domingo, 17 de xuño de 2018

PRA VIVIR BEN DE CASADOS...


PRA VIVIR BEN DE CASADOS... / Leandro Carré Alvarellos
Biblioteca Teatral Lar
Lar. Rúa da Franxa, 34. A Cruña, 1928
24 pp ; 17,5 cm.

A peza Pra vivir ben de casados... Pasatempo nun acto, escrita por Leandro Carré Alvarellos, foi a última obra literaria editada por Lar antes de dar ao prelo o Dicionario Galego do mesmo autor, derradeiro volume impreso na editorial.

Esta é a terceira edición do libro impreso orixinalmente na Tipografía do xornal El Noroeste en novembro de 1919, cun formato máis grande que o actual e forma parte da Biblioteca Teatral Lar como segundo el último volume da colección inaugurada en 1925 por outra obra de Leandro Carré: O corazón d’un Pedaneo. (2)

Carré foi un dos continuadores da tradición teatral galega impulsada contra a fin do século XIX por algúns rexionalistas como Galo Salinas e dirixiu entre 1922 e 1926 a Escola Dramática Galega xurdida na Irmandade da Fala da Coruña, coa intención de formar os cadros de actores espallados por todo o país e fornecelos de textos modernos para normalizar o uso teatral do galego entre a sociedade urbana, rachando co rexistro chocalleiro onde ficara arrombado.

A sección de declamación do coro Cántigas da Terra, tamén dirixida por Carré desde 1917, representou por vez primeira este pasatempo o 10 de novembro dese mesmo ano no teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A función acadou un grande éxito segundo informa a prensa da época. (3)

Actores y autor oyeron muchos aplausos siendo llamado a escena varias veces al final de la representación, el joven Sr. Carré. La Voz de Galicia, 11 de novembro de 1917 (4)

Satisfeito coa representación, Manuel Murguía, presente entre o público, propuxo o nomeamento de Carré como membro da Academia Galega.

O coro Queixumes dos Pinos levouna tamén a escena no local  de Lavadores, en Vigo, o 19 de marzo de 1921 esgotando as entradas e programando unha nova sesión para o seguinte día.

Como o mesmo Carré recoñeceu anos máis tarde, esta obra foi o seu primeiro éxito literario.

Despois da representación de Pra vivir ben de casados escribín outras, que me eran solicitadas polas varias agrupazóns que naqueles tempos encomenzaron a actuar por toda Galiza: Ferrol, Betanzos, Vigo, Orense, Pontevedra, etc, etc. (5)

A obra recrea o ambiente rural, costumista e popular, para agrado do público e tamén dos antigos rexionalistas, amantes do teatro enxebre. Non obstante, os textos de sabor tradicional foron contestados por algúns dos novos escritores, e particularmente polo grupo lugués encabezado por Evaristo Correa Calderón e Xesús Bal e Gay.

Querer hacer patria a base de representaciones de “O zoqueiro de Vilaboa” o de “O corazón d’un pedáneo” sería pueril. No conseguiríamos más que reirnos de nosotros mismos, de lo que hay en nuestras costumbres de grotesca animalidad. (6)

E se ben é certo que Leandro Carré foi criticado polos vangardistas por consideralo un continuador dos novecentistas, o seu labor inxente contribuíu a revitalizar o teatro galego e particularmente os cadros de declamación das agrupacións corais, espallando as representacións por lugares onde nunca antes tiñan chegado.

Sinopse da obra

A acción desenvólvese nun acto único na cociña da casa de Chinto e máis Xila, pais de Rosa, onde Roque acorda coa rapaza casar antes do Entroido, sen revelar aínda o secreto que garda.

Pouco despois entran na cociña Chinto e Bras, tío de Roque. Rosa escoita a conversa desde un agocho.

Bras. Estou convencido de que na miña casa fai falla unha muller; e, naturalmente, tén que ser unha muller que estando na miña casa estea na sua, pra que ninguén teña que falar.

Ao saír, Bras fala con Rosa gabando nela, dándolle a entender que pode haber unha voda decontado. A nai teima en convencela de que Bras, malia ser vello, é mellor partido que Roque.

Rosa. Mire; non falemos mais d’eso. Eu deille palabra de casamento a Roque...

Chinto e Bras volven xuntos e agora o pai tamén ve cos bos ollos o casamento de Rosa e, temendo a decisión dos pais, a rapaza informa a Roque. O mozo acode falar con Chinto.

Chinto. De Rosa excusamos de falar; fai un pouco fixen trato pra o seu casamento c’un home de ben e de bês.
Roque. Pro, vosté dispón así d’unha filla... sen contar co’ela, como se fora...

Bras ten unha boa casa, leiras, montes e gando, mentres que Roque é un bo rapaz sen outro ben que a forza da xuventude.

Bras. Pro, decídeme unha cousa. ¿Estades tolos, ou coidades qu’eu perdín o xuicio? (...) ¡Maxinar qu’eu iba casar, â miña edá, e c’oa vosa pombiña pra mais! (...) Quero unha muller na miña casa... pro tamén quero un home. ¡Eu xa traballei d’abondo, e teño ben ganada a folganza pra o pouco tempo que me resta!

O tío mediaba no trato en favor do sobriño sen saber que os pais de Rosa non estaban ao tanto das súas intencións.

Bras. Eles irán vivir e gobernal-a miña casa, e en morrendo eu...
Xila. (A Rosa e a Roque) E vosoutros querédevos, que para vivir ben de casados, como haxa cariño.
Rosa. ¿Agora di eso? (rindo)
Xila. E tendo unhas vaquiñas na corte, uns cochos no cortello e unhas milleiras que dean pan e fartura ¡é escusado pedir mais!

(1)   Imaxe de Leandro Carré Alvarellos: portada de Enredos. Terra a Nosa. Bibrioteca Popular Galega. 1919
(2)   O Corazón d’un pedaneo. Leandro Carré Alvarellos. Imprenta Lar, A Cruña. 1925 (comentada neste mesmo lugar en outubro de 2012)
(3)   Reparto da representación: Rosa - Consuelo Boto. Xila - Xulia Pérez. Chinto - Xosé Amor. Roque - Cándido Durán. Bras - Ánxel García.
(4)   Citado a partir de: Leandro Carré un século de cultura e compromiso. Xosé
Manuel Maceira Fernández. Alvarellos Editora, 2014
(5)   Carta de Leandro Carré a Xesús Alonso Montero. 16 de decembro de 1975. Ibidem nota 4.
(6)   Evaristo Correa Calderon, 1926. Ibidem nota 4.