A EIREXA DE
SANTA MARÍA DE MIXÓS E AS SÚAS ARAS ROMANAS / F. Bouza
Brey, M. Fontes Canal e X. Ramón Fernández Oxea
1 de novembro de 1928 e 10 de Nadal de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. A Cruña – Real, 36
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. A Cruña – Real, 36
11 p ; 28 cm.

Esta separata forma parte do catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos e ten a
particularidade de ser a única das editadas por Nós onde se menciona a
impresión dunha segunda edición.
Resulta habitual que Casal
imprima unha pequena tiraxe dos traballos elaborados polos membros do SEG para
entregar á institución e outro número menor destinado a atender os compromisos
dos autores, os cales ás veces solicitaban novas copias pagadas do seu peto.
Non obstante, as sucesivas impresións non xeraban outras edicións, como semella
ser o caso deste documento.
Ao tempo, moitos destes traballos tamén aparecían inseridos
no boletín Nós, como ocorre nesta
ocasión cos números 59 e 60 correspondentes aos meses de novembro e decembro de
1928.
![]() |
Boletín Nós 59 e 60 |
As monografías sobre a arquitectura das igrexas resultan
habituais entre os membros do SEG, e no primeiro dos boletíns podemos ler outro
estudo sobre Santa Eufemia de Ambía escrito
por Manuel Gómez Moreno e Xosé Ramón Fernánez-Oxea, encabezado
polo seguinte texto, probablemente de Vicente
Risco:
Os achádegos
d’eirexas galegas, anteriores â implantación da arquiteitura románeca en
Sant’Iago, con éisito tan soberán, van cundido, por sorte, e aínda caxeque ô
azar, de modo que agora poderánse engader tres ou catro mais, ben curiosas.
Mais esta sorte xustifícase razonablemente como premeo ô esforzo laborioso d’un
grupiño de galegos cultos, que sacrifican o seu tempo, os seus meios e aínda o
positivo do seu porvir, en ben da arqueoloxía patria, asegún pr’os lectores de
NÓS é ben notorio.
En setembro de 1928 e como remate da campaña de verán
dese mesmo ano, Bouza-Brey, Fuentes Canal e Fernández-Oxea, membros os tres da sección de Arqueoloxía do SEG, acudiron
deica a igrexa de Santa María de Mixós,
situada a catro quilómetros da vila de Verín,
seguindo a estrada de Laza.
A pequena aldeíña de
Mixós ten ademirabel emplazamento. Deitada n’unha ladeira de Monterrei, somella
descansar ô coido do sonado castelo namentras axexa a vizosa campía do val
dionisíaco que diante d’ela se desenrola co prestixio antigo das cepas
seculares queimadas ô sol.
Os autores establecen a demarcación parroquial histórica
da igrexa e, como non existen documentos referentes á data de fundación e o
máis antigo recolle unha doazón pola cal o rei Alfonso VII cede o lugar de Mixós ao mosteiro de Celanova en 1155, recorren aos elementos decorativos
para establecer a datación, por máis que da antiga fábrica da igrexa unicamente
se conserve a cabeceira, formada por tres arcos de ferradura prolongada,
mentres que o corpo da nave é de época máis moderna.
Os autores analizan polo miúdo a composición
arquitectónica dos arcos e as capelas que identifican coas construcións visigóticas,
e, non obstante, a disposición das tres ábsidas desbota a teoría porque as basílicas visigodas coñecidas teñen
unha única ousia.
As eirexas con tres
ousos, que responden â necesidade das tres advocazóns, que a protexen, comenzan
á apareceren ca arte chamada asturiana (...) agora ben, os ousos das eirexas
asturianas son sempre de planta cadrada interior i-esteriormente, cousa que non
sucede na eirexa de Mixós. (A planta dás ábsidas da cabeceira e cadrada por fóra e
redonda por dentro)
As únicas igrexas de cabeceira semellante á de Mixós son
as mozárabes, como a leonesa de San
Miguel de Escalada.
As molduras decorativas dos arcos remiten á arquitectura
asturiana, datadas entre os séculos IX e X.
Por todal-as
devanditas circunstanzas pômos en dúbida que a eirexa de Santa María de Mixós
sexa un edifizo de época visigótica i-en vista da sua marca analoxía cas
eirexas do ciclo asturiano, coidamos estar en presenza de unha basílica de tres
naves de este tipo na que hay elementos de mozarabismo (...) e quedaría datada
entre os fins do século IX e os comezos do X.
Ademais da estrutura da ábsida, a igrexa conta con pinturas murais que os investigadores
datan nos séculos XIII ou XIV e tamén dúas
aras romanas servindo de base ás lousas de altar, emprazadas diante das
capelas.
Nunha delas pode apreciarse parcialmente un epígrafe
labrado na pedra de grao. A primeira liña “BANDVE” alude a un deus do olimpo
celta que deixou pegada na toponimia galega en lugares como Bande (Ourense e
Lugo), Bandeira, Bandebó, Bandelo, Bandín, Bandomil... e a quen Murguía identificaba como o Marte
galego, se ben con carácter feminino, mentres outros investigadores asimilárono
en xeral coa palabra divino.
As seguintes liñas da inscrición están incompletas:
BANDVE
CAL .. CO
ER .. A
RVF ..
V. L. M.
A segunda liña pode significar CALAICO, mentres as dúas
liñas que seguen quizais formen o nome da persoa que dedica o monumento,
seguido do VOTUM LIBENS MERITO.
De xeito que a inscrición podería interpretarse como:
ERATA? RUFINA?
CUMPRIU BOAMENTE O VOTO MOI DEBIDO QUE LLE TIÑA FEITO A BANDUE CALAICO?
(1)
Fonte da
imaxe da igrexa de Santa María de Mixós: wikiloc.com