martes, 15 de outubro de 2019

PREHISTORIA DE MELIDE


PREHISTORIA DE MELIDE / Florentino L.-Cuevillas
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
103 p ; 28 Cm.

A separata Prehistoria de Melide escrita por Florentino López Alonso-Cuevillas foi impresa na rúa das Hortas de Compostela en 1933.

Este é outro dos traballos integrados no volume colectivo Terra de Melide, editado tamén como documento exento dentro da serie de documentos impresos pola editorial Nós por conta do Seminario de Estudos Galegos.

Lopez Cuevillas foi o gran impulsor dos estudos arqueolóxicos e prehistóricos da xeración Nós, dotando estes da imprescindible metodoloxía científica, primeiro desde a dirección da sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos e, despois da guerra, tamén na Academia Galega e no Instituto Padre Sarmiento.

O autor coordinou os traballos do Catálogo dos Castros Galegos, unha das series máis frutíferas do SEG. Precisamente a separata sobre Melide abonda nos mesmos estudos cunha prosa clara e precisa, relacionando numerosos asentamentos castrexos da comarca ademais doutros achados.

Inzada de mámoas, abondosa en castros, rica en achádegos de machados de bronce e de xoias áureas, a terra de Melide tiña que atraguer necesariamente a atención dos afeizoados âs cousas prehistóricas e ainda provocar a curiosidade dos estudosos que viviran en rexión tan rica en lembranzas do pasado.

O traballo comeza enumerando as referencias bibliográficas sobre os achados de restos arqueolóxicos en Melide, que se remontan ao final do século XVIII.

A continuación Cuevillas establece o campo de estudo prehistórico  abranguendo as mámoas, os obxectos de cobre e bronce, os torques, os tesouros da idade do Bronce e os castros.

O primeiro destes apartados son as mámoas, onde as descricións aparecen acompañadas por debuxos esquemáticos do propio autor.

O traballo recolle as localizacións das catro mámoas do grupo da Moruxosa, na serra do Bocelo, que reciben o evocador nome do Forno dos Mouros, a mámoa de Ordes, os grupos de Zaramil, Penacoba, Nordeste de Melide, Sur do Monte de Melide, Rechinol, Barreiro, Sueste do Monte de Melide, Serantes e as mámoas da Granxa e de Aveancos.

A cantidade de mámoas oxe existentes na rexión obxeto do noso estudo e as noticias que recollimos acerca da recente destrución de algunhas, dato que fai supor que o seu número sería moito maor n-outro tempo, deixan postular que non neo-eneolítico debía de vivir nela unha poboación considerabre e quizáis mesta.

Despois deste apartado, Cuevillas describe os obxectos de cobre e bronce atopados na comarca, entre os que cita machados, puntas de frecha, espadas, pulseiras, aneis e puñais, e os tesouros da idade do Bronce.

O autor cita o brazalete de Melide, atopado en 1881 preto do castro do Monte dos Mouros e actualmente depositado no Museo Provincial de Lugo como parte da colección Álvaro Gil, e as diademas e pulseira de ouro que forman o tesouro do Monte dos Mouros, atopadas en 1887 e integradas na mesma colección.

Na terra de Melide están representadas todal-as fases da Edade do Bronce galega, agás a derradeira, que ten unha localización case escrusivamente costeira (...) un centro de fabricación de ourivesaría que imos alcontrar ainda vivo no tempo dos castros.

O catálogo dos castros da terra de Melide ocupa un espazo principal na obra, tanto por extensión como polo detalle das descricións dos trinta e nove castros, acompañadas por debuxos e informacións individualizadas sobre o emprazamento, defensas, medidas, observacións, folclore e bibliografía.

Poucas terras haberá en Galicia que igoalen en densidade castrexa â terra de Melide. Dende o Bocelo até a Ulla, as acrópoles protohistóricas inzan con tan forte prodigalidade que, sen esaxéro, pódese decir que é imposibre percorrer un kilómetro por calquer camiño sen alcontrar algunha.

Ademais destes estudos particulares, Cuevillas procura ofrecer unha imaxe conxunta da comarca a partir dos emprazamentos, feitura, dimensións das acrópoles e outros elementos arqueolóxicos.

Tamén dedica un apartado ao folclore popular sobre os castros, sendo recorrentes as lendas sobre as trabes de ouro, prata e alcatrán, a galiña con tres pitos, e outras tamén habituais noutros lugares sobre os encantos que habitan nos castros.

A trabe de ouro aparez en 21 dos castros eiquí estadados, en seis de iles en compaña da de alquitrán, que n-un caso dícese de fuego, e nos demais, son tres trabes: de ouro, de prata e de alquitrán, quitando no de Paradela, onde unha de elas é de diamante.

(1)   Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: La Voz de Galicia, 14 de maio de 2012
 

domingo, 1 de setembro de 2019

NOTAS HISTÓRICAS


NOTAS HISTÓRICAS / Antón Taboada Roca
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
126 p ; 28 Cm.

A separata Notas históricas foi escrita por Antón Taboada Roca e impresa na rúa das Hortas de Compostela en 1933.

O traballo está editado como documento exento e tamén apareceu incluído na monografía Terra de Melide, obra colectiva promovida por Taboada e elaborada polos membros do Seminario de Estudos Galegos, iniciando no mes de decembro de 1929 os traballos de campo sobre a comarca da Terra de Melide, que habían prolongarse ao longo de tres cursos sucesivos.

Taboada, farmacéutico en Melide e irmán do conde de Borraxeiros, publicou varios estudos heráldicos sobre as liñaxes galegas, ademais doutros traballos puntuais etnográficos e históricos.

As Notas históricas ábrense coa referencia á terra de Abeancos, integrada polos concellos de Melide, Santiso e Toques, que segundo as actas de concilio de Lugo no ano 569 estaba composta por once antigos condados, limitando o estudo aos de Dorra (Monterroso) e Ulloa.

A terra de Abeancos aparece partida en diversos coutos e xurisdicións, compostos por diferentes freguesías. En concreto a vila e xurisdición de Melide pertenceu á igrexa de Santiago desde o ano 1212.

Era costume antiga que cando os arcebispos entraban de novo en Sant-Iago, saíse o Concello da referida cibdá a esperalos á Melide, por ser o pirmeiro pobo de sua dinidá que se atopaba vindo de Castela.

A continuación o autor describe cales foron as vías históricas principais e recrea unha estampa sobre a vida en Melide no século XVIII nos seus aspectos relixiosos, institucionais, as feiras, os impostos, os cultivos e o comercio.

Según o catastro contaba con dous cortadores de carnes, dous xastres, dous ferreiros, dous carpinteiros, un garnicidor de sillas, un pelambreiro, once zapateiros, oito curtidores que ademais traballaban de labradores o mesmo que os outros de ditos oficios.

Os seguintes capítulos describen momentos históricos sinalados na historia de Melide, comezando pola guerra de Independencia, con información sobre as proclamas e ordes de alistamento.

Aun que por las contingencias en que nos hallamos todos los habitantes de Galicia quedan declarados Soldados, deben entrar solo en esta primera conscripción los solteros de 16 a 40 años. Los que resulten sobrantes del contingente y los que haiga alistados de los demás estados, deben estar tan prontos para las restantes conscripciones que se necesiten, que solo un ligero aviso baste para reunirlos en el punto que se les señale.

A obra segue coas loitas entre realistas e constitucionais no primeiro terzo do século XIX e a primeira guerra Carlista, relatando o combate entre oitocentos carlistas comandados polo crego Freixó contra as forzas gobernamentais acantoadas na vila, a piques de ceder a praza.

Suprimidos coutos e xurisdicións en 1834, constituíronse os concellos entre os que estaba o de Melide, integrado por vinte e seis parroquias. Taboada revisa as actas municipais e anota os principais acontecementos ocorridos no concello durante os anteriores cen anos.

O Auntamento en 6 de Febreiro de 1847, tomóu, entre outros acordos, o de crear unha escola elemental compreta de primeira educación n-ista vila, señalándolle a dotación de mil cen reás ô ano, casa pra vividoiro do mestre e carto n-ela pra comodidá dos nenos. Pra os probes, era de balde o insiño, pero os ricos tiñan que pagarlle ô mestre o que conviñesen.

Por último, a obra dedica un capítulo extenso á descrición da nobreza da comarca, numerosa pero cativa en palabras do autor, composta por pequenos fidalgos suxeitos ao señorío da igrexa e das casas de Monterrei e Altamira.

Por falla de cantería n-esta bisbarra, as residencias señoriás, non foron tan boas como n-outras partes. Até os comenzos do século XVII, a maor parte d’elas, eran casas terréas. O tipo mais xeral, dende a data, foi o de vividoiro composto de sobrado, e fincando, ou perto d’el, outras dependencias: cortes, cortellos, pendellos, palleiros, etc.

As últimas páxinas relacionan trinta e cinco casas e pazos, incluíndo o deseño das pedras de armas e a xenealoxía dos descendentes.

(1)   Fonte da imaxe de Antón Taboada Roca: Farmacia Hermanos López Río, Melide


domingo, 7 de xullo de 2019

A TERRA DE MELIDE



A TERRA DE MELIDE / Ramón Otero Pedrayo
1933
Editorial NÓS. Rúa das Hortas, 20. Santiago
31 p ; 28 cm.

A separata A Terra de Melide escrita por Ramón Otero Pedrayo foi impresa por Nós na rúa das Hortas de Compostela en 1933.

Este traballo forma parte da monografía do Seminario de Estudos Galegos, Terra de Melide, obra magna da editorial Nós que reúne estudos históricos, etnográficos e arqueolóxicos sobre a comarca.

Xunto coa edición do monumental volume de 737 páxinas, Nós sacou do prelo as separatas que o integran como documentos exentos, poñendo por vez primeira ao dispor dos lectores os traballos interdisciplinarios efectuados polos membros do Seminario nas comarcas de Galicia, primeiro en Monforte en 1926, no Carballiño en 1927, no Deza en 1928 e Melide en 1929 (2).

O libro ábrese cun fragmento da carta xeográfica de Fontán a dobre páxina.

Monografía Terra de Melide
Loce con craridade incoparabre a fisiognomía compreta i-eispresiva disas estesas rexiós montesías da Galicia central (...) isas bisbarras son a reserva e a confianza da Galicia, son os seus músculos e carne xeográfica i-humanamente.

E logo destas consideracións xeográfico-poéticas, Otero establece a posición e demarcacións das terras.

Pol-o Norte o Bocelo, pol-o Leste as serras do Corno de Boi e do Carión, pol-o Sul a Ulla dende Ponte Ramil ate augas abaixo da embocadura do Besoña. Pol-o Weste pol-as augas do río chamado da Priguiza, afiuente do Iso, e pol-as outuras que pechan o W. a crebada do Besoña.

No segundo capítulo, Otero traza a idea xeral do relevo e nos seguintes módulos describe polo miúdo cada unha das zonas da comarca, desde a montaña deica as ribeiras e bocarribeiras, mesturando comentarios xeográficos coa descrición das vilas e aldeas e o seu contexto económico e humano.

O capítulo octavo está dedicado ás paisaxes xeográficas de diferentes lugares:

  • Castro de Serantes.
  • Castro de Novela.
  • Terra de Santiso.
  • Ponte Arcediago e estrada que vai deica Melide.
  • Gándara de Meire.
  • Castro Pedro.

Xa o dí a frase do pobo, sinalando as ergueitas cumes que rodean o hourizonte: “Faro, Farelo, Pico Sagro e Bocelo”. En todo iste grande anaco da Galicia, comprendido nos marcos montesíos, domina un caraiter xeral: a montana i a chaira matizadas en variacións infindas. Os vals non se detremiñan, con todo alí están e levan ô cerne interior da Galicia outra vida que alterna ca da montana.

O traballo remata coa descrición dos camiños antigos e catro fotografías dalgúns dos sitios representativos da comarca: a fervenza do río Seco en Santa María da Capela, a Gándara do monte, a confluencia do Furelos co Ulla na ponte Arcediago e a ponte Leboreiro, tamén sobre o río Seco.

(1)   Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org.
(2)   A misión do Seminario na comarca de Melide foi dirixida por Xesús Carro e, ademais de Otero Pedrayo, tamén colaboraron nela Florentino López Cuevillas, Antonio Taboada Roca, Emilio Camps Cazarola, Xosé Ramón Fernández Oxea, Vicente Risco, Amador Rodríguez Martínez, Eduardo Martínez Torner, Xesús Bal e Gay, Armando Cotarelo Valledor e o citado Xesús Carro Rodríguez