sábado, 5 de outubro de 2013

ORBALLO DA MEDIA NOITE


 
ORBALLO DA MEDIA NOITE / Blanco Torres, Roberto
3 de outono de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña. Volume XXIX
83 p ; 19 cm.

O libro de poemas Orballo da media noite do escritor Roberto Blanco Torres, saíu do prelo de Nós en outono de 1929 co número vinte e nove entre os volumes publicados pola editorial.

Blanco Torres foi un xornalista natural de Cuntis que había publicar os primeiros textos en xornais e revistas da Habana, onde emigrou cando neno. Tamén foi en Cuba onde abrazou a ideoloxía republicana e galeguista por influencia de Cabanillas, Villar Ponte e Basilio Álvarez. Xa de volta en Galiza, integrouse na Irmandade da Fala da Coruña e comezou a escribir para A Nosa Terra no ano 1917.

Durante a súa vida profesional dirixiu, entre outros, os xornais: El Correo Gallego en Ferrol, La Zarpa en Ourense, Galicia, o xornal impulsado por Paz-Andrade en Vigo e, de novo en Ourense, La República.

A valentía de Blanco Torres para denunciar as inxustizas valeulle querelas e sancións, e ao cabo a morte a mans dos falanxistas no val do Limia en outubro de 1936.

A editorial Nós tamén editou en 1930 a escolma De esto y de lo otro, reunindo algúns dos artigos aparecidos nos xornais galegos.

Os poemas publicados en Orballo da media noite son inéditos, a excepción da Elegía do esprito enfermo, publicado ao mesmo tempo que o libro no boletín número 69 da revista Nós. (2)

Foi no Amido (aldea onde naceu a súa dona, nas terras da Peroxa) onde a musa que o acompañaba dende neno lle inspirou os versos de Orballo da media noite, mentres cumpría o desterro imposto por una querela promovida polo político Manuel Portela Valladares, amigo seu doutros tempos. (3)

Vicente Risco deixou escrito un comentario sobre o mesmo libro na revista Nós:

Preocupación metafísica, arela panteísta que enche a natureza de sinificados conceitos, e fai que o arbre, o junco, o grilo, a lúa, deveñan símbolos d’un trasmundo humán. E a mais d’isto, esa inquedanza da liberdade e ise repudio do vicio, da mintira convencional e da corrupción do tempo, que fan do Roberto Blanco Torres un poeta civil. (4)

Tamén Carballo Calero escribiu sobre o libro de Blanco Torres:

Trátase de poesía conceitual, unhas veces de carácter cosmolóxico, outras veces de carácter moral, estoico. (5)

Sinopse da obra

A obra ábrese co poema introdutorio que remite ao título do libro.

Orballo...
Cómo vai caindo,
sin velo,
sin sentilo,
lento,
como o vestigio platónico das horas,
com’o tempo.
Orballo da media noite
sobre a terra endormiñada. (...)

Blanco Torres deixou unha das imaxes máis fermosas do libro neste mesmo poema.

A luz, doente,
lisiada no mais puro orige,
enferma de sí mesma,
escondeuse entr’as sombras
.

O carácter moral ao que alude Carballo Calero aparece representado no Poema do alfareiro.

Tí crês qu-o Mundo está feito / pr’ó teu regalo, / e n-él danzas , jogas, vives, / sin pensar n-outra cousa. / Pois non; o mundo faise, / está facéndose; / íl será o que tí queiras i-outros queiran, / e compre non lle furtes teu esforzo. / (...) Non terán remisión o teu jogo, / a tua danza e a tua vida, / se a obra suma refuges. / ¡Terás sido chispa sin luz, / fogueira non acesa, / verba sin voz, / alma informe! (...)

O poeta reflexiona sobre os misterios do cosmos nos versos d’O grilo a cantar, poema que tamén conecta coa poesía tradicional sobre a vida campesiña.

(...) Gli gli, gli gli, gli gli, / sigue o grilo aquí e alá, / e a ringleira dos seus pitos / da noite na inmensidá, / como estrelas derrubadas / rompen na terra a laiar. / (A ubicuidade do cosmos / garda co grilo o compás.)

Os poemas de Blanco Torres non falan do amor. Non obstante resultan unha excepción os versos d’A dor, onde o poeta fuxe do amor idealizado para falarnos do amor cotián.

(...) Amor e dor son o mesmo; / o odio ten n-eles acorde, / porque sin él non tería / senso no mundo o amore. (...)

Abondando na poesía social que predomina no volume, a carraxe e a denuncia caben no poema A iniquidade, onde o autor expón claramente as eivas que corroen a sociedade.

(...) pra ires zugando o sudore / que outros van botando arreo, / non teñen mais inquedanza / que soster seus privilexios. (...) Defenden a monarquía / - anacrónico esperpento - / porque trai de longas épocas, / da lobregueza dos tempos, / unha tradición de aldrajes / e unha historia de atropellos / (..) e coidan qu’o cristianismo / naceu pra meterlles medo / ôs que arelando justicia / van de cabeza ô inferno / si se negan a ser carne / de cañón dos fariseos. / Defenden a aristocracia / (unha caterva de necios) / porque todol-os parásitos / s’entenden entr’eles mesmos. / Defenden a autoridade / porque n-ela ten sustento / a transgresión qu-os validos / fan da lei e do dereito. / ¡E malia quen turbar ouse / o orde dos cimenterios!

Outro exemplo de denuncia atopámolo no poema Na cibdade (Apunte d’unha topografía espirtoal dos Casinos).

(...) Casinos e cafés de gente obtusa / que falan do calor, do frío e o fútbol, / ou das clases pasivas milloradas, / comentando o aumento con lediza, / sin repugnarlle seu vivir do probe / que con traballos, sonos i-esperanzas / imprime â vida un senso de nobleza (...)

O libro péchase cun poema que invita a perseverar, a non deixarse vencer, titulado Loitador.

¡Loitador, non te deteñas!
Ten cada hora novo alento,
sigue a luz que te ilumiña,
mira a cotío pr’ó ceo.
  Ôn lado e outro do camiño
toparás pinchos e rebos,
e da estulticia e a enveja
ladraránche os cans famentos.
  Loitador, non te deteñas!
¡Levas a verdá no peito,
e a estrela que te guía
ten resplandores eternos!



(1)  Fonte da imaxe de Roberto Blanco Torres:Realacademiagalega.org
(2)  Roberto Blanco Torres. Clodio González Pérez. Editorial Toxosoutos. Noia, 1998. p 61.
(3)  Ibidem anterior.
(4)  Nós, nº 75. Marzo de 1930.
(5)  Ricardo Carballo Calero. Citado a partir de Francisco Fernández del Riego. Diccionario de escritores en lingua galega. O Castro, Sada. A Coruña. 1990. P. 45.

Sem comentários:

Enviar um comentário