sábado, 30 de maio de 2015

A EIREXA DE SANTA MARÍA DE VIVEIRO



A EIREXA DE SANTA MARÍA DE VIVEIRO / Luís Tobío Fernández
1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago.
5 p ; 27,5 Cm.

A separata A eirexa de Santa María de Viveiro escrita por Lois Tobío Fernández foi impresa por Nós en marzo de 1933 como documento exento do número 111 do boletín Nós, onde tamén apareceu publicada.

Algúns dos textos incluídos na revista Nós entre os anos 1931 e 1934 tamén foron impresos como cadernos independentes, probablemente coa intención de facer medrar o catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Os traballos preséntanse encartados nunha cartolina e tanto a tipografía como o papel empregado nas reimpresións é idéntico ao usado na revista.

Tobío foi un dos nove mozos fundadores do SEG en 1923, e durante os anos vinte e trinta forneceu o catálogo do Seminario con varios traballos publicados no boletín Nós (2), ademais dunha colaboración no primeiro volume dos Arquivos do Seminario (3).

Revista Nós nº 111. 15 mar 1933
O pequeno estudo sobre a igrexa de Santa María do Campo comeza enumerando os conventos e igrexas instalados en Viveiro durante o século XIX, entre os que a igrexa de Santa María ficou como único templo románico logo da desaparición da igrexa de Santiago, que foi derrubada debido ao mal estado de conservación.

Chámase Santa María ou Nosa Señora do Campo coido que pol-o adral ampro e sombrizo e verdecente que a cingue.

A igrexa probablemente foi edificada na segunda metade do século XII e presenta tres naves, con bóveda de canón sobre a central e cuberta de madeira. O presbiterio ten planta semicircular e accédese a el a través dun arco de medio punto peraltado. O muro de cabeceira luce un rosetón circular e remata nunha espadana, mentres que a portada presenta tres arquivoltas de medio punto co tímpano liso, sen ornamentación, coroado por un novo rosetón.

 

Á unha e outra banda da portada principal hai duas torres, postas en data moi posterior; a da dereita, que é a do rilós, construéuse sobor da obra románica, mail-a das campás (que é a máis recente) fíxoa un sobrestante que tiróu a parte da obra vella, pondo entroques un adefesio que botóu a perdel-a eirexa.

A capela de San Gregorio, tamén chamada de Doce pola misa organizada tradicionalmente a esa hora instituída por doazón, ergueuse no século XV abrindo o muro para engadila ao corpo principal. É unha construción modesta edificada con arcos oxivais que agocha dous sartegos. Nun deles pode verse a seguinte inscrición:

lope afonso de gaymonde y aldonca: a su muger: fyzieron esta capilla era myl e cccc e vi anos
 
Na capela tamén está exposto un grupo escultórico primitivo en madeira policromada representando a Angustia coa Madalena e o San Xoán, que pode datar do século XV.

A sancristía é obra do século XVI e foi edificada en 1562 por doazón de Pero Pardo de Cela e a súa muller Leonor Vizoso de Baamonde.

Por último, na capela do Rosario, medianeira coa de San Gregorio, recóllense parte dos bens do desaparecido convento de San Domingos e particularmente unha imaxe da Virxe e un óleo do santo.

(1)    Fonte da imaxe de Lois Tobío: igadi.org
(2)    Unhas moedas castelás atopadas no Valadouro (Nós 22), A ladaíña de Santa Trega (Nós 93), Poñelo Santo. A verba “Farxácola” (Nós 93), Refreisións encol do momento aitual da Galicia (Nós 95), A eirexa de Santa María de Viveiro (Nós 111).
(3)    Aportazóns ó estudo da historia da pesca da balea nas costa da Galiza (Arquivos do SEG I, 1927)
(4)    Fonte das imaxes da igrexa de Santa María do Campo: 1. Turgalicia.es; 2. Guiacompleta.com/viveiro
 

sábado, 16 de maio de 2015

TRÍPTICO



TRÍPTICO / Antón Villar Ponte
25 de xaneiro de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36-1º. A Cruña.
203 p ; 17 Cm.

As pezas teatrais reunidas no volume Tríptico foron escritas por Antón Villar Ponte e impresas por Nós na Coruña en xaneiro de 1928.

O libro reedita tres obras que o autor identifica con outros tantos ámbitos de denuncia:

  • A patria do labrego (do caciquismo)
  • Almas mortas (da emigración)
  • Entre dous abismos (da superstición)

Villar escribiu A patria do labrego durante a súa estancia como boticario en Foz. A obra saíu do prelo en 1905 na imprenta Ramiro P. del Río en Luarca (Asturias) e foi estreada polo Cadro de Declamazón da Irmandade da Fala da Coruña o 7 de decembro de 1919, na sede da Irmandade.

Días antes, o 30 de novembro de 1930 o Cadro de Declamazón da Irmandade estreou tamén Entre dous abismos; obra editada por vez primeira en 1920.

Por último, en decembro de 1920 Villar rematou na Coruña a peza Almas mortas, publicada en maio de 1922 no terceiro número da revista Céltiga, editada pola Irmandade da Fala de Ferrol.

O primeiro dos textos, A patria do galego, conta ademais co mérito de inaugurar a Nova Dramaturxia Galega, mesturando estética e ideoloxía.

Con vocación dramática claramente enxebre, moderna e universal, érguese en paradigma textual dunha das correntes máis fecundas da creación teatral vernácula do século XX: a do teatro de ideas, de intención sociopolítica, de estética realista-simbolista e de temática cívico-moral, cinguida ó ideal de rexeneración humanística de Galicia. (2)

Mitin / Proceso en Jacobusland
Con esta obra comeza a corrente do realismo socio-político e que conta, entre outros, coa adhesión de Álvaro das Casas – Mitin, 1936. Último libro editado por Nós – ou máis recentemente Eduardo Blanco Amor – Proceso en Jacobusland, Pipirijaina nº 15, xullo-agosto 1980.

Villar fálanos de como os poderosos, representados polo cacique e o secretario do concello, enguedellan os labregos nos seus intereses contrapostos. Fronte a eles xorde a lucidez do vagabundo, símbolo da liberdade, quen renega da inxustiza promovida polos amos e da submisión dos labregos, que permite perpetuar os privilexios da caste gobernante.

Primeira ed. Almas Mortas
Almas mortas: novela dialogada cómico-tráxica, en tres estancias, ofrece unha visión crítica da emigración. No prólogo á edición orixinal Villar afirma poñer “o dedo n’unha das maores chagas aberta e sangrante na nosa terra” e coa intención de chegar ao maior número posible de lectores, optou por presentar o texto como unha novela dialogada en lugar de escribir un libro doutrinal. El mesmo fala de primeira man, pois “eu dígovos que teño «americanos» na familia, e que eu mesmo fun «americano»”.

A nosa probeza, o noso atraso â América lle son debidos á emigración. Emigran os brazos fortes i-os homes mozos, audaces, aventureiros, doados pra todal-as rebeldías. Fican eiquí os vellos, as mulleres sempre sofridas, i-os cobardes, os que cubizan redimirse do traballo manual facéndose señoritos... E así os Gobernos ¿cómo non han de nos abandonare si os galegos non somos por iso un perigo pr’a sua tranquilidade?

Entre dous abismos. Farsada grangiñolesca n’un paso. Feita ô correr da pruma e estrenada pol-o cadro de declamazón da Irmandade da Fala da Cruña é unha obra curta onde o autor aventa as desavinzas dunha familia para dicirnos que as aparencias enganan e a suposta paz do fogar non resulta tal.

Sinopse da obra

A patria do labrego

O fillo do tío Xan escribe desde a Habana contándolle que está informado da inxustiza cometida con el polo Señorito e o Secretario do concello, logo de negarlles o voto por medo a indisporse con algún deles. Agora o primeiro ameaza con botalos da casa e o outro subiulles os consumos. O fillo pídelle que viaxe a Cuba onde non hai caciques.

Rosa quere seguir os pasos do irmán, pero Xan é vello abondo para emigrar deixando atrás a terra onde están as súas lembranzas.

Rosa. ¿Qué necesidá temos, mi padre, d’estar feitos unhos escravos eiquí, ond’os ladrós d’os caciques faránnos pedire esmola moi axiña...

O Señorito entra na casa e atopa a carta de resposta, alcumando nel de ladrón. Daquela aparece Rosa.

Señorito. Lev’o diaño, si foras boa pra mín, deixaríavos quedar na casa, ¿entendes? Perdonaríavos o que teu pai non fose á votar por min nas eleuciós... Protexeríavos...

O cacique bótase a ela no momento en que entra na choza o Vagabundo, a quen pretende comprar cunha esmola. El rexeita os cartos.

Vagamundo. Vusté repersenta eso que chaman o ausolutismo, i-eu son a libertá. Vusté manda en todos, i-eu non mando en ninguén, ¡pro tampouco ninguén manda en mín! Son libre com’os paxaros. Vou á onde quero ir.

Entón marcha e ameaza denuncialos polas inxurias escritas na carta.

Xan. ¡Disgraceados, disgraceadiños de nosoutros! Mandarános ô cárcel. Como o xuez é posto por il, fará o que queira, o que lle pete...

Volve o Señorito e os caseiros humíllanse diante do amo. Anoxado pola inxustiza e o abaixamento, o vagabundo arrebólalle un pao na cabeza. Logo bota a carta no lume. Deseguida chega o porteiro do concello para embargar os bens do tío Xan.

Vagamundo. Tío Xan ahí ten a sua pátria: A patria do labrego. Isto, (Siñalando o Señorito) o caciquismo; e o fisco, aquelo (Siñalando a porta) ¿E inda non-a deix’agora? ¡Fuxa axiña! Eu, voume as carreiras: eiquí non pode vivir a libertade: eu son a libertade e bótanme como se fora un can doente.

Almas mortas

Pepe, o fillo do tío Xan, volve a Galiza logo de facer fortuna na Habana. Ven doente do estómago e na casa chaman por don Ramonciño, o médico da aldea.

Pola consulta de don Ramonciño pasan os dramas da emigración: o home forzado a emigrar pola súa familia; a muller que non soubo do marido en anos e agora, cos fillos criados, recibe carta del anunciándolle que volve doente; o avó que ficou na miseria logo de peñorar as leiras para pagar a pasaxe dos fillos e non volveu saber deles.

Don Ramonciño expón a súa doutrina contra os emigrantes retornados porque promoven o desleixo do xeito de vida tradicional, valorando o alleo por riba do propio. Pepe afirma que os emigrantes financian a construción de escolas, pero o doutor retrúcalle que os mestres transmiten doutrinas alleas á cultura do país. Ademais critica que os cartos dos americanos non promovan investimentos produtivos.

Son corpos sin alma paseiando pol-os xardíns ou pol-as salas dos casinos das vilas e pol-as estradas das aldeias: procesiós de corpos vivos; corpos en pena... Verdadeira compaña contr’a que os enxebres temos que facer os círculos tradicionaes pra defendel-a Terra dos seus exotismos postizos.

Entre dous abismos

A acción está ambientada nunha casa señorial na aldea. A familia reúnese arredor do cadáver de don Fiz. É noite e os ruídos do exterior semellan producidos polos espíritos.

Cando todos marchan, Lola confésalle ao cadáver do cuñado o amor que sempre sentiu por el. Daquela Fiz acorda logo dun episodio de catalepsia e promételle a Lola gardar o secreto.

Durante o velorio Fiz tamén descubriu que a súa muller Felisa ten un amante.

Fiz: ¡Vivo n’un fogar morto! Cando ía caer no negro abismo da eternidade (a Lola) salvácheme, para traguerme sin querer ô borde d’estoutro abismo terribel e fondo que nos arreda d’eles (Siñalando a Eduardo e Felisa, xuntos pol-o medo e distantes). Mira...

(1)    Fonte da imaxe de Antón Villar Ponte: Real Academia Galega
(2)    Na orixe da nova dramaturxia e do teatro galego moderno: A patria do labrego. Camilo Fernández en: Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Universidade de Santiago de Compostela. 1999.