sábado, 5 de setembro de 2015

CATÁLOGO DOS CASTROS GALEGOS. TERRA DE LOBEIRA



CATÁLOGO DOS CASTROS GALEGOS. TERRA DE LOBEIRA / Florentino L. Cuevillas e Xurxo Lorenzo
1934
Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, Rúa do Vilar, 15. Santiago
37 p ; 29 Cm.
A separata exenta dedicada á Terra de Lobeira e que forma parte da serie Catálogo dos Castros Galegos, foi escrita por Florentino López Cuevillas e Xurxo Lorenzo Fernández en 1934.

Este foi o último traballo de Xurxo Lorenzo, irmán de Xaquín Lorenzo, falecido en abril deste mesmo ano. 

Os traballos de campo sobre os castros galegos foron impulsados por Florentino López Cuevillas, iniciador dos estudos prehistóricos en Galiza, a quen ocasionalmente acompañaron outros investigadores nalgunhas destas descubertas.

Das cinco achegas que forman a serie dos Castros Galegos publicadas polo SEG, catro foron editadas tamén no boletín Nós. Estas son as dedicadas ao Val de Vilamarín, a terra de Celanova, a terra do Carballiño e a terra de Lobeira, coa cal pechouse a serie.

Hai tamén unha quinta achega publicada pola editorial Nós en 1931 e que non foi incluída no boletín, dedicada á bisbarra de Melide.

Os textos editados no boletín Nós apareceron en vinte e un números diferentes entre outubro de 1927 e outubro de 1933.

Catálogo dos Castros Galegos. Val de Vilamarín. Vicente Risco, Arturo Noguerol, Arturo Suárez, Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey.
Nós nº 46, 15.10.1927, Pp. 18-23 (castro da Martiñá, castro de Baínte, castro de Frameán, castro de Mugariza).
Nós nº 47, 15.11.1927, Pp. 10-13 (castro de Morgade, castro de Marcelle, castro das Fontelas).
Nós nº 49, 15.01.1928, Pp.13-15 (castro Santa Adega, castro de Río).
Nós nº 50, 15.02.1928, Pp. 29-36 (castro da Madanela, monte do Piñeiro).
Nós nº 51, 15.03.1928, Pp. 53-56 (considerazóns filolóxicas).


Catálogo dos Castros Galegos. Terra de Celanova. Alfonso V. Monxardín, Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey.
Nós nº 52, 15.04.1928, Pp. 62-65 (castro de Trelle, outeiro de Vimieiros, A Rodeliña).
Nós nº 54, 15.06.1928, Pp. 114-117 (Outeiro de Pazos, a peneda da Lebre, outeiro de San Marcos).
Nós nº 55, 25.07.1928, Pp. 129-131 (Outeiro de Fontefría, A Rodela, o monte de Castro).
Nós nº 56, 15.08.1928, Pp. 155-156 (O castrillón, castro de Berredo, castro de Mourillós).
Nós nº 57, 15.09.1928, Pp. 168-172 (O Furriolo, outeiro de Rubiós, o Castromao).
Nós nº 58, 15.10.1928, Pp. 185 (Castro de Ourille).
Nós nº 59, 15.11.1928, Pp. 203-208 (Considerazóns arqueolóxicas).
Nós nº 60, 15.12.1928, Pp. 230-232 (Considerazóns Folk-lóricas).
Nós nº 61, 15.01.1929, Pp. 14-15 Considerazóns Folk-lóricas proseguimento).


Catálogo dos Castros Galegos. A terra do Carballiño. Florentino López Cuevillas, Luís Pericot, Bernardo Castro, Xoaquín Lousada, Xosé R. Oxea, Sebastián González, Xosé Filgueira
Nós nº 68, 15.08.1929, Pp. 133-137 (Castro de San Facundo, castro do Monte de Ollos, a cidá ou castro de Orros).
Nós nº 69, 15.09.1929, Pp.152-155 (Outeiro do Castro, castro de Souteliño, castro de Cameixa).
Nós nº 70, 15.10.1929, Pp. 173-174 (Castro de Moldes, castro Meimón).
Nós nº 74, 15.02.1930, Pp. 31-38 (Considerazóns arqueolóxicas e folk-lóricas).


Catálogo dos Castros Galegos. Terra de Lobeira. Florentino López Cuevillas, Xurxo Lorenzo
Nós nº 116, 15.08.1933, Pp. 174-182 (A coroa de Santa Cristiña).
Nós nº 117, 15.09.1933, Pp. 189-200 (O coto da Xulleira, o Crasto, o coto da Vila, a coroa de San Xés, o Crastelo, o coto de San Adrao).
Nós nº 118, 15.10.1933, Pp. 211-224 (Consideracións arqueolóxicas e folk-lóricas).


En concreto este último volume estuda a terra comprendida entre a Arnoia e o Limia, que comprende os montes de Bande e a serra do Leboreiro e descende deica o val do Limia.

Abrangue a terra que imos estudar no seu aspecto castrexo, o anaco da beira dereita da cunca do Limia comprendida dende a desembocadura do Aveleda, e o val enteiro de iste riacho, que ten a sua iniciación na soá do Leboreiro e que vai morrer no Limia entre as veigas case ribeiráns da parroquia de Cabaleiros.

O traballo comeza co estudo da coroa de Santa Cristina, situada no concello de Lobeira e na parroquia de Santa Cristina de Montelongo. Esta é unha acrópole castrexa que pecha un recinto central protexido por un terraplén e dous foxos exteriores. O castro ten forma elipsoidal e abarca unha superficie de 210 x 101 metros.

A cultura popular relaciona este castro cos mouros e informa da existencia de ouro agochado e dun cruceiro afundido no Limia, no lugar onde desemboca un túnel que parte da Coroa.

Os mouros da croa quixeron de unha vez levar o río Cadós, máis cando o facían, chegóu o Señor Sant-Yago e matóunos á todos.

O segundo estudo trata do couto da Xulleira, situado na mesma parroquia de Montelongo. Esta emprazado sobre un esporón no mesmo macizo onde tamén está o castro da Coroa. Existen vestixios dun foxo, pero o castro está protexido principalmente pola súa particular topografía. O emprazamento puido ser un posto avanzado do veciño castro da Coroa. As medidas aproximadas son 83 x 52 metros.

O Crasto tamén está situado no concello de Lobeira e na parroquia de Fraga. Ocupa a plataforma dun outeiro e non ficaron restos de muros nin foxos, sendo probable que as defensas artificiais ficasen reducidas a estacadas ou valados. O espazo mide 80 x 70 metros.

O couto da Vila está situado no mesmo concello, na parroquia de San Vicente de Lobeira. Actualmente sobre a superficie do castro está edificada a igrexa parroquial e a maioría das casas da vila. A superficie superior do castro está achanzada, constituíndo unha extensa plataforma de 392 x 397 metros. O monte cae en terrazas e conserva vestixios de dous foxos paralelos. Segundo as lendas, a Vila estivo noutro tempo cercada por murallas e era unha praza forte.

Nas penedias que hai onde a ponte Avedela, por baixo do coto, hai unha cidade moura e ainda se sinte falar e tecer dentro. N-algunha ocasión ô pasar xente ten saido unha moura que baixa ô río recolle auga n-un caneco e lévalla pra beberen. Logo que beberon vólvese meter deseguida nas penedas. Tamén eiquí ahi tesouro. Pra buscal-o foron tres veciños de Facós e puxeron un barreno, máis non atoparon res.

A coroa de San Xés, tamén no concello de Lobeira, parroquia de San Xés, preto do couto da Vila, consta dunha plataforma circular perfectamente achanzada sobre un terraplén e rodeada dun foxo. A superficie do castro ocupa 65 x 67 metros.

O Crastelo está emprazado no concello de Lovios, na parroquia de San Mamede de Grou e ocupa un outeiro, onde o espazo habitado estaba protexido polas pendentes e ocupaba un espazo de 49 x 75 metros.

Por último, o couto de San Adrao está situado no concello de Lobeira, na parroquia de Cabaleiros. Ocupa un dos chanzos do monte do Viso, protexido polas súas ladeiras xunto cun terraplén e un foxo. O castro mide 39 x 49 metros. Este lugar tamén é coñecido como O Miradoiro dos mouros.


O traballo inclúe na súa parte final unha recensión arqueolóxica sobre os emprazamentos, analizando entre outros aspectos as portas, habitacións e obxectos atopados.

Por último, os autores recollen as tradicións aínda presentes na zona e que falan dos mouros que habitan os castros, dos tesouros, dos lugares soalleiros onde danzan os mouros, dos esconxuros para obter os tesouros, da vida soterrada baixo a plataforma dos castros e das cidades asolagadas.

É curiosa a atribución ôs mouros da capela de San Adrao, reveladora da elasticidade conque se aprica tal calificativo a calquer cousa antiga, con disprezo absoluto da historia e da cronoloxía.

(1)    Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: lavozdegalicia
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario