sábado, 9 de novembro de 2013

POESÍAS DE MANUEL LEIRAS PULPEIRO



POESÍAS DE MANUEL LEIRAS PULPEIRO / Leiras Pulpeiro, Manuel
19 de febreiro de 1930
NÓS, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50. A Cruña
Volume XXXII
178 p ; 17,5 cm.

O primeiro e único volume publicado das Obras Completas de Manuel Leiras Pulpeiro, onde o editor escolma algunhas das súas Poesías, foi impreso por Nós na Coruña en febreiro de 1930.

Xunto coa terceira achega dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, libro sen data de impresión, este foi o primeiro volume impreso por Ánxel Casal no novo domicilio da editorial Nós, situado no número 50 da rúa Linares Rivas da Coruña, logo de abandonar a primeira localización da editorial no número 36 da rúa Real.

En 1929, o aumento do negocio obrigárao a buscar un local máis amplo, conseguindo un baixo en Linares Rivas, 50, onde permanece ata a primavera de 1931. (2)

O principal motivo para mudar o domicilio do obradoiro de Nós foi a nova aventura editorial emprendida por Casal coa impresión do xornal El Momento, do cal unicamente publicaría catorce números entre o 26 de febreiro e o 14 de marzo de 1930.

A posta en marcha do xornal supuxo un esforzo notable para Casal, que o levou preto da ruína. Para facernos unha idea de como foron aqueles días podemos botar man da introdución á segunda edición de Contiños da Terra (3) de Manuel García Barros, onde o autor informa da seguinte anécdota.

(García Barros contaba cunha axuda de 2.000 pesetas recadada entre os emigrantes estradenses na Habana e Bos Aires para facilitar a edición do libro) O ter aqui os cartos púxenme a fala co editor de Nós, d’aquela na Cruña, advertíndolle iso, que estaba en posesión das pesetas. Andabamos a voltas co conto cando me escribeu decindome que andaban pra quitar un preódico diario pr’ó que contaban co-a miña colaboracion e que lle faria un favor moi grande se lle antecipaba os fondos que tiña pr’ó libro que ó empremilo xa fariamos contas. Eu constestéille decindolle que non me gustaba nada o negocio do diario, que era un articolo que xa abondaba moito e que lles iba a sere moi deficele abrirlle camiño. Pro, mandéilles os cartos que me pedia (…) A bancarrota presentouse rápeda e fulminante. Houbo que esperar un pouco mais, pro, o editor de Nós compreu como puido. Aporveitando os materiaes de que puido dispoñer que non eran do mellor, pro, o libro saieu. (4)

Anos máis tarde, o propio Ánxel Casal explicaba así o fracaso do xornal na entrevista concedida a Álvaro das Casas.

Fracasé porque fracasaron las prometidas ayudas económicas y de la noche a la mañana me encontré sin un céntimo para responder a la maquinaria, papel, tintas, etc., mientras los anuncios no entraban en cobro. (5)

O investigador Alfonso Mato amplía a información sobre este episodio chave na historia da editorial Nós.

O fracaso do diario cargou de débedas a Casal e freou a expansión da editorial (…) a xestión e impresión de A Nosa Terra pasou á imprenta de Villuendas en Betanzos (…) sabemos tamén que se desprendeu da rotaplana, que foi parar a Lugo, a mans da familia Correa Calderón. (6)

Con todo, a actividade editorial de Nós non se detivo por completo e como proba diso temos a publicación do primeiro volume das que ían ser obras completas de Leiras Pulpeiro, cando xa era patente o fracaso de El Momento. Nesta decisión de Casal tamén influíron os compromisos da editorial cos patróns bonaerenses que sufragaron a edición, como consta nunha nota inserida na capa posterior do libro. (7)

O número 102 da revista Céltiga (25 de marzo de 1929) informa da colecta e tamén das colaboracións de Villar Ponte e Cebreiro, aportando o prólogo e os deseños que acompañarían o libro. Non obstante, finalmente ambos desapareceron da edición e a obra vai precedida dun prólogo de Ramón Otero Pedrayo.

Leiras Pulpeiro, si quixeramos calificalo, c’a vaguedá que sempre teñen as fórmulas xeneraes, non dubidaríamos, calquera de nós, galegos d’hoxe en presentalo como un galego-tipo do derradeiro do dazanove no que Galiza tivo de intelixente e sensitivo, de vixiante i-esperto, de coscente do pasado i-esculcador inquedo do porvire.

Leiras, liberal e anticlerical, foi, en palabras de Otero, «un repubricán, un racionalista, un incomprendido no quieto vivir da cibdade bispal. Un bó médico de barbas brancas, que s’enterraría no cemiterio civil e que tiña a chifradura de andar pol-os eidos recollendo frases e cousas dos labregos».

O autor unicamente publicou en vida o libro Cantares Gallegos, impreso en 1911 na imprenta H. Mancebo en Mondoñedo. Trátase dunha colección de cantigas populares, compostas invariablemente por catro versos octosílabos. Estes versos non foron recollidos nas Obras Completas editadas por Nós.

Púxenlle preito á un veciño
Pol-o derrego dun leiro;
Comer, comeu todo a curia,
Pero amolar, amoleino!

Nos seus versos, Leiras fala da inxustiza que atenaza as vidas dos pobres, da indolencia e avaricia dos cregos, da miseria dos máis e a riqueza duns poucos, e tamén da dignidade dos labregos e da beleza rexa que engalana a terra montesía e mariñeira por onde cabalgou a eito prestando axuda como médico, entre a Mariña luguesa e Mondoñedo. Leiras foi, como reza a súa lápida, un home que “Amou a verdade e praiticou o ben”.

Escolma da obra

Ô QUE RONCA

Si un novo Decio Bruto, con hulanos,
quixera domear oxe os nosos pobos,
vería ôs mansos años voltos lobos,
cal viu xa n-outro tempo o d’os romanos.
Vería que aquí sobran bragaltianos
para, igual que as abelliñas os seus trobos,
defender hastra a morte terra e tobos,
de non poder vencer com’os cinianos.
Que, anque tempo pasou, i hai tanto crego
relaxando n-a xente ainda é enteiro,
e dado âs arroutadas o galego;
e sempre en tales casos é o primeiro,
como teña nomais un mal pertego,
pra pôrse cara á cara do extranxeiro.

***

Sin lacra que quite o sono;
con vaquiña e con facenda
n-as cortes; c’o outono feito;
con ben demoucas e herva
tras d’a casa, e c’o xeitiño
pra todo d’a miña Pepa…
nen teño envexa eu á nadie,
por alto e farto que esteña.
¿Que ven o inverno de fumes?
Bótase mau d’as estelas.
¿Que o gando non tén lindeiro
sin neve? Vaise â palleira,
e, con catro ou mais brazadas,
salse do apuro con chea.
¿Que n’hai quen rompa por fora?
¿Que nin pod’irse por berzas?
Pois… n-a casiña, á pasalo
como se pasa si hay freba,
e pan, e paz; que o mal tempo
nunca durou moitas quendas;
i á vivir, e que nos mate
Dios que nos deu, cando vexa.

¡ESO XA! …

Si un probiño a pidir vai ond’a un crego,
anque esteña famento, manco e cego,
soilo âs veces atopa un «Diol-o ampare»,
que nin fai nazan codas no talego,
nin que a andorga se farte sin xantar.
Si un crego, pol-a contra, pide a un probe
o que chama él ofrendas, sempre o move,
cando menos, a darlle algunha espiga,
que, vendéndoa, cal fai, cando o gran sobe,
deixa sobro pra encher ben a barriga.
Esto dí qu’inda rixe a lei do embudo
pr’os que o pobo ter queren cego e mudo,
anque dice a doutrina verdadeira:
nadie faga a ninguén o qu’él non queira.

(1)  Fonte da imaxe de Leiras Pulpeiro: avozdevilalba.blogspot
(2)  A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro. 2003. Sada. A Coruña
(3)  Contiños da terra. M. García Barros. Segunda Edición. Talleres Caporaletti Hnos. 1952. Buenos Aires.
(4)  Contiños da Terra. Manoel García Barros (Ken Keirades) Nós, Pubricazóns galegas e imprenta. 3 de abril de 1931. A Coruña. O libro imprimiuse cos restos do papel sobrante de El Momento.
(5)  Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. Murguía, Revista Galega de Historia. Nº 7/8 maio-decembro 2008. P. 76
(6)  Ibidem anterior.
(7)  «Contribuiron â edizón d’iste tomo un grupo de galegos residentes en Bós Ars que quixeron honrar d’este xeito a lembranza do precursor Leiras Pulpeiro». Segundo a información aportada por Dobarro Paz e Vázquez Souza no seu libro Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Contribuíron á edición do libro os membros da Sociedad Mondoñedo y Distritos, de Bos Aires. A sociedade recadou 830 pesetas por medio da organización dun festival, que logo foron enviadas a María Andia, viúva de Leiras, co obxecto de sufragar a edición do libro.


Sem comentários:

Enviar um comentário