martes, 2 de agosto de 2016

3 CONVERSAS



3 CONVERSAS / Álvaro de las Casas
16 de xullo de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
Volume XLVI
55 p ; 17 cm.

A peza teatral 3 Conversas do dramaturgo Álvaro María Casas Blanco foi editada por Nós en Compostela en xullo de 1931.
O libro reúne tres textos independentes:
  • O tolo de Lastra, dedicado a Domingo García Sabell (2)
  • Dente d-ouro, dedicado a Cándido Fernández Mazas (3)
  • A gabilla, dedicado a Federico Zamora (4)
Das tres pezas, a segunda delas, Dente d-ouro, apareceu publicada previamente no número 87 da revista Nós, en marzo de 1931.
O volume vai precedido dunha breve nota do autor.
Escribín estas tres pezas maxinando en vós, rapaces da miña Terra; en sonos que non ha fallar un fato de homes novos que as adeprendan pra botalas por estas aldeias adiante. É preciso loitar sin acougos pol-a redención dos nosos labregos, e o primeiro que se percisa e meterlles na ialma o sentimento da independencia que oxe non teñen.
Eu ainda penso que estas 3 conversas poden faguer algunha cousa pra erguer o esprito das nosas xentes campesías.
Revista Nós nº 87
Como resulta recorrente nos textos dramáticos de Álvaro das Casas, neles está presente a misión redentora das elites galeguistas diante do desleixo do país e a utilización do teatro como medio para remover conciencias, coa intención de promover o idioma galego entre a burguesía vilega e achegar o ideario galeguista ás aldeas gobernadas pola caste caciquil, modeladora de conciencias, quen impón á comunidade as normas do social e politicamente tolerable.
Álvaro das Casas foi un dos principais fornecedores de textos para os cadros de declamazón, formados por afeccionados e que tiñan a misión de representar as obras por todo o país.
Tendo en conta estes obxectivos, as obras adaptábanse para ser representadas por cadros reducidos e con escasos medios escénicos, primando o aspecto ideolóxico sobre o artístico.
No caso concreto de 3 conversas e como se desprende da nota previa, Álvaro das Casas escribiu os diálogos para que fosen representados polos rapaces de Ultreya, asociación das mocidades do Partido Galeguista fundada polo propio autor.
Sinopse dos textos
O tolo de Lastra
Un camiño, aberto nas laxes, entr-as pretas longuras dos piñeirales; no fondo, lameiros enlodados e penedías esgrevias. Serán outoniza e tristeira, con quenturas de sol equinocial.
O tolo, un mozo de trinta anos para os corenta, e O vello, quen rolda os setenta, atópanse no camiño.
O Vello. Por veces falas como un home de xuicio, pro por veces nin o demo che entende.
O Tolo. Cambeou o vento, cambeou a vitela, e a xente anda á rillar, cada un onde pode. Vostede e mais eu, como non pintamos na políteca, temos que rillarnos os osos.
No discurso do Tolo hai un fondo político: clama pola revolución, pola loita entre os que non teñen nada e os ricos e poderosos, amparados polo exército e a igrexa.
O Tolo. Levamos media dúcea de séculos aldraxados, e ten que correr moito sangue. Non se pode perdoar cousa mal feita, e por outra, a xusticia ten de encomenzar pol-os probes que treizoaron a pobreza.
Os aforados saldaron centos de veces o valor dos eidos; os caseiros traballan terras alleas que os amos nin sequera coñecen, sempre baixo a ameaza de botalos e ter que ir pedir polas portas; ao médico, ademais de pagarlle, hai que darlle o voto para que atenda ben as doenzas; o bispo vive a conta da freguesía e o abade, home de ben, non se beneficia destas riquezas; os frades do mosteiro concértanse co cacique para gobernar as conciencias; un garda civil gaña tres veces máis ca un mestre; Uns poucos son donos de todo.
O Tolo. E nós non temos nin fontes, nin camiños, nin cartería, nin nada, e pagamos unha punta de contribución pra qu-en Sevilla teñan un porto. Está ben feito?
O Vello. Tampouco, recristo.
O Tolo. Ujujú. Puñín, puñeta; catro caciques a peseta. Vostede é home morto. Si ten fillos, que merquen os panos pretos. Calquera día acantázano nos camiños. Talmente fan comigo. Esí falo eu, e chámanme todos o Tolo de Lastra.

Dente d-ouro
O sagrado de San Mamed de Caseiroa, todo en roda da irexa. Nun recanto unha cerdeira encheita de cereixas a pingar sobr-as campas, brilantes na lua. Meia noite.
Vaiamodo, Rebeque, Caramuña e Dente d-ouro organizan unha festa sobre as lousas do adro. O vello Vaiamodo láiase do lugar escolleito para facer a esmorga.
Vaiamodo. Rematade logo, condenidos; desta acabades comigo. Pensade que temos eiquí á toda a nosa xente, â beira nosa, e que nos están ouvindo e ollando por baixo da terra. Tende delor de min que teño eiquí toda a miña vida.
Os esmorgantes percorren o camposanto recordando os mortos coñecidos. Ao chegar diante da cova do pai, Dente d-ouro saca os ósos da terra e ensínallos a Vaiamodo.
Vaiamodo. Non quixera dicerte nada. Por... non-o tomes á mal. Non me collas tema. No logar ninguen sabe... É que teu pai... son eu!
Dente d-ouro recóstase sobr-a crús da campa, e fica morto com-unha moneca de guiñol. O Rebeque e mail-o Caramuña, rin como doidos.

A Gabilla
Unha chavola aldeán, xa fora do lugar, no camiño vilego. Na porta, traballando no seu, Mincho o zapateiro.
Don Xaquín ven pedirlle o voto a Mincho.
D. Xaquín. E tí, xa diches o voto?
Mincho. Pol-o dagora ainda non.
D. Xaquín. Pois olla o que son as cousas; aínda onte se falou deso e houbo quen xurou que xa contaba contigo, Eu xa dixen: o que ê Mingos non me falla; ao cabo saqueille ao fillo de quintas, rabaixéille o consumo...
Don Xaquín, o avogado, pídelle o voto para os liberais de Romanones, pero el respóndelle que o señor importante terá que vir coñecer as miserias da aldea se quere o voto.
Mincho. E que a min non m-entra nos miolos este traballar por quen un non coñece nin quere saber de nós. Eu o que digo é que se faga vostede deputado e o meu voto non ll-ha fallare. Vostede sí. Vostede vive na terra, coñécenos á nós todos, sabe das nosas angueiras e pode falar en Madrí das nosas tristuras. Ao Romanones que o fagan deputado por Madrí; eu non hei d-ire alá faguerlle a contra.
Don Lois, o médico, pasa tamén pola casa de Mincho e pídelle o voto para os conservadores de Bugallal. Respóndelle como a don Xaquín.
Por último chega Xan e ofrécelle votar por el.
Mincho. E que... eu non teño partido.
Xan. Tampouco o teñen eles. O partido que teñen eles és tí e máis eu, e nos arrevirámonos e votamos por nós.
Mincho. E que... eu non sei gobernar o concello.
Xan. Tampouco saben eles. Quen goberna é o segredario, e ô segredario pagámoslle nós e ten de nos servir.
Daquela volven o médico e o avogado, e Mincho pídelles o voto.
Mincho. Apreséntome pr-o concello. Vostedés pensan vire comigo?
D. Lois. Toleou! (vaise)
D. Xaquín. O coitado xa non dá conta de sí (vaise)
Mincho. (berrándolles) Pois preparáivos, gran canalla, qu-ides saber quen somos. Acabóuse a cuchipanda, raposos. Ei rapaces! Poñede man nos mallos que imos a escorrentar a esta gabilla solta.
(1)    Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2)    Domingo García-Sabell Rivas. (Compostela, 1909 – A Coruña, 2003). Médico, político, escritor e intelectual galeguista.
(3)    Cándido Fernández Mazas. (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942). Pintor e escritor.
(4)    Federico Zamora Mosquera. (A Coruña, 1892 – 1978). Membro fundador da Irmandade da fala coruñesa e representante comercial da fábrica de calzados do republicano coruñés Arturo Senra. Xunto con Víctor Casas, tamén representante de Calzados Senra, Federico Zamora actuaba como contacto entre Ánxel Casal e os libreiros, aproveitando as rutas comerciais dos zapatos para distribuír os libros de Lar e Nós (información Xosé Mª Dobarro e Ernesto Vázquez Souza: Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos).