domingo, 21 de abril de 2013

COTOS Y JURISDICCIONES DE GALICIA




COTOS Y JURISDICCIONES DE GALICIA / Taboada Roca, Antonio
1927
Imprenta Lar, Franja, 34 – La Coruña
24 p texto. 8 p láminas; 24 cm.


Cotos y Jurisdicciones de Galicia, separata exenta dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos escrita por Antonio Taboada Roca e tamén incluída no primeiro volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, foi datada por Lar no ano 1927, se ben sabemos que non saíu do prelo antes de 1928.

A obra publicouna en solitario Leandro Carré logo da súa separación de Ánxel Casal.

O exemplar que acompaña o texto inclúe unha dedicatoria manuscrita do autor asinada en Melide o vinte de abril de 1928.

A D. José María Montenegro, a quien debo algunos de los datos que figuran en este trabajo.

Antonio Taboada
 
Este foi o primeiro dos traballos de Taboada sobre a xenealoxía e a configuración histórica dos coutos galegos. En 1929 había publicar na editorial Nós un novo traballo sobre o pazo de Santa Mariña, no castro de Amarante (2).

Atonio Taboada, farmacéutico en Melide e membro do Seminario de Estudos Galegos, pescudou nos eidos da etnografía, a historia e antropoloxía. En particular destacan os seus traballos sobre xenealoxía e heráldica.

Entre as súas obras ten especial importancia a monumental Terra de Melide (3), traballo que abrangue diferentes materias relacionadas coa historia e a etnografía de Melide e que foi impulsado por Taboada, quen ademais había colaborar na edición coa monografía Notas históricas (4). Na redacción da obra Terra de Melide tamén participaron os membros do Seminario de Estudos Galegos: Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Xesús Carro, Emilio Camps, Xosé Ramón Fernández Oxea, Vicente Risco, Amador Rodríguez Martínez, Eduardo M. Torner, Xesús Bal e Gay e Armando Cotarelo Valledor.

A fotografía de grupo que acompaña o texto (5) correspóndese coa campaña emprendida polo Seminario en 1934 na terra do Deza. O obxectivo dos investigadores era reproducir nesta bisbarra o traballo levado a cabo en Melide. Non obstante, o libro non chegaría a publicarse.

No grupo distinguimos a Antonio Taboada na terceira posición pola dereita, ao carón de Salustiano Portela Pazos e outro crego non identificado.


Sinopse da obra
 
Vilar de Ferreiros

Acuciada mi curiosidad de niño, por conocer este pazo de mis mayores, de que tantas veces oí hablar, solar de aquellos nobles que antaño realizaron proezas que aún hoy relatan nuestros petrucios, hacia él dirijí mis pasos.

Despois de describir a estrutura e contorna do pazo, coroado pola pedra de armas dos Pimentel e os Soutomaior, Taboada pescuda nas vellas escrituras os datos sobre a extensión da xurisdición do couto e os seus antigos propietarios.

A xurisdición, antes chamada de Moreda, comprendeu as freguesías de San Cibrao de Sexto, San Miguel de Brocos, San Vicente de Rivadulla, San Cristovo de Pezobre e San Xoán de Visantoña.

Dos seus propietarios sabemos que no comezo prevalecen os Soutomaior. Así atopamos entre eles a Sueiro Gómez (6) no século XV ou a Xoán Fernández no XVI.

A primeira dos Pimentel en inscribir o nome entre os propietarios do pazo había ser dona Maior, viúva de Luís de Soutomaior, quen tomou posesión da casa en 1572.

En diante, os señores do pazo identifícanse co nome composto Soutomaior-Pimentel. A relación de propietarios chega até o século XIX.

Gozaban sus poseedores el derecho de asilo, y tenían la regalía de nombrar juez de la jurisdicción en la que ejercían el mero mixto imperio.

(1) Fonte da imaxe de Antonio Taboada Roca: http://www.farmacialopezrio.com/index.htm
(2) Cotos e xurisdicións de Galicia. Pazo de Santa Mariña do Castro de Amarante. Antonio Taboada Roca. Nós, Publicacións Galegas e Imprenta - Real, 36 – 1º - A Cruña. Publicado como separata exenta o 12 de xuño de 1929. Reproducido no segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
(3) Terra de Melide. Varios autores. Editorial Nós – Rúa do Vilar, 15 – Santiago de Compostela. 7 de xuño de 1933.
(4)  Notas históricas. Antón Taboada Roca. Editorial Nós, Santiago de Compostela. 1933. Separata exenta de Terra de Melide.
(5) Fonte da imaxe e texto da nota: http://dezahistorias.blogaliza.org/ A fotografía foi realizada en xuño de 1934, diante da casa de Ramón María Aller en Lalín. Nela aparecen os membros do Seminario de Estudos Galegos, que estaban realizando unha das “xeiras” ou traballos de conxunto na Terra de Deza, acompañados do alcalde de Lalín, Manuel Ferreiro.
(6) Sueiro de Soutomaior (curmán de Pedro de Soutomaior, Pedro Madruga), fillo do embaixador diante do Gran Tamerlán de Tartaria e da súa segunda muller, Leonor de Mendoza. Galicia Feudal. Victoria Armesto. Editorial Galaxia – Vigo. 1969. Tomo II. p 500.



1 comentário:

  1. ¿tienes el libro de Taboada Roca sobre el pazo de Villar de Ferreiros?, me interesa muchisimo y no lo encuentro. Veo que comienza "Acuciada mi curiosidad de niño, por conocer este pazo de mis mayores"; Socorro Ramos Otero, la bisabuela de Taboada Roca desciende de los Otero Bermudez de Sotomayor y estos creo que entroncan con los de Villar de Ferreiros, tal vez en el libro se citen.
    mi e-mail amatses@et.mde.es

    ResponderEliminar