DE COMO CLAUDICOU XAQUÍN QUIROGA / Casal, Xacobe
Xullo de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 35. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
23 p ; 16 cm.
O libro de relatos humorísticos De como claudicou Xaquín Quiroga, único texto narrativo coñecido de Xacobe Casal Rey, publicouse na colección de novela breve Lar en xullo de 1927 co número trinta e cinco.
Este había ser o último libro da colección editado conxuntamente por Ánxel Casal e Leandro Carré, quen aínda había publicar cinco novos títulos pola súa conta, mentres Casal fundaba en solitario a editorial Nós.
O primeiro dos contos do libro publicouse tamén na revista Alma
Gallega, órgano oficial da Casa de Galicia de Montevideo en novembro de
1927.
A primeira das obras, Limpa, Fixa e dá Esprendor, foi representada no teatro Rosalía Castro da Coruña polo grupo Cántigas da terra, o día 12 de abril de 1919. A Escola dramática galega representou No íntimo no teatro Alfonsetti de Betanzos, o 9 de outubro de 1919.
Carré informa dunha nova comedia de Xacobe Casal titulada O camiño, que non chegou a representarse. (1)
Por último, o autor tamén publicou en colaboración con Ángel del Castillo o libro de
información turística escrito en castelán La
Coruña y su provincia, editado pola imprenta Moret en 1930.
De como claudicou Xaquín Quiroga reúne tres relatos caracterizados polo uso da retranca. Botando man do humor, Xacobe Casal evidencia no libro as condutas irracionais daqueles que pasan por sensatos.
Sinopse da obra
De como claudicou Xaquín Quiroga
A vida
de Xaquín Quiroga sempre estivo
marcada por “un constante e férvido racionalismo”,
sen facer nunca “a menor alusión âs persoas e
cousas ultraterreas”.
Xaquín
pertenceu ao Círculo Racional,
faladoiro onde a nova da súa claudicación provocou os maiores estragos.
Un tema de frecuente discusión (…) era o
das claudicacións, dos «troques de casaca», que tanto abondaban xa n-este
tempo postrimeiro.
Tendo
en conta os antecedentes de Quiroga, non resulta estraño que o seu salto atrás
fora tan censurado, “e as circunstancias en que se
cometera, dábanlle máis aspeuto de premeditada â traición”. Porque
Quiroga escolleu para corromperse un pobo afastado e cativo, onde foi
descuberto pola “dona de Estévez, o racional
emigrado no pobo”.
Alí
estaba cando nun dos seus paseos entrou na pequena igrexa do lugar e recostado
no confesionario escoitou a voz do crego que desde dentro lle dixo: “¡Cando vostede guste, cabaleiro!”.
Sorprendido
polo home, que bouraba nel para que comezase axiña a confesión, “axionllouse preto do padre, e baixou a testa, mais
atordoado que contrito”.
Cando Estevez espallou a nova polo Círculo, “a sona sempre ben respetada do reutilíneo Quiroga,
disipouse como unha levián fumareda (…) o caso ben certo é que Xaquín Quiroga,
o antigo e probado defensor da democracia, ofrendou seus moitos anos de loita,
firme e ben temperada, n-un aceso de cortesía e tolerancia qu’o alonxaron para
sempre”.
¿Celtas ou suevos?
Naquela tertulia que animaba o ángulo mais
agachado do «Novo Bar» D. Xavier Monteiro e D. Manuel Carnota, eran dous puntos
opostos.
Monteiro era arquitecto e os seus pensamentos divagaban a miúdo
polos eidos da fantasía. Carnota
traballa como zapateiro e “apenas un xuicio ,
saíase un pouco do marxen das frase e conceutos consabidos, xa o noso zapateiro
erguía o seu romo martelo disposto a machacalo”.
Un día,
un dos membros do faladoiro puxo “sóbor do mármol
diseccionador da mesa, o tema, un pouco comprexo, da orixinalidade da raza”.
Monteiro
opinou entón que o carácter galego está marcado pola raza céltica e os dous
troncos aborixes: o cacique, amo brutal e despótico; “este
é o tipo suevo, bárbaro, que eiquí afincou o seu afán de rapiña, para sustituir
o ferro da conquista, pol-o látego do expoliador”. E o labrego, “somiso, mais non resiñado, con un xermen latente de
protesta no seu corazón que os beizos traducen n’unha sorrisa que fai rir, pro
que é nada”, sempre agardando a futura redención. Este segundo substrato
correspóndese co celta creador.
O
zapateiro mirouno con retranca antes de opinar que tamén hai persoas traballadoras e humildes, segundo
a súa orixe celta, que cando chegan a facerse ricos resultan ser os máis
refinados caciques coñecidos.
¿Qué pasa n-este caso?... ¿convirtense de
celtas en suevos?... ¿cambian de raza, coma si fose de camisa?
Unha crus ben lograda
En Guillarei subiron no tren tres
militares portugueses. O máis vello lucía no uniforme a «Crus de Promo», obtida nunha fazaña memorable.
O
militar explicou que para el a disciplina era o valor máis prezado. “Unha cousa mándase facer así, e así faise, inda que
pareza a meirande barbaridade. E imos ao caso”.
Nunha
ocasión, os homes do militar fixeron fronte a un grupo de inimigos en Angola, rexeitando o ataque sobre a súa
posición. O militar ordenou deseguida saír atrás deles. “Pero os meus homes, que tan a cotío déranme probas do seu sumiso
valore, nin se moveron”.
O
motivo debíase a que eles eran un cento mal contado e os inimigos pasaban dos
dez milleiros. O militar deu conta do feito no destacamento e o xefe que o
mandaba mandou fusilalos a todos para dar un escarmento.
Cando
os dous homes chegaron ao campamento, comprobaron que “a
compañía enteira trocara o colore, virándose negra do todo”. O motivo
foi que ao non recibir outra orde, os soldados mantiveron a posición, firmes en
todo momento e acabaron queimados polo sol.
Tal sacrificio â sagrada obedenza,
desarrugou o ceño do comandante, e hastra fixo levar sua diestra ao kepis
galoneado, para saludar aquel monumento fumegante, que calificou n-unhas
sentidas verbas, de fogo sagrado e depurador d’un erro lamentabre.
Así foi
como o militar conseguiu a cruz, provocando o comentario dun dos pasaxeiros do
vagón:
¡Home, pois a min o feito mais me parece
merecente de catro tiros que dunha crus!
(1) Apontamentos
para a historia do teatro galego. Leandro
Carré Alvarellos. Boletín 235-240 da Real Academia Galega.