sábado, 22 de agosto de 2015

BEBEDEIRA



BEBEDEIRA / Florencio Manuel Delgado Gurriaran
24 de abril de 1934
Nós. Rúa do Vilar, 15, baixo. Santiago
Volume LX
88 p ; 15 Cm.

O libro de poemas Bebedeira escrito por Florencio Manuel Delgado Gurriarán foi impreso por Nós en Compostela en 1934.
Bebedeira é o primeiro libro do escritor e avogado valdeorrés Florencio Delgado, quen escribiu boa parte da súa obra literaria no exilio logo de ter fuxido a México en 1936 por estar vinculado ao Partido Galeguista.

O poeta pertence á mesma xeración literaria que Manuel Antonio e Amado Carballo; un grupo que como evidencian Patricia Calviño e Séchu Sende (2) foi o primeiro en adquirir un compromiso lingüístico e político con Galiza na adolescencia.

O número 128-129 do boletín Nós correspondente á xeira agosto-setembro de 1934 inclúe un comentario sobre Bebedeira escrito por Ricardo Carballo Calero, quen avoga pola constitución dunha escola ourensá da que sería precursor o pontevedrés Amado Carballo.

Escola coorista, sonora, carregada de zume aldeán. Xa son moitos os seus afiliados. As caraiterísticas apuntadas danse en Augusto María Casas, en Euxenio Montes, en Eduardo Blanco Amor, en Manoel Lois Acuña, en Florencio Delgado Gurriarán.

E un dos máis fieis seguidores deste estilo é FDG.

Istes versos cheos de risos vendimaes, de obsesión pánica, versos de un Anacreonte ou un Teócrito galego, opulentos e sensuaes, pictóricos, como un Rubens ou un Ticiano ribeirán, están escritos n-unha lingoa enxebre e ricaz, que deita un zume mesto e ledo como os acios do Barco de Valdeorras. Como os acios que arrecadan as sanas e fortes mozas do podente deseño da portada.

Como ben di Carballo Calero, os versos de FDG están tocados pola graza hilozoísta de Amado Carballo, como tamén os versos xuvenís de Xulio Sigüenza e os versos casteláns dos lucenses Emilio Mosteiro e Francisco Vega Ceide. Unha xeración heteroxénea espallada por toda a península durante os anos vinte para transformar a literatura ibérica e que foi coutada antes de tempo pola morte prematura ou pola guerra.

Pero quizais esta tendencia naturalista onde as árbores, as plantas e a paisaxe adquiren características de personaxe central, no caso de FDG presentan un carácter local máis acusado.

É tal a cantidade de árbores e flores que aniñan na obra, que  o intelectual valdeorrés Xosé Gayoso, amigo persoal de Florencio, escribía no limiar de Cantarenas, penúltimo libro publicado por Delgado Gurriarán en 1981 e no que tamén teñen cabida os poemas de Bebedeira: “Cos versos de Florencio poderíase facer a máis completa guía da natureza de Valdeorras e ainda unha xeografía do val” (3)

Os versos ledos e desenfadados celebran a festa, a terra e o viño: “Nemigo das tristuras e pai das risas, amolece os traballos da nosa vida”.

Son versos festivos, formalmente tradicionais, onde o poeta canta con paixón a súa terra. Non se trata dunha colección de poemas puramente temáticos, pero neles FDG fálanos da natureza e particularmente tamén das vides, dos acios, do mosto, da vendima e, sobre todo, do viño.

Teu cabelo é viño branco,
os teus beizos viño tinto,
os teus ollos augardente...
¡quixera beberte a bicos!

A serie das Cousas debulla dez cousas do verán en Valdeorras: as vides, o vento, a fonte, a cobra, as nubes, o monte, o carro, a vaca, a lúa “e as coitadiñas arrás / que a volta del rei anceian, / teimosas, pídenlle a Deus / o trunfo das suas arelas”.

Tamén as Cousas das serras merecen os versos de FDG: a Lastra, Montouto, Manzaneda, Pena Trevinca, o Eixe e “aos espantallos das nubens / Pía Páxaro sen medo, / peteira os graus das estrelas / antre as searas do ceo” e as Cousas do outono:

Garda o tesouro das pingas
en bulsas de ará, o toxo,
pois quere aforrar diñeiro
para pôr dentamia de ouro.

O amor xuvenil do poeta ten espazo ao longo de varios poemas: Arelas, Quince anos, Enterro, No vencello dos meus brazos.

Bate o martelo instinto
na zafra das miñas sens;
o corazón chouta baixo
a espora do debecer.

E as festas asoman en Folión de vran, Ruada, Muiñada, Ahí ven o Maio, San Xosé.

Na ponla dun buxo
canta un rouxinol;
a ponla, ê o punteiro;
o paxaro, o fol,

A serie das Miudezas amosa varios claros exemplos de humanización da natureza.

Na liorta da vindima
moitos feridos ficaron
e amputa os membros doentes
o podador cirurxao.
Coma ê médico de sona,
ha de cobrarlle âs cepeiras,
abondo no ouro das follas.

O camiño da serra, traza un poema de estética neotrobadorista, seguindo o ronsel da escola iniciada por Bouza-Brey coa publicación de Nao senlleira en xaneiro de 1933.

Camiño da serra busco ao meu amor
a bela pastora que me enfeitizou. (...)

Camiño da serra busco os aloumiños
da lanzal pastora que me da agarimo. (...)

 bela pastora que me enfeitizou
acheina coa avenza entre uces e fror. (...)

 lanzal pastora que me da agarimo
senlleira atopeina no aspro camiño, (...)

Acheina coa avenza entre uces e fror,
todo foi lediza no meu corazón. (...)

Senlleira atopeina no aspro camiño,
e os dous, nunha aperta, ficamos cinguidos. (...)

Contra o final do libro a poesía alegre e despreocupada vólvese sombriza nos poemas outonais: Romanzo da dona outonía, O castiñeiro morto, Paisaxes de inverno, Inverno no monte e Tristura do souto mudo. Neste último poema o autor narra a repoboación do souto por eucaliptos – de lonxe arbres alleas viñeron de cheiro de meiciña e follas de coiro rexo – desterrando os pobres castiros petrucios para deixar mudo o souto.

Saudades tên a campía,
polos arbres que morreno
ao fuxir, dos eucaliptos,
os reiseñores troveiros.

(1)    Fonte da imaxe de FDG: Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán. CEIP Conde de Fenosa do Barco de Valdeorras
“Os integrantes da Xeración Nós chegan á conciencia de Galicia na madurez das súas vidas, logo do percurso na busca da propia identidade galega. E se Otero, Castelao ou Risco conseguen chegar a Galicia na madurez, a seguinte xeración vai acadar esa meta antes. É fundamental saber que na historia do século vinte, a xeración de FDG -ou do arredista Manuel Antonio- é a primeira que comeza a adquirir un compromiso cultural e político con Galicia xa na adolescencia”.
(3)    A flora valdeorresa en Bebedeira de F.M. Delgado Gurriarán. Julio Pérez Veiga. aureanavaldeorras.com (http://www.aureanavaldeorras.com/literatura-2/237-2/).
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario