sábado, 10 de maio de 2014

NAO SENLLEIRA



NAO SENLLEIRA / Bouza-Brey, Fermín
23 de janeiro 1933
Editorial NÓS. Rúa das Hortas, núm. 20. Santiago
55 p ; 20 cm.

O libro de poemas Nao Senlleira escrito por Fermín Bouza-Brey Trillo foi impreso pola editorial Nós na rúa das Hortas de Compostela, en xaneiro de 1933.

Este foi o último volume editado nas Hortas, onde Casal trasladou o seu obradoiro desde a Coruña en 1931. Entre xaneiro e maio de 1933 a editorial mantivo a publicación da revista Nós e outros boletíns e folletos, pero houbo que agardar até o 16 de maio para que dese ao prelo o libro Un suceso en los arrabales, de Antonio Ramos Varela, impreso no número 15 da rúa do Vilar de Compostela.

Nao Senlleira, primeiro libro de poemas de Bouza-Brey (2), é un volume de aparencia fermosa, cunha presentación moi coidada. Isto non sempre sucedeu cos traballos editados por Nós, en parte debido ás dificultades económicas que decote condicionaron o traballo de Casal.

Nao Senlleira é unha recolleita de vinte poemas, algús de iles pubricados en NÓS, en primorosa edición d’exemprares  numerados, cecáis a mellor que se leva feito en Galiza, c’unha linda encadernación de Viñas e capa de Sesto feita en negro sobre d’ouro(…) Compre ademais afacer â xente aos belos libros qu’o señan por adentro e por afora. O coidado e o primor nas ediciós e na presentación dos libros é un espoñente de cultura e civilidade. (3)

Como indica o comentario recollido no número 115 da revista Nós, o libro tivo unha tirada reducida de douscentos cincuenta exemplares numerados e reúne os novos poemas do autor xunto con outros seis que antes foran publicados na revista Nós:

¡Quén dera ser nao senlleira!
Lelías ao teu ouvido  NÓS nº 32. Agosto 1926
Trova infinita  NÓS nº 27. Marzo 1926
Tríadas no mar e na noite  NÓS nº 41. Maio 1927
Teño unha estrela  NÓS nº 45. Setembro 1928. Orixinalmente titulado: Teño…
Descordo pra ben muiñar  NÓS nº 53. Maio 1928
Clamor na encrucillada  NÓS nº 59. Xaneiro 1928
Trova das sete naos
Tenzón co malvís amigo
Temas en corazón
Na morte de Julio Brumbeck Reguera
Temas da fonte agachada
Cántiga cívica
O escordeonista
No anal de Manoel Antonio
Parranda Mariñeira
Regueifa
Gándara
Soutelo do teu ollar
Eu teño un compadre

A publicación de Nao Senlleira en 1933 dá inicio ao neotrobadorismo, unha corrente poética que procura a estética e a musicalidade do verso por riba do contido, recuperando os ritmos poéticos da literatura galego-portuguesa recollida nos cancioneiros medievais.

Bouza-Brey, fondo coñecedor da nosa poesía popular, é un poeta de feitío cortesán, inteiramente cortesán, que s’adonou dun geito pasmoso do esprito, da métrica, da formas e do acento poético dos nosos canzoneiros medievás. (4)

O mesmo Bouza-Brey defende a súa concepción da poesía:

Enxamáis teño pensado sobre da poesía; téñoa sentido, sinxelamente. Carezo de dogmas estéticos, e toda espresión certa de beleza soméllame resorte xusto con tal de que conmova.
Amo o popular con femencia, e non chego a comprender como pode esistir poeta que desconozca ista fonte de emociós primitivas.
Gosto pouco do verso libre. A rima é, pra min, un elemento formal que aporta musicalidade á poesía, e, inda que non é necesaria, non hai porque prescindir dos seus recursos.
Da poesía galega penso que o que desconoza os segredos da fala, debe absterse totalmente de escribila. Isto é esencial e apúntoo porque coido que é un defecto dos nosos días, a pesares de somellar unha simpleza.
Teño percurado recuperar as tradiciós dos nosos crásicos: os Cancioneiros medievás i o pobo.
(5)

E de certo Bouza deu no albo con este libro que recupera a métrica e os ritmos da poesía cortesá medieval e que, lonxe de semellar arcaica, preséntase renovada e contemporánea.

A técnica do Bouza Brey non é doada; ten todal-as dificultades das formas arcaicas dos trovadores, compricados com’os bardos, e mais as da lírica nova, duas cousas qu’il soubo ajuntar ben felizmente. Mais por ise camiño ninguén já o pode seguir, ficou reservado pra íl. Bouza-Brey pode influenciar aos demáis, e ha infruir de cote en senso favorábele de depuración e de ton ergueito: mais non pode facer escola. (6)

Non obstante, Nao Senlleira abre camiño a unha nova escola poética prolongada entre os anos 1933 e 1953, contando entre os seguidores sobranceiros con Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama Ribeira, 1933; Dona do corpo delgado, 1950) e Xosé María Álvarez Blázquez (Cancioneiro de Monfero, 1953).

Nesta obra destaca a coidadosa elección do vocabulario e o ritmo dos poemas.

Dendes do punto de vista formal Nao Senlleira é un libro perfeito. Un libro cheo de xusto equilibrio no que non falta ren nin sobra ren. Ista perfeición, esta precisión que dende o primeiro verso con que se abre o volume, deica o derradeiro con que se pecha non falla nunca, deica o de agora, na obra de Bouza-Brey. Cada verso ten un senso, unha vida de seu, defiñida, na que a xusteza i a mestría con que están empregadas as verbas é verdadeiramente milagreira. (7)

O libro vai precedido dunha dedicatoria do autor, con seguridade relacionada coa presión exercida polo pai para que o mozo Bouza rematase os estudos de dereito e aprobase as oposicións a xuíz de primeira instancia, como así fixo en 1929.

A MEU PAI
que aforcóu âs musas

Breve escolma

TROVA INFINITA

(…) Nao, milleiral, cantiga,
froitos que pra ninguén son,
pulos estérils do esprito
que non ecoa un cramor,
que non recolle unha i-alma
que non acompasa un voo;
vieiros que non tên termo,
lumes que non tên quentor,
sementeiras sen seitura,
roseiras, sen frorazón…
Rosas, grans, mojenas, pedras…
infindo, eterno póo.
                Ai Deus!
Saudades do nunca nado
e do que nunca finou!

TENZÓN CO MALVIS AMIGO

Ei, malvis do choupal dourado,
ceiba o luceiro do teu cantar
prendido do serán e do sol-nado,
na brétema arrandeando,
de vagariño a brilar!

Prisarás â noite ispida…
Adomea o herbal de estrelas
ca tua fouce infinda!

Ei, malvis do choupal neboento,
enfía as liñas sotils do vento
na agulla da tua canzón;
pón coseita a fontenla fresca do pensamento
ca burga de folía do corazón!

Apáñame ao mar en roda:
n-un desmaio do teu bico
a justeza da mar toda!

Ei, malvis do choupal veciño,
cata na frouma do teu niño
o froito do Tempo á madurecer…
Peteira na roda eterna de ise muiño
que á tí e á mín hanos moer!

GÁNDARA

N-aquel biduído dos bidos lonzanos
o páxaro Sol non pía seus raios,
     e morre de amor.

N-aquel biduído dos lanzales bidos
o páxaro Sol non criba seus píos
     e morre de amor.

Non criba seus ritmos, non pousa seus raios
e albean de frío os albres delgados
     e morren de amor.

Non ceiba seus raios, non tece seus fíos
e albres e mámoas albean de frío
     ca poldra que morde no mato cativo.

(1)    Fonte da imaxe de Fermín Bouza-Brey: carloscallon.com.
(2)    Ademais doutros versos espallados por distintas revistas, tamén publicou o libro de poemas Seitura. Livraria Cruz, s.d. Braga. 1955.
(3)    Nao senlleira. Os homes, os feitos, as verbas. Revista Nós nº 115. 25 de xullo de 1933. Este comentario anónimo quizais fose escrito por Vicente Risco ou, máis probablemente, por Ricardo Carballo Calero.
(4)    Ibidem, nota 3.
(5)    Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos. Francisco fernández del Riego. Galaxia. Vigo. 1955.
(6)    Ibidem, nota 3.
(7)    Notas en col da poesía de Fermín Bouza-Brey. Manuel María. Boletín da Real Academia Galega. Citado a partir de F. Bouza-Brey. Obra literaria completa. Xerais. Vigo. 1981.



Ningún comentario:

Publicar un comentario