A MODELO DE PACO ASOREY/ Xohan Xesús González
29 de setembro de 1933
NÓS Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago.
144 pp ; 17 cm.
A novela A modelo de Paco Asorey escrita por Xohán Xesús González Fernández(2) foi publicada por Nós en Compostela en 1933.
Esta é a terceira obra literaria do autor editada por Ánxel Casal, quen tamén imprentou as noveliñas Ana María (Revista Lar nº 13. 1925) e A filla da patrona (Revista Lar nº 25. 1926) e o folleto Regionalismo, nacionalismo, separatismo en 1933.
González desenvolveu unha intensa actividade durante a súa curta vida como mestre, político, avogado, xornalista, poeta, ensaísta e novelista. Mesmo experimentou coa edición da par de Arturo Cuadrado na librería Niké de Compostela, onde os lectores pagaban os libros unha vez lidos en función de se lles gustaran ou non. (3)
Tamén participou canda o terzo de Calo na columna de Sanfíns, formada por volta dos 200 traballadores das minas de estaño e volframio de Lousame e outras achegas recrutadas polo camiño, organizados para defender a República e enfrontar os golpistas en 1936. Ánxel Casal, como alcalde de Compostela, arengou os mineiros desde o balcón do concello na Praza do Obradoiro animándoos a dirixirse á Coruña, onde entraron en combate co exército malia ser rexeitados.
A González fusilárono en Compostela en setembro, como sucedeu con outros membros da columna que non puideron fuxir e pasar a zona republicana.
A primeira información sobre A modelo de Paco Asorei aparece na lapela do folleto Hacia una morfología de la vida gallega, publicado na tipografía de El Eco de Santiago en 1925 e onde o autor informa que traballa en varias novelas entre as que están A rayola (Novela rústica de loita) e Rosario Doval (Novela galega), das que non temos máis novas.Antes da publicación como novela, algúns fragmentos da Modelo de Paco Asorei apareceron no semanario El País Gallego, editado polo mesmo González en 1927.(4)
A modelo de Paco Asorei é unha noveliña romántica inzada de tópicos sobre desamor e a obstinación provocada polo orgullo, que na edición de Marcos Seixo en 2002 é considerada como a primeira novela erótica da literatura galega. De feito, nunca antes as relacións íntimas da parella, sempre baixo o signo da insatisfacción e o fracaso, foron detalladas tan explicitamente nunha novela galega.
Baixo esta trama amorosa loce sempre Galiza, na pedra de Compostela e nas praias do Barbanza. Tamén nos poetas e escritores mortos e consagrados, venerados polos protagonistas como gardas da esencia da terra.
... Sí querido
Alberto, sí. Todo cho contarei. Nada teño de acochar no meu peito, de cómo foi,
cómo se urdeu no tear da nosa vida aquela pasión tola que nos queimou as almas
ao través de tod’o noso eisistir.
No pazo de Presas, o vedraño artista e escritor Diego Antonio de Longarela fálalle ao sobriño Alberto do tempo en que amou a Lucinda de Gundisal en Compostela.
Diego cursaba o último ano na universidade ao tempo que escribía nun xornal cando recibiu unha nota agradecéndolle a crónica sobre os versos de Lucinda xunto coa invitación para visitala na casa de Aureavella. Meses máis tarde os dous son mozos e ela viaxa a Compostela para reunirse con Diego.
Por amar, por vivir
e por soñar, chegara Lucinda de Gundisal, unha tarde abrileira a Compostela
arroubada na quentura fonxe das primeiras gabanzas que a critica literaria
fixera ao seu primeiro libro de rimas sentimentaes.
A parella comprométese na capela da Corticela e días despois visitan o obradoiro de Asorei, quen había facer un busto de Lucinda.
Tiña este local
dreizado de cousas raras, antergas e caprichosas (...) fermosos pratos de
Sargadelos colgando das paredes, novelas dos millores escritores en alzadeiros
de séculos medievos (...) cadros de Abelenda, Lloréns, Sotomaior; dibuxos de
Castelao, lenzos de Carlos Sobriño e outros artistas de fama e renome.
O artista proxecta o busto con lama e a medida que avanza a obra Diego sente unha estraña atracción polo retrato, como se fose unha imaxe depurada e idealizada da mesma Lucinda, mentres ela experimenta celos da imaxe que ficará inacabada.
Lucinda deixa Compostela para volver a Aureavella e malia escribir acotío durante as primeiras semanas, logo as cartas deixan de chegar e ao cabo Diego atopa no xornal a nota do seu casamento.
Desd’entoncias non
pensei en máis mulleres, deime ao traballo e fíxenme un escritor que trunfou en
poucos anos. Logo me topei mimado por todo o mundo. Xurdíronme amigos,
compañeiros, azos, loubanzas. Todo canto puidera arelar. Crearame a ambición da
groria e tras da groria fun como un alucinado.
Diego emigra a América, onde medra a súa fama ademais de facer fortuna. Ao cabo de dez anos é “o escritor coñecido e lido por tod’o o mundo civilizado e culto” e viaxa a Madrid. Lucinda acode a visitalo. Nese tempo enviuvou, perdeu un fillo e a súa vida foi de fracaso en fracaso. Agora sobrevive escribindo para xornais e revistas.
Lucinda enferma e Diego ofrécese a acollela. Volven xuntos a Compostela e malia a amizade, entre eles non hai paixón.
Non teño máis alma
para tí que a alma d’un leal compañeiro. Non teño máis que iste corazón que
todol-os días che ofrezo, nin máis fogo. Pero loitaremos en percuro da nos
felicidá.
Por moito que teima, o amor propio impídelle amar a Lucinda. Ela procura recuperar o amor da mocidade, pero Diego ten “endurecido o corazón deica poñermo como un penedo de recio e de insensibre”.
A parella pasa varios meses no lecer demorado de Rianxo, paseando entre os piñeiros ou navegando na calma da ría de Arousa, como amigos inseparables, antes de volver a Compostela e alugar unha casa na rúa Nova onde pasar o inverno frío, insensible, canso, como a relación dominada polo rancor de Diego e a amargura de Lucinda.
Ao cabo ela marcha sabendo que nel prevalece o espírito de vinganza sobre o amor e nunca volven atoparse.
(1)
Imaxe de Xohán Xesús González: Wikipedia.
Fotografía publicada en Vida Gallega en 1928.
(2)
Francisco
Fernández del Riego no seu Diccionario de Escritores en Lingua Galega (Ediciós
do Castro. Sada. A Coruña. 1990) identifícao como Xoán Xesús González Formoso.
(3)
A factoría Niké de Arturo Cuadrado. Quique Alvarellos. La Voz de Galicia, 2018.
(4)
A modelo de Paco Asorei. Edición de Marcos Seixo. Edicións Xerais de Galicia.
Vigo. 2002