PREHISTORIA DE
MELIDE / Florentino L.-Cuevillas
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
103 p ; 28 Cm.
A separata Prehistoria
de Melide escrita por Florentino
López Alonso-Cuevillas foi impresa na rúa das Hortas de Compostela en 1933.
Este é outro dos traballos integrados no volume colectivo
Terra de Melide, editado tamén como
documento exento dentro da serie de documentos impresos pola editorial Nós por
conta do Seminario de Estudos Galegos.
Lopez Cuevillas foi o
gran impulsor dos estudos arqueolóxicos e prehistóricos da xeración Nós,
dotando estes da imprescindible metodoloxía científica, primeiro desde a
dirección da sección de Prehistoria do Seminario
de Estudos Galegos e, despois da guerra, tamén na Academia Galega e no Instituto
Padre Sarmiento.
O autor coordinou os traballos do Catálogo dos Castros Galegos, unha das series máis frutíferas do
SEG. Precisamente a separata sobre Melide abonda nos mesmos estudos cunha prosa
clara e precisa, relacionando numerosos asentamentos castrexos da comarca
ademais doutros achados.
Inzada de mámoas,
abondosa en castros, rica en achádegos de machados de bronce e de xoias áureas,
a terra de Melide tiña que atraguer necesariamente a atención dos afeizoados âs
cousas prehistóricas e ainda provocar a curiosidade dos estudosos que viviran
en rexión tan rica en lembranzas do pasado.
O traballo comeza enumerando as referencias
bibliográficas sobre os achados de restos arqueolóxicos en Melide, que se
remontan ao final do século XVIII.
A continuación Cuevillas establece o campo de estudo
prehistórico abranguendo as mámoas, os obxectos de cobre e bronce, os torques,
os tesouros da idade do Bronce e os castros.
O primeiro destes apartados son as mámoas, onde as descricións aparecen acompañadas por debuxos
esquemáticos do propio autor.
O traballo recolle as localizacións das catro mámoas do grupo da Moruxosa, na serra do Bocelo, que reciben o evocador
nome do Forno dos Mouros, a mámoa de
Ordes, os grupos de Zaramil, Penacoba, Nordeste de Melide,
Sur do Monte de Melide, Rechinol, Barreiro, Sueste do Monte de
Melide, Serantes e as mámoas da Granxa e de Aveancos.
A cantidade de
mámoas oxe existentes na rexión obxeto do noso estudo e as noticias que
recollimos acerca da recente destrución de algunhas, dato que fai supor que o
seu número sería moito maor n-outro tempo, deixan postular que non
neo-eneolítico debía de vivir nela unha poboación considerabre e quizáis mesta.
Despois deste apartado, Cuevillas describe os obxectos de cobre e bronce atopados na
comarca, entre os que cita machados, puntas de frecha, espadas, pulseiras,
aneis e puñais, e os tesouros da idade
do Bronce.
O autor cita o brazalete
de Melide, atopado en 1881 preto do castro do Monte dos Mouros e
actualmente depositado no Museo Provincial de Lugo como parte da colección
Álvaro Gil, e as diademas e pulseira de
ouro que forman o tesouro do Monte dos Mouros, atopadas en 1887 e integradas
na mesma colección.
Na terra de Melide
están representadas todal-as fases da Edade do Bronce galega, agás a
derradeira, que ten unha localización case escrusivamente costeira (...) un
centro de fabricación de ourivesaría que imos alcontrar ainda vivo no tempo dos
castros.
O catálogo dos
castros da terra de Melide ocupa un espazo principal na obra, tanto por extensión
como polo detalle das descricións dos trinta e nove castros, acompañadas por
debuxos e informacións individualizadas sobre o emprazamento, defensas,
medidas, observacións, folclore e bibliografía.
Poucas terras haberá
en Galicia que igoalen en densidade castrexa â terra de Melide. Dende o Bocelo
até a Ulla, as acrópoles protohistóricas inzan con tan forte prodigalidade que,
sen esaxéro, pódese decir que é imposibre percorrer un kilómetro por calquer
camiño sen alcontrar algunha.
Ademais destes estudos particulares, Cuevillas procura
ofrecer unha imaxe conxunta da comarca a partir dos emprazamentos, feitura,
dimensións das acrópoles e outros elementos arqueolóxicos.
Tamén dedica un apartado ao folclore popular sobre os
castros, sendo recorrentes as lendas sobre as trabes de ouro, prata e alcatrán, a galiña con tres pitos,
e outras tamén habituais noutros lugares sobre os encantos que habitan nos
castros.
A trabe de ouro
aparez en 21 dos castros eiquí estadados, en seis de iles en compaña da de
alquitrán, que n-un caso dícese de fuego, e nos demais, son tres trabes: de
ouro, de prata e de alquitrán, quitando no de Paradela, onde unha de elas é de
diamante.
(1)
Fonte da
imaxe de Florentino López Cuevillas:
La Voz de Galicia, 14 de maio de 2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario