sábado, 3 de agosto de 2013

COTOS E XURISDICIÓNS DE GALICIA – PAZO DE SANTA MARIÑA DO CASTRO DE AMARANTE



COTOS E XURISDICIÓNS DE GALICIA – PAZO DE SANTA MARIÑA DO CASTRO DE AMARANTE / Taboada Roca, Antón
12 de xuño 1929
Nós, Publicacións Galegas e Imprenta – Real, 36 – 1º. A Cruña
14 p texto + 3 láminas + 1 croquis; 24,5 cm.


A publicación Cotos e Xurisdicións de Galicia. Pazo de Santa Mariña do Castro de Amarante, separata exenta do segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, foi escrita polo historiador Antón TaboadaRoca e publicada por Nós en xuño de 1929. (2)

Este foi o segundo dos traballos dedicados por Taboada aos coutos de Galicia, como achega ás publicacións do Seminario de Estudos Galegos. O primeiro destes volumes publicouno a editorial Lar en 1927. (3)

Era habitual que os membros máis activos do SEG redactasen un novo traballo cada ano, contribuíndo a ampliar o catálogo da institución. Este carácter plural das obras maniféstase na nota incluída na capa interior do libro, redactada en galego e francés:

AVISO IMPORTANTE: O Seminario de Estudos Galegos, prega aos colegas que reciban as suas pubricacións, acusen recibo ou envíen as suas en calidade de intercambio ao: Segredario do Seminario d’Estudos Galegos. Antigo Colexio de S. Clemente. Santiago de Galicia.

Taboada colaborou co SEG con varios traballos históricos e xenealóxicos. O estudo máis completo foi a monografía Notas históricas (4), incluída no volume colectivo Terra de Melide (5).

O libro sobre o couto de Santa Mariña, no castro de Amarante, é unha crónica laudatoria dos Vázquez-Taboada, señores do pazo no século XVII; época de maior pulo no couto, e tamén antecesores do propio Antón Taboada. Servíndose dos testamentos, o autor inclúe un breve estudo xenealóxico onde enumera os vinculeiros e outros membros das familias entre 1637 e 1680.

Sinopse da obra

Érguese este pazo (Santa Mariña do castro de Amarante), enriba d’un outeiro, na freiguesía do seu nome, auntamento de Antas de Ulla – Lugo –. Residenza obrigada do Conde da Torre-Penela. Nada lle cumpría pra vivir ben n’el con folganza. Era tanta a sua grandeza, que todol-os que o vían, tíñano non soio como o mellor de aquela terra onde os hai tan bós, senón de toda a rexión.

Logo desta introdución, Taboada inclúe unha descrición xeográfica do lugar onde está situado o pazo e dos espazos interiores do edificio, anotando a probable data de edificación das dependencias.

Mentras viviron n’ela os donos, tiveron coidado de mantela no estado que requería o seu rango. No ano 1823, os constitucionaes pra vengarse d’unha derrota que sofriron en Santa Mariña loitando contra os realistas mandados por D. Xosé María de Puga Miranda, sesto conde da Torre-Penela, volveron outra ves alí con moita xente: entráronlle no pazo, aprisoaronno, roubaronno, fóronlle ô arquivo, e ô derradeiro partíronlle portas e fenestras. As perdas que lle causaron chegaron a 40.000 reás.

Morto o conde, a viúva trasladouse a Compostela. O pazo ocupárono uns caseiros “e lle engadiron o corpo da casa qu’está diante da fronteira prencipal, que por certo é un remendo ben mal votado”.

O autor transcribe a listaxe cos efectos do pazo naquel tempo.

(…) 32 tablas de manteles de Alamanisco y gusanillo nuebas y quatro de estopilla (…) 3 escritorios de tortuga y marfil con sus bufetes y 1 papelera con las Armas de los Vazquez y Tabuadas (…) 6 bugias con sus espabiladeras todo de azofar (…) 5 carros ferrados los dos nuebos y los otros tres usados y los mas aparejos para la labranza como son los hazzadones, palas de hierro, picaña, hoces de cortar leña y fruto y lo mas que conduce para la labranza (…) 5 baços, una Concha ilos baços de pie alto con más otros ocho redondos y en ellos dos de encaje. Una tembladera lissa i un baço echura de barco.

Deseguida glósanse brevemente as vidas dos donos do pazo, e en particular de Xan Vázquez Taboada.

Oxe ô pasar por diante d’unha d’estas pousas valeiras, o curazón se magóa. É como quen mira pra un corpo sen esprito. Soio queda de lembranza as pedras cinguidas pol-a hedra. Os pais, nas longas noites de inverno ô carón do lume, fálanlle ôs filliños da fartura que había no pazo. ¡Que bon era o señor! Cos seus empeños axudaba a saír cregos ôs rapaces da aldea. ¡E a dona! Cantas bágoas enxugou. Os proves, sempre atopaban n’ela a esmola pra ir turrando. Pol-o antroido ía de casa en casa repartindo os torresmos. Na eirexa, despois da misa maor; inda se ven nos cornellos da capela dos señores, algús vellos e vellas; son afillados d’eles, qu’en agradecemento non se esquecen de encomendalos a Deus nas suas oracións.

(1)    Fonte da imaxe de Antonio Taboada Roca: http://www.farmacialopezrio.com/index.htm
(2)    O segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos inclúe un novo traballo escrito en castelán sobre os coutos galegos titulado: Cotos y Jurisdicciones de Galicia. Villar de Ferreiros. El pazo, sus poseedores, inventario de la casa en el siglo XVII. Arquivos do Seminario de Estudos Galegos II. Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, A Cruña. 1929.
(3)    Cotos y Jurisdicciones de Galicia. Imprenta Lar. Franja, 34. A Coruña. 1927.
(4)    Notas históricas. Antón Taboada Roca. Editorial Nós, Santiago de Compostela. 1933.
(5)    Terra de Melide. Varios autores. Editorial Nós – Rúa do Vilar, 15 – Santiago de Compostela. 7 de xuño de 1933.


Ningún comentario:

Publicar un comentario