sábado, 8 de agosto de 2015

O ESMALTE CLOISONNÉ DA CRÚS DE ALLARÍZ



O ESMALTE CLOISONNÉ DA CRÚS DE ALLARÍZ / Marvin Chauncey Ross
1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
2 p + 1 lámina ; 27 Cm.

A separata O esmalte cloisonné da crús de Allaríz do investigador Marvin Chauncey Ross foi impresa por Nós en Compostela en 1933.

Este traballo tamén apareceu publicado no número 112 do boletín Nós en abril de 1933, dando a coñecer un breve estudo sobre o esmalte alveolado ou cloisonné que decora a base da cruz de cristal de rocha custodiada no Museo de Arte Sacro, situado no convento de Santa Clara de Allariz.


Este non foi o único traballo publicado no boletín Nós por Ross, quen entre 1933 e 1934 presentou outros dous textos sobre arte medieval. (2)

Nos anos trinta Marvin Chauncey Ross interesouse polos esmaltes medievais españois localizados en Galicia, León, Navarra, Aragón e Cataluña. E se ben dáse por certo desde antes dos seus estudos sobre a ourivería que os esmaltes galegos teñen orixe lemosina, Ross conclúe que existen certas características locais como sería o uso do esmalte negro, consideradas técnicas galegas. (3)

Ao longo da súa carreira profesional Ross traballou en varios museos norteamericanos como conservador de arte medieval, especializado en arte bizantina, francesa e rusa (4). Tamén participou na Segunda Guerra Mundial acadando o grado de capitán no corpo de marines do exército americano, e no ano 1944 foi recrutado para unirse ao Programa de Monumentos, Arte e Arquivos: un grupo máis coñecido como The Monuments Men. (5)

Entre os éxitos principais de Ross nesta misión está o rescate do retablo de Isenheim de Matthias Grünewald no Chateau de Haute Koeningsbourg en Alsacia e a coordinación dos rexistros e recollida da documentación nazi e particularmente dos campos de concentración, que logo había servir como base para as acusacións nos xuízos de Nuremberg. (6)

O breve estudo de dúas páxinas sobre a cruz de Allariz establece a orixe francesa dos esmaltes situados na base do obxecto, onde tamén se aprecian unhas pinturas protexidas baixo vidros e feitas á témpera sobre ouro, representando imaxes de santos. Entre as pinturas hai unha ducia de entrepanos de esmalte cloisonné fabricados en París a finais do século XIII ou comezos do XIV.

Istes fermosos esmaltes representan uns tallos con frores  e follas de vide, sendo os seus côres: branco mate, roxo, verde e turquesa. O fondo é traslúcido verde, centellante o reflexo dourado.

A disposición dos esmaltes fai pensar que non foron concibidos para decorar o pé da cruz, senón que antes formaron parte dun relicario hoxe desaparecido.

O autor apóiase nos estudos doutros investigadores para xustificar a orixe francesa dos esmaltes e aventura que puideron ser confeccionados arredor do ano 1300 no obradoiro parisiense de Guillaume Julien, como demostraría que o deseño da vide e as cores empregadas son idénticos a outros esmaltes conservados en Oxford e na Biblioteca Nacional de París.

Por último, Ross informa da existencia dunha relación do século XVI dando conta da doazón da raíña Dona Violante ao convento de Santa Clara de Allariz, onde aparecen mencionadas tres cruces de vidro, unha das cales debe ser a cruz de cristal das clarisas.

A obra, dende logo, é posterior â data da morte da raiña Dona Violante no 1300; mais como os esmaltes viñeron de París e poideron ser feitos nos finaes do XIII, é posibre que deberon pertescer â dita raiña, sendo doados pra sua capela por Dona Violante, quen manifestóu moitas vegadas a sua devoción á Santa Crara de Allariz.

(1)    Fonte da imaxe 1. Base da cruz de Allariz: museos.xunta.es
Fonte da imaxe 2. Cruz de Allariz: caminoallariz.com
(2)    O esmalte cloisonné da crús de Allariz. Nós nº 112. 15 de abril de 1933. O bágoo en forma de “Tau” na Galiza. Nós nº 120. 15 de decembro de 1933. Un esmalte galego en New York. Nós nº 121. 15 de xaneiro de 1934.
(3)    Una aproximación bibliográfica sobre los esmaltes en Galicia. Josefa Gallego Lorenzo.
(4)    Ross foi xefe do departamento de Arte no Museo do Condado de Los Ángeles, conservador no Museo de Brooklyn, conservador de arte bizantina na Galería de Arte Walters e conservador xefe no Museo Hillwood en Washington, DC.
(5)    The Monuments Men foi un grupo aliado formado por aproximadamente 345 homes e mulleres de trece países recrutados co obxectivo de rescatar obras de arte, documentación e outras pezas culturais en poder dos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Entre eles atópase a española Margaret Callon.
(6)    As peripecias deste corpo foron levadas ao cine en 2014 na película titulada Monuments Men, dirixida e producida por George Clooney, quen tamén interpreta a Frank Stokes, alter ego de George Stout, conservador do museo Fogg.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario