos.
Recordo que, cando iba a emprender o meu viaxe a América: cando iba a iniciarme como «emigrado», dixechedesme que fixera un diario contando as emocións do viaxe.
Antón Paz afirma non falar da súa experiencia persoal, utilizando o recurso común de atribuírlle o relato a un terceiro e malia os escasos méritos literarios, o texto constitúe un documento valioso para coñecer as peripecias padecidas polos emigrantes galegos na Arxentina.
Non fai moito tempo, chegaron âs miñas mans uns papeles relacionados con un viaxe â Arxentina e (...) pensei en mandarvos istas notas: pero como me pareceron incompletas, tratei de conocer o autor delas, busqueino e non-o atopei.
Outro emigrante descoñecido dá fe da veracidade dos feitos relatados por Paz. Valéndose desta solución, o autor tece un relato que pretende dar conta da cara amarga da emigración arxentina, exaltando o carácter galego e o idioma diante das burlas dos estraños e do propio desleixo dos galegos, renegando de si mesmos.
Sinopse da obra
Pablo deixa a aldea camiño de América coa intención de facer fortuna para casar con Elvira, quen non sabe do seu amor.
Durante a viaxe os emigrantes máis concienciados critican o abandono das autoridades por botar os galegos polo mundo adiante sen preparación e despreocupados da súa sorte. Eses mozos han volver algún día para construír a nova Galiza.
O Goberno está en Castela, e os gobernantes non se acordan de que os galegos viven na Hespaña. Non, digo mal, acórdanse d’eles, pero nada máis que para cobrar as contribucións e tributos (..) os gobernantes, ainda que sexan de diferentes rexións, vólvense casteláns e miran despois o aspeuto da vida das suas propias terras, como cousas alleas.
Os emigrantes desembarcan decididos e morriñentos en Bos Aires, pero alí ninguén agarda por Pablo.
Entre tanta xente qu’alí había, sinteuse profundamente solo, cal si estivese n’un deserto. Quizais mais solo ainda, pois no deserto, él sería un home, mentres que alí, era com’un grau de area. A xente pasaba; iban e viñan sin fixarse n’el.
O mozo utiliza unha carta de recomendación para conseguir traballo nun almacén. Os chegados a América contan con pouca preparación, que substitúen polo optimismo e o carácter teimudo.
Tí ô menos sabes leer i escribir; sabes algo de contas; pero hai moitos que veñen sin saber máis que o Catecismo, e desgraciadamente con rezos sólo non se vive non sendo aqueles que toman o rezo por oficio.
O contacto co poeta Xulio esperta a conciencia de Pablo e decide loitar a prol da dignificación de Galiza.
Tempo despois deixa Bos Aires para percorrer o país durante seis anos. Entón decide volver a Galiza para vivir na súa aldea, casar con Elvira e traballar pola terra antes de perder a saúde e a xuventude como os máis dos expatriados, que non regresan coma el por temor ao escarnio dos veciños.
Na madrugada, foi descubrind’ô lonxe, como si fosen somas entre somas, as illas Cíes e a cibdá de Vigo iluminada.

Camiño da aldea advírtenlle que ha costarlle moito traballo renovar algo neste lugar, porque os galegos son reaccionarios e contrarios a toda modernidade, e se non comeza decontado xa non poderá facelo: daquela o espírito galego influirá na súa vontade e dará todo por ben feito.

Cando chega ao pobo descubre que Elvira está a piques de casar cun mestre. Decepcionado, decide volver a América deixándolle a ela os cartos gañados na Arxentina coa encarga de edificar unha escola.


Ningún comentario:

Publicar un comentario