sábado, 29 de marzo de 2014

CONTIÑOS DA TERRA



CONTIÑOS DA TERRA / García Barros, Manuel
3 de abril de 1931
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña
VOLUME XLII
251 p ; 18 cm.

Contiños da Terra reúne algúns dos relatos publicados por Manuel García Barros baixo o pseudónimo de Ken Keirades. O debuxo da portada é obra de Colmeiro e as ilustracións interiores corresponden a Castelao, Colmeiro, Galán, Rodeiro e Virxilio. O libro foi impreso por Nós en abril de 1931 no obradoiro da avenida de Linares Rivas da Coruña.

Ánxel Casal conta na entrevista concedida a Álvaro das Casas en 1934 que este foi un dos libros máis vendidos por Nós. (2)

Algunos libros, como Contiños da Terra, se venden muy bien, rápidamente, pero los más van saliendo con una lentitud que agota todas las resistencias.

A edición de Contiños da Terra sería azarosa de máis e estivo ligada ás permanentes dificultades económicas que empeceron a actividade de Nós. Unha nota no libro anuncia as achegas económicas das asociacións de emigrantes Fillos da Estrada na Habana e da Unión Estradense de Bos Aires, que contribuíron a financiar a edición.

Para a impresión d’ista obra contribuiron con 1.000 pesetas os emigrados estradenses na Habana e con outras 1.000 os de Bós Ars. Co fin de que istas patrióticas aportazóns redunden en beneficio dos lêtores, rebaixamos o custe do libro que en vez de ser superior a cinco pesetas, véndese sô a tres.

A recepción do orixinal dos contos na editorial coincidiu co fanado proxecto emprendido por Casal coa impresión do xornal El Momento, e do cal só chegou a poñer na rúa catorce números entre febreiro e marzo de 1930. García Barros conta na segunda edición de Contiños da Terra, publicada en 1952, (3) como aquela aventura que a piques estivo de arruinar a Casal tamén comprometeu a impresión do libro por ter disposto anticipadamente o editor das dúas mil pesetas fornecidas polos emigrantes estradenses.

O ter aqui os cartos púxenme a fala co editor de Nós, d’aquela na Cruña, advertíndolle iso, que estaba en posesión das pesetas. Andabamos a voltas co conto cando me escribeu decindome que andaban pra quitar un preódico diario pr’ó que contaban co-a miña colaboracion e que lle faria un favor moi grande se lle antecipaba os fondos que tiña pr’ó libro que ó empremilo xa fariamos contas. Eu constestéille decindolle que non me gustaba nada o negocio do diario, que era un articolo que xa abondaba moito e que lles iba a sere moi deficele abrirlle camiño. Pro, mandéilles os cartos que me pedia (…) A bancarrota presentouse rápeda e fulminante. Houbo que esperar un pouco mais, pro, o editor de Nós compreu como puido. Aporveitando os materiaes de que puido dispoñer que non eran do mellor, pro, o libro saieu.

Contiños da Terra 2ª Ed. (1952)
Ao cabo Casal editou o libro co papel sobrante da impresión de El Momento. Con todo, García Barros comprendeu as dificultades polas que pasaba o editor e non llo tivo en conta, como indica noutro parágrafo deste mesmo prólogo.

Foi pasando o tempo, e non quero pensar no fin tráxico que tiveron Editorial e editor que alá se foi sin que me fixera a pirmeira conta. Isto último foi o que menos sentin. Quén sabe como lle andarían as cousas. Era un entusiasta fervoroso das letras gallegas. Por ilas iba sempre mais ben ó sacreficio que ó negocio. A cultura gallega débelle moito, moito. A hestoria terá que facerlle xustiza.

Os contos foron previamente publicados por García Barros no xornal El Emigrado, fundado pola sociedade Fillos da Estrada na Habana, segundo informa o propio autor.

I-era o caso que estando moi escarmentado d’ista miña pruma sempre insumisa e escarabellante, que o menos mal que me trouxera fora levárme ô cárce unhas cantas vegadas, tratei de buscar un xénero que salvándome o compremiso me librara de desgustos e contratempos. E resolvínme a facer contos.

Os relatos seguen a tradición popular dos textos chocalleiros e a poesía choromiqueira tan deostada polos escritores que renovaron a literatura galega durante os primeiros anos do século pasado. Non obstante, contos coma estes que celebran a agudeza do protagonista e onde sempre hai unha vítima a quen humillar tiñan moita aceptación entre os lectores e o autor serviuse deles para achegar a literatura a un público pouco afeito a ler en galego.

O que non conseguin foi librarme de lios, emporiso. A cada protagonista imaxinado, comezando xa po-lo primeiro conto, aparecíalle un auténtico e real que creéndose aludido poñía os meus ósos en perigro, cando mais, e cando menos deixábame coma un farrapo.

Os contos revelan uns tipos maioritariamente rurais, poñendo de manifesto os tópicos do carácter galego que comezan pola desconfianza e a cautela e seguen coa falta de resolución, a humildade, a inocencia, e tamén a astucia e o enxeño para saír das situacións arrevesadas, segundo o caso, transformado o protagonista en vítima ou argallante das trasnadas imaxinadas polo escritor.

A capa posterior recolle unha última exhortación do autor.

Este é un libriño que ô telo
non se deberá prestálo.
Todo aquil que queira lêlo
¡Faga o favor de comprálo!

Escolma da obra

Camiño da montaña. O tío Martiño asiste ao funeral dun parente con medo a que lle dean gato por lebre, como ao cabo sucede.

Boa feira. Xuana vende os porcos na feira e compra outros mellores, sen saber que apanda dos mesmos animais que ela vendeu pola mañá.

Unto de lobo. Un curandeiro aconsella ao tío Silverio unhas fregas con unto de lobo para sandar os males. Logo de apañar os cartos foxe con eles. Claro que tampouco o tío Silverio, desconfiado, revelara onde podía visitalo o curandeiro para darlle as fregas.

Xaquín o pintureiro. Xaquín fala castrapo logo de volver do servizo militar. El escribe as cartas dos veciños e considérase o escribán da aldea.

O vilancico da montaña. Na noite de reis xúntanse os veciños para escoitar os cantos das cuadrillas que, cantar non cantan alá moi ben, pero usan palabras bonitas.

Na festa do San Loís. O tío Mosteiro pide dúas pesetas a un veciño para ir á romaría. Pero cando escoita ao crego clamar contra os que van á festa para gastar dúas pesetas en viño, devolve encabuxado os cartos alcumando no veciño de lareta por irlle co conto ao crego.

Os cortizos de Rei. Un veciño gastoulle unha broma ao gaiteiro de Rei. Daquela argallou a vinganza e mandouno a súa casa de onde saíu esfolado logo de repetirlle ás mulleres o recado que levaba por conta do gaiteiro.

A confesón. Un labrego que roubou pedras dun valado para facer un forno confesa que fornicou.

O esconxuro. O crego e o sancristán fan un esconxuro para tornar o demo que resulta ser un porco entobado na sancristía. Ao verse ceibo, o animal arrastra o crego montado dacabalo.

O ichó. O tío Cachas enche con bosta cuberta por plumas de perdiz o ichó para escarmentar os donos do engado.

A aguia e o raposo. Unha aguia levou un raposo dacabalo até o ceo pero de camiño deu unha reviravolta e guindouno no alto da palleira.

Santo Romedio. Mingucho é un quinto nugallán que para zafar dos traballos aparenta enfermar. O médico sándao sen miramentos cunha vara de vimbio.

Quen con rapaces se deita… Ao crego de Tabeirós roubáronlle a vaca e deu en sospeitar do único veciño que non frecuentaba a igrexa. Daquela argallou a denuncia servíndose do fillo do herexe para que testificara contra o pai, pero o rapaz acaba poñendo en evidencia ao crego.

Antón non come. Logo de comer dous chourizos con pan, unha tixola de zorza e unha morcilla, Antón deixou de comer porque, cousa estraña, xa non tiña gana ningunha.

Na coresma. Fuco do Chouso era un gran comedor de carne e durante a coresma o crego autorizouno a comer a carne que ficase entre os dentes, sempre que xa estivera alí antes da penitencia. E tal fixo: meteu entre os dentes da grade toda a carne que puido e así pasou a coresma.

Se pega, pega… Pepe das Baíñas, quen un día agachou unha ducia de ovos embaixo do sombreiro para non pagar o portádego da Ponte Pedriña e o axente escachizoullos na testa, fíxose pasar por tolo para introducir na vila o xamón que logo vendeu no Toural.

As tres cruces. Vieito Marcial dábase fachenda polas tres cruces que posuía: dúas gañadas en Cuba loitando contra os mambises; a terceira, confesou, era a muller que o acompañaba.

Sobindo a campana. Os veciños xuntáronse para subir a nova campá á torre da igrexa. Todos agás Bieito Ramallo, quen dirixía as operacións sen botarlle man á corda. Claro que logo tampouco bebeu o viño do crego porque aquela era a terra “do meu home”, e o que non traballa non come.

Farruquiño asegúrase. Este Farruquiño é un miñaxoia habitual non contos de Ken Keirades. Canso de perder a chave do hórreo e temendo que os ladróns arrombaran coa facenda, resolveu atala ben atada na mesma pechadura.

O tío Zanfona. Era costume na aldea repartir as probas do porco cando chegaba a matanza. Claro que ao tío Zanfona gustáballe apañar os agasallos dos outros pero non repartilos e aceptou o consello do tío Xirafa, simulando o roubo do porco. Pero o tío Xirafa rouboullo aquela noite e botoulle na cara que o Zanfona non lle tivese levado a proba cando el sabía que todo era una argallada súa.

(1)    Imaxe de Manuel García Barros: gl.wikipedia.org
(2)    Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 348. O libro contou cunha tirada de 1.000 exemplares, segundo informa García Barros no prólogo á segunda edición.
(3)    Contiños da terra. M. García Barros. Segunda Edición. Talleres Caporaletti Hnos. 1952. Buenos Aires.


Ningún comentario:

Publicar un comentario