venres, 28 de febreiro de 2014

NOTA MANUSCRITA POR ANXEL CASAL



Mentres revisaba hai poucos días unha colección da revista Nós co gozo que me produce o contacto do papel vello nos dedos, atopei por casualidade unha nota manuscrita con lapis por Ánxel Casal entre as páxinas dun exemplar do número 105, editado na rúa das Hortas de Compostela o 15 de setembro de 1932:


Agradézoche non deixes de man o favor que che pedín pra o cuartel de Artilleiría.

A.   C.


Os exemplares que os subscritores recibían por correo teñen a característica de estar pregados pola metade.

Felipe Fernández Armesto conta no libro homenaxe editado pola Academia Galega para conmemorar o cincuentenario da revista Nós, como Florentino López Cuevillas pediu voluntarios na escola onde daba clases de historia "para enfaixar e porlle a dirección a unha revista nova que hai que mandar aos suscritores. A casa onde a revista, en montós no chau, nos esperaba era a de Arturo Noguerol (...) Noguerol esplicóunos cómo había que copiar dunha libretiña con forro negro, as direccións que estaban escritas cunha letra moi neta, escribilas na faixa e despóis de doblala ao medio meter na faixa a revista".

Moitos destes exemplares conservan aínda os cuños ou franqueos da oficina postal. Non obstante, resulta imposible saber a quen ía dirixida a encomenda de Casal pois a revista non conserva as indicacións sobre o enderezo do destinatario, quen previsiblemente residía na Coruña.

En cambio, si que resultaba habitual que Ánxel Casal escribise directamente sobre as revistas o enderezo ou o nome do subscritor nos casos en que debían entregarse na man. Nas imaxes que acompañan este texto podemos ver as capas posteriores dos números 106 e 119 da revista Nós, onde constan escritos con lapis os enderezos: Rúa do Villar 22 , 1º ; Cervantes, 18. Sr. Mosquera.


O dato curioso deste pequeno achado radica en comprobar como Casal non desaproveitaba ningunha circunstancia para contactar cos seus colaboradores nun tempo en que as dificultades para comunicarse a distancia empeceron e moito, un labor tan interdependente como o desenvolto pola editorial Nós.

Rúa das Hortas desde o Hospital Real
Polo tempo en que Casal escribiu a nota, malia manter o obradoiro das Hortas que antes fora residencia da familia de Camilo Díaz, el e a súa muller Maruxa Miramontes viven na Fonte de Santo Antonio, como sabemos por unha carta remitida ao seu irmán Manuel en abril de 1932.

Deixamos a casa da rúa Nova e nos mudamos para a fonte de San Antonio, 8 – 1º, ao lado da casa de Asunción. É unha casa espléndida e soleada, ademáis está moi ben situada. Agora veremos á ver si Deus nos dá sorte e saude para disfrutala. Non sería difícil que co tempo quedase o baixo valeiro e nos tocase a nós. (1)

Ao cabo a editorial Nós deixaría o obradoiro da rúa das Hortas para trasladarse ao número 15 da rúa do Vilar en xuño de 1933. (2)
 

(1)    Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 291.
(2)    O número 113 da revista Nós de maio de 1933 é o último exemplar que indica o enderezo da rúa das Hortas, 20. Desde o número 114 de xuño, a imprenta radícase no número 15 da rúa do Vilar. Coincidindo co traslado da editorial tamén cambia lixeiramente o debuxo da capa da revista Nós, obra de Castelao, que agora recupera a primeira imaxe deste deseño utilizada entre os números 10 e 31 (abril 1922 - xullo 1926). O debuxo ocupa todo o plano, perdendo o marco que o limita no formato anterior. Ademais desaparece a imaxe do dolmen substituída pola dunha árbore e cambia o deseño do cáliz, que perde as sete cruces. Tamén se producen outras pequenas modificacións derivadas destas inclusións. Estes cambios desapareceron logo do número 118 (outubro 1933), recuperando a imaxe anterior co dolmen, que foi a máis utilizada durante a edición da revista Nós.





Ningún comentario:

Publicar un comentario