Celebramos a entrada número cen deste blog dedicado á memoria dos libros editados polas imprentas Lar e Nós, dando a coñecer dúas cartas inéditas de Ánxel Casal e Ramón Cabanillas que descubren aspectos interesantes sobre as súas actividades.
A primeira delas escribiuna Casal
en novembro de 1933 co obxectivo de establecer a correspondencia do boletín A Nosa Terra na Habana e distribuír os exemplares
que el mesmo editaba entre os emigrantes galegos.
1/XI-933
S. D. José A. González
Habana
Distinto señor: En contesta â sua
atta de 4 do derradeiro comprázome en lle adxuntar cinco exemprares de cada un
dos nºs. de A Nosa Terra pubricados dende que ista se convirteu en semanario,
ou sexa do 298 a
307, no sucesivo enviareille tamén cinco exemprares de todol-os números que
vaian aparecendo pois a pesar de canto vostede dí dos Galegos residentes en
Cuba coido que non lle ha ser difícil a sua colocación, mais tendo en conta o
seu cativo custe. Si fose necesario ampriar o número non ten máis que decirmo.
O importe dos mesmos sírvase remitirmo do xeito que lle sexa máis doado.
Aledandome de coñecer a un novo
loitador pol-a causa da Patria, ofrézome de vostede atte. s. s.
A. Casal
A Nosa Terra xorde como plataforma
de comunicación das Irmandades da Fala
nos últimos meses de 1916. O boletín imprentouse en diferentes obradoiros,
cambiando de formato e periodicidade ao longo do tempo. O número 271 (25 de
xullo de 1925) foi o primeiro dos impresos por Carré e Casal na editorial Lar,
na Coruña. En febreiro de 1932 o xornal constitúese no órgano de expresión do Partido Galeguista, e desde xuño de
1933 Ánxel Casal comeza a imprimir algúns dos números no baixo do número 15 da
rúa do Vilar de Compostela, onde estivo situada a editorial Nós. Todo leva a
pensar que foi alí onde Casal redactou o texto enviado ao correspondente en
novembro de 1933. (3)
A segunda carta enviouna Ramón
Cabanilas dirixida a Enrique
Peinador Lines, propietario do balneario de Mondariz (Peinador asina Linés,
malia ter transcendido o apelido sen acento gráfico. Cabanillas tamén dirixe a
correspondencia ao Sr. D. Enrique Peinador Linés).
Peinador Lines foi fillo de Enrique
Peinador Vela, fundador xunto co seu irmán Ramón do balneario de Mondariz, empresarios ilustrados todos eles e
identificados coa súa terra.
Algo que en Galicia era ben
insólito entón, e segue sendo hoxe. É certo que Galicia nunca tivo unha
burguesía galega, en contraste con Cataluña ou o País Vasco, polo que careceu
dun elemento dinamizador e progresista para aqueles tempos. Por iso, cando os
burgueses galegos eran tamén homes de cultura, tamén eran homes que se
identificaban co país, que protexían cos seus cartos a súa cultura. (4)
Carné do Partido Galeguista de Enrique Peinador asinado por Alexandre Bóveda |
Un exemplo desta protección cultural foi o mecenado sostido no tempo que Enrique
Peinador exerceu con Ramón Cabanillas, publicando boa parte da súa obra na
imprenta do balneario, ademais de contratalo como empregado.
Era habitual que os dous cruzasen correspondencia e o 27 de febreiro de
1921 Cabanillas enviou esta carta a Peinador onde, ademais de tratar o proxecto
de constitución dunha nova editorial, desvela unha cuestión de importancia para
coñecermos as motivacións que impulsaron unha das súas obras poéticas máis
coñecidas.
Sr. D. Enrique Peinador
Querido Enrique: Os de Vigo queren
que ti e Ceferino Maestú (5) tomedes a parte principal na seución do Ateneo que se
terá de ocupar da Editorial Galega: como él está faguendo de Alcalde e sen
maneira de botar man do “presuposto do Concello” para abrir o “capital inicial”
do choyo, farano presidente e préganme che pida con toda alma que prestes
asentimento a que te nomeen vice-presidente.
O meu sentir ê que chegóu a hora de
poñelo lombo e empurrar. ¿Quen sabe? Podia que d-esta demos no cravo e o Ateneo
sexa a primeira pedra do novo rexurdimento.
Sempre teu, de todo corazón,
Ramón Cabanillas
¡TERRA A NOSA!
Teño no (ilexible) unha cousiña moi bonitiña: unha cousa do
Rei Arthur relacionada c-o Cebreiro y-o Sant Graal: será, como ti querías, unha
cousa relixiosa: inda non sei que sairá máis o asunto e moi fermoso.
27 febº 1921
O texto ao que está a referirse Cabanillas son as sagas publicadas en A Nosa Terra nº 145 (agosto de 1921), Alborada nº 1 (maio de 1922), La
Temporada 7, 8 e 9 (xullo de 1923), Terra nº 2 (xullo de 1923) e Nós
nº 25 (xaneiro de 1926) (6), que
foron reunidas en 1926 pola editorial Lar e impresas na imprenta do balneario
baixo o título Na noite estrelecida.
Nós nº 25 - Albroada nº 1 - Na noite estrelecida. Edición Lar |
Agora sabemos que Peinador influíu para que nas sagas inspiradas nos textos
míticos da Bretaña e onde tamén está presente o simbolismo patriótico característico
da poesía céltica de Cabanillas, domine un sentimento relixioso primixenio que
caracteriza os feitos situados fóra do curso do tempo.
Os exemplos son numerosos e podemos citar algúns dos máis evidentes.
Incensado, antre os coros, o palio
arcebispal
adianta pola nave da santa catedral,
e cuberto de rendas e de báculo alzado,
sobre o peito tremente Xesús crucificado,
nos beizos dooridos fervorosa pregaria,
o prelado benzoa a espada lexendaria
e á beira dela, orante, agarda ó trunfador
que erga en ben da raza e en honra de El Señor (…)
adianta pola nave da santa catedral,
e cuberto de rendas e de báculo alzado,
sobre o peito tremente Xesús crucificado,
nos beizos dooridos fervorosa pregaria,
o prelado benzoa a espada lexendaria
e á beira dela, orante, agarda ó trunfador
que erga en ben da raza e en honra de El Señor (…)
A tal intre, énchese a ermida
dun resprandor de luar
e de anxos roibos, vestidos
de branco liño torzal;
un coa lanza da Pasión,
outro o incensario a voltar,
lexionarios de El Señor,
todos levan por siñal
unha cruz roxa no peito
e un lirio branco na man.
dun resprandor de luar
e de anxos roibos, vestidos
de branco liño torzal;
un coa lanza da Pasión,
outro o incensario a voltar,
lexionarios de El Señor,
todos levan por siñal
unha cruz roxa no peito
e un lirio branco na man.
Dos beizos a fror, o salmo
do seu degaro a pregar,
trasposto de amor diviño
alza a frente Galahaz.
¡Seus ollos ven o miragro!
¡Encol da ara do altar,
á luz infinda, relumbra
o cáliz do SANT GRIAL!
Estala un cramor de sinos,
frorece en rosas o chan
e a Pomba da Renacencia,
o Misterio a renovar,
desce do ceo portando
a verde ponla da paz.
¡Ó seu arredor, en circo,
doce estrelas a brilar,
fican voando quediño
enriba do SANT GRIAL!
do seu degaro a pregar,
trasposto de amor diviño
alza a frente Galahaz.
¡Seus ollos ven o miragro!
¡Encol da ara do altar,
á luz infinda, relumbra
o cáliz do SANT GRIAL!
Estala un cramor de sinos,
frorece en rosas o chan
e a Pomba da Renacencia,
o Misterio a renovar,
desce do ceo portando
a verde ponla da paz.
¡Ó seu arredor, en circo,
doce estrelas a brilar,
fican voando quediño
enriba do SANT GRIAL!
Outros versos, en cambio, mesturan os vellos deuses “mortos e esquecidos xa” cos símbolos da nova relixión,
abranguendo a extensión completa dun pobo sen comezo nin fin a través das súas
crenzas.
Caerleón, a cibdade das pedras
milenarias
ergueitas polos dioses vencidos das pregarias (…)
ergueitas polos dioses vencidos das pregarias (…)
Aceiro puro e virxe das entrañas da
terra,
cos lumes sideraes das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán temprado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impor unha crenza, siñalando o camiño
que por riba dos tempos leva ó trunfo diviño.
cos lumes sideraes das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán temprado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impor unha crenza, siñalando o camiño
que por riba dos tempos leva ó trunfo diviño.
Cabanillas recrea a lenda concedéndolle un lugar destacado a Artur, o rei santo, quen xunta os seus cabaleiros,
en virtude os mellores e na loita os primeiros,
amparo dos humildes, espellos de lealdade, sonados e valentes en toda a
cristiandade, e entre os albos paladíns distingue a Galahaz, o escolleito, porque garda o corazón puro e limpo de mal, e será el
quen ha trunfar na empresa da cristiandade.
El Señor foi servido, descendo do
seu trono,
encher de craridade as tebras do meu sono
e faguerme mandado de que os limpos de mal
terán de ir, penitentes, conquerir o SANT GRIAL,
o cáliz do misterio, a copa milagreira
onde a tráxica noite da Cea Derradeira,
ardendo en lume sagro, aceso polo amor,
súa sede de martirio apagóu El Señor.
encher de craridade as tebras do meu sono
e faguerme mandado de que os limpos de mal
terán de ir, penitentes, conquerir o SANT GRIAL,
o cáliz do misterio, a copa milagreira
onde a tráxica noite da Cea Derradeira,
ardendo en lume sagro, aceso polo amor,
súa sede de martirio apagóu El Señor.
(1)
Fonte da imaxe de Ánxel Casal: Ánxel Casal (1895-1936).
Textos e documentos
(2)
Fonte da imaxe de Ramón Cabanillas:
RealAcademiaGalega.com
(3)
Os números d’A Nosa
Terra imprentados por Ánxel Casal na editorial Nós son os seguintes: nº 240 (1
set. 1927) a nº 270 (1 abr. 1930); nº 298 (24 xuñ. 1933); nº 300 (9 xull. 1933)
a nº 302 (25 xull. 1933); nº 304 (6 ago. 1933) a nº 305 (13 ago. 1933); nº 307
(27 ago. 1933) a nº 314 (16 out. 1933); nº 316 (6 nov. 1933) a nº 331 (14 abr.
1934). Fonte: Ánxel Casal. Un editor
para un país. Coordinador: Alfonso Mato. Consello da Cultura Galega.
Seminario de Estudos Galegos. Santiago de Compostela. 2007.
(4)
Xosé Luís Franco Grande. Discurso no acto en
que se solicitou para Enrique Peinador a declaración de Fillo Adoptivo de
Mondariz-Balneario. Enrique Peinador
Lines. Burgués, empresario, galeguista, mecenas e filántropo. Fernando
Franco / María Celia Ameneiro Bravo. Galegos na Historia. Ir Indo. Vigo. 2006
(5)
Ceferino Maestú Novoa. Avogado e político
progresista membro de Izquierda Republicana que exerceu como alcalde de Vigo
entre 1920 e 1921. En xuño de 1936 aceptou o cargo de gobernador civil de
Huelva e malia ter renunciado ao posto antes do golpe de estado, foi fusilado
ao comezo da sublevación polas tropas de Regulares chegadas do Rif. Fontes: Galipedia, Nomes e Voces.
(6)
Na noite estrelecida. Edición de Xosé Ramón
Pena. Edicións Xerais de Galicia. Vigo. 1988. O texto citado segue a versión
ofrecida nesta edición, extraído das Obras Completas. Podes consultar unha
mostra do texto da edición Lar de 1926 na entrada: Na noite estrelecida, deste
mesmo blog.