sábado, 1 de novembro de 2014

DEVALAR



DEVALAR / Ramón Otero Pedrayo
18 de novembro de 1935
Nós, Santiago
Volume LXII
141 p ; 18 cm.

A novela Devalar escrita por Ramón Otero Pedrayo foi impresa pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en novembro de 1935.
Meses máis tarde, en 1936, Otero había dar ao prelo O mesón dos ermos (2) pechando así a xeira máis prolífica da súa carreira como autor literario, iniciada en 1925 coa novela curta Pantelas, home libre (3). O contacto cos homes da xeración Nós; en particular con Vicente Risco, motivouno a publicar nada menos que vinte e cinco títulos ao longo destas dúas décadas (vinte e un deles editados por Ánxel Casal), entre os que atopamos narrativa, ensaio, teatro, discursos e manuais didácticos.
A represión padecida polos intelectuais galeguistas logo da Guerra Civil retirouno da primeira liña da produción cultural até o ano 1941, cando presentou a novela Las palmas del convento (4). En 1952 retomou a edición en galego coa peza teatral O desengano do prioiro (5).

  
Narrativa de Otero publicada durante os anos 30

O autor adiantou un fragmento da novela Devalar en outubro de 1934 no número 130 da revista Nós, pouco antes da edición definitiva.
Revista Nós nº 130
Este é un texto complexo onde as xeiras do ano, a paisaxe e os personaxes conflúen sobre o omnipresente pano de fondo de Galiza. A narración salta dun personaxe a outro inserindo pequenos relatos independentes no río continuo da novela.

Por ela devalan as vidas de cregos, fidalgos, taberneiros, mozas, estudantes, funcionarios, xornalistas, escritores... En palabras de Otero: millos verdes baixo o sol do San Xoán, mozos polo Santiago, solemnes co sol imperial de agosto, maduros ao sol febril de setembro e chamando pola seitura cando os soles lembrados brillan nas espigas escasuladas.
A fondura das personalidades apenas albiscadas e descritas en poucas liñas fica atrás decontado para dar paso a outras de presenza breve que, máis ca formar parte da trama, modelan o ambiente coral da narración.
Sinopse da obra
Otero fálanos ao longo da novela da mocidade universitaria nada ao galeguismo no ambiente cultural favorecido polo Seminario de Estudos Galegos. 
¿Non tiñan un fermoso nome: galeguistas? 
Uns faguían etnografía e apaixoados xuntaban obras d’arte popular, estaban ledos cando descobrían novas verbas do lingoaxe técnico dos oficios. Outros saían, como â festa, pra escudriñar nas aldeas arredadas, pórticos románicos, artellos d’antigos camiños, os castros esgrevios que asoman os hourizontes como chamadas no decorrer. Discutían os libros novos, falaban sempre en galego, mais sendo irmáns non formaban coto pechado nin puñan aos máis pedriñas no camiño.
Martiño Dumbría, estudante na universidade, dezasete anos, criado na costa entre Malpica e Camariñas, gozaba descubrindo Compostela e entre os profesores e compañeiros procurou os galeguistas reunidos arredor do Seminario, a quen as persoas formais tiñan por revolucionarios.
O mozo comprendeu que o pequeno porto onde nacera estaba unido por nervios de aceiro sutil coa vida conxunta de Galiza. Martiño tomou conciencia do espírito da terra ao longo de tres noites:
  • Na primeira delas fundiuse coa Galiza granítica e informe situada fóra do tempo e que gardaba as formas futuras.
  • Na segunda noite medraron as pedras e decorreron milleiros de xeracións, desde o primeiro bispo iriense sepultado nas tebras até as persoas que ese mesmo día atopou nas rúas, pasando todas elas baixo o arco da Praterías.
  • Na terceira, Galiza xurdiu unida a outras patrias irmás europeas. A xeración de Martiño tiña conciencia heroica desta transcendencia e había facer historia.
A novela establece a semellanza entre Galiza e un pazo estragado onde os fillos deixaron esboroar as pedras con desleixo, e agora unha nova xeración pretende arrombar as estancias recuperando o antigo esplendor.
Otero fálanos da tradición e tamén da nova Galiza que había xurdir da man das novas xeracións. Un lugar onde “a lingoa, doce, refreisiva, criadora, bañaba ao vivir galego na confianza de un superior destiño (...) Terra ditosa, en camiño de ser exempro das outras, pol-a alianza do folgado vivir ca aspirazón dos espritos”, varrendo aquela outra Galiza caracterizada cando Martiño “escoitou no craustro un bravo e duro falar castelán. Pasaban coengos de estreira teoloxía e soberba etiqueta desprezativa”.
No capítulo “Zocos na corredoira” Otero realiza unha evocación poética da xeografía galega rematada en Pontevedra, onde Pauliños Fontela escribe o título da súa novela: “As palmas de Erbón. Novela”, anticipo do novo proxecto literario de Otero que ao cabo vería a luz baixo o título: “Las palmas del convento”, primeiro texto publicado en castelán despois da Guerra Civil. Otero traza a obra e recrea ao longo dun capítulo as sensacións que produce no lector.
O libro de Pauliños Fontela foi imprentado en “Nós” i-apareceu o mesmo día nas librarías da Rúa do Vilar, da Rúa da Oliva, da Praza de Ourense, da rúa de Policarpo, no Cantón de Porlier.
O devalar outonal tinxido de saudade está representado pola novela mínima Os amantes de Santiago, inserida no texto e atribuída á xornalista americana Aqnés Woolf.
Otero remata o libro falando en primeira persoa para darlle voz ao camiño que parte da súa casa, “falangueiro e lembradoiro”.
Eu, engaiolado pol-a ilusión de tér ouvido falar ao camiño quíxenlle perguntar pol-as xentes que pasan ao largo das follas de ista novela. Non me astrevín. Nin lle sabería perguntar nin o camiño m’houbera respondido. Irán pol-o mundo adiante cada home, cada muller, cada neno, co seu coscente ou incoscente tema. A lembranza dun cadriño de Castelao, “Devalando” no Museu de Pontevedra, foi ordeando as escéas de iste libro. Si algún leitor tivera qu’il pergunte ao camiño que lle pasa pol-a porta... Cecáis lle conte si chegou ou non o netiño da vella ao pazo, si Martiño Dumbría vive nas mesmas horas, si na sementeira caíron nos eidos mangados de fé... Eu prefiro escoitar o silenzo misterioso de outro ano na Galiza.
Terra a Nosa!!
Trasalba, xaneiro do 1935.
(1)    Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    O mesón dos ermos. Ramón Otero Pedrayo. Editorial Alauda. Ourense. 1936.
(3)    Pantelas, home libre. Ramón Otero Pedrayo. Lar, revista quincenal nº 8. Editorial Lar. A Coruña. 1925.
(4)    Las palmas del convento. Ramón Otero Pedrayo. EMECE. Bos Aires. 1941.
(5)    O desengano do prioiro. Ramón Otero Pedrayo. Editorial Monterrey. Vigo. 1952.


Sem comentários:

Enviar um comentário