quarta-feira, 3 de abril de 2013

A TOLA DE SOBRÁN


A TOLA DE SOBRÁN / Porto Rey, Farruco
19 de Nadal do 1927
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – A Cruña
50 p ; 17 cm.


A comedia nun acto A tola de Sobrán, escrita por Francisco Porto Rey e con debuxos de Castelao, inaugurou a colección de Teatro Galego da editorial Nós en decembro de 1927.

O Cadro de declamazón da Irmandade da Fala da Cruña estreou a obra en 1920. A edición impresa por Nós inclúe o reparto desta primeira representación:

FELISA             Señorita Carmen Meléndrez
        SEÑA ROSA      Señorita Luísa Castelo
        MINGA             Señorita Carmen Chao
        DON FIS           D. Federico Rodríguez Chas
        ALBERTE          D. Luís Lafuente Abad
        XEROME            D. Víctor Casas Rey

Entre os actores destaca a presenza de Víctor Casas, quen tivo un papel singular na promoción da editorial Nós, aproveitando as súas viaxes profesionais por Galiza como representante de calzado para contactar cos libreiros en representación de Ánxel Casal. Casas tamén participou activamente na fundación e desenvolvemento do Partido Galeguista.

Ademais, tamén participa no cadro Lois Lafuente, responsable do Cadro de declamazón do Conservartorio nacional de arte galega, organismo vinculado á Irmandade da Fala da Coruña encargado de organizar a representación.

O texto vai precedido dun prólogo escrito por Antón Villar, onde remarca a importancia que ten a aparición da editorial Nós para a cultura galega.

A editorial « Nós », que ven resolver un serio problema na Galiza – o d’impedire que fiquen inéditas os bos libros escribidos na doce lingua materna – con este volúme que hoxe sai â luz da pubricidade inicia uns propósitos tan dinos de loubanza como son os de termare d’imprentar para que se non esmorezan no esquencimento, todas aquelas obras de teatro galego que se teñen levado â escena algunha vez, sin pasaren antes pol-o prelo, ou que pasaron pol-o prelo pero sin se repersentar, contidas en folletiños xa esgotados fai tempo.

Ernesto Vázquez comenta nun dos seus libros sobre Ánxel Casal, que a publicación das obras teatrais ”suxire que eran consideradas como material propagandístico de primeira liña, que os compañeiros doutras localidades poderían empregar sen máis” (2).

Tanto as Irmandades da Fala como os homes da Xeración Nós, desbotaron o teatro costumista e humorístico representado no seu tempo e promoveron un novo teatro dotado de intencionalidade política, procurando achegalo ao público culto. Por todo o país multiplicáronse os “cadros de declamazón”. Os mellores autores escribían as obras que logo representaban os afeccionados. Este foi o caso, entre outros, de Cabanillas, Villar Ponte, Xavier Prado, López Abente, Leandro Carré ou Álvaro das Casas.

A colección de teatro Nós, conformará unha subcolección dentro da propia colección xeral de Nós, mantendo unha singularidade e trato en caderniño característico para un labor de espallamento e uso. (3)

Como exemplo deste labor de difusión, o exemplar de La Voz de Galicia  de 30 de marzo de 1935 dá conta da representación d’A tola de Sobrán en Ledoño por parte dun grupo de afeccionados, conxuntamente con Estadeíña, de Lugrís Freire. 
 
A tola de Sobrán é unha comedia de costumes ambientada na aldea, que trata con ironía as dificultades que deben vencer os individuos cando rexeitan as normas de uso común. O único pecado cometido pola tola de Sobrán é o de querer ver o mundo cos seus propios ollos, ignorando as convencións sociais. Ao cabo claudicará e para reintegrarse na comunidade e recuperar a estima dos seus, acabará someténdose aos ditados da maioría.

Sinopse da obra

Ao fondo paisaxen de montelos e vals. A dereita, chouza da seña Rosa. A ezquerda, albres e un valo de pedras que acaroan o camiño.

O fillo da seña Rosa volve a Sobrán. Xerome dóese por non telo acompañado cando marchou a Nova Iorque na procura da prosperidade.

¡Dios me perdoe! E si d’aquela non tivera os meolos tan desmigallados pol-a miña Colasa, acó me teríades agora, feito un señorito ¡Maldita sexa a miña sorte!

Os veciños e a nai están ledos por ter a Alberte de volta na casa. O mozo pregunta por Felisa.

A min contáronme certas cousas de Felisa, i-eu quero que ti me digas tod-a verdade. ¿Ouciche?

Minga traballa na casa de Felisa. Desde que el marchou, a moza tornouse melancólica e solitaria. Fechada no despacho do pai, leu cantos libros había. Logo de catro anos, toleou. Sementaba flores no xardín para logo estragalas non ben agromaban.

Eu non mato nunca… non desfago nunca… (dicía Felisa) Son a autora d’istes vals e d’istes montes. Son a facedora dos ouceanos. Son a verdade suprema. Son o obreiro incansabre que cumprindo mandamentos do destino, traballa día e noite niste barro que aruma á esterco ou cheira á rosas… Son a Natureza.

Felisa e Alberte coinciden ao cabo. Ela pensaba que Alberte morrera, pero agora volve para declararlle o seu amor. Na corredoira xorde don Fis, o pai de Felisa, quen pensa que o amor por Alberte e o posterior afastamento son as causas da tolemia da filla. Non quere oír falar dunha nova relación entre eles.
A seña Rosa procura consolar a Alberte.

¡Non ll’hai que facer, meu fillo! Istaba de Dios que Felisa non había de ser pra ti e, pacencia… que todo n’iste mundo haino que tomar como veña.

Noutra escena, Félisa informa a Alberte que agora vive a vida sen importarlle a opinión dos outros: “Nunca tiven en conta as comenencias dos demais, senón as miñas comenencias; nunca andiven ô estilo da xente, senón o meu estilo”.

Pero sin esa escravitude, estariamos fora das regras d’ista sociedade. Volve ô teu sentido e pensa que temos que comportarnos coma todos (teima Alberte).

A moza promete esquecer quen é para recuperar o amor de Alberte e vivir con el sen que na aldea a teñan por tola. Desde entón, a rapaza comeza a ver o mundo cos mesmos ollos raposeiros e interesados dos veciños, que ao vela discorrer coma eles conclúen que está no seu xuízo como calquera outro.

Por chamarlle viño ô viño
e chamarlle pan ô pan,
dou en decir o veciño
qu’era a tola de Sobrán.
Agora din qu’istou san
e son dina d’aloumiño
porque ô pan lle chamo viño
i-o viño lle chamo pan.

(1)  Fonte da imaxe de Francisco Porto Rey: http://www.patrimoniovilagarcia.com/benvido.ws
(2) A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro, 2003. p. 277.
(3) Ibidem anterior. O autor informa da publicación de 4 obras teatrais en Lar e 21 en Nós.

Sem comentários:

Enviar um comentário