sábado, 19 de outubro de 2013

A FIESTRA VALDEIRA



A FIESTRA VALDEIRA / Dieste, Rafael
16 de marzo de 1927
Tipografía do Eco de Santiago
98 p ; 19 cm.

A peza dramática A fiestra valdeira. Comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro cun respiro obra do escritor Rafael Dieste Gonçalves, foi impresa no obradoiro do xornal El Eco de Santiago en marzo de 1927.

Malia non ter sido un dos libros editados por Nós, a obra aparece no catálogo da editorial por ser esta a encargada da súa distribución.
Unha carta dirixida por Ánxel Casal a Rafael Dieste en xaneiro de 1928 aclara esta circunstancia. (2)

SDn. Rafael Dieste, Vigo.
Estimado irmán na patria:
Recibímol-a sua carta d’antonte que nos amostra o seu desconocemento do que NÓS é. Isto obríganos a lle facer a presentación.
NÓS (dito en termos mariñeiros que tan ben cadran entre as xentes da ribeira) é unha embarcazón tripulada por todol-os galegos que arelan unha Patria libre e culta, por todol-os que lên e por todol-os que escriben o idioma vernáculo, sexan da escola e da banda que queiran. ¡Non pode haber diferenzas entre pelerinos d’un mesmo Ideal! En Nós estamos todos: uns sabemos xa do noso enrolamento e outros que, como vostede, tamen son da compaña, temol-os a bordo, inda que se non teñan decatado. (…)
Agora, que xa sabe que Nós tamén é de vostede, non ten mais que mandal-os exemprares que teña das suas obras e con gusto nos encargaremos da sua administrazón.
As condizóns que temos estabrecido na parte editorial son: imprentazón das obras anticipando toda ou parte do importe (segun as nosas disponibilidades) para reembolsarnos do mesmo das primeiras vendas que se realicen, entregando ôs autores o liquido que resulte de deducir da cantidade total o custe mail-o 35% de desconto que se fai para pago da comisión ôs libreiros, gastos de correio, propaganda, etc.(…)
Para os «Arquivos»
(3) e a «Fiestra» faremos o mesmo desconto do 35% que si fosen obras imprentadas por Nós.

En xaneiro dese mesmo ano na carta en que Manuel Antonio contacta con Ánxel Casal pedíndolle permiso para remitirlle o manuscrito do libro De catro a catro, o poeta ofrece nova información sobre Dieste. (4)

P/S Dieste encarréga-me decir-lle que por engano d’él anuncioulle n-unha carta o envío de 250 exemprares de «A fiestra valdeira», cando en realidade non son mais que 202.

E aínda un novo comentario do 19 de xaneiro, na carta de resposta en que Ánxel Casal pide a Manuel Antonio que lle envíe o manuscrito “para ver de dalo âs caixas na primeira oportunidade”, inclúe a seguinte información:

Rógolle diga ô señor Dieste que cando mande «A Fiestra» remita ademais algúns exemprares de «Os arquivos» e ô mesmo tempo nota dos libros que teña entregados nas libreirías, para saber onde hei mandar e onde non. (5)

A primeira edición de A fiesta valdeira está dedicada ao arquitecto Constantino Candeira (6). A segunda edición, publicada en Bos Aires en 1958 pola editorial Citania, Dieste dedicouna ao seu irmán Antonio.

Esta segunda edición adapta a ortografía e a linguaxe e tamén revisa en profundidade o texto dos diálogos. Como exemplo desta adaptación podemos ver as diferenzas entre as frases de don Miguel coas que dá comezo a obra:

1ª Ed.: Paréceme, Baldomero, que o pintor vaime enxergando moi ben a fasquía. Os pintores son o demo. Xente fina que moi finamente atrápalle a un o seu ser propio e déixao fondeado para sempre antre as catro liñas do marco.

2ª Ed.: ¿Qué andará aínda a cacheal-o pintor? ¿Non che parez que xa estou ahí? Dend’o premeiro intre, n’aquel seu calar, surrir e escismar, xa vin que m’atinaba co-a fasquía.  E agora case que non pinta, se non é cos ollos e co pensamento. Xa nin siquera mira car’a min, non sendo así, de súpito.

Dieste ingresou no Seminario de Estudos Galegos o 21 de xaneiro de 1927 coa lectura de A fiestra Valdeira, e a obra representouse por vez primeira o 15 de decembro de 1935 en Rianxo, dirixida polo propio autor. (7)

A comedia desenvólvese nun ambiente mariñeiro e critica os devezos dos novos ricos por borrar o pasado, agochando as miserias polas que tiveron que pasar para ser quen son na actualidade.

Resulta especialmente descritivo o texto introdutorio que acompaña a segunda edición da obra:

Un exemplo de sobriedade, equilibrio e xustas proporcións. As figuras transcenden, e en cada unha síntese latexar a vida das demais. Estes seres son vivos espellos os uns dos outros. Nada é pechado n’A fiestra valdeira. Unhas almas levan ás outras. Na casa de don Miguel síntese a vila enteira, cos seus trasfegos, o seu mar, as súas gaivotas e os seus horizontes.

Sinopse da obra

Lugar da acción: unha pequena vila mariñeira.
Época: pode haber vinte anos.

PRIMEIRO LANCE

A acción transcorre na casa de don Miguel, vello de boa planta que foi mariñeiro cando mozo e logo fixo fortuna no Brasil. Don Miguel fala con Baldomero, un mariñeiro vedraño amigo da nenez.

N’un cabalete de pintor, posto a unha banda de xeito que non atranque, un lenzo co retrato ainda non rematado do dono da casa – mariñeiro e señor. No cadro D. Miguel tópase tamén perto da fiestra ollando por ela car’o a mar.

Antonio, o pintor, visita a casa acompañado do seu amigo Nogueira, quen loa o cadro: “Isa fiestra que deixa ver o mar, o peirán, as lanchas… Todo iso está pintado co mesmo agarimo varudo que hai nos ollos de don Miguel”.

Cando marchan as visitas, Adelaida, a filla de don Miguel, e dona Balbina, a muller, propoñen unha emenda no cadro.

¿Ti quês ou non que lle quiten a fiestra o cadro? (…) ¡Canto millor non lle quedaría un fondo de xardín fidalgo ou cousa de xeito somellante! Ademais isa fiestra, véndose as lanchas, o peirán, as redes …

Para as mulleres aquela fiestra anuncia que don Miguel foi mariñeiro noutro tempo.

¿E non-o fun? ¿Non-o son aínda por dentro?

Dona Balbina non quere que cando Mariñas, o prometido de Adelaida, entre na casa para pedirlles o seu consentimento, vexa “ise retrato co-isa fiestra que o está dicindo todo”. Adelaida quere que o pai cambie o retrato.

Quero que en troques d’isa fiestra – que xa sabemos o que ven dicindo – leve o cadro outro fondo mais señor. Ter fachenda da pobreza de onte ou de hoxe é ter fachenda ben cativa. E mais cando hai outras cousas por diante …

Don Miguel rexeita o arranxo. Para el ter sido mariñeiro é algo máis; moito máis, que ter sido pobre.

SEGUNDO LANCE

Ao cabo don Miguel cede, pero o pintor négase a emendar o retrato por moito que lle paguen. Dona Balbina encirra no home: “Xa non pode tardar en chegar o pintor. O que lle hai que dicir é ben termiñante. Non se lle pagará o cadro mentras non faga os troques que se lle piden”.

O pintor rexeita a encomenda: “Co-a enmenda que se me propón non soio estrangoaríamos a unidade do cadro senón tamén a unidade espiritoal de vostede”.

Matapitos anuncia que na rúa agardan Carramañola, o Garreante, Dourado, Baldomero e dous mariñeiros máis para pedirlle a don Miguel que non cambie a fiestra.

Agora queremos que o cadro vaia como vai, e irá. Irá porque o cadro é noso (…) É noso e levarémolo (…) ¿canto quer pol-o cadro don Antonio? Nós axuntames mil pesos. ¿Abonda?

O pintor regálalles o cadro pero don Miguel négase e, cun movemento rápido da faca, o Garreante curta o anaco de lenzo que descubre o porto e as dornas.

Abóndanos co-ise anaco. Os mil pesos por ise anaco. ¡Diñeiro limpo e relocinte! ¡Ouro e prata do mar! (Vanse os mariñeiros levando o anaco de lenzo con moito rebumbio).

TERCEIRO LANCE

Sempre así co-as mans nos petos, a testa abatida (…) n’ise van onde temos trastos vellos e agora tamén o retrato furado, a fiestra valdeira como él dí. Sen falar (…) Eu non sei quen tivo a culpa. ¿Eu, a miña filla, os mariñeiros, o pintor? Non sei.

Por fin Adelaida e dona Balbina comprenden os degoros do pai, e a filla pídelle que restitúa a fiestra no cadro. Nogueira e Antonio anuncian que os mariñeiros  están dispostos a entregala. Axiña aparecen na casa de don Miguel para devolvela. Reconciliados, todos xuntos beben viño.

FIN D’A FIESTRA VALDEIRA

A diferenza da segunda edición, a primeira inclúe a maiores catro contos breves de argumento desacougante.

O neno suicida. Un neno morre dun disparo na tempa. Este neno naceu sendo vello e viviu cara atrás. Entre os cincuenta e os quince anos traballou e fíxose rico e, antes de esvaer, suicidouse.

A morte de Estreliña. Dieste fálanos dunha nena que foi a ledicia de todos os que a coñeceron e da tristeza dos pais no velorio.

Espanto de nenos. Os nenos senten o primeiro medo metafísico logo de ter sido esculcados por un ollo a través dunha fenda.

O grandor do mundo. O emigrante volve a casa cheo de saudade e alí albisca a inmensidade do mundo.

(1)  Fonte da imaxe de Rafael Dieste: Rafael Dieste. 1899-1981 Unha fotobiografía
(2)  Carta de Ánxel Casal a Rafael Dieste. 9 de xaneiro de 1928. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 194.
(3)  Dos arquivos do trasno. Contos do monte e do mar, de Rafael Dieste, foi impreso en Vigo no obradoiro de El Pueblo Gallego en 1926. Tamén esta obra está incluída entre os libros distribuídos por Nós.
(4)  Ibidem nota 2. P. 197.
(5)  Ibidem nota 2. P. 198.
(6)  Constantino Candeira. Arquitecto e membro do Seminario de Estudos Galegos. A el débese a actual restauración da Praza da Quintana. O arquitecto Constantino Candeira. Begoña Soneira Beloso. Ediciós do Castro. 2006.
(7)  Rafael Dieste. 1899-1981 Unha fotobiografía. Xosé Luís Axeitos. Edicións Xerais de Galicia, Vigo. 1995


Sem comentários:

Enviar um comentário