sábado, 29 de novembro de 2014

LOS DOMINICOS EN GALICIA



LOS DOMINICOS EN GALICIA / P. Aureliano Pardo Villar
1935
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago de Compostela
88 p ; 25 cm.

As probas de imprenta do manuscrito Los dominicos en Galicia entregado polo historiador Aureliano Pardo Villar foron impresas por Nós en Compostela no ano 1935.
Este foi un dos libros que Ánxel Casal deixou sen rematar no verán de 1936, antes da súa detención e asasinato. As galeradas entregadas pola imprenta ao autor incorporan unha nota manuscrita sobre a primeira folla.
Suspendióse la impresión de este libro por muerte del editor, quedando inédita la mayor parte.
Logo de participar na comisión encargada de entregar o Estatuto de Galiza ao presidente das Cortes da República, Casal volveu a Compostela o 20 de xullo de 1936 para poñerse á fronte do concello. Ese mesmo día foi expulsado polos militares sublevados e o día 4 de agosto detivérono no lugar de Vilantime (Arzúa) para conducilo á cadea de Compostela. Durante a noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras, preto do cemiterio de Teo. (2)

Entrega do Estatuto de Galiza. Ánxel Casal, terceiro pola dereita
Os falanxistas asaltaron a imprenta Nós e o domicilio de Casal, destruíndo o arquivo, a correspondencia, os gravados, moldes e tipos, e tamén as coleccións de libros do editor.
En todo caso, entre o peche da editorial en xullo e o cesamento definitivo da actividade en setembro, algúns amigos de Casal accederon ao local da rúa do Vilar e, como explica Ernesto Vázquez no seu libro A fouce, o hórreo e o prelo (3), rescataron o último número impreso e aínda non distribuído da revista Nós (4) e os orixinais da que ía ser a obra magna de Casal: o Códice Calixtino (5).
Outros orixinais e algúns libros parcialmente impresos desapareceron na rapina falanxista, perdéndose para sempre.
Sábese que entre os libros, ou orixinais que estaban a imprentarse figuraban: Auga lizgaira, de Ánxel Fole, Diario d’um médico de garda de Luís Pimentel (a primeira versión de Barco sen Luzes), Síntese do crime. Libro de debuxos, un libro con deseños de Seoane e o Volume I dos Ensaios de Otero Pedrayo. De Castelao, estábase a imprentar a peza teatral Pimpinela. Perdeuse tamén un manuscrito para un libro de contos de Xosé Mª Álvarez Blázquez que se ía titular Os ruís.
Entre os libros en proceso de impresión tamén estaba Los dominicos en Galicia.
Aureliano Pardo foi un frade dominico vinculado ao Seminario de Estudos Galegos e que participou na redacción do Estatuto de Galiza (6). Esta simpatía coa ideoloxía galeguista valeulle a reprobación dos superiores, que procuraron sen éxito afastalo de Galiza.
O libro está escrito en castelán e constitúe a primeira crónica da orde dominica en Galiza, desde a súa implantación a finais do século XIII ou comezos do XIV até a actualidade.
O texto vai precedido dunha dedicatoria escrita en galego.
Ao Capitán de Artilleiría da Armada Hespañola, Sr. D. Octavio San-Martín e Domínguez, Cabaleiro da Orde de Sabela a Católica; galego dos «bós e xenerosos», amante i-esgrevio proteitor da nosa cultura nazonal. (7)
Los dominicios en Galicia, 1939
en 1939 o autor deu ao prelo a versión íntegra deste mesmo libro, editada en Compostela na imprenta do Seminario Conciliar. (8)
(1)    Fonte da imaxe de Aureliano Pardo Villar: realacademiagalega.org
(2) O investigador Ernesto Vázquez Souza ten achegado a ficha xudicial de procesamento de Ánxel Casal pola súa pertenza á loxa Libredón de Compostela: "En una ficha procedente de la sección 4ª del Servicio Nacional de Seguridad dice: CASAL GOSENGE, ANGEL. De 43 años en 1938, casado; industrial, hijo de Manuel y Filomena, natural de La Coruña, vecino de Santiago, Puente de San Antonio nº 8 - 1º. MASON. Logia LIBREDON nº 78 de Santiago. ANTECEDENTES. De ideas izquierdistas separatistas. Elemento destacado y propulsor del Estatuto Gallego. Desempeñó el cargo de Alcalde de Santiago con el Frente Popular. Falleció después del Glorioso Alzamiento Nacional. 15 DIC, 1938".
(3)    A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro. Sada, A Coruña. 2003. Páx. 399.
(4)    Nós, nº 139-144. Xulio-Nadal de 1935, dedicado pola Asociación de Escritores de Galicia a Ánxel Casal. Este exemplar impreso e que non chegou a ser distribuído aos suscritores, estivo en poder de Ben-Cho-Shey. Entre outros contidos inclúe: Esquema da nova poesía galega (Augusto María Casas), Esprito político e forma cultural da nova Galicia (Francisco F. Del Riego), O sorrir de Daniel, novela (R. Otero Pedrayo), O romance galego (Leandro Carré), A leenda do Graal (Vicente Risco).
(5)    Os cadernos co texto e a música, a falta das monografías, foron rescatados da editorial por Xesús Carro. Ao cabo editounos o CSIC en 1944 e 1951 sen facer referencia expresa ao traballo previo desenvolvido por Ánxel Casal.
(6)    Pardo Villar publicou un traballo no volume quinto dos Arquivos do SEG e outro na revista Nós. Dos ilustres dominicos gallegos. Notas biográficas. Arquivos do SEG V. 1930; Notas en col da vila de Arzúa. Revista Nós nº 133. 1935.
(7)    Octavio San Martín Domínguez. Militar e escritor natural de Padrón. En 1970 publicou Contos peneirados, auto-edición impresa en Compostela na imprenta de El Eco Franciscano. O volume inclúe cinco contos infantís escritos, en palabras do autor, polos anxos para un neno que subiu ao ceo.
(8)    Los dominicos en Galicia. Aureliano Pardo Villar. Imprenta del Seminario Conciliar. Santiago. 1939. 258 p.


Sem comentários:

Enviar um comentário