venres, 1 de febreiro de 2013

ESCRITO NA NÉBOA


ESCRITO NA NÉBOA / Otero Pedrayo, Ramón
Abril de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 32. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
26 p ; 16 cm.


Escrito na néboa, segunda novela publicada por Ramón Otero Pedrayo na colección mensual de Lar, saíu do prelo en abril de 1927 co número trinta e dous. (1)

O libro reúne os relatos Escrito na néboa e a súa continuación titulada Do carnet de Solobio.

No primeiro dos textos, Otero asigna algúns trazos autobiográficos ao seu protagonista. O debate entre a opción de actuar e abrirse ao exterior ou ben refuxiarse no mundo interior, foron dúas pulsións desacougantes para o mozo Otero.

A rebeldía (dos mozos fundadores do grupo Nós) consistía en arredárense espritualmente da sociedade, en desapegárense das súas tendencias e dos seus problemas. Mais chegóu un intre no que emprincipiaron a sentir de a pouco a realidade do país no que vivían e no que estaban inxeridos. (2)

Escrito na néboa é o antecedente de Arredor de sí (3), novela onde Otero fará a súa declaración de entrega a Galiza; acto iniciático común entre os membros do grupo Nós. Ambos textos comparten protagonista, Adrián Solobio (Solovio, en Arredor de sí), quen segundo informa, entre outros, Carlos Casares, “non é outro que Ramón Otero Pedrayo” (4).

A novela carece case por completo de acción e nela a descrición da natureza e a paisaxe alcanzan categoría de personaxe, sempre tratadas cunha linguaxe poética. A narración transcorre así entre a evocación e o devezo, permitindo ao lector entrar en contacto co universo íntimo do autor, revelado desde un plano estritamente intelectual.

Escrito na néboa é o primeiro esbozo das que posteriormente serán as chamadas novelas culturais, escritas por Otero.

O segundo texto, Do carnet de Solobio, é continuación do anterior: Adrián Solobio deixa agora a aldea, onde se desenvolve o primeiro dos relatos e viaxa a Compostela coa intención de escribir un libro. Pero alí a súa vida enguedéllase no ritmo da cidade retratada nas breves notas deixadas por Solobio, quen ao cabo adía o proxecto.

Así é como Otero anuncia neste pequeno caderno a intención de escribir Arredor de sí, a súa novela máis íntima.

Por outra parte, e segundo conta Ánxel Casal na celebre entrevista concedida a Álvaro das Casas para El Pueblo Gallego, cómpre destacar que a novela Escrito na néboa non gozou de moita difusión no seu tempo.

Álvaro das Casas
Cuáles fueron las novelas de mayor éxito?

Ánxel Casal

“O lobo da xente” de Risco, y “Os probes de Deus” de Amado Carballo. A Otero Pedrayo le habíamos publicado “Escrito na néboa”; por cierto que esta novela pasó inadvertida y apenas se leyó. (5)

Resulta evidente que os lectores non estaban preparados para unha novela destas características. Os comentarios de Fernández Roca sobre Arredor de sí, son extensivos ao texto que nos ocupa:

Otero Pedrayo compuxo, a mantenta, unha novela culta. O cosmopolitismo e o aristocratismo de antreguerras embeben as súas páxinas. O escritor, así, está a seleccionar o seu público, inda que non fose a súa intención, reducindo o número dos posibles lectores (…) Todos estes elementos xuntos fan de Arredor de sí unha novela moi lonxana das adoitadas ao gusto do gran público, que a rexeitaría, asemade, pola cativa intriga e a lentitude da narración. (6)

En conclusión, podemos considerar Escrito na néboa como un artificio literario innovador, onde Otero explora eidos descoñecidos para a literatura galega e dirixido a un segmento minoritario entre o xa reducido público dos libros galegos.

Este carácter singular é precisamente a principal virtude do texto.

Sinopse da obra

Escrito na néboa

Adrián Solobio ergueuse aquila mañán cheio d’inqueda curiosidade espiritoal.

O protagonista debátese entre seguir o alento do mundo exterior: a terra e o mar galegos, ou afondar nas “variabres e neboentas paisaxes do mundo interior”.

Afastado da cidade, Adrián entrégase ao preguiceiro vivir do campo. A enerxía constante da cidade non invita á reflexión.

Adrián Solobio sempre fora un cidadán â forza. Agora, despois d’un vran na soedade, sempre poboada de virxes arelas, da montana galega, sentíase coberto por unha pel nova.

Adrián aínda non ten historia. É un mozo estudante universitario e sente que todo está por escribir. Diante da variada natureza, a xeometría clásica semella antinatural.

Lávase na pía coa auga fresca da montaña e despois sube os altos lobios da parroquia, sentindo, en contacto coa terra, unha intensa emoción cósmica.

Namorado o mar da terra, alá onde non pode chegar na aperta ca que cingue as penínsoas pensatibres e as illas amigas das gaivotas, deixa escapar sua yalma na pantásteca procesión das néboas.

Adrián describe a esencia de Galiza pechada na chuvia e nos griseiros penedos. “Inmobres os penedos que s’afastan no chan, inmobre sen pai, o xigante disforme que sostén a vida enteira de Galicia no seu peito de pedra”.

A través da pedra, Adrián comprende a conexión co pasado escuro e esa unión coa natureza permítelle sentir a complexidade do universo e o paso do tempo, que fan do home perecedoiro. Todo está envolto nun sentimento de saudade galeguista.

Maxinou o universo en camiño: os homes, as arbres, os penedos, os pobos, adispacio ou bulindo car’ao porvir. E sentiu fadiga. Sentouse. Socegou un lustrigo non mais sentindo entrare a natureza no seu íntemo sere. Foi arbre, ouricelo, pedra ¿quén o poidera manifestar? Pois ao darse conta volta a natureza a entrar na lus circolar do pensamento. Pensar é dar nomes. “Estou creando ao mundo” dixo ledamente o espertar do seu esquecimento no mundo.

Solobio imaxina Galiza como algo vivo, abarcable. E devece por vivir rodeado de libros e da serra, nunha casa protectora edificada nas abas do monte.

Volve a casa e imaxina un cuarto en Santiago, ao abrigo da chuvia “na sala ben pechada e quente” e provisto de todos os libros que coñece polos catálogos. Durme de día e traballa de noite.

Traballar n-un libro de moita fondura e poucas páxines: os camiños de Compostela. Prisciliano a psicoloxía das vilas, das peisaxes.

Logo imaxina que o cuarto está nunha fonda, envolto nas néboas salgadas da costa; sempre un cuarto protector que o acompaña por toda Galiza, amparándoo do mundo exterior.

Solobio reflexiona sobre a Ética de Spinoza, filósofo a quen admira por ser humilde, e imaxina as súas ideas como raios de luz. A harmonía de Spinoza e a música vibrante de Bach fanlle sentir o mundo como unha basta catedral. Logo pensa nos veciños do pazo e na súa propia nulidade para o goberno da casa, saltando dun pensamento a outro sen transición.

Sentía nos ollos dos caseiros qu’iles sabían ben a impoenza do amo pra levar a casa. E sofría e pensaba que soilo sería felís non tendo rén, vivendo n-aldea en soñador, sin fixarse en ningures. Mais o patrimonio do seu pai qu’o vello tanto quixera, chamáballe com’unha obriga.

Sente saudade de Compostela e recorda algúns acontecementos ocorridos na vila.

Tudo lle decorría entr’os dedos como se metera a man na auga cantareira d’unha fonte, querendo apresar a auga os mangados.

Coa noite chega a ledicia para Solobio, illado no seu afastamento aldeán. Resolve volver a Compostela e pasar alí o inverno.

Vintecatro horas dinantes de chegar xa vivía en Sant-Iago. Xa deitado botou man a un mazo de coartillas novas, e esquirbíu aixiña as primeiras liñas do seu libro.

Do carnet de Solobio

O segundo texto do libro enlaza diferentes acontecementos illados na vida de Adrián Solobio en Compostela.

O autor conta o efecto que producen nel o Diaes irae cantado polos frades de San Francisco. Tamén sabemos que o libro que pensa escribir, non avanza: “xa se vai pôndo vella aquila primeira páxina qu’esquirbin na aldeia”.

Fálanos da Berenguela e como ás veces os monstros das bases das columnas da Gloria andan ceibos por Compostela. “Os confesores ben saben d’ises días”. Tamén diserta sobre a filosofía na que se debate Compostela, entre o románico e o barroco.

Pol-o pronto voume istalar mais cómodamente. ¡Hastra teimei mercar unha casa! Sospendín os meus apuntes. Xa abonda d’ensaios e ideias salfuridas en anacos de papel. Vai rematando o ano. Hastra o primeiro outono – ¡soño co latexar do vran nas rúas desertas! – non m’astrevo a esquirbir a primeira páxina do libro. ¿Qué será? Unha néboa mais esfarrapada na frouna de pedra de Sant-Iago.

(1)  A primeira das novelas do autor publicada na Biblioteca Lar, co número 8 sería Pantelas, home libre. Lar. A Cruña, 6 de xuño de 1925.
(2)  A andadura espiritual dun escritor. Salvador Lorenzana (heterónimo de Francisco Fernández del Riego). Galaxia. Homenaxe a Otero Pedrayo - Grial nº 52 abril-xuño 1976. pp. 148 e 149.
(3)  Arredor de sí. Ramón Otero Pedrayo. A Cruña, Nós. 1930.
(4)   Otero Pedrayo. Carlos Casares. Colección Conciencia de Galicia, Galaxia. 1981. p. 108.
(5)   Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 346. Entrevista realizada por Álvaro das Casas a Ánxel Casal en 1934.
(6) Algunhas anotacións para un estudo crítico de Arredor de sí. X. A. Fernández Roca. Galaxia. Homenaxe a Otero Pedrayo - Grial nº 52 abril-xuño 1976. pp. 251 e 252.


Ningún comentario:

Publicar un comentario