domingo, 1 de maio de 2016

AS ÉGLOGAS DO VIRXILIO



AS ÉGLOGAS DO VIRXILIO / Tradocidas por A. Gómez Ledo
29 de xullo de 1930
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50. A Cruña
84 p ; 18 Cm.

A tradución d’As églogas do Virxilio efectuada por Avelino Gómez Ledo foi editada por Nós na Coruña en 1930.
Gómez Ledo tamén traduciu as Xeórxicas, do mesmo autor – Os Catro libros das Xeorxigas. Virxilio; verquidos a lingoa galega por A. Gómez Ledo. Ins. Padre Sarmiento, 1964. Santiago de Compostela – e a Eneida – inédita. O manuscrito está depositado no mosteiro de Oseira –. Ademais publicou a Escolma de poetas gregos e latinos voltos en linguaxe galega – Ins. Padre Sarmiento, 1973. Santiago de Compostela –.
Unha escolma destas traducións apareceu entre 1930 e 1933 na revista Nós. (2)
Avelino Gómez Ledo foi un dos pioneiros da tradución galega das obras grecolatinas (3) e nos seus traballos rexeitou a tradución perifrástica, que preserva a beleza da forma conservando unicamente o sentido dos versos, optando pola tradución literal.
Xa que se s’ha de tradocir en verso non e posibre facel-o en calquera cras de versos, nos que habería que sacrifical-o millor nas aras do mais cativo; o rexo da expresión e do senso, en graza das comenenzas da rima asoballadora. Non hai pois outro romedio que botar mau do verso ceibe ou branco. (4)


Busto de Virxilio
Publio Virxilio Marón viviu entre 70 e 19 a. C. e foi protexido por Augusto, quen acreditaba nel o principal poeta do Imperio romano. Os seus textos máis coñecidos son as Bucólicas ou Églogas, poemas que celebran a natureza; as Xeórxicas, onde fala dos traballos agrícolas, e a Eneida, narración da historia de Eneas, fillo de Afrodita e heroe de Troia, quen chegou ao Palatino e emparentou cos latinos, devanceiros dos romanos.
Gómez Ledo afirma que as Églogas revelan a Virxilio como o poeta humanizador da natureza, capaz de darlle voz e “iso débese â taumatúrxica do inmenso poeta que, coa variña máxica do seu xenio, arrinca a todal-as cousas inanimadas unha fala chea d’armuñías e sentimentalidade que conmoven fondamente os nosos curazós”. (5)
Égloga primeira
Virxilio fala por boca do pastor Títiro en dialogo con Melibeo. Títiro volve de Roma logo de ser recibido por Augusto e obter a devolución das terras confiscadas polos soldados veteranos. Melibeo representa os pastores e propietarios de Mantua que non conseguiron a reparación.
Égloga segunda
Virxilio reproduce un idilio de Teócrito, poeta grego fundador da poesía bucólica. Os idilios son poemas dialogados entre pastores que sofren por amor. A égloga segunda narra o idilio non correspondido do belo Alexis e o pegureiro Coridón.
¡Rapaz belido, vente pr’acó, que eiquí che tran as Ninfas cestas de lirios cuguladas; olla que a Nais garrida está pra tí xuntando das violetas mouras e adormideiras, narcisos, frol d’acanto que ben ule, canela e moitas herbas recendentes, co mol xacinto e margaridas ocres.
Égloga terceira
Os pastores Menalcas e Dametas relean por saber quen canta mellor. Palemón actúa como xuíz da regueifa e, admirado, decreta que non hai gañador.
Sodes dinos tanto un com’outro da vitela, e quenes gustan do doce amor e d’il recéanse, ou sinten amarguexos desenganos.
Virxilio infórmanos que esta égloga foi ben acollida por Polión, quen admiraba os seus versos, e ben el ou Mecenas facilitaron o encontro co emperador Augusto.
Égloga cuarta
Está dedicada ao cónsul Polión logo de nacer seu fillo Salomino. Virxilio compuxo un oráculo profetizando o final da idade do ferro e o comezo dun grande tempo durante o mandato de Polión. Gómez Ledo interpreta a inspiración do poema no sincretismo entre as profecías xudías do seu tempo e a relixión oficial do imperio.
Baix’o teu mando, hastra o recordo seica, dos nosos crimes borraráse, e a terra ceibe de medo quedará. O miniño a vida ha recibir de dios, e ôs héroes e os deuses ollará, véndose antre iles: il rexirá o Orbe apacigoado co-as virtús do seu pai.
Égloga quinta
Dous pastores láianse pola morte dun mozo ilustre, identificado por algúns con Xulio César.
Namentres tire o xabalí pr’os cumios; o peixe ame os regatos; as abellas zuguen dos chuchameles; e, as cigarras mantéñanse do orballo... sempre o nome teu vivirá, e o teu honor e a grorea.
Égloga sexta
Virxilio describe a formación do mundo seguindo a cosmogonía epicúrea.
Pois il (Sileno) cantou, de que maneira foron repartidos no espazo os elementos, terra e ar, auga e fogo; e coma d’istes principios se formaron cantas cousas hai no cosmos: a redondés da terra entón s’endureceu: alí nos mares s’encerraron as augas; pouco a pouco tomaron forma os seres e pasmados viron ô sol tremelucir, os mundos.
Égloga séptima
A égloga conta a regueifa entre os pastores Coridón e Tirsis baixo o xuízo de Melibeo, por ver quen canta os mellores versos.
Égloga octava
Virxilio dedica os versos a Polión, quen por aquel tempo combatía unha rebelión na Iliria.
Pirmeiro con tres cintas de tres cores heite d’atar todo arredor tres veces, dispoixa outras tres veces darei voltas, arredor dos altares, conducindo o teu retrato. Ô Dios gústanlle os nones. ¡Ouh, versos meus, traédeme pra casa dendesde a vila, traédeme o meu Dafnis!
Égloga novena
Augusto volve a Roma logo da batalla de Filipos e reparte terras entre os soldados vencedores e malia non entrar na distribución, os eidos de Mantua foron ocupados polos soldados. Virxilio viaxa a Roma para obter o favor de Augusto e recuperar as terras, cousa que ao cabo conseguiu por medio dos seus versos. Esta égloga foi escrita mentres agardaba en Roma.
¡Que estemos vivindo inda, ouh Lícidas! dispois qu’un estranxeiro ¡quen-o dixera! ten as nosas agras, e dinos: “Isto é meu; vellos petrucios, fora d’eiquí”. E agora, asoballados e tristes, porque os tempos dan mil voltas mandámoslle o regalo dos cabirtos que ¡ogallá non lle fagan bon porveito!
Égloga décima
Versos dedicados a Galo, guerreiro e poeta, quen daquela mandaba tropas no Peloponeso e foi abandonado pola súa amada Lícoris, acompañando a Mario Agripa deica as beiras do Rin.
Eiquí fresquiñas fontes, eiquí prados docísimos, Lícoris; eiquí soutos, eiquí contigo a vida eu me gastara. Tolo d’amor por tí, tesme detido entre as armas do duro Marte, agora, exposto os dardos e adversarias furias. E tí, lonxe da pátrea, de mín lonxe, (non dera creto os ollos) solasmentes ¡coio de dura! enxergas as alpiñas neves i-os lazos do río Rin: gárdate das friaxes! ¡non seña que as xiadas tollan ises teus pes delicadiños!
(1)    Fonte da imaxe de Avelino Gómez Ledo: concellodechantada.org
(2)    Virxilio en galego. Revista Nós nº 84, Nadal de 1930. Elexías de Ovidio. Revista Nós nº 98, febreiro de 1932. Traduzón galega das Xeórxicas de Virxilio. Revista Nós nº 113, maio de 1933.
(3)    “A iniciativa tiña entón moi poucos precedentes. Entre eles hai que mencionar o de Xoán Antonio Saco Arce, quen publicara en 1886 varias traducións de poemas latinos na súa Gramática gallega . Xosé García Mosquera, Florencio Vaamonde e outros escritores publicaron máis traducións galegas de textos latinos e gregos a finais do século XIX e a comezos do XX, pero o traballo de Avelino Gómez figura entre os máis importantes”. Un pioneiro nas traducións ao galego dos clásicos grecolatinos. La Voz de Galicia. 12 de xaneiro de 2004
(4)    Virxilio en galego. Avelino Gómez Ledo. Revista Nós nº 84. 15 de Nadal de 1930.
(5)    Ibidem nota 4.
(6)    Busto de Virxilio, Parque Virxiliano, Nápoles. Fonte: wikipedia.org