sábado, 21 de xuño de 2014

O POEMA DA CRUÑA



O POEMA DA CRUÑA / Rubinos, Xosé
16 de setembro 1933
NÓS Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
67 p ; 17,5 cm.

O poema da Cruña escrito por Xosé Rubinos Ramos e con portada de Camilo Díaz, foi impreso por Nós na rúa do Vilar de Compostela en setembro de 1933.

Rubinos, xesuíta e membro de honra da Academia Galega, exerceu como profesor en varios países americanos e particularmente en Cuba, onde traballou ao longo de trinta anos antes de ser expulsado en 1961 polas novas autoridades revolucionarias.

Como autor deixou unha ampla obra literaria escrita en galego e castelán, alternando a poesía, a narrativa e o ensaio.

O poema da Cruña ábrese cun prólogo poético do irmán do autor, Antón Rubinos.

...«Poema da Cruña»
cunchiña galaica
ond’o irmán querido
as bágoas gardara...

Os versos do libro evocan con saudade o lugar onde transcorreu a infancia do poeta. Antón recorda esta ausencia:

Lonxe da terriña
irmán da miñ’alma,
lonxe da terriña
non sei cómo cantas

Rubinos dedica O poema da Cruña á Virxe das Dores, de San Nicolás da Coruña:

(...)Eu quixera que estes meus versiños foran pérolas enfiadas en ouro para as poñer nas mans tuas (...)

En Bogotá, en Quito, en Panamá, n’Habana, máis sobre todo, na Cruña que levo conmigo no corazón. 1933.

Nos versos fálanos da tumba de Moore, do castelo de Santo Antón, da Torre de Hércules...

Cal forte xigante vestido de pedra
sobre os penedos e o mar sempre gardas
â Patria que pode afiuzada durmir.
Ergueita e calada, costante e no posto
és torre fidele.
Galicia é así!

Tamén recorda os areais do Orzán, Riazor, As Lapas e Santa Cruz.

As ondas ruben, as ondas baixan
sobre da area:
Sobre da i-alma ruben e baixan
ondas acedas.
As ondas suben sobre d’arosa
que fai moreas:
Sobre da i-alma que está enrugada
os dôres chegan.
As ondas baixan deixando chá
leito d’areas:
Os dôres vanse deixando a i-alma
sin ruga é bela.

A fonte grande de Santo Andrés simboliza a infancia do poeta.

(...) Fontes de mármore e cristal, con frores,
cintilantes e nídias;
mais para min ningunha máis fermosa
que tí, fonte miña!

Sempre que bebo n-esas fontes, sinto
unha sede na i-alma.
Fonte de San Andrés: para esa sede
só serve a tua i-auga!

A sensibilidade humanizadora dos poemas (franciscana di algún dos seus críticos) está presente nos versos onde lembra o xardín de San Carlos.

Todo afundiuse na fonda escureza,
afóndase todo n-un fondo calar;
só un paxariño
que aniña n-un teixo
tira sua testa debaixo das áas
e póndose â beira do niño nos chía:
Que doce é a paz!

Tamén hai versos tinxidos dun aire épico, como os que recrean a fundación mítica da cidade por unha expedición grega.

D’unha dourada ínsua d’Hélade, unha nao branquiazuosa
Cal carcax chea de frechas, chea de guerreiros soa.
Van fundar unha cidade n-outra patria feiticeira.
Ousada a nao vai sair; despregadas ten as velas;
o nobre xefe de todos, sobre a maxestosa nao,
de pé, na ponte, pidía con gran voz ao ceo ollando
unha sinal que fixéselle entender cal o chan fora
no que baixar podería da nao branca e azuosa,
e vivir cos seus guerreiros (...)

Por último, o poema Trasacordo resume con nitidez os sentimentos que motivaron a escrita do libro.

N’hourizonte as nubes pousan;
a noite érguese do mar,
e sobre a i-auga calada
astros vense cintilar.

Como o mar a i-alma miña
n-un fondo pouso ficou;
e como astros brilan n-ela
lembranzas do que pasou.

Aos ollos caladamente
as bágoas sinto rubir,
e por cal lembranza choro
non sabería dicir...

(1)    Fonte da imaxe de Xosé Rubinos: palabranueva.net



Ningún comentario:

Publicar un comentario