MITTELEUROPA
(Impresiós d’unha viaxe) / Risco, Vicente
3 de abril de 1934
Nós. Hortas, 20 - Rúa do Vilar, 15 – Santiago
3 de abril de 1934
Nós. Hortas, 20 - Rúa do Vilar, 15 – Santiago
Volume XXXIX
415 páx. ; 17,5 cm.
415 páx. ; 17,5 cm.
O libro de viaxes Mitteleuropa
escrito por Vicente Risco foi
impreso nos obradoiros das Hortas e do Vilar en Compostela, en abril de 1934.
Ánxel Casal trasladou a editorial Nós desde as Hortas
deica o Vilar entre maio e xuño de 1933, e mentres que a páxina de inicio
informa que a impresión do libro comezou na primeira localización, o colofón
indica que rematou no Vilar.
Os textos agrupados en Mitteleuropa recrean a viaxe de estudos que Risco fixo por
Europa central en 1930, deixando tamén constancia das circunstancias ideolóxicas
que levedaron o estouro da Guerra Mundial.
Estas achegas publicáronse antes da edición do libro na revista Nós entre xullo de 1930 (Nós, nº 79) e maio-xuño
de 1935 (Nós, nº 137-138, último número distribuído aos subscritores).
Revista Nós nº 79 |
O libro, non obstante, non reúne todos os textos aparecidos
na revista pois remata coas impresións sobre Berlín (Nós, nº 79 – Nós, nº 120, decembro de 1933) (2), agrupados baixo o título Da Alemaña. Posteriormente
tamén apareceron en Nós os diarios das viaxes por Praga e Viena (Nós, nº
122 – Nós, nº 137-138) (3), con toda seguridade prevendo a edición dun segundo
volume que nunca chegou a imprentarse. Precisamente estes novos textos foron reunidos baixo o título Mitteleuropa.
Mitteleuropa agrupa
varios países situados principalmente en Europa Central e alén diso enuncia un ámbito político, cultural e territorial
baixo a hexemonía de Alemaña. Xeograficamente, o territorio Mitteleuropa
abarca Austria, Croacia, República Checa, Alemaña, Hungría, Liechtenstein,
Polonia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Letonia, Lituania e Suíza, e tamén
algunhas rexións europeas como Alsacia, Trieste e a Galitzia ucraína entre
outras.
O libro amosa un Risco disperso, hipercrítico, racista,
cheo de prexuízos e obsesionado decontino por afirmar a súa ortodoxia católica.
O autor debulla ao longo da obra opinións ultra-conservadoras e mantén unha inclinación
estética tradicional que randea co dandismo (En Wells, á pesares de ser inglés, non hai
elegancia de ningunha caste; cheira todo íl á sudor de sala de mítin.
Mitteleuropa).
Ideoloxicamente, Risco profesa unha xenreira combativa
contra o marxismo e unha certa compracencia co nacionalsocialismo, no cal intúe
a antítese do comunismo. Risco, que sempre foi un espírito ceibe, despreza o
comunismo por ser unha ideoloxía unificadora que nega toda transcendencia espiritual,
temendo que baixo a súa influencia a sociedade renuncie aos valores cristiáns.
Ao cabo, as discutibles afirmacións incluídas no libro,
por moi extemporáneas que parezan, non poden considerarse provocacións intelectuais
senón máis ben expresión das particulares convicións relixiosas do autor.
Sinopse do
texto
Vicente Risco completou
en tren a viaxe que había levalo desde Galiza
a Alemaña. As primeiras impresións están
dedicadas a Castela:
Castela, pechada en
si mesma refractaria ao alleo, soupo por isto mesmo imporse a todos. Galiza, a
todos aberta, somentes soupo ser domeñada.
Do País Vasco
indica que “eiquí encomenza Europa”. En Hendaia agarda por Risco o cónsul Luís Temes, ourensán da praza do Ferro.
Canda el trasládase a San Sebastián,
unha vila que “ten algo de Gran Hotel”.
Risco admira a urbanidade e a civilización dos vascos,
mestura de tradición e progreso, contraria ao desleixo galego. No seu xuízo
cómpre civilizar Galiza comezando pola conciencia para logo facer xurdir a
arela do progreso.
De novo colle o tren para viaxar deica París facendo escala en Bordeos.
París fartou ao
mundo. Foi se cadra a millor cociña ideológica, artisteca e literaria, mais
arestora os estámegos requiren outra mantenza mais ordinaria, e París já non
entende de platos fortes e sigue abusando das especias.
Durante dous días percorre a vila e logo viaxa camiño de Alemaña.
Chovía unha miga cand’eu
entrei en Bonn, e asi e todo, a vila semellaba leda e ridente.
Na universidade agarda por el o profesor Martínez Santa Olalla. Para Risco Bonn é, despois de Lisboa, a cidade máis fermosa que viu nunca. En cambio o Rhin resulta “un
pouco civilizado demais. E ningunha outra cousa podo dicir d’iste río famoso,
no que non chegou a min o layo de Loreley”.
Dous días máis tarde abandona Bonn con destino a Berlín, onde agardan por el Fernández Armesto (4) e Tobío (5). Eles serán os
anfitrións de Risco, quen afirma que se volveron comunistas e rusófilos,
comprobando como se materializan os seus temores.
Sen dúbida qu’istes
amigos, no seu optimismo revolucionario eisageran moito as cousas; mais por
moito qu’as eisageren, co que quede de certo hai d’abondo pr’amostrar a miña
visión d’apocalipse.
En Berlín Risco vivirá en Waitzstrasse, 3 ao coidado da
súa caseira Frau Tornegg.
Berlín é un gran
mundo artificial de estrema perfeizón mecánica, coma s’os homes houberan
querido erguer un novo mundo montado asegún a cencia, e non asegún a natureza.
Ao pouco de chegar bate
por vez primeira cos nazis.
Os
nacional-socialistas, expricáronme, son unha sorte de fascistas
revolucionarios, cuia doutriña é o misticismo nacional. Pra iles, a nación é a
úneca realidade terrea superior ao home. O seu mestre é Hitler, austriaco,
teórico do racismo. Queren a revancha contra Francia, o erguemento económico
d’Alemaña, a posta en poder do seu país (...) a clase meia burguesa apertada
d’unha beira pol-o comunismo e d’outra pol-a aristocracia, especialmente a do
diñeiro, atopan unha saída no racismo.
O viaxeiro anota como a sociedade alemá está polarizada,
dividida entre os comunistas e os nacionalsocialistas, e os políticos
claman pola súa militarización como base da educación moral da mocidade.
Risco está en Berlín para seguir un curso universitario
sobre o folclore e a etnografía centroeuropeos,
pero os estudos que lle interesan non teñen alí categoría disciplinaria e logo
de falar con varios profesores recibe por toda indicación o consello de viaxar
a Viena, polo que deberá investigar
pola súa conta nas bibliotecas e museos sen a dirección dun experto.
Compre ver Museus.
No meio da nosa civilización mecánica, os Museus son, coma se dixéramos, o
fayado das chafalladas vellas; un fayado de toda honra, crar’está; un fayado de
jubilación honorábele.
Ao longo de moitas páxinas debulla críticas mordaces
sobre as obras expostas nos museos de Berlín: Nationalgalerie, Kaiser-Friedrich
Museum, Zeugniss, Museum Für Volkerkunde, Altes Museum, Sammlung Für Deutsche Volkskunde, Zoologischer Garten e Aquarium.
Tamén fala extensamente da biblioteca de Prusia; do Tiergarten,
o grande parque berlinés; do lago
Wannsee, onde están as praias de moda; asiste a un acto de exaltación
católica multitudinario e teatral e visita Potsdam,
o Versalles prusiano. Noutros momentos tamén dá novas das Miudezas de Berlín como as rúas, as trazas dos berlineses, os cans,
os carros, as tendas, as antigüidades...
O último apartado do libro está dedicado ás ideoloxías. Risco está interesado en comprender
o contexto moral e ideolóxico da nova Alemaña.
En primeiro lugar analiza a Arquitectura, monótona e homoxénea, dunha beleza tinxida de
utilitarismo e dominada pola horizontalidade que dá idea de extensión, de aplanamento,
de estar a rentes do chan.
Coscentemente ou
non, estas casas semellan responder â idea marxista: igualdade, nivelación,
depresión do esprito, afogamento da iniciativa, solagamento da persoalidade no
abstracto coleitivo.
A segunda nota ideolóxica trata do Americanismo. Risco afirma que os alemáns “viven
nun pasmo ademirativo cara Norte América” encubridor da xenreira, da
envexa, do devezo de emular a potencia económica americana, base da supremacía.
O Marxismo, en
cambio, lonxe de ser inocuo como o americanismo, produce en Risco unha grande
inquietude. El afirma que esta ideoloxía naceu da aversión que os pobres senten
polos ricos. A aristocracia do sangue é indiscutible porque posúe prestixio
natural; a aristocracia dos cartos, en cambio, provoca xenreira.
En esencia, Risco maniféstase hostil co marxismo porque matou
a ledicia de vivir ao propugnar a perda da fe no sobrenatural e substituíla
polo materialismo.
O Marxismo, a
doutrina máis tristeira, máis moura qu’endejamais s’inventou no mundo, fixo infinitamente
desgraciadas a unha chea de geraciós qu’agardarán cuspindo fel a que chegue o
dies irae do proletariado, e que, se trunfan, agardarán ainda inutilmente, co a
y-alma envenenada de carrage, o advenimento do paradiso terrestre que non ha
chegar endejamais.
O marxismo tamén pretende acabar coa guerra entre pobos
para substituíla pola guerra de clases ou guerra civil: “Procrama a fraternidade universal... dos traballadores e o
aniquilamento dos burgueses”. Os pacifistas asumen os postulados do marxismo
e rexeitan a guerra exterior por ser inxusta, pero non claman do mesmo xeito
contra a revolución interior. Esta é a ideoloxía do Cosmopolitismo, que procura
a paz universal e a solidariedade económica, e resulta propia de grande parte da
intelectualidade xermana e en particular dos pensadores xudeus.
Outro aspecto ideolóxico é o Sexualfrage, que Risco identifica co vicio fomentado pola bioloxía
e a psiquiatría freudiana.
O que chaman amor
libre non é mais que vicio libre (...) a virgindade, o casamento, a fidelidade,
os fillos, son cousas que requiren alma (...) istes probes d’esprito, istes
cobardes, istes egoistas que compoñen o mundo moderno (...) son menos homes
qu’os d’enantes; o que queren é aforrar traballos e darlle gusto ao corpiño.
Mentres en España os intelectuais de esquerda afirman que
a Xuventude debe ser avanzada, en
Alemaña os mozos asumen os valores tradicionais: patria, raza, imperio, deber
militar, deus. Xa que logo, son contrarrevolucionarios.
Todo alemán é Nacionalista
con independencia da súa ideoloxía. Alemaña é unha unidade étnica e
lingüística; por iso teñen dereito a confundir nación con estado.
Risco resume o Nacionalsocialismo
con tres palabras: mocidade, clase media e contrarrevolución. O autor expón no
libro a retórica nazi.
A reacción vital da
nación alemana, emponzoñada pol-o formento marxista, comesta pol-os judeus,
esmagada pol-o capitalismo internacional e pol-os vencedores de Versalles e que
se quer ceibar pol-a unión e o sacrifizo na ideia da Patria encarnada no Estado.
Risco considera o nacionalsocialismo unha barbarie, pero
xúlgao condescendente por ser a única forza europea capaz de se opoñer con
eficacia ao marxismo.
Tamén afirma que ningunha bandeira pode ser máis popular
na Alemaña deste tempo có Antisemitismo.
El mesmo maniféstase abertamente antisemita pois considera os xudeus unha forza
desorganizadora; o lévedo da disolución social: “A
economía do diñeiro foi o principio da destrución das sociedades cristiáas
pol-o judaismo”. Neste capítulo repasa de un a un todos os tópicos sobre
os xudeus, resumindo cunha afirmación toda a súa xenreira: “Coma se sabe, tamén o comunismo é judaico”.
Por último, Risco remata cunha exhortación que concita
todos os seus temores:
A sociedade moderna,
decadente, materialista, estragada pol-o marxismo, pol-o freudismo, pol-o
nudismo, pol-o capitalismo, quer e non pode vivir sen Deus (…) Aínda así e
todo, teósofos, ocultistas, espiritistas, gente que perdeu a Deus por culpa dos
outros, dos filósofos, dos homes de cencia, andan desesprados en precura d’Il;
cecais non estean tan tolos, cando pol-o menos o buscan, namentras qu’os
outros, os marxistas, os freudistas, os mecanicistas, camiñan sen Il coma se
tal cousa. Cecais os tolos señan istes.
(1)
Fonte da
imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(2)
As
achegas de Risco na revista Nós incluídas no libro Mitteleuropa correspóndense
cos seguintes números: 79, 81, 82, 83, 86, 88, 89, 92, 96, 100, 102, 104, 105,
106, 107, 110, 111, 112, 119 e 120.
(3)
Os
números da revista Nós que inclúen as achegas non editadas como libro son os
seguintes: 122, 123, 124-125, 126-127, 128-129, 131-132, 134, 135, 136,
137-138.
(4)
Felipe Fernández Armesto. Correspondente de La Vanguardia en Berlín.
Escribía baixo o pseudónimo de Augusto Assía.
(5)
Lois Tobío Campos. Escritor, diplomático e membro fundador do Seminario de
Estudos Galegos. En 1930 gozaba dunha bolsa económica para ampliar os estudos
de dereito en Berlín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario