A PROL DO ESTATUTO / Banet Fontenla, Manuel
Agosto de 1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, Rúa do Vilar 15, Santiago
19 páx. ; 16,5 cm.
Agosto de 1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, Rúa do Vilar 15, Santiago
19 páx. ; 16,5 cm.
O folleto A prol
do Estatuto foi escrito por Manuel Banet Fontenla e impreso pola editorial Nós no obradoiro da rúa do Vilar de
Compostela en agosto de 1933.
Banet Fontela foi un avogado e notario de ideoloxía
galeguista, membro moi activo das Irmandades da Fala e que tamén participou na
fundación da Academia Galega.
O exemplar utilizado para facer esta recensión está
dedicado por Banet a Manuel Casás
Fernández, quen foi alcalde da Coruña e presidente da Academia Galega.
Este documento de
carácter político exemplifica o intenso debate que acompañou o proceso de
aprobación do Estatuto de Galiza entre 1931, ano en que comezaron os primeiros
traballos de redacción dos sucesivos anteproxectos, e xuño de 1936, cando os
electores referendaron o texto definitivo.
Os traballos para a redacción do Estatuto de Autonomía comezaron logo da proclamación da II República o 14 de abril de
1931, pero estes primeiros anteproxectos decaeron debido ao desinterese das
autoridades republicanas por iniciar un proceso de descentralización. O impulso
definitivo que conduciu á aprobación do Estatuto produciuse logo da fundación
do Partido Galeguista en decembro de
1931 e da convocatoria meses máis tarde da Asemblea
de Concellos en Compostela. Unha comisión delegada redactou un novo
proxecto de Estatuto e someteuno á aprobación da Asemblea en decembro de 1932. Non
obstante, non foi posible someter o texto a referendo antes da vitoria
da Frente Popular en febreiro de
1936.
O folleto de Banet Fontela impreso en agosto de 1933
participa no acendido debate entre os defensores e os inimigos do Estatuto,
interrompido polo bienio negro dos anos 1934 e 1935, e que finalmente concluíu
no histórico referendo impulsado polo Partido Galeguista e celebrado o 28 de xuño de 1936.
Sinopse do
texto
Estas liñas
escribíanse cô gallo de, no pouco que corresponde a sua cativés, contribuir á
propaganda da Autonomía de Galiza e do seu Estatuto.
O
14 D’ABRIL E A CONSTITUCIÓN
A creba da monarquía produciuse pola súa alianza co réxime
centralizador para limitar a democracia. Os políticos do réxime desaparecido
non tiveron en conta a diversidade dos pobos de España e “ceibaron a vóo a sinería estrondosa do patrioteirismo
chinchineiro, teimando a, có seu balbordo, afogaren os doídos berros de
redención e liberdade”.
As protestas de Cataluña puxeron de manifesto a
existencia do problema catalán, e os vellos políticos guindaron contra ela “os axes féridos da incomprensión meseteira e os
esconxuros tremantes do inequilibrado quixotismo”.
O 14 de abril crebou o réxime centralizador e uniforme da
monarquía, instaurando a verdadeira democracia para acabar coa tiranía do
patriotismo. E malia non ter acadado “un réxime de
diversidade uniformista, ou federal, nin tampouco un réxime constitucional de
diversidás diferenciadas, ou d’autonomías integrás”, a República guindou
por terra os marcos legais que impediron artellar unha nova organización do
estado.
A
PERSOALIDADE DA GALIZA
A Hespaña non é un
pobo homoxéneo, senón un composto orgánico de pobos diferenciados d’abondo.
En Galiza, xeografía, demografía, razóns de orde étnico e
racial determinan a existencia dun pobo con rango e atributos de seu.
Os galegos teñen que percorrer o seu propio camiño e para
iso precisan da Autonomía, “quérese dicir, aquela
liberdade indispensabele pra endereitalos seus propios meios a o cumprimento
dos seus fins privativos en todol-os ordes da vida”.
Este constitúe o principal problema de Galiza, incapaz de
vivir con consciencia da súa propia forza, abafada baixo o réxime centralizador
como un pobo submiso.
O
ANCEIO AUTONOMISTA E A RETRANCA
Endebén o anceio
autonomista é arestora tan afervoado e asoballador na nosa terra, que non
haberá quen ouse resistilo, sen sere por él envolveito e esnaquizado, cando lle
a sua hora chegar.
Os inimigos da Autonomía apoñen que Galiza é pobre e non
está preparada e tamén que ha saír cara abondo, confundindo o patrioterismo
emanado desde Madrid coa uniformidade centralista.
Galiza, afogada desde hai séculos, primeiro pola
organización absolutista e logo pola democracia monárquica, non atopou o seu
instrumento de loita nas clases vilegas e si nas forzas traballadoras das
aldeas e vilas “que impidiron, ainda que caro lles
custar, a desgaleguización da Galiza, e conservaron impoluto, a través das
xeneracións, ese sintimento racial e antergo, a galeguidade”.
O
CHOIO DA CAPITALIDADE
A discusión sobre a situación da capital de Galiza atrasou
o proceso de constitución autonómica.
Se semellante
endrómena se lles non tivera ocurrido a algúns, tería a Galiza arestora
plebiscitado e trunfante o seu Estatuto.
O
ESTATUTO DA AUTONOMÍA E O DEBER GALEGO
Aprobado o Estatuto pola Asemblea de Concellos e aceptado
o decreto pola legalidade republicana, só falta a súa aprobación polos
electores galegos.
O autor solicita o voto a prol do Estatuto no plebiscito,
descualificando outras opcións autonomistas críticas coa Asemblea de Concellos,
porque cómpre ratificar decontado o texto e non atrasar o proceso con novos
debates.
A Cataluña ten xa a
autonomía, a Basconia ha tel-a axiña, Valencia e outras rexións andan a
precurarena: e a nosa Galiza, sin ela, tería de ficar nun plano
d’inferioridade, avencellada máis fortemente aínda que deica o d’agora ao
centralismo absurdo que tanto coa Monarquía como coa República lle ven
infirindo o trato noxento de colonia.
A aprobación do Estatuto favorecerá o desenvolvemento da
economía galega ao ceder o estado a recadación dalgúns tributos e a propiedade
dos bens públicos, favorecendo as exportacións e importacións a través dos
portos galegos. A maiores, tamén supón o recoñecemento de Galiza como pobo
diferenciado, co conseguinte dominio do patrimonio moral e cultural.
Malia non ser perfecto, este é o Estatuto posible hoxe en
día e todos os galegos teñen o deber de aprobalo.
Pol-a verdadeira
democracia, e pol-o intrés e a dinidade da nosa terra. Por galeguidade.
(1)
Fonte da
imaxe de Manuel Banet Fontenla: www.geni.com/people/Manuel-Banet-Fontenla
Ningún comentario:
Publicar un comentario