ESCUDOS DE
RIANXO / Alfonso Daniel Rodríguez Castelao – Fermín Bouza-Brey
Trillo
Seminario de Estudos Galegos
Nós, Santiago. 1933
Seminario de Estudos Galegos
Nós, Santiago. 1933
10 pp ; 28 cm.
A separata Escudos
de Rianxo, elaborada conxuntamente por Castelao
e Fermín Bouza- Brey, foi publicada por Nós en Santiago de Compostela en 1933.
O traballo escrito para o Seminario de Estudos Galegos apareceu publicado previamente no número 113 do boletín Nós, correspondente ao 17 de maio de 1933, número especial dedicado a Manuel Murguía no centenario do seu nacemento.
O texto desta separata corresponde a Bouza-Brey, mentres
que foi Castelao quen fixo os debuxos anos antes da publicación.
Rianxo, vila
mariñeira inzada de pazos, criada â soma do Señorío do grande poeta “Almirante
do Mar”, viu un día de diviño agoiro abrir no seu seo a fror verdegada dos
ollos de Castelao.
O artista cheo de
ilusión diante de todo o enigmático e xeroglífico, foi no vagar das craras
seráns arousanas apañando no seu lápis, como biobardos n-un meio mundo, os
blasóns comestos pol-o âr salgado das casas fidalgas e gardóu na gaveta o
deseño das vellas pedras, algunhas perdidas xa dende aquela.
O artista oferecéu a
sua obra ô “Seminario de Estudos Galegos” pra ilustrar no futuro as
investigacións heráldicas e xenealóxicas e hoxe aparecen eiquí en homenaxe ao
Petrucio que soerguéu os dereitos de Galiza ao longo dos camiños históricos.
O texto que acompaña os debuxos comeza loando a figura de
Castelao, poñendo en contexto a curiosidade que o levou a recoller no caderno
as labras de pedra do seu pobo coa obra literaria e artística.
Bouza- Brey tamén efectúa un breve percorrido pola
historia nobiliaria de Galiza a través das pedras de armas.
O poeta Paio Gómes
Chariño, señor de Rianxo, mostra no solar do Señorío os escudos que os que de
él veñen puxeron cas armas dos Chariños, Aldaos ou Maldoados que así se
fundiron n-unha común simboloxía de cinco lises, que eliminaron ao león dos
primeiros. Os Marqueses de Almeiras e Vizcondes de Andeiros que herdaron os
blasóns do Almirante, trouxeron sangue dos Figueiroas, Andrades e Faxardos que
os escudos rianxeiros representan unidos ôs Soutomaores gravurados n-unha
almea, no Campo das Cartas.
Revista Nós 113 - 17 de maio de 1933 |
As pedras evocan os vellos señores feudais que gobernaron
vilas e terras deica o século XVIII, entre os que cita os Aldao, Soutomaior,
Figueiroa, Andrade, Moscoso, Faxardo, Mariño, Pimentel e Ponte, entre outros.
Especialmente evocadora resulta a figura que representa
unha serea termando dun brasón situado na capela do Patrocinio de Rianxo, e
inevitablemente recorda o escudo de Galiza deseñado por Castelao, ademais de
decorar a capa de Sempre en Galiza.
Segundo Bouza-Brey, este escudo mestura as liñaxes dos
Moscoso e os Soutomaior, presentando tamén a curiosa figura dun can encadeado,
que podería representar as armas dos Oca.
Outros moitos foron
esnaquizados ou por incuria dos homes perdéronse pra sempre. Lembremos aqueles
que formaban parte do antigo castelo de Rianxo, desaparecido ao presente, cas
armas dos Soutomaores, Aldaos, Castros e Mendozas, e aqueles outros que
voltados do revés enlousan as rúas da vila mariñeira.
(1)
Imaxe de Daniel Castelao: realacademiagalega.org
(2)
Imaxe de
Fermín Bouz-Brey: carloscallon.com