sábado, 23 de novembro de 2013

O TÍMPANO DA CAPELA DE DONA LEONOR



O TÍMPANO DA CAPELA DE DONA LEONOR / Carro García, Xesús
11 de xuño de 1930
Imprenta Nós – A Cruña. Avenida de Linares Rivas, 50
8 p + 2 láminas ; 24,5 cm.

A separata exenta dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos titulada O tímpano da Capela de Dona Leonor foi escrita por Xesús Carro García e impresa por Nós en xuño de 1930, no obradoiro da Avenida de Linares Rivas da Coruña.

Este pequeno estudo tamén foi incluído no quinto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos. Segundo o contrato concertado entre o Seminario e a editorial Nós, o editor debía fornecer os exemplares destas separatas, non destinadas á venda e que servían para atender os compromisos do autor e da institución. Algúns autores tamén encargaban exemplares adicionais dos cadernos a título particular.

Respetabre amigo: Contesto â sua do 2 corrente. No traballo do Sr iglesias xa se non pode facer separata pois como vostede sabe foi un dos primeiros que se tirou; do do Sr. Carro si se fará e custará unhas vinte e tantas pesetas os cen exemprares, que coido ser o número que desexan, así como do seu orixinal. (2)

O exemplar utilizado para ilustrar esta nota está dedicado por Xesús Carro ao historiador e tamén membro do Seminario, Ánxel del Castillo.

A meu amigo e distinguido arqueólogo e pubricista galego D. Anxel del Castillo.
O autor
Jesús Carro

O tímpano da capela de dona Leonor é un estudo histórico e artístico sobre a representación da Epifanía que decoraba a capela funeraria de dona Leonor González, segunda esposa de Roy Soga e filla de Johan Gonçaluez de Saz, na catedral de Compostela. A donante tamén está representada na talla, axeonllada entre a Virxe co neno e San Xosé.

En la visita que el cardenal Jerónimo del Hoyo hizo el 12 de septiembre de 1603, la denomina “capilla de Rodrigo y Payo Soga” y la sitúa “en el mirador de la Sancta Iglesia que cae hacia la plaza del Hospital.” (…) El tímpano debió colocarse sobre la portada de ingreso a la capilla en el costado occidental de la basílica, cerca del acceso principal por el lado derecho (…) López Ferreiro atribuye esta fundación y dotación a un Payo Soga, arcediano de Trastámara, y a su pariente Ruy Soga. Además señala lo siguiente sobre su estado: “Esta capilla es hoy conocida con el nombre del Deán. Está muy renovada. Como retablo, conserva un curioso relieve que representa la Adoración de los Santos Reyes; el cual relieve debió de ser el tímpano de la puerta de la antigua capilla” (4)


Sinopse da obra

Na fachada do Obradoiro da Catredal compostelán, â man direita, na solana que olla â Praza do Hespital, alcóntrase unha pequerrecha capela que veu dende ús anos chamándose a capela do Deián, dignidade do coengo Don Policarpo de Mendoza, seu proteutor no século XVIII.

Tivo dinantes tamén os nomes de Nosa Señora a Branca, Nosa Señora do Portal, do Obradoiro, dos Sogas e de Dona Leonor, que foi o primitivo e verdadeiro.

Carro glosa as novas sobre a capela a partir do testamento do deán Policarpo de Mendoza, da historia da basílica de Xosé María Cepedano e das memorias do arcebispado do cóengo Xerónimo del Hoyo.

No momento en que Carro redacta o seu estudo, a capela está pechada atrás dunha portada renacentista “composta de duas columnas e capités, cornisamento e frontón triangolar, lucindo no centro do tímpano unha cartela que non dí ren”. O espazo interior mide dous metros de fondo por outros dous de ancho, feito en pedra de grao con bóveda de canón.

O tímpano da adoración estaba emprazado sobre o altar e ao ser extraído revelou unha inscrición embaixo do lintel:

CAPELLA : DONA : LEONOR

Na cubrición, outro canteiro inscribiu un novo texto:

CAPILLA DE DONA LIONOR RESTAURADA EL 1768

Carro procura as referencias a dona Leonor no tomo VI da Historia de la Catedral de Santiago de Antonio López Ferreiro, onde identifica a súa relación familiar cos Soga e os Saz no documento de doazón dalgúns dos seus bens ao arcebispado, datado en Noia a 6 de maio de 1361. Os textos dan conta tamén da boa relación entre o arcebispo don Berenguel e Roi Soga, xefe dos vigairos e pertegueiros maiores da catedral, que a xuízo de Carro xustifica o permiso do cabido para edificar a capela no recinto da igrexa.

O tímpano, que ten de longo 1,30 por 0,90 d’alto, representa a escena da Adorazón dos Santos Reis e o compón nove figuras. A imaxen central, a môr de todas, é Nosa Señora coroada, sentada n’un sillón sin respaldo e con pés decorados. Ten no seu colo ô Neno Xesús, tamén coroado, e botando a bendición co-a déstra. Os Reis, dous están de pé, amostrando nas mans ús dons (..) De outro lado alcóntrase San Xosé sentado e con seu bastón de «tau», poñendo a sua déstra sobre a cabeza de unha muller axoenlla e co-as mans levantadas, posíbelemente unha devota que supoñemos sexa Dona Leonor.

Resulta probable que no século XIV o tímpano ocupase a porta de entrada da capela primitiva. O lugar foi remodelado sucesivamente nos séculos XVI e XVIII.

Tópase n’autualidade, pechada ista capela do Deián, ou sexa a que primitivamente foi de Dona Leonor. Xa non hai n’ila ningún culto. Toda lembranza fuxíu. O tímpano que dinantes facía de retabro, levouse pra o Museu da Catredal. Alí é unha das xuas xoias. Dona Leonor sigue xoenlla e baixo a man de San Xosé.

(1)  Fonte da imaxe de Xesus Carro: realacademiagalega.org
(2)  Carta dirixida por Ánxel Casal a Salvador Cabeza de León (presidente do SEG) o 6 de xuño de 1930. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 247
(3)  Fonte da imaxe do tímpano de dona Leonor: farodevivo.es
(4)  Un tímpano singular vinculado al arzobispo fray Berenguel de Landoria (1317-1330) en Santa Cristina de Fecha (Santiago de Compostela). Carmen Manso Porto.



Sem comentários:

Enviar um comentário