venres, 30 de agosto de 2013

PELERINAXES I



PELERINAXES I / Otero Pedrayo, Ramón
Debuxos: Vicente Risco
25 de setembro de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña. Volume XXVIII
235 p ; 18 cm.

O libro de viaxes Pelerinaxes I escrito por Ramón Otero Pedrayo, foi publicado por Nós en setembro de 1929.

O texto dá conta da camiñada emprendida en xullo de 1927 por Otero, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fernández-Oxea), entre Ourense e Santo André de Teixido. Unha obra xurdia e que coido ha de agradar – en palabras de Ánxel Casal (4).


A segunda incursión de Otero neste tipo de literatura, onde relataba a ruta entre Ourense e Compostela realizada ano e medio antes da viaxe que os levou a Teixido, viuse coutada pola Guerra Civil. O material non chegou a ser editado en libro e só se publicaron algúns apuntes en prensa (5). Xa que logo, nunca houbo un segundo tomo das Pelerinaxes, como semella suxerir o título.

A obra vai precedida dun prólogo escrito por Vicente Risco explicando os motivos que os impulsaron a emprender a camiñada, resumidos no devezo por coñecer a súa terra – pero non como turistas, pois tal condición prodúcelle noxo a Risco – e  tamén “hai unha razón de refinamento, de senso aristocrático, d’eleganza. No meio da pebleia febre do motorismo, já vai resultando distinguido andar d’a pé”. Por último, a expedición ha procurar o proveito científico, recadando coñecementos de xeografía, etnografía e socioloxía sobre Galiza.

Ides lêr o roteiro d’unha viage á pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr’o Norte caxque toda a terra de Galiza, referido por quen millor sabe referir hoxe en día n-esta nosa terra, e ilustrado por quen puxo nas cousas que vía toda a curiosidade esculcadora dos seus ollos, cheos á aquela hora de contentamento (...).

Velaquí o camiño de Teixido. Quen de vivo aló non vaia, terá qu’ir de morto, en figura de cobra ou lagartiña. Gracias a Deus, nós levamos já isa angueira feita ...

D’Ourense ao San Andrés de Teixido, veleiquí a terra toda debaixo dos nosos pés. E ollai com’andades, qu’ides por terra sagrada.

Pelerinaxes debulla a deliciosa crónica dunha viaxe emprendida por tres amigos, coa intención de descubrir Galiza a pé desde a súa terra de Ourense. A obra está dominada pola erudición poética de Otero para describir a paisaxe e pola fina ironía e o talento artístico de Risco. Ao rematar a lectura fica en nós a saudade dos viaxeiros contra a final da viaxe e a sensación gozosa por ter compartido con eles, tantos anos despois, as xornadas de camiñada.

Sinopse da obra

PRIMEIRA XORNADA: luns, 4 de xullo.

A viaxe comeza en Ourense o 4 de xullo, seguindo a vella calzada de Cudeiro.

Nistes camiños do XVII, do XVIII, as augas, os carros, as rocas, falan un galego petrucial, solto, olente.

O camiño segue por Sobral e Gustei. – Por Gustei vaise enchendo o peito c’o aer da bocarribeira, inda non s’ollan sinon un segmento dos circos de serras – e logo Cambeo e o Empalme, onde toman “un bocadiño de folgo e de xamón n’un piñeiralciño acarón da carretera de Lugo”. A ruta lévaos a Reádegos e Vilamarín, onde deixan a estrada para andar os – camiños de vagantío d’abondo pr’o pasar solene das vacas, dos xinetes e da xente – que descenden o val do Barbantiño.

A eirexa de Río garda o retabro do pazo de Gayón, en Trasalba. Foi vendido por oitenta pesos cando a desfeita da casa. Os labregos vellos de Trasalba inda se lembran d’il, da fartura de figuras e d’historias traballadas na madeira.

O grupo xanta xamón fritido nunha pousada de Pazos.

As pitas veñen por entr’as nosas pernas pra pôr os ovos n’un rincón. O viño estivo a refrescare antre molladas de fentos, com’as froitas. Logo o Risco, litúrxicamente, dosifica o café e vixila o agurgullar do cazolo d’auga. ¡Que bén fai o Risco oficiando n’un lar labrego! Respétano as vellas, as pitas e o gato. Cicais lembranzas de bruxerías ... Que sei eu.

Pola tarde seguen por Lama da Augada, terras de vello aforadas de Oseira, e Barrela, Touza, Coedo e Buciños – vivir invernizo, recollido, forte, sin as prisas do vrán e toda a maestade petrucial do inverno, das castañas, do gando, das noites de contos e trazas das seréas labouras da montana.

O camiño ha levalos por Tresar de Sabugueiro e Tresar de Carballo – bos logares silenzosos – deica Viana. – Cando chegamos baixaba a noite do Faro.

Seguir todo o camiño por Lamas, Viana e demais pobos: non ten perda. E qu’os marcos foron postos fai pouco, na historia espirtual da Galiza (...) Na viaxe cada día leva o seu traballo preciso. E dúrmese sin pensar no mañán.

SEGUNDA XORNADA: martes, 5 de xullo.

Franqueamos a porta â unha surprendente mañán neboenta e fresqueira, toda verde d’arboredos, sebes e lameiros lavados, toda borrallenta de brétemas montesías, prontas a desfiarse en orballeiras

O grupo segue o camiño desde Comezo deica Riazón e Nuxilde, onde se acollen nun forno – O día figura deixarse aprisoar na chúvia máina inda non orgaizada coma si estivéramos no seio da nube –. Logo continúan deica Penasillás e máis adiante polas terras de Adá na procura do mesón de San Vicente. Xa pola tarde chegan a Cerdeda, outra aldea da montaña. A ruta atravesa Cal, Olveda, Moexa, Pereira e Caira. É noite. Un rapaz fai de pegureiro deica o Casar de Naia e logo Monterroso, onde Otero compón unha sentida oda ao xamón.

Monterroso recibeunos d’un xeito antergo, mais que petrucio, feudal.

TERCEIRA XORNADA: mércores, 6 de xullo

Prazer de estár n’unha vila galega iñorada pra nós. Temos horas d’abondo pr’andala priguizosamente que é o millor sistema pra enteirarse das cousas.

É día de feira. Logo de visitar o mercado de facos, porcos e gando, describen polo miúdo a vila. Tamén visitan a barbería onde “hai dous mozos da aldeia. Os peisanos cando se sentan n’unha silla sempre figuran que están no dentista ou no retratista (...) Namentral’o Risco debe andar pol-o pobo facendo dibuxos. Cando dibuxa o Risco, a noz rube e baixa seguindo os movementos da cabeza, coma si dixera: vai ben, vai ben ¡vai ben!”

O grupo dorme no Palace. – A seriedade do Palace queda demostrada con soilo apuntar que xa âs nove da mañán preguntaron da cociña si queríamos cocido. A mantenza antiga require sua meditada preparazón; hai que deixar ô pote seu tempo –. Ese mesmo día pola tarde saen cara Palas de Rei, onde agarda por eles o boticario Avelino García Armesto para acollelos na súa casa.

CUARTA XORNADA: xoves, 7 de xullo

En Palas de Rei os viaxeiros soben no Castromil con destino a Lugo – Agora rubimos a íl de mal xenio. Iste transixir ca mecánica, fáinos un carís de vencidos (...) Vergonza de sentirse levados con tanto adubío de morrales, caxatos e cantimploras.

Chegan a Lugo contra as once da mañá. Na praza maior reúnense con Evaristo Correa Calderón (6). Guiados por el e outros amigos, comen no mesón Santa Comba.

Rillamos un compango de arrieiros d’ises que espertan a envexa dos paisanos que chaman carne ô touciño; postas enxoitas, frebosas de vaca seca.

Logo toman café e fuman no Circo das Artes – istas sociedás gardan o esprito do liberalismo pragmático do século derradeiro . Máis tarde o grupo reanuda o camiño en dirección a Outeiro de Rei e Rábade. Alí pasan a noite nunha casa da praza da Estación.

Todal-as madeiras son novas com’a casa, endexamais foron fregadas e si c’unha trencha houbera pacencia pra descurtizar un anaco da capa de porcallada qu’as recubre, saberíase a caste da madeira.

QUINTA XORNADA: venres, 8 de xullo

Dend’aquil aire sul de Viana tiñamos o sentimento de que a invernía s’acugulaba no noso camiño (...) Moitos moios d’auga caíron riba de nós.

O grupo xanta bacallau no mesón de Gaibor, e ás catro da tarde chegan deica Vilalba, onde gozan das súas tendas de doces.

Eu desexo a sinxela fortaleza das xemas. Sempre me lembran as representazós dos pranetas inda roxos dinantes de criar a tona vital, ou o sol pouquiño dinantes de ser comido pol-as xencivas sin dentes das serras.

En Vilalba agarda por eles Noriega Varela (7) – indiscotido príncipe d’unha rexión da Galiza, con ser fino catador de todal-as esencias da Terra. Seu reino non ten marcos en latitude sinón en outura.

Cean na fonda acompañados polo poeta e prolongan a noite nun intenso faladoiro, felices por ter coñecido un pobo mais pra siñalar con coordenadas sensitivas no mapa interior.

SEXTA XORNADA: sábado, 9 de xullo

Noriega foi connosco un anaquiño pol-a carreteira das Pontes. Longa xornada.

Os camiñantes xantan no mesón de Candamil con sobriedá gostosa, fora de toda gula. Desde alí seguen deica as Pontes de García Rodríguez, onde Risco exerce de enfermeiro coas vinchocas de Otero, e realiza unha cura longa, precisa, aseptica.

SÉTIMA XORNADA: domingo, 10 de xullo

Pol-a mañán grandes discusiós. Os amigos queren seguir camiñando. Eu colleríaos en auto no meio do camiño a Ortigueira. No intre desaunamos, o Risco faime outra cura. Logo váise co Ben-Cho-Sey a ouvir misa e flanear un pouco pol-a vila.

Despois da cea reúnense en Ortigueira con outros amigos. – Foi o tema xeneral: Galiza. Sua fala, seu presente, seu porvir –. Tamén estaba previsto ofrecer unha conferencia galeguista para dar a coñecer a súa ideoloxía, mais non foi posible organizala.

Díxose que eramos xente de moito coidado, nemiga das instituzós mais respetabres, socialistas, anarquizantes (...) Sobretodo ô Risco consideróuselle home perigoso. Risco dinamiteiro, Risco revolucionario, Risco nemigo de todo canto hai de respetabre baixo a capa dos ceos. E Risco calou e meditando nos estranos xiros da opinión, calaba e sorría.

OCTAVA XORNADA: luns, 11 de xullo

Erguémonos cediño. O derradeiro día da nosa pelerinaxe.

Cruzaron en motora deica Mera, onde agardan por eles novos amigos que os acompañarán deica Teixido. Otero non pode camiñar e cabalga nun faco. A viaxe remata na reitoría de Santo André, tomando café e fumando co crego, Andrés Miragaya.

Ainda con sol alto diuse a siñal da partida. Hai moitos kilómetros hastra Cariño. Con grande door arrincamos de S. Andrés.

NOVENA XORNADA: martes, 12 de xullo

Logo de xantar en Cariño acompañados polos amigos que fixeron con eles a última etapa da viaxe e máis o crego da vila, colleron un auto camiño de Viveiro, onde abrazan o amigo Ramón Villar Ponte (8).

Desde alí, de novo en auto, atravesan Mondoñedo, Vilalba, Lugo e, por fin, Ourense.

Na estazón d’Ourense desfíxose o encanto; xa somos homes encarrilados, xa o reló toca pra nós horas ben diferentes das ceibes horas do camiño e da pousada (...) Amigos Risco e Ben-Cho-Sey: unha aperta e a pousar os bastós por algún tempo. Ô largo de moitos días non podíamos ollar un camiño por non ter de desairar a sua invitazón â viaxe. ¡Terra a Nosa!

(1)  Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)  Fonte da imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(3)  Fonte da imaxe de Ben-Cho-Shey: www.foroporlamemoria.info
(4)  Carta de Ánxel Casal a Salvador Cabeza de León. 10 de outono de 1929. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 231.
(5)  As viaxes de Otero Pedrayo. www.lavozdegalicia.es – 20 de xuño de 2001.
(6)  Evaristo Correa Calderón. (1899-1986). Escritor e xornalista. En 1927 publicou en Nós: Margarida a da sorrisa d’aurora, o primeiro conto infantil da literatura galega.
(7)  Antonio Noriega Varela. (1869-1947). Xornalista e poeta. A súa obra máis coñecida é Do hermo (1920). En 1928 publicou en Nós a obra etnográfica: Como falan os brañegos.
(8)  Ramón Villar Ponte. (1890-1953). Ensaísta e membro fundador das Irmandades da fala. Foi xerente da editorial Céltiga. En 1927 publicou o primeiro libro editado por Nós: Historia sintética de Galicia.


sábado, 24 de agosto de 2013

NEMANCOS


NEMANCOS / López Abente, Gonzalo
22 de agosto de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña. Volume XXVII
112 p ; 19 cm.

O libro de poemas Nemancos escrito por Gonzalo López Abente, foi publicado por Nós en agosto de 1929.

López Abente desenvolveu unha intensa actividade literaria antes da Guerra Civil, desde o ano da publicación do seu primeiro libro: Escumas da Ribeira en 1913-1914 (?) (2). Precisamente Nemancos será o último libro publicado polo autor antes da guerra. Logo haberá que agardar até 1958, ano en que Galaxia edita o libro de poemas Centileos nas ondas (3), última obra publicada en vida do autor.

Ademais de ser un notable narrador, destacando particularmente na novela curta, López Abente tamén é recoñecido polas súas composicións poéticas.  

Continuador da poesía do século XIX, o escritor da Costa da Morte insírese inicialmente na liña do seu paisano Pondal, servíndose da mestura de cultismos e dialectalismos para describir a paisaxe mariñeira con metros innovadores. (4)

A Terra de Nemancos (etimoloxicamente “País dos bosques sagrados”) comprende as comarcas de Dumbría, Muxía, Cee e Fisterra (5), antigamente baixo a xurisdición do mosteiro de Moraime.

O libro utilizado durante esta recensión, conta coa curiosidade de incluír unha dedicatoria ológrafa do autor ao tamén escritor José Luis Bugallal Marchesi (6):

Ao meu ademirado amigo e sonado escritor D. José Luís Bugallal, afectuosamente

A Coruña, marzo de 1954

O exemplar presenta ademais unha corrección no poema O Santo Cristo de Fisterre, feita pola que semella ser a man de López Abente, engadindo unha nova liña entre o último e o penúltimo verso:

(...) E o balbordo de pedra derrubadas
mestúrase a este son: O tempro vello,
o Ara-Solis das épocas pasadas
non se contempra xa do mar no espello...
Que agora, en troques, seu cristal refrexa,
aló no cabo da devota vila,
o ábside románico da igrexa
que baixo a lus da fé coma un sol brila.
     E alí, no seu altar, case sorrindo,
sin que o pavor da morte nos aterre,
o seu pobo cos brazos bendecindo,
mirade o Santo Cristo de Fisterre.

Nemancos é un libro de poemas dominado pola saudade, onde o autor recupera moitas das arelas xuvenís. Tamén é un canto á natureza: o vento, os rochedos da costa, os picoutos na distancia (mole impoñente de granito duro, na esquiva soedá); onde destaca, por riba de calquera outro elemento, a presenza do mar, protagonista destacado do libro. A poesía, ás veces intimista e outras baril, procura a simplicidade para achegar os lectores á terra de Nemancos.


Sinopse da obra

O libro ábrese co poema Muxía.

Brandamente deitada no medio da ribeira
e ollando cara o ceo, acouga silenciosa
a branca e melancónica e doce compañeira
dos outos penedás da brava costa nosa.

A forza coa que López Abente trata a paisaxe da costa e as imaxes dos poemas, ás veces remiten á obra de Pondal (7).

Unha vereda branca / por ela un home a andar, / e sete corvos negros, / batendo as negras áas, / agoirantes e feros / a voar e a voar.

As poesías tamén conteñen elementos relixiosos como a invocación ao Santo Forte, O Santo Cristo de Fisterre ou o poema Busco unha fonte.

Qué buscas, logo, na porta miña? / Busco outra fonte; busco a verdá! / Seguide adiante / bon camiñante, / que Deus tan soio sabe onde está.

Outros poemas exploran o intimismo, como por exemplo Triste destino.

Non teño ganas de rîr / nin teño perque chorar: / Un ceu sin sol a lucir / e sin nubes a orballar. // Viaxar pol-as areas / brancas da monotonía, / sin oasis nin aldeas / onde apouvigar un día. // Baixo de agobiante calma / nao que no mar non avanza ... / Triste destino da ialma / que vive sin esperanza.

Nunha variante do mesmo intimismo, o autor relata os males de amor.

Fixen unha fogueira / c’os recordos amados: / os papéis perfumados / da miña compañeira / que fuxeu d’antre os nados.

E despois de varios poemas dominados pola saudade, o libro estoura de alegría para cantar Un novo día.

Sant-Yago: Gran día: / As lindas estrelas de noite bailando / na anchurosa vía / que no azul branquexa do ceo lonxano. // Lañouse a ferida sanguenta do día / e o gromo bermello do sol pol-o abrente / ergueuse lucente / os mundos enchendo de amor e alegría. (...)

Unha oración rende tributo ao mestre Curros Enríquez.

Mestre: / Unha oración suba da terra, / – volvoreta no ouro da mañán – / rezada antre o balbor de Touriñán / na adusta soedade de Fisterra.

López Abente canta o seu amor pola terra no poema Retorno.

Quero vivir con vosco, meus currunchos amados, / quero vivir con vosco e con vosco morrer; / quero que me quezades dos meus fríos pasados / e, na vosa compaña, quero amar e creer.

E aínda nos versos de Touriñan.

Da Terra vixiante / centinela, desperto / de cote para ollar cara o deserto / líquido e pavoroso que ten diante; / índice oucidental forte e barudo, / dedo o mais longo da galega man; / soberbo promontorio, monte rudo; / CABO DE TOURIÑÁN!

Tamén o mar ten unha presenza constante nos poemas de Nemancos, como sucede, por exemplo, en O vello mariñeiro.

Xoga o vento mareiro / co-as guedellas de prata / do vello mariñeiro. // Por enriba das olas, / dos seus ollos sin luz parten craras raiolas, // e unha morna sorrisa / que se espalla tremante / no regazo da brisa // Sentado no peirao / cóidase capitán / d’unha valente nao. // Afeito â dura brega, / pol-o mar da ilusión / intrépido navega. // Vai cón ánimo forte / gobernando o navío / en bolina pra o norte. // e, cuidando non torza / o seu rumbo ideal, ceñido ao vento orza. (...)

E, sobre todo, alenta neles unha fonda sensibilidade para captar o intre exacto:

Chove miudiño, chove
unha chuviña maina
que ao caere no chán enlameirado
debúllase dôrida n-un rosario de bágoas.

(1)  Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: LaVozdeGalicia.es
(2)  Escumas da ribeira foi impreso en Madrid, sen data de publicación. As informacións aparecidas en revistas da época datan o libro entre os últimos meses de 1913 e os primeiros de 1914.
(3)  Centileos nas ondas. Editorial Galaxia. Colección Trasalba. Vigo, 11 de novembro de 1958.
(4)  www.concellomuxia.com
(5)  www.ikimap.com/gl/map/nemancos
(6)  José Luís Bugallal Marchesi. (1899-1989) Xornalista e escritor, membro da RAG.
(7)  O discuros de ingreso de López Abente na Academia Galega da Lingua, pronunciando o 27 de xuño de 1941, leva por título: A terra e a poesía de Pondal. Publicaciós da Real Academia Gallega (sic). A Cruña. 1965.


sábado, 17 de agosto de 2013

A MORTE DE LORD STAÜLER



A MORTE DE LORD STAÜLER / De las Casas, Álvaro
12 de xullo de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. A Cruña. Volume XXVI
65 p ; 17 cm.

A peza dramática en tres escenas A morte de Lord Staüler, escrita por Álvaro das Casas, foi publicada pola editorial Nós en xullo de 1929 dentro da colección Teatro Galego.

Esta sería a segunda obra de Álvaro das Casas editada por Ánxel Casal, despois da publicación da pequena peza teatral O xardín do castelo de Vidre (2) incluída co número vinte e oito entre os exemplares da revista mensual Lar. Tamén será a segunda obra escrita en lingua galega por Álvaro das Casas, logo de ter escrito varios libros en castelán.

A maioría das obras de Álvaro das Casas foron impresos pola editorial Nós.

O autor desenvolveu durante os anos vinte e trinta do século XX unha actividade cultural moi grande: fundador dos Ultreya, político galeguista e posterior disidente das posicións oficiais, ensaísta, narrador, poeta e, sobre todo e por riba de calquera outra disciplina literaria, dramaturgo.

Precisamente nunha comunicación feita ao Instituto Histórico do Minho, na que fala do teatro no noso país, publica a súa proposta de teatro galego o cal, na súa opinión, debería ser poético, de temática histórica e representábel en calquera punto de Galiza. (3)

A morte de Lord Staüler reúne os citados elementos enunciados polo autor. Trátase dunha traxedia histórica ambientada no século XIV e que transcorre durante a guerra entre Pedro o Cruel, rei de Castela e o seu irmán Henrique de Trastámara. A peza, de curta duración, está pensada para ser representada polos grupos de declamación que inzaron o país durante o primeiro terzo do século XX e pretende contribuír á glorificación da historia de Galiza, fornecendo referentes míticos para os lectores que daquela descoñecían en grande medida os sucesos transcedentais, referidos sobre todo á época medieval. Non obstante, a peza recrea os feitos desde un punto de vista poético e sen rigor histórico.

Sinopse da obra

ESCEA PRIMEIRA

O val de Morlide, longo, verdecente, meigo como ningún. N’unha beira o forte castelo de Sindo, pendurado do Ceu entr’os roqueiros brancos. Ao lonxe os outeiros de Panzós e despois o mar.
É â noitiña. Ven, asubiante, o vento mariñán ambalando nos seus funguidos aos piñeiros pretos, aos carballos vellos, as oliveiras rebrilantes ...
Unha puñada de guerreiros están a parolar. Cantan galos no casal do fondo, voan as pegas car’o piñal, i-o vento, algareiro, dá en cantar sua lilaina.
O ar, ten o cheiro d’outomno. Reina en Castela Pedro primeiro.

Os arqueiros galeses de Lord Staüler procuran abeiro para pasar a noite. Devecen por volver ao seu fogar, pero antes deben conquistar o castelo de Lindo.

Nosos arcos farían o milagre: só os arqueiros de Lord Staüler abondamos pra dar vinte crôas a un rei de Castela.

Staüler agarda no camiño de Morlide (Melide?) pola chegada da condesa de Penafría e o bispo de León, acompañados por cen xinetes e catrocentas lanzas. Xuntos, han acometer os inimigos de Pedro de Castela.

A meiga Xoaquina recoméndalle a Staüler que fuxa da condesa.

Vaite, fuxe, com’o mar. Ainda o camiño está limpo, ainda podes ouvir o rumrum do mare. Vaite, probe siñor. Eu vin nos ollos d’esta muller fidalga o lume que queima os pés de San Grabiel. ¿Non ouviche? ¿Non reparache? Tiña na gorxa o alacrán. Fera do monte ... Raposa ... Demo do inferno ... Morras tú somente, qu’as morrer c-o fígado fora. Si, meu siñor; si, meu Rei: lévante pra morte ... Zorra ... Malhaias tú ... ¡Filla de cobra mal mandita! ...

ESCEA SEGUNDA

N’unha parte da escea falan os guerreiros da terra; na outra os ingreses.

Era visto; cousa mexida de mulleres non pode parar en cousa boa. Veña correr por eiquí, veña fuxir por alá; us que si, os outros que non; e veña pra diante e logo pra trás ... Unha foliada.

Os galegos critican as desacertadas decisións dos xefes na batalla e os arqueiros temen morrer nunha terra estraña.

¿Voltarán os arqueiros c’os arcos? ¿Tornarán os guerreiros de Gales? ¡Voltarán a ollar os pendós e as bandeiras en Lewman? ...

Lord Staüler comparte o ánimo dos homes. Agora sabe que a razón non está con don Pedro, senón co alcaide de Lindo, de quen afirman que chegará a ser rei de Galiza.

O nobre inglés ofrécese ao bispo e á condesa para entrar no castelo de Lindo facéndose pasar por traidor. Logo levará o mozo ao lugar onde os arqueiros poidan velo. “Cando eles vexan as duas sombras sobr’a torre, ao meiodía, e vexan qu’unha desaparece – que serei eu – soltarán seus arcos e a morte do rapaz ha ser segura. Serán dez homes bós”.

ESCEA TERCEIRA

O grande salón do castelo de Lindo. Longos panos con brasón colgantes das paredes ...

Cando o bispo e a condesa entran no castelo, Lord Staüler xa non está alí. Don Fernando de Ulloa, prisioneiro, cóntalles que fuxiu cara ao mar logo de morrer asetado don Luís. O corpo do alcaide de Lindo está agora embaixo dun pano, que a condesa atravesa, vingativa, coa súa espada.

Ao erguer o pano, atopan o corpo morto de Lord Staüler.

A condesa fica como morta diante o cadaver, entanto que o encuberto díz adiantándose e descobríndose.
DON LUIS. O de Lindo, teu fillo ... ¡Ese son eu!
XOAQUINA. Calai, non faledes ..., a cobra entrarávos pol-a gorxa. Calai ...
Adiantándose, arranca a espada do peito do Lord e díz traspasando â Condesa.
XOAQUINA. Meu Deus. Esí ... Berrai agora ... jajaja ... Berrai mozos de Lindo e Morlide ¡Ei meu Rei!
E sai brincando pol-o corredor. Ninguén fala. Arrepiados todos, ollan pra Don Luís qu’é un esprito ao pé do Lord heroi. Óuvese lonxe, a voz do ritual que se repite e vaise amoertecendo:
Lindo, Lindo, Lindo, pol-o Rei Don Pedro de Castela ...

(1)  Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: http://bvg.udc.es
(2)  O xardín do castelo de Vidre. Lar, revista mensual. Ano 3; número 28. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña. Decembro de 1926
(3)  Galipedia: http://gl.wikipedia.org/wiki/%C3%81lvaro_das_Casas


luns, 12 de agosto de 2013

ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS II


 ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS II / Varios autores
23 de xuño de 1929

Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. A Cruña. Volume XXV
283 p ; 23,5 cm.

O segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos saíu do prelo de Nós o día de San Xoán de 1929, na Coruña.

Os Arquivos do SEG constitúen un resume da actividade do grupo durante o ano. Tamén a carta de presentación en sociedade do SEG co obxecto de achegar os traballos aos lectores e dar publicidade aos benfeitores da institución, atraendo novos colaboradores. (1)

Ánxel Casal foi o editor habitual das publicacións do Seminario, como indican Dobarro Paz e Vázquez Souza:

Por estas datas (1926) tamén se aprecia a vinculación de Casal co Seminario de Estudos Galegos, institución á que sempre se sentiría moi vinculado, tanto persoal como profesionalmente, mesmo atendendo, con trato de favor, a impresión das súas obras ata que no ano 1933 a virada política da dirección motivou o afastamento por mor da vinculación da imprenta de Casal cos grupos republicanos e esquerdistas composteláns cos que o Seminario non estaba interesado en verse relacionado. (2)

O 9 de marzo de 1929, Ánxel Casal dirixe unha carta a Salvador Cabeza de León, Presidente do Seminario de Estudos Galegos, durante o proceso de impresión do segundo volume dos Arquivos. (3)

Non teño o contrato dos “primeiros Arquivos”, pois como cousa de “Lar” quedouse Carré coil. Teño idea de que vostedes contribuían â impresión con mil e cincocentas pesetas en tres plazos, quedando a edizón propiedade de “Lar” para descontarse do resto coa venda, dándolles a vostede un número de exemprares. Para estes póden facer o mesmo, anque sería máis correcto por parte de NÓS que o Seninario fose dono da edición pagándoa integra e sendo pol-o tanto o producto que houbese para él, encarregándose directamente da venda ou por mediazón de NÓS, cousa ista mais doada pra vostedes anque de maior traballo pra min. En fin vostede dirá xa que vostede ben sabe que estou plenamente as ordens do Seminario e ô servizo da Terra, inda que pol-as trazas istes “Arquivos” son unha cousa allea pol-o idioma ¿Cando han ir todos na nosa lingoa?

Según as indicacións de Martinez tiraránse 400 exemprares dos “Arquivos”.

Tendo en conta as dificultades de Nós para vender os seus libros, (4) os ingresos estables representados polas publicacións do SEG eran todo un salvavidas para a editorial. Unha nova carta cruzada entre Casal e Cabeza de León con data 8 de maio de 1929 abonda nesta interpretación:

Velahí o estado de contas do Seminario con NÓS, do que resulta un saldo a favor de NÓS de 42,60 que agradezo me reembolse â maior brevedade, pois teño uns vencimentos a comenzos da semana proisima que me obrigan a recadar fondos con toda urxencia, por esta mesma razón lle agradecerei tamén me remita ô mesmo tempo o primeiro plazo dos “Arquivos”, que había vir ô comenzalos e inda non chegou apesares d’irmos na páxina 200. (5)

Orde dos traballos

Sobre la presencia de la pirrotina en Galicia. Análisis de la pirrotina de la Mañoca (Santiago)
Isidro Parga Pondal
Da Universidade de Santiago de Galicia
Pp. 7-9

Estudio químico de la nontronita de Chenlo (Pontevedra). Mineral nuevo para España
Isidro Parga Pondal
Pp. 13-18

El mecanismo de acción de la dihidroxiacetona en el organismo humano
José María García-Blanco Oyarzabal
Isidro Parga Pondal
Da Universidade de Santiago de Galicia
Pp. 21-25


Os oestrimnios, os saefes e a ofiolatría en Galiza
Florentino L. Cuevillas (Presidente da Seizón de Prehistoria)
Fermín Bouza Brey
Pp. 29-193



Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume
Federico Maciñeira e Pardo de Lama
Pp. 197-230




Cotos e Xurisdicións de Galicia. Pazo de Santa Mariña do castro de Amarante
Antón Taboada Roca
Pp. 233-242

Cotos y Jurisdicciones de Galicia. Villar de Ferreiros. El pazo, sus poseedores, inventarios de la casa en el siglo XVII
Antonio Taboada Roca
Pp. 245-264 

Ribadeu baixo o señorío dos seus condes
Francisco Lanza Álvarez
Pp. 267-283

O primeiro volume dos Arquivos complétase coa listaxe dos membros do Seminario, indicando os seus traballos de entrada na institución e tamén inclúe a relación das persoas e Administracións que contribuíron á edición do libro.

(1)  O segundo volume dos arquivos inclúe a seguinte nota contra o final do libro: Contribuiron â impresión de este II tomo de “Arquivos” coas suas subvencións e con cuotas extraordinarias: Diputacións da Cruña, Ourense, Lugo e Pontevedra. Concellos de Santiago, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Pontedeume, Verín, Melide, Ortigueira, Lalín e Betanzos. Señora Condesa del Valle de Oselle, Florentino L. Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Francisco Lanza.
(2)  Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 51.
(3)  Ibidem anterior. Pp. 209-210. O orixinal do contrato entre Leandro Carré e os SEG pode consultarse neste mesmo blogue na entrada sobre os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I.
(4)  “De Os Camiños da Vida inda non teño datos fixos pero onde mais se vendeu despois d’Ourense foi na Cruña e Santiago ¡12 exemprares mais ou menos en cada sitio! Craro que das outras obras vendense 6 ou 7” Carta dirixida por Ánxel Casal a Otero Pedrayo en agosto de 1928. Ibidem anterior. P. 207.
(5)  O 16 de maio temos a resposta de Casal a Cabeza de León: “Recibín o seu xiro de cincocentas pesetas que deixo abonadas na conta do Seminario. Moito lle agradezo esta remesa porque me librou d’un conflicto, e pol-a molestia que lle ocasionei”. Ibidem anterior. P. 213.
(6)  Fonte da imaxe de Isidro Parga Pondal: www.concellodelaxe.com
(7)  Fonte da imaxe de J. García-Blanco: www.culturagalega.org
(8)  Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: La Voz de Galicia, 14 de maio de 2012
(9)  Fonte da imaxe de Fermín Bouza Brey: www.carloscallon.com
(10)   Fonte da imaxe de Federico Maciñeira: www.celtiberia.net
(11)   Fonte da imaxe de Antón Taboada Roca: www.farmacialopezrio.com