25 de xullo de 1934
Editorial Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Editorial Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LXIII
273 p ; 19 Cm.
A novela Os dous
de sempre escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi impresa por Nós en Compostela en xullo de 1934.
A edición deste libro o día de Galiza de 1934 coincidiu
coa impresión dos volumes O silenzo
axionllado (Ricardo Carballo Calero), A
romeiría de Xelmírez (Ramón Otero Pedrayo) e Os evanxeos da risa absoluta (Antón Villar Ponte), no que para Vicente Risco constitúe un feito destacado:
Falouse moito pra o
que s’adoita falar en Galiza dos libros galegos dos catro aparecidos o Día de
Galiza, catro libros deitados â rua n-un soilo día, coma quen deita na mesa os
catro reis n-unha xogada decisiva. (2)
Os dous de sempre foi tamén a única novela escrita por Castelao, quen até ese momento cultivou
principalmente a narrativa instantánea.
Sendo mozo pintóu,
dunha vez, una pola dunha mazaira frorescida, e pode asegurarse que naquela
soia pola ía pendurada unha primaveira chea de recendos e de chíar de paxaros. (3)
Ou como tamén dixo Risco:
Castelao é un artista dos contos que non son contos, pois cada un deles é unha
novela comprimida nunha páxina breve e intensa como o pé dunha caricatura,
recadando a síntese da vida enteira dun personaxe nunha soa liña. (4)
E Castelao utiliza esta mesma técnica na súa novela como
de novo apunta Risco, porque cada capítulo arredado dos outros constitúe un
relato breve independente, o cal representa un exercicio de virtuosismo
narrativo.
Os episodios van acompañados dunha ilustración do autor, como
tamén a capa onde alude á personalidade dos protagonistas: Pedro, quen vive a rentes do chan como a ra, deixándose ir sen tomar
decisións que encarreiren a súa vida e Rañolas,
o idealista identificado co paxaro, disposto a loitar malia estar condenado ao
fracaso.
Dúas vidas desgraciadas marcadas polo karma dos
perdedores que encerran unha reflexión universal como sucede en todos os
relatos do autor, quen conclúe que a felicidade consiste en tomar as rendas da propia
vida e saber conformarse en lugar de vivir nun degaro permanente.
O libro está dedicado aos mozos galegos.
Ós mozos galegos. Eu
quero adicarvos esta miña primeira novela. Fíxena para derramal-o tempo que me
sobraba, máis que para sentil-o gozo de crear unha peza de arte. Prestoume
horas de vida feliz e xa me daría por satisfeito co que me divertín ô
escrebila; pero foi maxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que
algo terá de bó. Estou seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e
tan miña que non podería oferecervos nada mellor.
Sinopse da obra
Pedriño, sempre
famento, foi vivir coa tía Ádega. “Endexamáis podía
ver comer sen pedir parte”. O seu mellor amigo era o Rañolas: “un
rapaz eivadiño das pernas, que andaba en crequenas, por tel-os remos
engoumados”. Tiña as pernas encartadas e para andar ás présas axudábase
das mans, andando a catro pés.
A nai de Rañolas botouno ao camiño en compañía duns
moinantes para gañar o pan amosando as súas eivas, pero o neno espeliuse e
fuxiu para pedir esmola nas feiras pola súa conta.
Diante da cruz de
pedra que se ergue nas Portillas, pousou a ofrenda d’un croio de seixo no
milladoiro, e sen mágoa de deixal-a terra da súa nascencia entrou con aquel de
conqueridor en terras alleas.
O mozo atravesou España e logo cruzou a raia de Francia,
tomando o camiño de Lourdes.
Entre tanto, o preguiceiro de Pedriño vivía ao servizo do
seu ventre vencido pola galbana dos vellos xubilados, até o día en que o
cacique da vila empregouno na oficina da Facenda por mediación da tía Ádega.
Entón comezou para el unha vida sosegada, amortecida entre a pousada e a oficina
pola ignorancia e a covardía.
Por aquel tempo Rañolas deixou a vida de esmoleiro en
Lourdes e chegou a París, onde traballou como vendedor de xornais e reloxeiro
autodidacta, mentres soñaba con montar unha reloxería na súa terra.
Pedro casou con Filomena e desde entón tivo que soportar
a sogra bourando nel decontino. Non era un home ruín, pero tiña o espírito
amolecido e non era quen de realizar ningún sacrificio.
Pedro chegou a non ser
home, e os roños da sogra caíanlle como pingas na súa i-alma de borralla.
Tocaban un pasodoble i-él marcaba o paso sen querer, rendido âs vountades
alleas.
Un día entrou o Rañolas na oficina da Facenda, encrequenado
e ben vestido. Agora tiña cartos, así que abriu unha tenda na vila e fixo
cortar as pernas engruñadas para poñer outras ortopédicas traídas de París.
Daquela despediron a Pedro da Facenda por ter cometido
pequenos roubos e tivo que emigrar á Pampa arxentina, onde fracasou, volvendo
coa familia para soportar de novo as aldraxes da sogra. So tiña acougo cando visitaba a
reloxería de Rañolas, quen agora era “un honrado
artesán, tomaba café, cantaba n’un orfeón e tiña voto”.
Nun arrouto Pedro estivo a piques de matar a sogra e aquel
acto de carraxe valeulle o respecto da familia. A mesma sogra procuroulle un posto
na oficina de consumos do concello e aquel traballo apazugouno, devolvéndolle a
felicidade.
Mentres, o Rañolas, ceibe das miserias, comezou a
simpatizar coas ideas anarquistas. Sabíase escravo do traballo e tiña saudades
do tempo en que vagou ceibe polo mundo, e aquela ira xorda rebordou cando fixo estourar
a casa con el dentro.
Na parede branca
salferida de miolos sanguiñentos, deixou Rañolas a súa despedida. Era unha soia
verba, escrita con letras grandes e mouras; ¡PROTESTO!
(1)
Imaxe de Castelao: realacademiagalega.org
(2)
Os homes,
os feitos, as verbas. Libros. A romeiría
de Xelmírez. Vicente Risco. Revista Nós nº 130, outubro de 1934.
(3)
Prosas galegas. As cruces de pedra na Galiza.
Florentino López Cuevillas. Editorial Galaxia, 1962. Vigo.
(4)
Os dous de sempre. Vicente Risco. Revista Nós nº 130. Outubro de 1934.