NEMANCOS / López Abente, Gonzalo
22 de agosto de 1929
22 de agosto de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña. Volume XXVII
112 p ; 19 cm.
O libro de poemas Nemancos escrito por Gonzalo López Abente, foi publicado por Nós en agosto de 1929.
López Abente desenvolveu unha intensa actividade literaria antes da Guerra Civil, desde o ano da publicación do seu primeiro libro: Escumas da Ribeira en 1913-1914 (?) (2). Precisamente Nemancos será o último libro publicado polo autor antes da guerra. Logo haberá que agardar até 1958, ano en que Galaxia edita o libro de poemas Centileos nas ondas (3), última obra publicada en vida do autor.
Ademais de ser un notable narrador, destacando particularmente na novela curta, López Abente tamén é recoñecido polas súas composicións poéticas.
Continuador da poesía do século XIX, o escritor da Costa da Morte insírese inicialmente na liña do seu paisano Pondal, servíndose da mestura de cultismos e dialectalismos para describir a paisaxe mariñeira con metros innovadores. (4)
A Terra de Nemancos (etimoloxicamente “País dos bosques sagrados”) comprende as comarcas de Dumbría, Muxía, Cee e Fisterra (5), antigamente baixo a xurisdición do mosteiro de Moraime.
O libro utilizado durante esta recensión, conta coa curiosidade de incluír unha dedicatoria ológrafa do autor ao tamén escritor José Luis Bugallal Marchesi (6):
Ao meu ademirado amigo e sonado escritor D. José Luís Bugallal, afectuosamente
A Coruña, marzo de 1954
O exemplar presenta ademais unha corrección no poema O Santo Cristo de Fisterre, feita pola que semella ser a man de López Abente, engadindo unha nova liña entre o último e o penúltimo verso:
(...) E o balbordo de pedra derrubadas
mestúrase a este son: O tempro vello,
o Ara-Solis das épocas pasadas
non se contempra xa do mar no espello...
Que agora, en troques, seu cristal refrexa,
aló no cabo da devota vila,
o ábside románico da igrexa
que baixo a lus da fé coma un sol brila.
E alí, no seu altar, case sorrindo,
sin que o pavor da morte nos aterre,
mestúrase a este son: O tempro vello,
o Ara-Solis das épocas pasadas
non se contempra xa do mar no espello...
Que agora, en troques, seu cristal refrexa,
aló no cabo da devota vila,
o ábside románico da igrexa
que baixo a lus da fé coma un sol brila.
E alí, no seu altar, case sorrindo,
sin que o pavor da morte nos aterre,
o seu pobo cos brazos bendecindo,
mirade o Santo Cristo de Fisterre.
mirade o Santo Cristo de Fisterre.
Nemancos é un libro de poemas dominado pola saudade, onde o autor recupera moitas das arelas xuvenís. Tamén é un canto á natureza: o vento, os rochedos da costa, os picoutos na distancia (mole impoñente de granito duro, na esquiva soedá); onde destaca, por riba de calquera outro elemento, a presenza do mar, protagonista destacado do libro. A poesía, ás veces intimista e outras baril, procura a simplicidade para achegar os lectores á terra de Nemancos.
Sinopse da obra
O libro ábrese co poema Muxía.
Brandamente deitada no medio da ribeira
e ollando cara o ceo, acouga silenciosa
a branca e melancónica e doce compañeira
dos outos penedás da brava costa nosa.
e ollando cara o ceo, acouga silenciosa
a branca e melancónica e doce compañeira
dos outos penedás da brava costa nosa.
A forza coa que López Abente trata a paisaxe da costa e as imaxes dos poemas, ás veces remiten á obra de Pondal (7).
Unha vereda branca / por ela un home a andar, / e sete corvos negros, / batendo as negras áas, / agoirantes e feros / a voar e a voar.
As poesías tamén conteñen elementos relixiosos como a invocación ao Santo Forte, O Santo Cristo de Fisterre ou o poema Busco unha fonte.
Qué buscas, logo, na porta miña? / Busco outra fonte; busco a verdá! / Seguide adiante / bon camiñante, / que Deus tan soio sabe onde está.
Outros poemas exploran o intimismo, como por exemplo Triste destino.
Non teño ganas de rîr / nin teño perque chorar: / Un ceu sin sol a lucir / e sin nubes a orballar. // Viaxar pol-as areas / brancas da monotonía, / sin oasis nin aldeas / onde apouvigar un día. // Baixo de agobiante calma / nao que no mar non avanza ... / Triste destino da ialma / que vive sin esperanza.
Nunha variante do mesmo intimismo, o autor relata os males de amor.
Fixen unha fogueira / c’os recordos amados: / os papéis perfumados / da miña compañeira / que fuxeu d’antre os nados.
E despois de varios poemas dominados pola saudade, o libro estoura de alegría para cantar Un novo día.
Sant-Yago: Gran día: / As lindas estrelas de noite bailando / na anchurosa vía / que no azul branquexa do ceo lonxano. // Lañouse a ferida sanguenta do día / e o gromo bermello do sol pol-o abrente / ergueuse lucente / os mundos enchendo de amor e alegría. (...)
Unha oración rende tributo ao mestre Curros Enríquez.
Mestre: / Unha oración suba da terra, / – volvoreta no ouro da mañán – / rezada antre o balbor de Touriñán / na adusta soedade de Fisterra.
López Abente canta o seu amor pola terra no poema Retorno.
Quero vivir con vosco, meus currunchos amados, / quero vivir con vosco e con vosco morrer; / quero que me quezades dos meus fríos pasados / e, na vosa compaña, quero amar e creer.
E aínda nos versos de Touriñan.
Da Terra vixiante / centinela, desperto / de cote para ollar cara o deserto / líquido e pavoroso que ten diante; / índice oucidental forte e barudo, / dedo o mais longo da galega man; / soberbo promontorio, monte rudo; / CABO DE TOURIÑÁN!
Tamén o mar ten unha presenza constante nos poemas de Nemancos, como sucede, por exemplo, en O vello mariñeiro.
Xoga o vento mareiro / co-as guedellas de prata / do vello mariñeiro. // Por enriba das olas, / dos seus ollos sin luz parten craras raiolas, // e unha morna sorrisa / que se espalla tremante / no regazo da brisa // Sentado no peirao / cóidase capitán / d’unha valente nao. // Afeito â dura brega, / pol-o mar da ilusión / intrépido navega. // Vai cón ánimo forte / gobernando o navío / en bolina pra o norte. // e, cuidando non torza / o seu rumbo ideal, ceñido ao vento orza. (...)
E, sobre todo, alenta neles unha fonda sensibilidade para captar o intre exacto:
Chove miudiño, chove
unha chuviña maina
que ao caere no chán enlameirado
debúllase dôrida n-un rosario de bágoas.
unha chuviña maina
que ao caere no chán enlameirado
debúllase dôrida n-un rosario de bágoas.
(1) Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: LaVozdeGalicia.es
(2) Escumas da ribeira foi impreso en Madrid, sen data de publicación. As informacións aparecidas en revistas da época datan o libro entre os últimos meses de 1913 e os primeiros de 1914.
(3) Centileos nas ondas. Editorial Galaxia. Colección Trasalba. Vigo, 11 de novembro de 1958.
(4) www.concellomuxia.com
(5) www.ikimap.com/gl/map/nemancos
(6) José Luís Bugallal Marchesi. (1899-1989) Xornalista e escritor, membro da RAG.
(7) O discuros de ingreso de López Abente na Academia Galega da Lingua, pronunciando o 27 de xuño de 1941, leva por título: A terra e a poesía de Pondal. Publicaciós da Real Academia Gallega (sic). A Cruña. 1965.
Hola, en primero lugar gustaríame felicitarte polo estupendo blog sobre estas míticas editoriais galegas.
ResponderEliminarTamén me gustaría facer un ha precisión sobre esta entrada sobre López Abente xa que comentas que O diputado por veiramar de 1919 foi o seu primeiro. Esto é certo se consideramos só a prosa, pero antes desa data escribiu dous libros de poesía: Escumas da ribeira e Alento da raza. Esto podese consultar na web da Fundación López Abente.
Mocita grazas por difundir parte da historia e da cultura de Galicia, sempre tan esquecidas. Un saúdo.
Ola Marcos, agradezo a túa nota e os azos que me transmites nela.
EliminarCon respecto ao teu comentario, debo dicirche que eu tamén considerei o libro Escumas da Ribeira ao redactar o texto. O libro foi publicado sen data de impresión, pero a Fundación López Abente informa dunha referencia recollida nun xornal no ano 1914, que eu descoñezo. Por desgraza nunca tiven o libro orixinal na miña man, pero un libreiro de vello e amigo meu que si dispuxo del, informoume que o libro foi editado por CIRCA en Madrid no ano 1920. Tampouco teño datos para corroborar esta segunda información.
Con respecto ao libro Alento da Raza e tamén publicado sen data de impresión, a Fundación López Abente alude a unha nova nota xornalística aparecida no ano 1917.
Por outra parte, a Academia Galega na páxina que recolle a biografía de López Abente por ter sido homenaxeado en 1971, non recolle ningunha das dúas obras.
Non obstante, é probable que calquera dos libros que indicas sexa anterior ao Diputado por Veiramar. Xa que logo, penso que a túa aclaración complementa acertadamente a entrada do blogue.
Ola Xabier. Sobre o libro Alento da raza non teño información nin o libro físico. En cambio sobre Escumas da ribeira teño o libro e tamén teño unha folla dunha revista da época que fai referencia ó autor e ó seu libro. Se non recordo mal debe corresponder a 1913 ou 1914, pero teño que buscala para confirmalo. Como ben dis o libro foi editado en Madrid pero sen fecha de publicación. Esta é a única información que teño sobre o tema.
ResponderEliminarUn saúdo. Marcos.
De novo saúdos. Se queres engadir a referencia da revista que indicas, quédoche agradecido.
EliminarUnha aperta
Ola Xabier.
EliminarTeño que buscala revista. En cualquiera caso non teño a revista completa senon unha folla solta que ten unha pequena referencia ó libro de Escumas da ribeira. A folla non ten data impresa pero polas outras novas da mesma pódese datar de forma aproximada. Se non recordo mal coido que correspondía a 1914. Cando a atope xa te comentarei.
Un saúdo, Marcos.
Ola Xabier,
ResponderEliminarAtropei a folla da revista. Corresponde á revista Nuevo Mundo a a pesar de que non está datada pódese precisar a data tirando do fio doutas novas que se atopan na mesma folla. Parece que esta revista é de febreiro de 1914 e nela nunha pequena nota dise textualmente: Don Gonzalo López Abente, notable poeta gallego que acaba de publicar con gran éxito un admirable tomo de poesías titulado Escumas da Riibeira que ha llamado muy justamente la atención.
Tendo esto en conta podemos decir que Escumas da Ribeira debeuse de publicar a ciñáis de 1913 ou principios de 1914.
Si tes algún interés podo enviarte unha fotografía da mesma.
Un saúdo.
Marcos.
Moitas grazas Marcos. Xa modifiquei a información da entrada incluíndo os datos que aportas. Un dos obxectivos deste blogue é o de reconstruír unha das etapas máis ilusionantes e esperanzadoras da literatura galega. Gustaríame, ademais, que este fose un labor colectivo, onde participen as persoas que teñan información útil ao respecto dos libros comentados.
EliminarXa que logo, a túa aportación ten para min un valor moi especial por ter sido a primeira achega ao blogue.
Unha aperta cordial.
PD. Se para ti non é molestia, agradézoche a achega da copia da folla ao meu enderezo mail: xabierconve@gmail.com