venres, 30 de agosto de 2013

PELERINAXES I



PELERINAXES I / Otero Pedrayo, Ramón
Debuxos: Vicente Risco
25 de setembro de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña. Volume XXVIII
235 p ; 18 cm.

O libro de viaxes Pelerinaxes I escrito por Ramón Otero Pedrayo, foi publicado por Nós en setembro de 1929.

O texto dá conta da camiñada emprendida en xullo de 1927 por Otero, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fernández-Oxea), entre Ourense e Santo André de Teixido. Unha obra xurdia e que coido ha de agradar – en palabras de Ánxel Casal (4).


A segunda incursión de Otero neste tipo de literatura, onde relataba a ruta entre Ourense e Compostela realizada ano e medio antes da viaxe que os levou a Teixido, viuse coutada pola Guerra Civil. O material non chegou a ser editado en libro e só se publicaron algúns apuntes en prensa (5). Xa que logo, nunca houbo un segundo tomo das Pelerinaxes, como semella suxerir o título.

A obra vai precedida dun prólogo escrito por Vicente Risco explicando os motivos que os impulsaron a emprender a camiñada, resumidos no devezo por coñecer a súa terra – pero non como turistas, pois tal condición prodúcelle noxo a Risco – e  tamén “hai unha razón de refinamento, de senso aristocrático, d’eleganza. No meio da pebleia febre do motorismo, já vai resultando distinguido andar d’a pé”. Por último, a expedición ha procurar o proveito científico, recadando coñecementos de xeografía, etnografía e socioloxía sobre Galiza.

Ides lêr o roteiro d’unha viage á pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr’o Norte caxque toda a terra de Galiza, referido por quen millor sabe referir hoxe en día n-esta nosa terra, e ilustrado por quen puxo nas cousas que vía toda a curiosidade esculcadora dos seus ollos, cheos á aquela hora de contentamento (...).

Velaquí o camiño de Teixido. Quen de vivo aló non vaia, terá qu’ir de morto, en figura de cobra ou lagartiña. Gracias a Deus, nós levamos já isa angueira feita ...

D’Ourense ao San Andrés de Teixido, veleiquí a terra toda debaixo dos nosos pés. E ollai com’andades, qu’ides por terra sagrada.

Pelerinaxes debulla a deliciosa crónica dunha viaxe emprendida por tres amigos, coa intención de descubrir Galiza a pé desde a súa terra de Ourense. A obra está dominada pola erudición poética de Otero para describir a paisaxe e pola fina ironía e o talento artístico de Risco. Ao rematar a lectura fica en nós a saudade dos viaxeiros contra a final da viaxe e a sensación gozosa por ter compartido con eles, tantos anos despois, as xornadas de camiñada.

Sinopse da obra

PRIMEIRA XORNADA: luns, 4 de xullo.

A viaxe comeza en Ourense o 4 de xullo, seguindo a vella calzada de Cudeiro.

Nistes camiños do XVII, do XVIII, as augas, os carros, as rocas, falan un galego petrucial, solto, olente.

O camiño segue por Sobral e Gustei. – Por Gustei vaise enchendo o peito c’o aer da bocarribeira, inda non s’ollan sinon un segmento dos circos de serras – e logo Cambeo e o Empalme, onde toman “un bocadiño de folgo e de xamón n’un piñeiralciño acarón da carretera de Lugo”. A ruta lévaos a Reádegos e Vilamarín, onde deixan a estrada para andar os – camiños de vagantío d’abondo pr’o pasar solene das vacas, dos xinetes e da xente – que descenden o val do Barbantiño.

A eirexa de Río garda o retabro do pazo de Gayón, en Trasalba. Foi vendido por oitenta pesos cando a desfeita da casa. Os labregos vellos de Trasalba inda se lembran d’il, da fartura de figuras e d’historias traballadas na madeira.

O grupo xanta xamón fritido nunha pousada de Pazos.

As pitas veñen por entr’as nosas pernas pra pôr os ovos n’un rincón. O viño estivo a refrescare antre molladas de fentos, com’as froitas. Logo o Risco, litúrxicamente, dosifica o café e vixila o agurgullar do cazolo d’auga. ¡Que bén fai o Risco oficiando n’un lar labrego! Respétano as vellas, as pitas e o gato. Cicais lembranzas de bruxerías ... Que sei eu.

Pola tarde seguen por Lama da Augada, terras de vello aforadas de Oseira, e Barrela, Touza, Coedo e Buciños – vivir invernizo, recollido, forte, sin as prisas do vrán e toda a maestade petrucial do inverno, das castañas, do gando, das noites de contos e trazas das seréas labouras da montana.

O camiño ha levalos por Tresar de Sabugueiro e Tresar de Carballo – bos logares silenzosos – deica Viana. – Cando chegamos baixaba a noite do Faro.

Seguir todo o camiño por Lamas, Viana e demais pobos: non ten perda. E qu’os marcos foron postos fai pouco, na historia espirtual da Galiza (...) Na viaxe cada día leva o seu traballo preciso. E dúrmese sin pensar no mañán.

SEGUNDA XORNADA: martes, 5 de xullo.

Franqueamos a porta â unha surprendente mañán neboenta e fresqueira, toda verde d’arboredos, sebes e lameiros lavados, toda borrallenta de brétemas montesías, prontas a desfiarse en orballeiras

O grupo segue o camiño desde Comezo deica Riazón e Nuxilde, onde se acollen nun forno – O día figura deixarse aprisoar na chúvia máina inda non orgaizada coma si estivéramos no seio da nube –. Logo continúan deica Penasillás e máis adiante polas terras de Adá na procura do mesón de San Vicente. Xa pola tarde chegan a Cerdeda, outra aldea da montaña. A ruta atravesa Cal, Olveda, Moexa, Pereira e Caira. É noite. Un rapaz fai de pegureiro deica o Casar de Naia e logo Monterroso, onde Otero compón unha sentida oda ao xamón.

Monterroso recibeunos d’un xeito antergo, mais que petrucio, feudal.

TERCEIRA XORNADA: mércores, 6 de xullo

Prazer de estár n’unha vila galega iñorada pra nós. Temos horas d’abondo pr’andala priguizosamente que é o millor sistema pra enteirarse das cousas.

É día de feira. Logo de visitar o mercado de facos, porcos e gando, describen polo miúdo a vila. Tamén visitan a barbería onde “hai dous mozos da aldeia. Os peisanos cando se sentan n’unha silla sempre figuran que están no dentista ou no retratista (...) Namentral’o Risco debe andar pol-o pobo facendo dibuxos. Cando dibuxa o Risco, a noz rube e baixa seguindo os movementos da cabeza, coma si dixera: vai ben, vai ben ¡vai ben!”

O grupo dorme no Palace. – A seriedade do Palace queda demostrada con soilo apuntar que xa âs nove da mañán preguntaron da cociña si queríamos cocido. A mantenza antiga require sua meditada preparazón; hai que deixar ô pote seu tempo –. Ese mesmo día pola tarde saen cara Palas de Rei, onde agarda por eles o boticario Avelino García Armesto para acollelos na súa casa.

CUARTA XORNADA: xoves, 7 de xullo

En Palas de Rei os viaxeiros soben no Castromil con destino a Lugo – Agora rubimos a íl de mal xenio. Iste transixir ca mecánica, fáinos un carís de vencidos (...) Vergonza de sentirse levados con tanto adubío de morrales, caxatos e cantimploras.

Chegan a Lugo contra as once da mañá. Na praza maior reúnense con Evaristo Correa Calderón (6). Guiados por el e outros amigos, comen no mesón Santa Comba.

Rillamos un compango de arrieiros d’ises que espertan a envexa dos paisanos que chaman carne ô touciño; postas enxoitas, frebosas de vaca seca.

Logo toman café e fuman no Circo das Artes – istas sociedás gardan o esprito do liberalismo pragmático do século derradeiro . Máis tarde o grupo reanuda o camiño en dirección a Outeiro de Rei e Rábade. Alí pasan a noite nunha casa da praza da Estación.

Todal-as madeiras son novas com’a casa, endexamais foron fregadas e si c’unha trencha houbera pacencia pra descurtizar un anaco da capa de porcallada qu’as recubre, saberíase a caste da madeira.

QUINTA XORNADA: venres, 8 de xullo

Dend’aquil aire sul de Viana tiñamos o sentimento de que a invernía s’acugulaba no noso camiño (...) Moitos moios d’auga caíron riba de nós.

O grupo xanta bacallau no mesón de Gaibor, e ás catro da tarde chegan deica Vilalba, onde gozan das súas tendas de doces.

Eu desexo a sinxela fortaleza das xemas. Sempre me lembran as representazós dos pranetas inda roxos dinantes de criar a tona vital, ou o sol pouquiño dinantes de ser comido pol-as xencivas sin dentes das serras.

En Vilalba agarda por eles Noriega Varela (7) – indiscotido príncipe d’unha rexión da Galiza, con ser fino catador de todal-as esencias da Terra. Seu reino non ten marcos en latitude sinón en outura.

Cean na fonda acompañados polo poeta e prolongan a noite nun intenso faladoiro, felices por ter coñecido un pobo mais pra siñalar con coordenadas sensitivas no mapa interior.

SEXTA XORNADA: sábado, 9 de xullo

Noriega foi connosco un anaquiño pol-a carreteira das Pontes. Longa xornada.

Os camiñantes xantan no mesón de Candamil con sobriedá gostosa, fora de toda gula. Desde alí seguen deica as Pontes de García Rodríguez, onde Risco exerce de enfermeiro coas vinchocas de Otero, e realiza unha cura longa, precisa, aseptica.

SÉTIMA XORNADA: domingo, 10 de xullo

Pol-a mañán grandes discusiós. Os amigos queren seguir camiñando. Eu colleríaos en auto no meio do camiño a Ortigueira. No intre desaunamos, o Risco faime outra cura. Logo váise co Ben-Cho-Sey a ouvir misa e flanear un pouco pol-a vila.

Despois da cea reúnense en Ortigueira con outros amigos. – Foi o tema xeneral: Galiza. Sua fala, seu presente, seu porvir –. Tamén estaba previsto ofrecer unha conferencia galeguista para dar a coñecer a súa ideoloxía, mais non foi posible organizala.

Díxose que eramos xente de moito coidado, nemiga das instituzós mais respetabres, socialistas, anarquizantes (...) Sobretodo ô Risco consideróuselle home perigoso. Risco dinamiteiro, Risco revolucionario, Risco nemigo de todo canto hai de respetabre baixo a capa dos ceos. E Risco calou e meditando nos estranos xiros da opinión, calaba e sorría.

OCTAVA XORNADA: luns, 11 de xullo

Erguémonos cediño. O derradeiro día da nosa pelerinaxe.

Cruzaron en motora deica Mera, onde agardan por eles novos amigos que os acompañarán deica Teixido. Otero non pode camiñar e cabalga nun faco. A viaxe remata na reitoría de Santo André, tomando café e fumando co crego, Andrés Miragaya.

Ainda con sol alto diuse a siñal da partida. Hai moitos kilómetros hastra Cariño. Con grande door arrincamos de S. Andrés.

NOVENA XORNADA: martes, 12 de xullo

Logo de xantar en Cariño acompañados polos amigos que fixeron con eles a última etapa da viaxe e máis o crego da vila, colleron un auto camiño de Viveiro, onde abrazan o amigo Ramón Villar Ponte (8).

Desde alí, de novo en auto, atravesan Mondoñedo, Vilalba, Lugo e, por fin, Ourense.

Na estazón d’Ourense desfíxose o encanto; xa somos homes encarrilados, xa o reló toca pra nós horas ben diferentes das ceibes horas do camiño e da pousada (...) Amigos Risco e Ben-Cho-Sey: unha aperta e a pousar os bastós por algún tempo. Ô largo de moitos días non podíamos ollar un camiño por non ter de desairar a sua invitazón â viaxe. ¡Terra a Nosa!

(1)  Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)  Fonte da imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(3)  Fonte da imaxe de Ben-Cho-Shey: www.foroporlamemoria.info
(4)  Carta de Ánxel Casal a Salvador Cabeza de León. 10 de outono de 1929. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 231.
(5)  As viaxes de Otero Pedrayo. www.lavozdegalicia.es – 20 de xuño de 2001.
(6)  Evaristo Correa Calderón. (1899-1986). Escritor e xornalista. En 1927 publicou en Nós: Margarida a da sorrisa d’aurora, o primeiro conto infantil da literatura galega.
(7)  Antonio Noriega Varela. (1869-1947). Xornalista e poeta. A súa obra máis coñecida é Do hermo (1920). En 1928 publicou en Nós a obra etnográfica: Como falan os brañegos.
(8)  Ramón Villar Ponte. (1890-1953). Ensaísta e membro fundador das Irmandades da fala. Foi xerente da editorial Céltiga. En 1927 publicou o primeiro libro editado por Nós: Historia sintética de Galicia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario