27 de xuño de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
134 p ; 17,5 cm.
O Estudante, terceira
e última parte d’Os camiños da vida,
foi impresa por Nós en xuño de 1928.
Os Señores da
Terra e A Maorazga son
novelas nas que Ramón Otero Pedrayo recrea
un mundo que coñece por referencia dos máis vellos. O Estudante, en cambio, é unha narración contemporánea. Os sucesos transformadores da sociedade rural son os mesmos que acompañaron a mocidade de
Otero. Mesmo os trazos psicolóxicos característicos de Paio Soutelo son reflexos autobiográficos do propio escritor.
Entre estes trazos cómpre citar o amor polo lugar onde
naceu, a fascinación espiritual que lle inspira Compostela e o descubrimento
dunha Galiza sempre presente, pero que non acabou de revelarse até ben entrada
a mocidade.
Os ollos
enchíanselle de bágoas, e o nome de Galiza púñalle nos beizos un infindo
feitiño dooroso e espranzado. Para domiñar a emoción apegaba a faciana â
vidreira pequeniña e ollaba pr’a rúa estreita de Mazarelos c’o seu farol
tristeiro. (2)
A épica dos primeiros volumes deixa paso agora a outro
ritmo narrativo máis vagaroso e mesmo intimista por momentos, gañando peso as
descricións do universo interior do protagonista.
Nos libros precedentes, Os señores da terra e A
Maorazga, Otero establece o ocaso da fidalguía rural; proceso imparable que
conclúe n’O Estudante, onde narra a descomposición das vellas familias dirixentes, empobrecidas e sen o
xenio que fixo posible a anterior hexemonía. Froito desta creba ha xurdir a
nova caste dirixente, que xa non asenta o seu poder na autoridade que dan a tradición
e a propiedade da terra, senón na facilidade para amasar os cartos.
Frente á pobreza de
matices da novela social que hoxe se nos brinda, esta epopeia en prosa dános
unha idea moi ricaz das tensións e relacións sociáis na Galicia das
revolucións, do estabelecimento dos comerciantes casteláns nas aldeas e as
construccións das novas estradas. (3)
Probablemente Os
camiños da vida sexa no seu conxunto non só a novela máis ambiciosa de
todas cantas escribiu Otero, senón tamén a de maior calidade.
Sinopse da obra
Paio, o
fillo do capitán Soutelo e Rosalía, a segunda filla de Xosé María de Puga, rematou o
bacharelato. Na casa administrada pola morgada minguan as rendas
O Paio sentía un
desacougo de cousas pequenas, urxentes. Tratos c’os labregos, a cama deixada de
boa hora pra vixilar as labouras dos eidos. Maxinaba â tía Ramoniña, d’acabalo,
c’un espolique camiño de Ribadavia pra gastar as horas mortas nos despachos dos
procuradores, comendo mal pra non gastar dabondo.
Paio quere estudar para coidar da nai e a tía. “Pois sería médico, e o médico ten forzas pra se impôr”.
Ao cabo trasládase a Compostela.
Nos mais días foi
realizando a descoberta da cidade. Aixiña se díu da complexidade de vida, de
paixós, de castes, de intreses, que s’afondía na grande vila de pedra orcelada
pol-as invernías.
Otero narra a emoción que producen en Paio o
descubrimento da cidade e os primeiros estudos, adubados polas trasnadas
algareiras dos estudantes.
Entre tanto, Ramona
goberna a casa da Pedreira con man firme, botando en falta o sobriño.
Cando o afillado
fôra home xa poría as cousas en regra (…) Estaban ben desamparados sin médico e
co’a botica desviada duas horas largas de camiño. ¿Quén se puña a il n’unha
noite perra! Moita falla facía o sobriño. Xa lle tiña todo pensado pra cando
viñera recibido de Sant-Iago. O despacho pr’as consultas, no corredor un grande
banco pra a xente que agardaba.
Tamén asistimos ao afundimento definitivo dos Doncos e a salvación dos Puga da man de
Ramona, quen dirixe con esforzo a casa nun tempo de mudanzas.
E moito cambia neses anos o val: mudan as vellas castes,
morren as videiras, desaparecen aos poucos as casas fidalgas… tamén chega o Castelán para poñer unha tenda.
Puxo na tenda un bó
mostrador pra despachar viño, bacallau, arroce, pemento, pan, pólvora, aceite,
e todal-as cousas qu’aixiña foronse precisando (…) Non tardaría en abrir un
forno de pan. O home era aproveitado, de poucas verbas, sempre precurando e
cavilando en negocios.
O castelán emprende negocios decontino e tamén compra as
rendas dos señoríos. Logo comeza a prestar cartos. Aquelas débedas enguedéllanse
na prosa do escribán e nunca acaban por saldarse.
O castellano e os
seus fillos (…) foron inzándose polo país, mais sempre isolados como unha
colonia estranxeira e espallando os circos de abutre dos negocios hastra abranguer
a mais d’aldeas as vilas espranzadas no seu primeiro pulo de desenrolo (…) Era
unha forza sotil, maina, temerosa, oposta ô aparato de valentía e maxeza, de
tradición e autoridade qu’hastra d’aquela mandaban na aldea. O mostrador impuña
un respeito que non conseguira a solaina nin o brasoado portal.
Paio volve a Trasouto
licenciado como médico para exercer no val, cumprindo así o devezo da tía.
A barba rizosa facía
resaltar a gravidade do médico novo. Mais, que boa man tiña pr’os enfermos!
Sentábase â cabeceira d’un probe leito, sin coidarse da miseria qu’as vegadas
lle choutaba pol-as mans finas, e contaba contos pra animar o enfermo. Sempre
recetaba meiciñas baratas feitas de herbas e cousas da casa e apontaba n’un
libriño pequeno que levaba no bolsillo.
O médico e o seu cabalo danse a coñecer polas as corredoiras
da contorna. Ao pazo chegan decontino os doentes.
«Vai a ser o dono do
país» dicían os vellos ouvindo trepar o cabalo pol-as congostras ou vendo o
médico embobando c’as suas falas á un fato d’homes. «Qu’importan os señorotes
lacazás d’outrotempo que soilo servían pra andar de farra, procurando os tocos
das boas mozas».
(1)
Fonte da
imaxe de Ramón Otero Pedrayo:
fundacionoteropedrayo.org
(2)
Os
camiños da vida. O Estudante.
(3)
Os
camiños da vida. Ricardo Carvalho Calero. Grial nº 52. Homenaxe a Otero
Pedrayo. Vigo, abril-xuño 1976. p. 259.