MARGARIDA A DA
SORRISA D’AURORA / Correa Calderón, Evaristo
Debuxos: Xaime Prada
24 de decembro de 1927
Edición NÓS. Real, 36-1º - A CRUÑA
24 de decembro de 1927
Edición NÓS. Real, 36-1º - A CRUÑA
23 p ; 17
Cm.
Margarida a da
sorrisa d’aurora é un conto escrito por Evaristo Correa Calderón que foi impreso por Nós na rúa Real da
Coruña en decembro de 1927.
Membro das Irmandades
da Fala e do Seminario de Estudos
Galegos; tamén colaborador en A Nosa
Terra e na Revista Nós, a
traxectoria vital de Evaristo Correa garda semellanza coa de Euxenio Montes. Ambos compartiron na
mocidade a ideoloxía galeguista e participaron activamente na vida cultural do
seu tempo até o momento en que, fascinados polo fascismo, ingresaron na Falanxe
Española e desde entón deixaron de escribir en galego.
Entre 1923 e 1928 Evaristo Correa publicou tres libros de
contos e outro de poemas escritos en galego (2). Margarida a da sorrisa d’aurora presenta
a curiosidade de ser o primeiro libro
infantil da literatura galega.
O número 58 da
revista Nós de outubro de 1928 celebra a publicación do conto:
Esta obriña de
Correa Calderón, é un conto, un conto d’ises qu’outrora lían os nenos – hoxe
leen revistas de foot-ball, argumentos de películas ou, si acaso, Nick-Carter e
Buffalo Bill – e qu’agora leemos os homes. N-il vése a filosofía idílica do
autor da Conceición sinxela do ceo.
Imprentado en azul con orla bermella e avaliado con tres deseños de Xaime
Prada, diz moi ben e xunta a beleza da edizón â beleza literaria. (3)
O relato segue o esquema tradicional dos contos de fadas,
como indica Blanca-Ana Roig no seu
traballo sobre a Literatura infantil e
xuvenil en galego:
Desde o punto de
vista estrutural e seguindo as funcións que Propp estableceu para os contos de
fadas, observamos que na peciña de Correa Calderón se dá un afastamento
(Margarida é afastada do seu fogar). Dáse a prohibición
e a transgresión das ordes da avoa e
a chegada non recoñecida do heroe, cunha vida e unha peripecia similar á da
heroina. Así mesmo, utilízase a función da proba,
cando o xograr lle pide á súa muller que se presente ao concurso que organiza o
Rei para nomear sucesora. Ó gañalo, dáse outra das funcións: a revelación de
que o xograr é fillo do Rei, é dicir a típica anagnórese romántica. E, finalmente, realízase a voda, a función matrimonio de Propp que propicia a
felicidade absoluta no reino. (4)
O pequeno relato de Correa trasládanos a un mundo ideal,
sen lugar para a simulación nin para a maldade e que está poboado por
personaxes dotados dun carácter puro, sen matices, propio dos contos infantís,
onde a bondade e a perseveranza son premiadas e abren camiño á felicidade.
Sinopse da obra
Margarida tinha na
sua face o cór vermelho das mazás zoadas, cantar de pájaros era o seu falar e-o
engado do sol cando nasce a sua sorrisa.
Isto sucedía no tempo antigo, no país da Felicidade. A moza que tiña quince anos e todo nela era
dozura, vivía coa súa avoa.
Mais se non o
decides a ninguén, vou a contarvos un segredo: aquela velhiña era uma Boa Fada
que andaba pol-o mundo.
A fada atopouna abandonada sendo meniña e púxolle por nome
Margarida porque era branca e dourada como as flores. Non choraba nunca e só
sabía sorrir, así que os xograres déronlle o alcume de Margarida a da Sorrisa d’Aurora.
Se as dúas mulleres vivían na pobreza era porque a fada
non quería que tivese orgullo da súa fermosura.
Margarida non podía
asomarse a fenestra, porque se a vía algún mozo ja se prendaba d’ela.
Un día pasou pola porta da casa o príncipe Rinaldo o Gentil que ao ver a Margarida
namorou dela.
-
Eu ofreszoche os meus castelos, os meus
escravos, os meus cás, os meus cabalos, a minha alcurnia...
-
Ainda mais...
-
Ofreszoche os meus tesouros...
-
¿Tés curazón?
-
Non, iso non. Endejamais tiven necesidade
d’il.
-
Pois logo...
-
Pero é que estou namorado...
-
¡Non podo! Vaite.
-
¿Quén vae?
-
¡Dénme un gotinho d’auga, que venho de
longas terras!
Era un bohemio rapaz
e garrido.
O Poeta tiña
un corazón que lle enchía o peito e non podía ofrecerlle nada máis.
-
¡Ai de min! ¡Ti és quen agardaba!
-
Si son eu a quen agardas, ¿quéreste casar
comigo?
Ela baijou a cabeza,
e o Poeta déulhe uma aperta.
A velha que ouvira
todo, baijou amodinho chegou até d’eles e díjolhe:
-
Senhas benvido. Entrégoche uma margarida
inocente e singela como as da campía
Aos poucos días
casáronse para sempre.
Pero entón caeu doente o rei do país da Felicidade: un
home bo, moi vello e querido polos súbditos, e que non tiña sucesor.
Non tenho fillos nin
sobrinhos, nin nada. O único filho que tinha desapareceume cando era neno. Quen
m’ha soceder?
E o rei decidiu que había sucedelo a muller do reino que
tivese o sorriso máis belido. Os pregoeiros espallaron a nova e o Poeta animou
a Margarida a presentarse.
Os conselleiros elixiron cinco candidatas. Entre elas o
rei escolleu a Margarida, quen esvaeceu da emoción e cando o Poeta acudiu para
bicala na fronte, decatouse da semellanza co fillo roubado cando neno.
-
Senhor Rei, non se esqueza de que seu filho
tinha no peito, un trébole de catro folhas...
-
¡Ai, é verdade!
Foise junto do Poeta
e perguntoulhe:
-
¿Tés alguma sinhal no peito?
-
Tenho sobor do meu curazón un rojo trébole
de catro folhas. Eu fun sempre o mensajeiro da Felicidade...
Aquel día houbo
festa e ilumiaciós no Pazo Real, e tres anos despois o Rei Velhinho jogaba nos
jardís reás c’un neto que ainda non se tinha ben.
(1)
Fonte da
imaxe de Evaristo Correa Calderón:
chonchabonet.wordpress,com
(2)
Luar
(Céltiga. Ferrol, 1923), Conceición
singela do ceo (Libredon-El Eco de Santiago. Santiago de Compostela, 1925),
Margarida a da sorrisa d’aurora
(Nós. A Coruña, 1927), Ontes
(Imprenta Palacios. Lugo, 1928)
Conceición singela d'o ceo / Luar |
(3)
Margarida a da sorrisa d’aurora. Os homes, os feitos, as verbas. Revista Nós nº 58. 15
de outono de 1928. Este comentario anónimo foi escrito con toda probabilidade
por Vicente Risco.
(4)
A literatura infantil e xuvenil en galego dende 1900 a 1950. Blanca-Ana Roig Rechou. Boletín Galego de Literatura nº
15-16. 1996.
Ningún comentario:
Publicar un comentario