venres, 28 de febreiro de 2014

NOTA MANUSCRITA POR ANXEL CASAL



Mentres revisaba hai poucos días unha colección da revista Nós co gozo que me produce o contacto do papel vello nos dedos, atopei por casualidade unha nota manuscrita con lapis por Ánxel Casal entre as páxinas dun exemplar do número 105, editado na rúa das Hortas de Compostela o 15 de setembro de 1932:


Agradézoche non deixes de man o favor que che pedín pra o cuartel de Artilleiría.

A.   C.


Os exemplares que os subscritores recibían por correo teñen a característica de estar pregados pola metade.

Felipe Fernández Armesto conta no libro homenaxe editado pola Academia Galega para conmemorar o cincuentenario da revista Nós, como Florentino López Cuevillas pediu voluntarios na escola onde daba clases de historia "para enfaixar e porlle a dirección a unha revista nova que hai que mandar aos suscritores. A casa onde a revista, en montós no chau, nos esperaba era a de Arturo Noguerol (...) Noguerol esplicóunos cómo había que copiar dunha libretiña con forro negro, as direccións que estaban escritas cunha letra moi neta, escribilas na faixa e despóis de doblala ao medio meter na faixa a revista".

Moitos destes exemplares conservan aínda os cuños ou franqueos da oficina postal. Non obstante, resulta imposible saber a quen ía dirixida a encomenda de Casal pois a revista non conserva as indicacións sobre o enderezo do destinatario, quen previsiblemente residía na Coruña.

En cambio, si que resultaba habitual que Ánxel Casal escribise directamente sobre as revistas o enderezo ou o nome do subscritor nos casos en que debían entregarse na man. Nas imaxes que acompañan este texto podemos ver as capas posteriores dos números 106 e 119 da revista Nós, onde constan escritos con lapis os enderezos: Rúa do Villar 22 , 1º ; Cervantes, 18. Sr. Mosquera.


O dato curioso deste pequeno achado radica en comprobar como Casal non desaproveitaba ningunha circunstancia para contactar cos seus colaboradores nun tempo en que as dificultades para comunicarse a distancia empeceron e moito, un labor tan interdependente como o desenvolto pola editorial Nós.

Rúa das Hortas desde o Hospital Real
Polo tempo en que Casal escribiu a nota, malia manter o obradoiro das Hortas que antes fora residencia da familia de Camilo Díaz, el e a súa muller Maruxa Miramontes viven na Fonte de Santo Antonio, como sabemos por unha carta remitida ao seu irmán Manuel en abril de 1932.

Deixamos a casa da rúa Nova e nos mudamos para a fonte de San Antonio, 8 – 1º, ao lado da casa de Asunción. É unha casa espléndida e soleada, ademáis está moi ben situada. Agora veremos á ver si Deus nos dá sorte e saude para disfrutala. Non sería difícil que co tempo quedase o baixo valeiro e nos tocase a nós. (1)

Ao cabo a editorial Nós deixaría o obradoiro da rúa das Hortas para trasladarse ao número 15 da rúa do Vilar en xuño de 1933. (2)
 

(1)    Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 291.
(2)    O número 113 da revista Nós de maio de 1933 é o último exemplar que indica o enderezo da rúa das Hortas, 20. Desde o número 114 de xuño, a imprenta radícase no número 15 da rúa do Vilar. Coincidindo co traslado da editorial tamén cambia lixeiramente o debuxo da capa da revista Nós, obra de Castelao, que agora recupera a primeira imaxe deste deseño utilizada entre os números 10 e 31 (abril 1922 - xullo 1926). O debuxo ocupa todo o plano, perdendo o marco que o limita no formato anterior. Ademais desaparece a imaxe do dolmen substituída pola dunha árbore e cambia o deseño do cáliz, que perde as sete cruces. Tamén se producen outras pequenas modificacións derivadas destas inclusións. Estes cambios desapareceron logo do número 118 (outubro 1933), recuperando a imaxe anterior co dolmen, que foi a máis utilizada durante a edición da revista Nós.





sábado, 22 de febreiro de 2014

CONTOS DO CAMIÑO E DA RÚA



CONTOS DO CAMIÑO E DA RÚA / Otero Pedrayo, Ramón
14 de xullo de 1932
Nós, rúa das Hortas, 20, baixo. Santiago.
Volume LII
114 p ; 18 cm.

Os Contos do camiño e da rúa escritos por Ramón Otero Pedrayo foron editados por Nós en xullo de 1932 no obradoiro da rúa das Hortas de Compostela.

Otero escribiu tres coleccións de contos ao longo da súa vida. Os primeiros foron os sete relatos incluídos nos Contos do camiño e da rúa, publicados en 1932. En 1957 a editorial Galaxia había publicar outro monllo de vinte contos baixo o título Entre a vendima e a castañeira (2) e de novo Galaxia editou nove máis en 1988 na edición póstuma Contos de Santos e Nadal (3). Con estes dous últimos libros o autor deixou inacabado un ciclo narrativo que pretendía abranguer a xeira do ano, composto por relatos breves.

Ricardo Carballo Calero celebrou a publicación dos Contos do camiño e da rúa cunha ardente crítica na revista Nós en 1932 (4).

Ninguén pode discutir á Otero Pedrayo a groria de ser o creador da moderna prosa galega (…) Otero Pedrayo ten unha prodixiosa facilidade para captar ambentes, pra nos dar unha sensación de época; pero o cume do seu arte está cando narra a vida galega do dazanove, especialmente a vida fidalga aldeán, a vida dos señores nos pazos.

Libros de contos publicados por Otero Pedrayo
Como ben indica RCC, ao longo da súa obra Otero narrou de xeito principal un mesmo tema desde diferentes perspectivas: o ocaso da caste dos fidalgos, un grupo épico que escribiu boa parte da historia rural de Galiza durante os séculos XVIII e XIX, e que ao cabo desapareceu coa chegada da idade contemporánea.

Dos sete relatos incluídos no libro, seis deles tratan este asunto. Unicamente o titulado Medicina legal, onde Otero fala das envexas entre dous veciños, aborda outra cuestión.

O mesmo RCC volverá anos máis tarde sobre este mesmo libro desde a revista Grial (5):

Otero era dono dun estilo persoal e inconfundíbel. Os seus relatos, estando fortemente enraizados na temática galega, amosaban un ár moderno e europeo que lles daban estraordinaria prestanza. Otero contaba eficazmente, evocaba ambientes con vividez e esbozaba persoaxes con penetración. A forza, a tenrura na interpretación da realidade manifestábase nestes contos ao traveso dunha cultura moi fina.

Xa desde o primeiro relato breve publicado por Otero na revista Lar en 1925 (Pantelas, home libre. Lar, revista quincenal nº 8) resulta evidente a modernidade literaria da que fala RCC. A prosa de Otero está impregnada da visión redentora adoptada polos homes de Nós, chamados a rachar co lirismo anterior á procura dun novo público e por extensión dun novo pobo até daquela inexistente. As pequenas editoriais como Galaxia, Céltiga, Alborada, El Noroeste… e principalmente Lar e Nós, ofreceron o soporte necesario para que esta nova xeración de escritores removesen a conciencia do país, introducindo Galiza nun novo tempo literario.

Sinopse da obra

A SIRENA

Neste conto Otero, a quen podemos adiviñar no mozo fidalgo protagonista, don Lionardo da Mirteira, fai a súa profesión de fe galeguista e utiliza como símbolo de redención a serea deseñada por Castelao para o escudo de Galiza. Lionardo agarda durante un tempo escuro a chegada da serea, sabendo non obstante que está chamado a facer grandes cousas.

Ise rapaz leva algo en sí e xa falará co tempo. Eu sei un pouco da sua traxedia. Ama, como eu améi, ôs labregos i-ôs mariñeiros, as lêndas antigas; e un porvir pra Galicia. Eu amolecín neste noxento vivir. Il non. Trunfará, pois sabe calar, desprezar i agardar. A mín matoume iste meu falar sin tino i-o gosto do viño e da priguiza.

Ao cabo Lionardo arrinca a serea das profundidades e lévaa canda el ao pazo para abraio dos veciños, comezando xuntos unha nova vida.

Guiaremos i-aconsellarémos ô labrego ie mariñeiro, teimaremos ceibar â vila das mâs costumes noxentas i-envilecedoras. Cecáis agora non comprendades o que vos quero dicir. Xa o veredes andando o tempo i-o exempro noso. É preciso que n-ista terra brile tamén o sol da meia noite!

A CRIADA

Balbina deixa a casa dos pais para ir servir na vila. A nai procuroulle unha casa onde traballar e así foron pasando os anos até chegar deica a casa brasonada dos arcos, onde viven os vellos señores co seu neto Paulos, un mozo feble a quen protexen afastándoo do exterior.

Unha noitiña a Balbina i-o Paulos fuxiron. Foi ela quen o roubou pra darlle a vida. A aboa, o porteiro, as mulas vellas do coche, os libros da Bibrioteca, desfixéronse como os mobraxes comestos do verme ô franquear as fiestras ô aire ceibe. Eles, os fuxitivos, acoubaron n-un pazo escanastrado da casa de Paulos. Deseguida froleceron os eidos i-o Paulos debullou con fame de vida a beleza dos agros (…) as grandes castes fidalgas teñen as suas raíces na terra e â terra han voltare pra vivir.

O FIDALGO

Este conto é o mellor de cantos escribiu Otero. O relato narra diversos episodios na vida dun fidalgo finado co século XIX, prototipo e resume dos morgados rurais.

Soilo unha vez soupo o que fora unha doencia; endexamáis fixo un razoamento. E ninguén dubida que foi un gran señor.

Otero personifica no don Xohán decadente a grandeza e ao tempo os vicios da caste.

D. Xohán gardando unha superioridade sin decatarse d’elo, vai botando na mesa, en onzas como soles, centos de tegas de centeno, parexas de bois ornato dos feirás e pasmo dos labregos, sembraduras, nabeiras, toradas de vellos carballo dos que rexistran como arquivos nos fermosos circos do seu tronco o maino e seguro decorrer das sazóns, moios de viño, dreitos de señorío.

Trouleou canto quixo, casou cunha muller santa e deixou a terra sementada de fillos naturais. Os labregos recoñeceron nel un grande cabaleiro e os animais apreciaban unha dignidade superior. Pero toda aquela grandeza esfarelou cos cartos saídos a regos da casa e D. Xohán tivo que traballar como oficinista para pasar os últimos anos humildemente na cidade.

Ao cabo, enfermo, decidiu pórlle fin á vida.

D. Xohán fixera o primeiro e derradeiro razoamento encól de sí: estaba doente, non podía pensar a door, e pegárase sinxelamente un tiro como fixera moitas veces cos cáns vellos ou enfermos. Sin remordemento, sin vanidade, sin pecado.

O PECADO

As fiestras abríanse curiosas todal-as mañáns e a primeira badalada da ialba baixaba consoladora á limpar as tebras d’un pesadelo que ninguén podía defiñir.

As rúas apracibles da cidade onde a vida transcorre como un soño serven de marco ao conto que nos fala do Pecado, “un señor, aínda que furado por todal-as goteiras d’unha decadencia sen romedio”. A vida do Pecado transcorre entre a oficina e o casino, como cabe agardar da súa orixe fidalga. Todo nel, desde a roupa até o corpo escanastrado, anuncian a decadencia.

Levaba un negocio de Clases Pasivas. I-é xusto dicir en descargo do home terribre, (…) que endexamais o Estado hespañol tivo un representante millor pra encarnare a direición da Danza Macabra das crases pasivas.

Desde o seu negociado roña nas viúvas e nos orfos como se os pesos pagados foran seus, botándolles na cara o seu parasitismo. O Pecado casou con dona Isolina, unha muller boa a quen martiriza decontino. Pero todo cambia cando o vello farrapo namora dunha moza veciña. O Pecado envíalle cartas que, sen el sabelo, responde dona Isolina. Cando ao cabo enferma e fica ao coidado da dona, descubre o engano.

Se non dixeron verbas, e por primeira e derradeira vez os esposos xuntáronse n’unha longa aperta de desesperado e saudoso amor.

O PAZO DAS CINCO CHAGAS

Desde a morte da dona, don Ramiro renunciou ao mundo. Antes deixaba o pazo para ir á cidade, onde a súa presenza atronadora e festeira non deixaba indiferente a ninguén.

O pazo era nomeado das cinco chagas pol-as cinco da paixón de El Señor simbolizadas na pedra d’armas do portal.

O fidalgo tiña tamén cinco fillas. “E algús dicían: o pazo das cinco rosas, frolecidas no inmorrente roseiro da beleza”. Don Ramiro quixo ocupar o lugar da nai, pero non foi quen de rachar a barreira que as tres fillas máis vellas puxeron d’arredor. María do Carme e María do Pilar entoleceron e acabaron pechadas nun manicomio. María Rosa morreu de quenturas.

Entón o fidalgo tivo un súpeto acordo e, collendo as dúas pequenas, Xacinta e Margarida, fuxiu con elas para América.

O pazo ficou deserto, os eidos e o xardín volvéronse á bravo, a fonte cantigóu illada e fadal a mesma canción entr’os buxos amarelos, as silvas cubriron a pedra da solaina e o vento do largo peneirado pol-a armuñía enigmática dos pinos choutóu tolo, bulreiro, terribre e irónico nas salas desertas do Pazo das Cinco Chagas.

MEDICINA LEGAL

O señor Venerando descubre os cimentos da primeira casa da aldea na estrada nova, no eido do seu cuñado Delmiro.

Poría un negociño. Pararían os autos, collería o correo e o estanque, e pol-os camiños das duas costas do val baixaríalle un par de ríos d’ouro ca xente de catro parroquias.

Os cartos entraron a moreas na casa de Delmiro, a quen mesmo fixeron alcalde. Desde entón Venerando non deixaba de cismar doente na sorte do cuñado, até o día en que chegou a nova da enfermidade de Delmiro, quen logo morreu.

O fillo do alcalde chegou de América e soubo do ruxerruxe sobre a estraña morte do pai. Venerando, temendo as pescudas, trocou o cadáver de Delmiro no cemiterio.

Mandaron as tripas ô laboratorio. Non atoparon sinal de pezoña. En troques marmurouse do sepultureiro. Porqué non aparecía a chiqueta negra do señor Delmiro? Todo estaba ben apodrecido, mais algún adevirtiu a falla do fermoso dente d’ouro do alcalde. Os sepultureiros sempre foron us ladrós.

Dª. XOHANA E D. GUINDO

Mira rapás, xa es un home e convén que vaias coñecendo ôs parentes e que t’afagas á camiñar pol-o mundo.

O rapaz deixou o pazo da bocarribeira do Carballiño e durante dous meses viaxou por toda Galiza. Por medio de cartas, envioulle ao pai a crónica dos parentes: cóengos, fidalgos, freiras, abades, señores da terra… daquela o pai acordou e mandouno visitar a tía Xohana da Peroxa.

O pazo de Xohana era pequeno, “mais en agarimo e feitura leda non lle ganaba ningún (…) e na casa reinaba unha maravillosa legría, un optimismo que nin a maor veleza poidera trubar”.

Don Guindo era veciño da casa, “un señor de casaca e calzón, encaixes, zapatos baixos e peluca, cousa soilo posíbele na eistraordinaria atmósfera do pazo de Dª Xohana”.

Xohana contoulle ao rapaz que no devalo dun ano ela e máis don Guindo morrerían.

Dinantes dos pazos houbo torres, dinantes das torres, tribus. Poil-as tribus, as torres e os pazos, formas sucesivas do poder das nosas castes loitaron sempre e ningunha cedéu das duas. Pelexaron as torres con espadas e lanzas, con trabucos e fondas, pelexaron os pazos en longos pleitos.

A derradeira loita das familias foi a dos liberais contra os absolutistas. Cando nenos, Xohana e Guindo plantaron dúas pereiras que mesturan as pólas por riba dos valados das propiedades. As froitas únicas desas dúas árbores simbolizan o amor imposible da parella, e agora que os preitos consumiron as rendas das casas e só quedan eles das dúas estirpes, todos os días, á mesma hora, don Guindo visita o pazo de dona Xohana.

(1)    Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Entre a vendima e a castañeira. Ramón Otero Pedrayo. Editorial Galaxia, Vigo. 14 de febreiro de 1957.
(3)    Contos de santos e nadal. Ramón Otero Pedrayo. Editorial Galaxia, Vigo. 16 de maio de 1988.
(4)    Revista Nós nº 106. Os homes, os feitos, as verbas / Libros / Contos do camiño e da rúa. Ricardo Carballo Calero. 15 de outubro de 1932.
(5)    Contos do camiño de da rúa. Ricardo Carballo Calero. Grial nº 52, abril-xuño 1976. Editorial Galaxia, Vigo.
 

sábado, 15 de febreiro de 2014

O VENTO SEGREL



O VENTO SEGREL / Casas, Augusto María
7 de maio 1932
Nós, rúa das Hortas, 20. Santiago.
97 p ; 24,5 cm.

O libro de poemas O vento segrel escrito por Augusto María Casas Blanco foi editado por Nós en maio de 1932, no obradoiro da rúa das Hortas de Compostela.

O debuxo da cuberta é obra do pintor Cándido Fernández Mazas, fundador, xunto a Augusto Casas, da revista mensual Galaxia en 1926.

Augusto Casas presentouse como poeta con dous libros escritos en castelán. O primeiro deles foi Alma Triste (Imprenta de El Diario, Ourense. 1925) e logo publicou Panal y flor (Imprenta clásica española, Madrid. 1927). O vento segrel é o seu primeiro libro de poemas escrito en lingua galega. Agás catro poesías encabezando outros tantos números da revista Nós, o autor non publicou novos versos galegos antes da guerra. Entre 1950 e 1965 deu ao prelo catro novos libros de poemas. (2)

Obra poética de Augusto Casas

Ricardo Carballo Calero comentou este libro na sección Os homes, os feitos, as verbas da revista Nós (Nós, nº 101. 15 de maio de 1932).

Ben lonxano o poeta de hoxe dos sonetos de “Alma triste”. Aquela poesía espritual, de ergueita bouta oxival, aquela poesía gótica, pol-o pulo do verso, pol-o alacre da idea, ben lonxana de esta outra poesía redonda, románica, aldeá. Esta máis galega, non só por vir escrita na lingua pondaliana.

Non obstante, RCC critica a extensión e complexidade dos versos de Augusto Casas, dabondo recargados para o seu gusto.

Augusto María Casas é un poeta que ama as arquivoltas cangadas, a ornamentación sensual, a ubicua policromía. Ama tamén a armonía do verso, a música eterna, a gaiola do ouvido. Eisí emprega, as vegadas, ritmas escesivamente sonoras para a lírica sensibilidade moderna, que cree que a poesía debe pousar na fror de verso como unha volvoreta, e non como unha abella (…) o verso románico, macizo, sen nervos lostregantes nin pináculos supetos. Unha poesía sen sorpresas, en fin, pra o que descobríu o seu método constructivo.

Ramón Otero Pedrayo, amigo da mocidade ourensá de Augusto e tamén do seu irmán, Álvaro das Casas, non expresa un xuízo tan severo e no prólogo ao libro Alén, publicado por Augusto Casas en 1962, celebra O vento segrel.

A door, a frol da oicidental adicación, latexa no libro, sempre tamén novo de Augusto Casas “O Vento Segrel”, saído no 1932… Siñifica o Vento Segrel o tema e arelanza de aquiles e outros tempos da poesía galega e moi entranabremente do clima poético ourensán. Entendendo por clima a fondura e tona do esprito, cos seus ventos do Alén, suas fórmulas de nubes da pantasía creadora, seu debruzar maino e garimoso de chuvia feitas margaridas de beleza nas composas roídas das abenzas, nas lousas das ruas por onde decorren as horas.

E grazas a Otero descubrimos unha nova dimensión para os versos d’O vento segrel: as palabras de Augusto Casas son as dun poeta novo, cheo de luz e arelas. Nos versos ceibes da pomposidade do seu primeiro libro quere cantar a vida e a saudade dun tempo que está a piques de desaparecer. “Con sentimento me afasto de aquila veciñanza chea polos degoiros das estrofas ergueitas en cerne sustanza de néboa da Saudade”, conclúe Otero. “A miña alma / está pastoreando estrelas”, semella responderlle Casas e aínda apunta no Poema da Saudade, precisamente dedicado a Otero:

Hai saudade nos homes e nas froles,
nos arbres, nos paxaros e nas pedras…
Que sintan que non sintan fanse soles…
¡loiros castelos no trebón das edras!

Son os versos apaixonados e ao tempo tristes dun home que, sen chegar a militar plenamente na vangarda, comparte con ela o devezo por renovar a tradición e impregna de animismo moitos dos seus versos, inseridos na corrente hilozoísta.

O sol, abella d’ouro, funga na lonxanía,
a escoar sangue riba das terras fartas;
i unha velliña pastoreando ovellas
faille camiño â noite nas searas.

Non sen motivo, no texto publicado no último número da revista Nós (Esquema da nova poesía galega. Nós. nº 139-144. Xullo-Nadal 1935) Casas declárase admirador de Luís Amado Carballo, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro. O libro está dedicado á memoria dos dous primeiros.

Qu’o teu proel d’estrelas bique as mañáns moceiras;
qu’o teu sol-pôr non fique na furna moura e fría
da escuridá valdeira;
qu’o vento enfíe novas saudades milagreiras
no teu lecer con fios campantes de legría.

Responso a Amado Carballo (anaco)

Breve escolma

ORAZÓN Á FOUCE

Bendita sexas fouce
          pol-o teu gume feridor,
          pol-a tua comba de preñez,
          pol-o teu brilo de suor.

Abogada e siñora
do porvir…
                Lús d’estrela
que en cada peito mozo
alcendes unha arela.

Chave d’ouro das grañas e searas,
dos pazos, dos piornos…
¡Ouh, tí, que fas frolir
o corazón dos corvos.

Na colleita d’estrelas
voas ao ceo ledo,
i-escorrentas as bruxas
na tua arista de medo.
¡Fouce, saúde!
Oxe bico o teu ferro
con garimo e tenrura,
- rella trunfal
para faguer os sulcos da fartura.-
¡Saúde, nai e dona
da nosa xuventude!

Pol-o teu gume,
          agardo un día de burgués
          a brincar e surrir
pol-os campos en frol da tua fé.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, tí, na man dos mansos,
a brilar no ronsel,
das espigas maduras, pol-os campos.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, tí, na man das mozas
qu’en colleitas d’amor
afanan as auroras…

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, ti, na man dos cegos
porque lles dás a lús
para segar con xeito.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Eres calor e lume
i-unha fonte de lús
deitas pol-o teu gume…

Eu soño agora en tí
qu’eres semente de saudades,
espello da paisaxe,
bico da humanidade!

Estrela mor do ceo,
peito do noso amor,
nai e siñora nosa,
brila e loita con nós.

ROMANCE DA LUA (anaco)

A lúa, - toliña, tola -
estrelas depinicaba.
A sua pel era bermella
i-as suas cornas eran brancas.
A vos da noite se ouvía:
“Ey, vaca, ey… Ey, Fidalga!”
I-ela com’unha siñora,
polo azur se paseiaba;
riba da testa, a follaxe
de milleiros de alboradas;
encol dos seus ollos lenes
a leda noite arrumada
de húmida herba ulindo
ao corazón dos alálas.

(1)    Imaxe de Augusto María Casas: galiciadigital.com
(2)    Cantigas da noite moza. Colección Benito Soto, volume XII. Pontevedra. 1950. Isa folla que vai polo río. Ediciones Monterrey, Vigo. 1954. Alén. Colección Salnés, nº 4. Editorial Galaxia, Vigo. 1962. Servidume da treva. Colección Salnés, nº 18. Editorial Galaxia, Vigo. 1965.