sábado, 17 de maio de 2014

TERRA DE MELIDE



TERRA DE MELIDE / Varios Autores
7 de xuño 1933
Editorial NÓS. Rúa do Vilar nº 15. Santiago. Galicia
737 p ; 27 cm.

A obra colectiva Terra de Melide, publicación do Seminario de Estudos Galegos, foi impresa por Nós na rúa do Vilar de Compostela en xuño de 1933.

Este foi un dos primeiros volumes saídos do novo e definitivo enderezo da editorial Nós na rúa do Vilar, logo de deixar a casa das Hortas onde Casal instalou o seu obradoiro ao abandonar A Coruña en 1931. Nunha carta de abril de 1933 o editor dá conta do traslado ao seu irmán.

Por fin xa deixamos a rúa das Hortas i-estamos istalados na Rúa do Villar, 15; temos instalado o taller agora falta arranxar a tenda e ir a Pontevedra pol-a máquina plana despois ha quedar unha cousa xeitosa. (1)

Se a colaboración co SEG foi un permanente salvavidas diante dos atrancos económicos que decote padeceu Casal, o acordo de publicación do volume Terra de Melide tivo unha importancia decisiva na supervivencia da editorial.

En Sant-Iago de Compostela, a dazaseis de Maio do mil novecentos e trinta e un.
Don Salvador Cabeza de León, presidente, en nome do Seminario de estudos Galegos e Don Anxel casl editor acordan o seguinte:
   1º Don Ánxel Casal comprométese a imprentar a obra “Monografía de Melide” cuio orixinal lle entregará o Seminario d’Estudios Galegos.
   2º O Seminario, representado pol-o seu presidente Don Salvador Cabeza de León pagará a Don Ánxel Casal a cantidade de 16 pesetas por prego aprosimadamente, escruidos os fotograbados e o papel, e a encadernazón.
   3º O número de eisemprares a imprentar será de 500.
   4º O seminario entregará de momento ô Sr. Casal a cantidade de duas mil pesetas, outras duas mil ô mediar a impresión e o resto da cantidade que resulte ô finar, a conta do importe total da edizon.
Sant-Iago, 16 de mayo de 1931. (2)

A proximidade ao SEG, o seu mellor cliente, e tamén aos autores do Seminario, principais colaboradores e tamén compradores dos produtos manufacturados pola editorial, con seguridade pesou na decisión de Casal de trasladarse a Compostela pouco despois de asinar o contrato para a edición do volume Terra de Melide.

O traballo de investigación previo á edición da monografía comezou catro anos antes da impresión. O extracto das memorias do Seminario de Estudos Galegos (3) inclúe a seguinte referencia no curso 1926-27

O Seminario enceta as suas campañas de investigación nas diversas terras de Galicia. Previa unha laboura libresca de tres cursos, os investigadores sinten a necesidade de traballos campesíos que abrangan o conxunto das actividades do centro. Deste xeito xurden as misións do Seminario.

Estas misións do SEG foron dirixidas en primeiro lugar por Constantino Candeira (4) e posteriormente por Xesús Carro (5). Ambos foron os directores sucesivos da sección de Arqueoloxía e Historia da Arte. A primeira das misións desenvolveuse en Monforte en 1926. En 1927 tivo lugar outra misión no Carballiño e Ribeiro de Avia, e no verán de 1928 comezou o estudo da terra do Deza.

A primeira referencia ao traballo de campo do Seminario na terra de Melide corresponde ao mes de xuño de 1929. Estas xeiras conxuntas prolongáronse ao longo de tres campañas, amais dalgunhas visitas esporádicas das seccións do SEG.

En 1933, ano da impresión de Terra de Melide, conclúen as investigacións sobre a parroquia de Velle (6) – segunda obra monumental do SEG logo da publicación de Terra de Melide – e continúan os traballos na terra de Deza, malia que a terceira monografía non chegou a ver a luz debido á desfeita do Seminario e a persecución dos seus membros en 1936.

Este carácter colectivo da monografía Terra de Melide fica de manifesto na introdución da obra.

   O Seminario de Estudos Galegos seguindo a arela e o programa emprincipiado co estudo da Terra de Deza, ainda en preparación, adicouse no correr do ano 1929 â Terra de Melide nos diferentes aspeitos (Xeografía, Arqueoloxía, Hestoria, Etnografía, Folk-Lore) que eisixe o coñecimento d-unha rexión natural.
   Foi escolmada a terra melidán pol-o seu recoñecido intrés arqueolóxico i hestórico e pol-a posición central na Galiza, ben que cumprindo un dos fins da nosa institución, todal-as rexións galegas terán de ser estudadas miudamente.

O esforzo dos autores e a extensión pouco habitual da obra en comparación con outros traballos do SEG (737 páxinas), fan de Terra de Melide o libro máis singular e representativo de todos cantos publicou o Seminario de Estudos Galegos ao longo da súa historia.


Orde dos traballos

A Terra de Melide
Ramón Otero Pedrayo
(Sección de Xeografía)
Pp. 9 – 29




-      Posición e demarcacións
-      Idea xeral do releve
-      Zona sub-montana
-      Penichán
-      Ribeira e bocarribeira ullán
-      Rexión do sistema do Iso
-      Os pobos
-      Paisaxes xeográficos
-      Os camiños antigos

Prehistoria de Melide
Florentino López Cuevillas
(Sección de Prehistoria)
Pp. 33 – 134




-      Bibliografía
-      As mámoas
-      Os obxetos de cobre e bronce
-      Os tesouros da edade do bronce
-      O catálogo de castros

Notas históricas
Antonio Taboada Roca
(Sección de Historia)
Pp. 137 – 250




-      A terra de Abeancos
-      A nobleza

Arqueoloxía relixiosa de Melide
Xesús Carro García
Emilio Camps Cazarola
Xosé Ramón Fernández Oxea
(Sección de Arqueoloxía e Historia da Arte)
Pp. 253 – 322


-      Eirexas románicas
-      Época e arte indetermiñados
-      Eirexas oxivás e barrocas

Estudo etnográfico da Terra de Melide
Vicente Risco
(Sección de Etnografía e Folclore)
Pp. 325 – 425




-      A cultura material
-      Vida social
-      Arte popular

Folklore de Melide
Vicente Risco
Amador Rodríguez Martínez
(Sección de Etnografía e Folclore)
Pp. 427 – 425



-      Creencias e práiticas relixiosas
-      Mitoloxía popular, leendas e feitizos
-      Cencia popular
-      Literatura popular

Folk-Lore musical de Melide
Eduardo Martínez Torner
Xesús Bal e Gay
(Sección de Etnografía e Folclore)
Pp. 539 – 566


 
-      Romances
-      Aguinaldos
-      Alalás
-      Berces
-      Cantigas
-      Bailes
-      Formuliñas máxicas ou conxuros infantís

Lembranza biográfica de D. Mateo Segade Bugueiro
Armando Cotarelo Valledor
(Sección de Historia)
Pp. 569 – 693




-      Familia de Segade Bugueiro
-      Primeiros anos de don Mateo
-      Don Matero catedrático e coengo
-      Segade Bugueiro arcebispo de México
-      Goberno da sede mexicana
-      Derradeiros autos de Segade en México
-      Volta de Segade a Hespaña
-      Segade Bugueiro arcebispo-bispo de Cartaxena
-      Fundación da Obra Pía de Melide
-      Vicisitudes da fundación

O tomo complétase cun índice de lugares, outro de persoas e un índice xeral.

Podes ampliar a información sobre o proceso de publicación deste libro na ligazón:


(1)    Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. “O taller da imprensa e mais a librería que había contar con oficina, mostrador e escaparate.”
(2)    Ibidem anterior, segundo documento facilitado por Alfonso Mato.
(3)    Dez cursos de traballo. 1923-1934. Folleto conmemorativo do décimo aniversario da fundación do SEG. Imprenta Paredes Valdés. Pontevedra. 1934.
(4)    Constantino Candeira. Arquitecto e membro do SEG. A el débese a actual restauración da Praza da Quintana. Rafael Dieste dedicoulle a primeira edición d’A fiestra valdeira.
(5)    Xesús Carro. Cóengo da catedral de Compostela. Publicou traballos sobre historia e arqueoloxía. Foi membro do SEG, do instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e da Academia Galega.
(6)    Parroquia de Velle. Seminario de Estudos Galegos. Talleres tipográficos de La Región. Ourense. 1936.
(7)    Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(8)    Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: La Voz de Galicia, 14 de maio de 2012
(9)    Fonte da imaxe de Antonio Taboada Roca: farmacialopezrio.com
(10) Fonte da imaxe de Xesús Carro García: realacademiagalega.org
(11) Fonte da imaxe de Xosé Ramón Fernández-Oxea: foropolamemoria.info
(12) Fonte da imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(13) Fonte da imaxe de Eduardo Martínez Torner: blog.educastur.es
(14) Fonte da imaxe de Xesús Bal e Gay: Fundación Juan March
(15) Fonte da imaxe de Armando Cotarelo Valledor: bvg.udc.es


Ningún comentario:

Publicar un comentario