NOTAS
HISTÓRICAS / Antón Taboada Roca
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
126 p ; 28 Cm.
A separata Notas
históricas foi escrita por Antón
Taboada Roca e impresa na rúa das Hortas de Compostela en 1933.
O traballo está editado como documento exento e tamén
apareceu incluído na monografía Terra de
Melide, obra colectiva promovida por Taboada
e elaborada polos membros do Seminario
de Estudos Galegos, iniciando no mes de decembro de 1929 os traballos de
campo sobre a comarca da Terra de Melide,
que habían prolongarse ao longo de tres cursos sucesivos.
Taboada, farmacéutico en Melide e irmán do conde de
Borraxeiros, publicou varios estudos heráldicos sobre as liñaxes galegas, ademais
doutros traballos puntuais etnográficos e históricos.
As Notas históricas
ábrense coa referencia á terra de
Abeancos, integrada polos concellos de Melide,
Santiso e Toques, que segundo as actas de concilio de Lugo no ano 569 estaba
composta por once antigos condados, limitando o estudo aos de Dorra (Monterroso) e Ulloa.
A terra de Abeancos aparece partida en diversos coutos e
xurisdicións, compostos por diferentes freguesías. En concreto a vila e xurisdición
de Melide pertenceu á igrexa de Santiago desde o ano 1212.
Era costume antiga
que cando os arcebispos entraban de novo en Sant-Iago, saíse o Concello da
referida cibdá a esperalos á Melide, por ser o pirmeiro pobo de sua dinidá que
se atopaba vindo de Castela.
A continuación o autor describe cales foron as vías
históricas principais e recrea unha estampa sobre a vida en Melide no século
XVIII nos seus aspectos relixiosos, institucionais, as feiras, os impostos, os cultivos
e o comercio.
Según o catastro
contaba con dous cortadores de carnes, dous xastres, dous ferreiros, dous
carpinteiros, un garnicidor de sillas, un pelambreiro, once zapateiros, oito
curtidores que ademais traballaban de labradores o mesmo que os outros de ditos
oficios.
Os seguintes capítulos describen momentos históricos
sinalados na historia de Melide, comezando pola guerra de Independencia, con
información sobre as proclamas e ordes de alistamento.
Aun que por las
contingencias en que nos hallamos todos los habitantes de Galicia quedan
declarados Soldados, deben entrar solo en esta primera conscripción los
solteros de 16 a 40 años. Los que resulten sobrantes del contingente y los que
haiga alistados de los demás estados, deben estar tan prontos para las
restantes conscripciones que se necesiten, que solo un ligero aviso baste para
reunirlos en el punto que se les señale.
A obra segue coas loitas entre realistas e
constitucionais no primeiro terzo do
século XIX e a primeira guerra
Carlista, relatando o combate entre oitocentos carlistas comandados polo crego Freixó contra as forzas
gobernamentais acantoadas na vila, a piques de ceder a praza.
Suprimidos coutos e xurisdicións en 1834, constituíronse
os concellos entre os que estaba o de Melide, integrado por vinte e seis
parroquias. Taboada revisa as actas municipais e anota os principais
acontecementos ocorridos no concello durante os anteriores cen anos.
O Auntamento en 6 de
Febreiro de 1847, tomóu, entre outros acordos, o de crear unha escola elemental
compreta de primeira educación n-ista vila, señalándolle a dotación de mil cen
reás ô ano, casa pra vividoiro do mestre e carto n-ela pra comodidá dos nenos.
Pra os probes, era de balde o insiño, pero os ricos tiñan que pagarlle ô mestre
o que conviñesen.
Por último, a obra dedica un capítulo extenso á
descrición da nobreza da comarca, numerosa pero cativa en palabras do autor,
composta por pequenos fidalgos suxeitos ao señorío da igrexa e das casas de Monterrei e Altamira.
Por falla de
cantería n-esta bisbarra, as residencias señoriás, non foron tan boas como
n-outras partes. Até os comenzos do século XVII, a maor parte d’elas, eran
casas terréas. O tipo mais xeral, dende a data, foi o de vividoiro composto de
sobrado, e fincando, ou perto d’el, outras dependencias: cortes, cortellos,
pendellos, palleiros, etc.
As últimas páxinas relacionan trinta e cinco casas e
pazos, incluíndo o deseño das pedras de armas e a xenealoxía dos descendentes.
(1)
Fonte da
imaxe de Antón Taboada Roca: Farmacia
Hermanos López Río, Melide
Bos días, a Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa está trazando para este ano que vén o proxecto Ánxel Casal, 125 anos con Nós. Trátase dun proxecto inclusivo de varias asociación e fundacións culturais do país. Queriamos darte a noraboa, de novo, polo teu extraordinario blog e solicitarte o permiso para colocar un enlace co teu blog na nosa web, http://www.anxelcasal.gal, ademais de citalo nos diferentes eventos que iremos organizando o vindeiro ano por toda Galiza.
ResponderEliminarSen máis, un fraternal saúdo,
Celso Alberte Magariños Costas
Presidente da Asociación Cultural Ánxel Casal de Arzúa
asociacionanxelcasal@gmail.com
Boa tarde Celso, para min é un orgullo que a vosa web enlace este blog. Agradezo os vosos azos e o labor que facedes por recuperar a memoria de Ánxel Casal. Parabén e apertas
Eliminar