sábado, 5 de abril de 2014

ROMANTISMO, SAUDADE, SENTIMENTO DA RAZA E DA TERRA EN PASTOR DÍAZ, ROSALÍA CASTRO E PONDAL



ROMANTISMO, SAUDADE, SENTIMENTO DA RAZA E DA TERRA EN PASTOR DÍAZ, ROSALÍA CASTRO E PONDAL / Otero Pedrayo, Ramón
Discurso de ingreso na Academia Gallega coa contesta do Académico V. Risco
13 de agosto de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
VOLUME XLVIII
216 p ; 19 cm.

O discurso de ingreso de Ramón Otero Pedrayo na Academia Galega titulado Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal, coa resposta do tamén académico Vicente Risco, foi impreso por Nós en agosto de 1931 no obradoiro da rúa das Hortas en Compostela.

O número 73 da revista Nós dá conta da recepción de Otero na Academia celebrada o 9 de decembro de 1929. (2)

O día 9 de Nadal tivo lugar na Cruña, no Salón do Circo d’Artesáns, o solene acto da recepción do noso ilustre e benquerido compañeiro Ramón Otero Pedrayo, na Real Academia Galega.

Claro que o acto viña precedido dun feito curioso referido por Ánxel Casal nunha carta dirixida a Salvador Cabeza de León, presidente do Seminario de Estudos Galegos. (3)

Hoxe recibín o Limiar feito por Otero, que m’anuncia dous libros seus: a novela “Arredor de si” e o “Século XIX”. É moito HOME este Dn Ramón de cuia vida non hai que temer pois despois do da Torre e a pisadura do faco (quitoulle un zapato do pé) dou mostra de que é máis forte que a morte.

Para saber cal foi o acontecemento ocorrido na Torre ao que está a referirse Casal, temos que acudir ao número extraordinario da revista Grial dedicado a homenaxear a Otero. (4)

Na mañán do día primeiro do mes de nadal do 1929 chegóu á Coruña don Ramón Otero Pedrayo, na compaña da súa muller. Ía facer a recepción como numerario da Academia Galega, que tería de se celebrar no salón da “Reunión de Artesanos”.
Pola tardiña, no mesmo automóvil que trouguera aos viaxeiros á cidade herculina, achegóuse o matrimonio deica a Torre de Hércules. Ao se parar frente á Torre, baixóu o conductor pra lles abrir a porta do vehículo. Nese mesmo intre, o coche deslizóuse sin frenos pola pronunciada encosta e pasóu, a piques de se despenar, pola beira do acantilado. Volcóu o auto, e foi de certo un miragre que non ocurrise unha catástrofe.
Noustante, don Ramón sofríu un forte golpe nunha perna que o deixóu inutilizado. (…) Desde o accidente habíalle quedar xa pra sempre ao escritor ourensán un calco dooroso que se recrudecería anos máis tarde (…) Oito días despois do suceso sentíase don Ramón moi millorado. E o nove daquel mes lía o seu discurso de ingreso no fermoso salón do vello Circo.

O mesmo día tivo lugar un banquete de homenaxe no Quiosco Alfonso da Coruña ao cal asistiron algúns dos académicos e tamén os amigos do escritor. Alí estiveron, entre outros: Eladio Rodríguez González – presidente da Academia –, Lugrís Freire, Carré Aldao, Vicente Risco, Antón Villar e Ánxel del Castillo.

Otero Pedrayo non pudo dar leitura senón a algús anacos escolleitos do seu volumoso e intresantismo discurso, no que fai un cumprido estudo, fortemente documentado do movemento romántico en Galiza, que desenrrola arredor das tres figuras destacantes de Pastor Díaz, Eduardo Pondal e Rosalía Castro, cuia obra coñece ben a fondo. (5)

O ensaio de Otero, abondoso en referencias que relacionan o carácter romántico do Rexurdimento cos movementos culturais do século XIX, establece a conexión entre Galiza desde a súa diversidade e as correntes europeas do seu tempo. Este devezo universalista foi común nos membros da xeración Nós, como ben expresou Paco del Riego nun comentario escrito para homenaxear o cincuentenario da revista Nós.

Os membros da xeneración Nós querían para Galicia unha cultura de seu, produto verídico da súa alma orixinal. Por iso refugaban todo esprito de imitanza e só acollían a incorporación de cousas alleas de puro procedemento. Entendían que ser diferente era ser esistente. A idea debe ser coñecida e estimada, pero non imitada. Albiscaban, ao cabo, para Galicia este ideal: fundir a pecuiliaridade máis íntima da súa grei, coas adquisicións e os anceios máis vivos da cultura universal. (6)

Sinopse da obra

O Romanticismo significa o trunfo dos valores do movemento sobre os da estabilidade, nados baixo o signo do individualismo. Trátase dunha arte lírica, individual, egocéntrica.

Vicente Risco e Euxenio Montes consideraron o romanticismo un fenómeno céltico.

Na ialma galega sentímos todos a presenza d’un eixe vidal inmorredoiro que nos dá a nosa forma espirtoal e nos diferenza d’as outras xentes habitadoras da Iberia.

Afeitos a ollar durante séculos o salgado horizonte do lonxe, os galegos tinxiron de verde os ollos e de distancias as almas saudosas.

Durante os anos escuros a lingua baixou a rentes do chan, fíxose humilde e pequeniña, apegada ás esencias da terra. Os homes da cultura arrombaron con ela e outros homes da cultura, os románticos, sentiron a necesidade de recuperala.

O primeiro deste poetas románticos foi Nicomedes Pastor Díaz.

Mentres os románticos xermanos fixeron filosofía e así chegaron ao romanticismo, os meridionais, e con eles Pastor Díaz, padeceron da inferioridade do pensamento filosófico e construíron mundos levados da intuición, e, faltos da alegría creadora, afundiron no pesimismo da radical desesperanza.

A segunda poeta é Rosalía Castro.

Entrar na obra de Rosalía é como entrar ô empardecer no xardín deixado d’un pazo. Os donos fai tempo que fuxiron car’outro vivir mais mundano e brilante (…) fai tempo que soilo pisan os sendeiros os pés leviáns das fadas da noite.

Rosalía fixo da dor a forma e figura do espírito. Outros suspiran por algún ben perdido. Ela sabe en cambio que a dor ha acompañala alén da morte. Ten alma enferma e a dor, sendo a súa verdadeira dimensión, identifícase co tempo.

Tamén sente a morte dun xeito individual, romántico, presa á inmortalidade a través de loitas e sucesivos estados que coinciden coa tradición céltica onde os mortos forman parte do mundo dos vivos: “anqu’esten calados – Ben oien o meu penar”.

E por ser esencialmente individual, Rosalía chegou a non selo. Ela soubo desentangarañar as escuras cancións populares das aldeas para transformalas no cancioneiro sinxelo e expresivo da Galiza.

Ténse a Rosalía pol’a cantora incomparabre das ribeiras de Padrón. Con xustiza. Mais coidamos que outro esceario apaixonóu mais seu esprito, aquil onde quizais estivera a raís da sua incurabre malanconía: Compostela.

Compostela é a única cidade galega que garda unha profundidade misteriosa. Nese camposanto de vivos Rosalía deixou fíos da alma esgazada entre as silveiras de pedra.

Por último, Otero analiza polo miúdo os poemas de Eduardo Pondal recollidos en Queixumes do pinos, servíndose da súa recoñecible prosa poética para dar solta ás reflexións que evocan os versos.

O poeta ama ôs pequenos pobos vencidos e quer ceibalos, pol-o menos morrer c’o ánimo esforzado de pretendelo. Romantismo: correición da hestorea, do mapa politeco, das conveniencias dipromátecas.

A prosa flúe baril e tumultuosa como os versos apaixonados de Pondal.

O cabo envellece diant’o mistereo do mar; sempre vixiante cada golpe das oleadas é pra il unha nova espranza que garda na sua memoria misteriosa.

No cosmos de Pondal non está presente Compostela. Quizais sentiu a dor da pedra escravizada polas teoloxías e procurou nas ruínas dos castros do Xallas os solpores que espertaron o seu espírito.

Os primitivos xa saben da tristeza futura. Un grande fado étnico pesa sobre a raza (...) O poeta fáise primitivo e síntese en terra estranxeira combatindo, mais o tempo seu de home do sigro dazanove mistúrase c’o tempo soñado (...) lírico diálogo de espritos inmortás.

A morte suxire en Pondal dous pensamentos: o afundimento na entraña inmorredoira de Galiza e a continuidade na lembranza das xeracións, reveladas na presenza dos heroes antigos na paisaxe e nos pulos renovados da mocidade.

Tamén hai lugar para o discurso ideolóxico cando afirma que Galiza non pode ser un parque turístico para diversión e lecer dos políticos centralistas que aduban os seus actos con festas galegas. Os galegos domearán seu futuro cando comprendan que non poden vivir como servos amolecidos para satisfacer a outros.

DISCURSO DE VICENTE RISCO

Ramón Otero Pedrayo está enrolado no movemento do renacemento espiritual iniciado en 1916 polas Irmandades da Fala.

A el debemos un xeito novo de estudar a xeografía; tamén é un historiador caracterizado polo “forte sentimento patriótico e liberal, a veneración do pasado, o tradicionalismo dinámico e vitalista, o romantísmo, non paixoal e efervescente, senón contido e sereo, a reititude moral, a aititude espirtual fidalga e prócer”.

Mais Otero esculca as almas para evocar extraordinariamente o pasado, mostrándonos “unha Galiza ben máis real e verdadeira qu’a de Valle Inclán”. Os Camiños da Vida sintetiza a súa actividade literaria.

Sexa benvido antre nós, o novo compañeiro, de cuia labor tanto espera esta Academia qu’o acolle cos brazos e co curazón aberto.

(1)    Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Otero Pedrayo na Academia Galega. Os homes, os feitos e as verbas. Revista Nós nº 73. Real 36, 1º A Coruña. 15 de xaneiro de 1930.
(3)    Carta dirixida por Ánxel Casal a Salvador Cabeza de León o 2 de xaneiro de 1930. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 236. Arredor de si sería finalmente publicada por Nós. Non hai constancia da publicación da segunda obra referida: Século XIX.
(4)    O discurso de ingreso na Academia Galega. O rego da cultura. Grial nº 52, abril-xuño 1976. Editorial Galaxia. Vigo.
(5)    Ibidem nota 2.
(6)    Catro persoeiros do grupo “Nós”. Salvador Lorenzana. Cincuentenario de Nós. Homenaxe da Real Academia Gallega. A Coruña. 1970.


Ningún comentario:

Publicar un comentario