sábado, 19 de setembro de 2015

TRES ESTACIÓNS DE ARTE RUPESTRE DA SERRA DO LEBOREIRO



TRES ESTACIÓNS DE ARTE RUPESTRE DA SERRA DO LEBOREIRO / Xurxo Lorenzo e Luciano Fariña
1933
Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, Rúa do Vilar, 15. Santiago
11 p ; 29 Cm.

A separata exenta Tres estacións de arte rupestre da serra do Leboreiro escrita polos membros do Seminario de Estudos Galegos Xurxo Lorenzo Fernández e Luciano Fariña Couto foi publicada por Nós en 1933.

Revista Nós nº 115
O traballo está incluído no catálogo das publicacións do SEG e foi editado previamente no número 115 do boletín Nós, de 25 de xullo de 1933.

Xurxo Lorenzo colaborou decontino nas actividades do SEG e publicou numerosos traballos, que principalmente trataron sobre etnografía e arqueoloxía prehistórica.

Tamén exerceu como debuxante. Un dos seus deseños pode verse no número 74 do boletín Nós, de 15 de febreiro de 1930, ilustrando o conto surrealista de Vicente Risco titulado O señor Feudal.

 
Luciano Fariña foi un historiador pontevedrés, especializado nos estudos nobiliarios e heráldicos sobre Galiza.

O traballo sobre as Tres estacións de arte rupestre da serra do Leboreiro comeza coa localización xeográfica da serra.

A Serra do Leboreiro, cuias cume percorren os fitos da fronteira de Portugal, esténdese, de Norte á Sul, pol-a banda occidental do partido xudicial de Bande (Ourense), acadando dende as outuras do Penagache, á cuio pé se dilata o val do Arnoia, deica Os Castelos, de Entrimo, lombas coroadas por enormes cóns que caen sôbor das chairas do río Pacin, formando un val rematado pol-o vento do Sul nas serras do Quinxo e Santa Eufemia.

Na serra distínguense dúas partes: unha que corre en paralelo coa raia portuguesa e outra chamada Cabreira, comprendida no concello de Lobeira.

Toda ista terra ten sido, ao parecer, teatro dun movimento de civilización bastante intenso, que se vai perpetuando no trascurrir dos séculos, deixándonos coma lembranza unha chea de supervivencias, e que ven á resultar intimamente ligado coas outras culturas que van xurdindo ao longo do Limia deica ó seu desaugue no Atlántico.

Este estudo complementa outro traballo incluído na serie do Catálogo dos Castros Galegos e dedicado á Terra de Lobeira, publicado por Xurxo Lorenzo e Florentino López Cuevillas no boletín Nós, números 116, 117 e 118 (agosto-outubro de 1933).

Estación 1. Pena da Franqueira.

Situada no camiño que vai de Parada a Fraga, sobre unha lomba na marxe esquerda do río Aveleda. No couto atópanse penedos gravados con debuxos xeométricos, principalmente cruces rematadas nos estremos por pequenas covas. Outras cruces están inscritas dentro de círculos que ás veces toman forma elíptica. A maioría dos símbolos están orientados cara ao leste.

No vieiro que conduce ao couto do Crasto obsérvanse insculturas nas pedras, semellantes ás atopadas na pena da Franqueira.

O folclore da zona relaciona os símbolos coa “garda” ou sinal dun tesouro soterrado.

Ademais, na Pena Franqueira viven os mouros, os caes, cando precisan mercar algunha cousa, van por ela â feira de Lobeira; unha vez un veciño da Fraga emparellou c-un d-istes mouros que viña da dita feira conducindo un porquiño recén mercado i-ao chegar preto da Pena o mouro deulle ao fragués unha bulsa chea de diñeiro e desapareceu, deixando o porquiño que fuxiu sen que o outro lle poidera botár man.

Estación 2. Pena das Sete Cruces.

Esta laxe está situada na serra da Cabreira, nos montes de San Xes, no couto que cae por riba do pobo de Valdemir.

A pena é unha laxe de granito de gran tamaño e no extremo superior esquerdo están gravadas dez cruces sinxelas, dun tamaño entre dez e quince centímetros.

Tamén, según a xente, as insculturas de este penedo son as sinaes dunha garda, que xa se tén intentado comprobar, á xuzgar pol-as moitas sinaes de caba que se atopan nos seus arredores.

Estación 3. Penafiel.

Situada no alto de Sabariz, nos montes de San Xes, a medio camiño entre Fraga e San Xes. Nun penedo granítico atópanse quince signos cruciformes, algúns deles rodeados por círculos.

Os autores conclúen que os símbolos das tres estacións coinciden con outros atopados en lugares como Maceda ou Axeitos, asociados á vella cristianización.

Ademais, as cruces rematadas en covas son consideradas por Cuevillas e Bouza-Brey como formas antropomorfas de gran estilización. Poden verse símbolos semellantes en Viladesuso, no monte do Castro (Oia), no monte da Saia (Guimaraes) e Mondariz.

As formas cruciformes rodeadas dun dobre círculo tamén aparecen no outeiro dos Campiños. E por último, as inscricións rectangulares son semellantes ás localizadas en Sabroso.


Ningún comentario:

Publicar un comentario