sábado, 28 de setembro de 2013

LOITA


 
LOITA
/ Fernández Casas, Rafael
Maio de 1927
Lar, revista mensual. Ano IV; número 33. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
36 p ; 16 cm.


A novela curta Loita, única obra literaria conservada do escritor Rafael Fernández Casas, foi publicada en maio de 1927 co número trinta e tres na revista mensual Lar.

Fernández Casas foi mestre, entre outras, nas escolas de Santo Adrián de Veiga e na escola laica de San Sebastián de Devesos
(1), parroquia de Ortigueira, financiada polos obreiros do tabaco emigrados en Cuba. Este caso resulta común durante as primeiras décadas do século XX entre os indianos acomodados que, unha vez liberados do caciquismo, causa principal do atraso que os empurrou a emigrar, mantiveron o compromiso cos seus pobos financiando a construción de escolas como a Devesana.

A Devesana tivo un sistema de ensino moderno co que se pretendía a consecución de personalidades libres e autónomas para a construción dunha sociedade igualitaria. Tivo mestres como Rafael Fernández Casas, quen ensinaba en galego, programaba os contidos das clases, pedía aos seus alumnos que expuxeran as súas ideas a través de redaccións e debates, facía intercambios con outras escolas de indianos... (2)

Inauguración da Devesana en 1912

O autor foi membro das Irmandades da Fala e publicou textos en diferentes revistas e xornais, onde, entre outros asuntos, defendeu o uso da lingua galega na escola (4) e denunciou o caciquismo, apoiando a doutrina das Sociedades Agrarias. (5)
 
Como outros moitos mestres laicos e republicanos, Rafael foi asasinado o 20 de agosto de 1936 en Trasanquelos, Cesures. Este colectivo foi un dos principais obxectivos da represión golpista, considerado subversivo por transmitir ideas que cuestionaban a orde social establecida.

A maiores de Loita, temos novas da existencia dunha segunda novela escrita por Fernández Casas e titulada Lembranzas do neno, hoxe desaparecida. (6)

Os falanxistas consideraban os mestres “envelenadores da alma popular”, segundo unha orde da Comisión de Cultura do Goberno de Burgos, presidida por José María Pemán, que xustificou a queima da biblioteca e de varios manuscritos de Rafael Fernández Casas. (7)

Loita é unha traxedia ambientada na Galiza rural, e máis concretamente na parroquia de Veiga, en Ortigueira, no mesmo lugar onde viviu o autor, que narra a historia dun desgraciado triángulo amoroso. O texto, de gran riqueza léxica, desafía os tabús sociais do seu tempo falándonos do amor apaixonado que sente unha muller polo mozo da súa filla, quen é moito máis novo ca ela, e a morte tráxica dos protagonistas.

Sinopse da obra

Martiño Silva ten dezasete anos cando marcha a Madrid logo da morte do pai para continuar os estudos, redimíndose así dos traballos da terra.

Martiño cavilaba que o que puideran rental-os bês non lle chegaría a merenda enteira, decatándose que a vida na Corte é moi difrente da que se fai na aldea; por eso puxo no celebro â par da idea do estudo a do traballo, como logo a fixo práitica.

Trece anos máis tarde volve á aldea feito un señorito.

Unha aperta de maus, desas apertas tan dos nosos labregos; tan galegas, pol-a franqueza que empechan, que deixan doentel-as maus que estreitan, facéndonos cavilar si se crebaría algún óso, puxo novamente en contaito ao Tío Matías da Penela e ao xoven estudante de Ciencias e Idiomas.

O mozo hospédase na pousada de Rosendo, onde traballa “a meiguiña, a garimosa Eudosia”.

Rosendo non ha tardar en pechar o establecemento e Eudosia ofrécelle a Martiño o alugueiro dun cuarto na súa casa, onde vive coa nai a quen chaman a Tía Dominga, a Curruca.

Ao cabo resultará inevitable que Martiño e Eudosia namoren.

Xa diran as dez no reló do pazo-escôla da aldeia, posto en pé pol-os emigrados, no que empregaron os seus quince mil pesos, eisí como sona. Dentro dunha hora, mais ou menos, a últema aperta e o derradeiro chucho, selarían as esceas amorosas do día. O destino impoñíase no seu canto. Era a hora de se deitar.

A tía Dominga tamén sente unha atracción irresistible por Martiño.

Os ollos de Martiño que se asemellaban moito aos do seu primeiro noivo, que fixera tremal-as suas carnes vivas e virxiniaes, e que xa se atopaba revolto entre as cinzas mortas do Olvido, despertaran n-ela a pasión. Os ollos de Martiño a tiñan embruxada.

A nai confésalle a Martiño o seu amor e el, afagado, dubida da súa elección. Meses máis tarde morre Eudosia logo de enfermar.

O mesmo día do enterro, â caída da serán, borrallenta e preñada de brétemas, a Tía Dominga lle lembraría a Martiño todo o seu pasado, principalmente a loita doente sostida á cotío consigo mesma, coa sua filla, co-el, co mundo, con todo, pra conquerire o que tanto arelaba: unha areíña d’amor, d’aquel espello do primeiro que tivera.

Aquela mesma noite Martiño deixa a aldea. Non ha tardar en saber da morte da tía Dominga. O cadáver aparece entre as ondas preto do cabo Ortegal, nas praias de Teixido.

Pol-a meixela dereita baixaba dende a sen, un fío de sangue xa callado. A sua faciana surría cal se quixera amostrar aos que o viran, o trunfo outido sobre da mesma vida, e a ledicia con que daba o derradeiro salaio pra xuntarse na cova coa sua feiticeira meniña, como o deixaba disposto nun papel que logo o xues lle atopou nun peto do chaleque.
Terra de Ortigueira, no mes de Xaneiro do 1927

(1)  “Hay que matizar sobre este particular que, para los emigrantes devesanos, el hecho de considerar a su escuela como laica no estaba tanto en que mantuviese los preceptos de la Escuela Moderna de Francesc Ferrer i Guardia sino que más bien estuviesen en consonancia con sus propias ideas, o, como explica Narciso Luaces, con el hecho de que «cando chegaron a Cuba nunca lles preguntaron se sabían o catecismo, simplemente se sabían gramática e matemáticas».” Rafael Fernández Casas, un maestro laico e innovador. José Manuel Suárez Sandomingo.
(2)  Cen anos da Devesana. Pepe Dovale.
(3)  Inauguración do edificio escolar A Devesana en 1912. Consello da Cultura Galega. As Escolas da Emigración. Fondo gráfico do Arquivo da Emigración galega.
(4)  “Rafael se manifestará sobre su cambio en el idioma de comunicación escolar en 1927, mediante un artículo que escribirá en La Voz de Ortigueira en el que expone su evolución hacia su expresión docente en gallego a causa del contacto que había mantenido con Victoriano Taibo unos años antes, y que rubricaba en los siguientes términos «Espellémonos nos verdadeiros Mestres nos que levan ergueito o pendón do exemplo, e ora en feixes ora espallados, sen arredarnos, imitémoslos, como eu imitei ao poeta da Terra Victoriano Taibo, e demos exempro como éste luitador o dá en todas bandas».” Rafael Fernández Casas, un maestro laico e innovador. José Manuel Suárez Sandomingo. Tamén podemos ler o seguinte parágrafo extraído da novela Loita: “O exempro pior, mais vergoñoso, é o que dán moitos emigrados da Terriña que voltan aos seus lares falando castelán, e hasta mais, tendo á menos falaren a linguaxe galega, e estimándoa como fala sô propia para vacas”.
(5)  ¡¡Abajo el caciquismo!! La Renovación de Santiago de Compostela. Ano III- 11 de outubro de 1923. Ibidem anterior.
(6)  Ibidem anterior.
(7)  Cen anos da Devesana. Pepe Dovale.
(8) Fonte da imaxe de Rafael Fernandez Casas: Carlos Rodríguez Pérez @xcarlosrope


sábado, 21 de setembro de 2013

NAICIÑA


 
NAICIÑA / Carré Alvarellos, Leandro
17 de xaneiro de 1925
Lar, revista quincenal. Ano II; número 4. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
25 p ; 16 cm.


Naiciña, primeira das tres novelas publicadas por Leandro Carré Alvarellos na revista Lar (2) e cuarto número da colección, foi impreso no obradoiro de Moret en xaneiro de 1925.

A obra está datada en decembro de 1924 e foi escrita expresamente por Carré para a colección que el mesmo dirixiu. Este foi o primeiro dos moitos relatos folletinescos que había publicar a editorial Lar na súa colección de novela curta, reproducindo un dos temas favoritos da literatura popular da época: o triunfo do amor sobre a rixidez convencional da sociedade. E se ben o relato non resulta renovador no argumento ou no estilo empregado, si aporta a novidade de presentar uns protagonistas urbanos que por vez primeira falan en galego.

Naiciña abonda no tópico da orfa desvalida e o cabaleiro protector e pretende ser unha traxedia moralizante que sirva de aviso para os pais excesivamente protectores:

Daquela comprendín o erro do meu pai, do pobre pai que por cariño â filla, por lle quere aforrar molestias e disgustos, por a ver libre de servidumes, nunca quixera procurarlle unha colocación, un emprego calquera onde poder axudarse un pouco.

Sinopse da obra

A nova mecanógrafa da casa «Couceiro Irmans» onde eu traballaba, era unha rapaciña vulgar. Chamábase Anita, contaba vintadous anos, era de mediano altor, delgada, rosto agradábele sen ser bonita, ollos verdosos de ollar doce e melancónico. O que mais atraía d’ela era a fala; armoniosa, soave, con certos matices musicaes encantadores.

Carlos Andeiro actúa como protector de Aniña, a nova mecanógrafa da oficina, quen exerce por necesidade un traballo para o cal non está preparada. “O seu era tamén un de tantos casos, unha de tantas «traxedias da vida vulgar»”.

Logo da morte dos pais, Ana e a súa irmá máis nova ficaron na miseria. Desde entón ela foi unha Naiciña para Xulia.

Despois de pagados enterro e loitos non poderíamos vivir nin siquera un par de meses inda que a nosa vida fora chea de privaciós ¿e despois?

Ana traballou sucesivamente como costureira e neneira antes de estudar taquigrafía e mecanografía, entrando na oficina onde agora traballa. Xulia ficou ao coidado dunhas amigas, pero acabaría traballando como criada para as protectoras e a irmá levouna onda ela.

Carlos Andeiro namora de Xulia. Ela rexéitao e pídelle que case con Ana. O mozo négase.

Recibín un biletiño de Aniña supricándome que a fora ver.

Ana cóntalle que a súa irmá rexeitouno por facela feliz a ela: “Quixo ser leal para a sua naiciña e coidando me facer un ben non duvidóu en sacrificar o seu porvir”. Pídelle que case con Xulia, como unha nai procura o ben da súa filla.

(1)  Fonte da imaxe de Leandro Carré:www.realacademiagalega.org
(2)  Ademais de Naiciña, Carré publicou na revista Lar as novelas curtas A propia vida (Ano II, nº 14. Outono de 1925) e O home que deu vida a un morto (Ano III, nº 21. Maio de 1926).


sábado, 14 de setembro de 2013

O PASTOR DE DOÑA SILVIA


 
O PASTOR DE DOÑA SILVIA / Ribalta, Aurelio
3 de xaneiro de 1925
Lar, revista quincenal. Ano II; número 3. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
30 p ; 16 cm.


O pastor de doña Silvia, novela escrita por Aurelio Ribalta Copete e terceiro número da revista quincenal Lar, foi impresa no obradoiro da imprenta Moret en xaneiro de 1925.

Aurelio Ribalta foi un escritor galego, que escribiu tanto en galego como en castelán e militou politicamente na causa do Rexionalismo, comprometido coa defensa da cultura e a lingua galega.

En Madrid fundou e dirixiu a revista Estudios Gallegos. O número 16 desta revista, publicado en 1915, promoveu unha enquisa entre os mestres de ensino primario baixo o título: “¿Sirve la palabra?”, onde pescudaba o uso do galego na escola. A enquisa recolleu as opinións dos profesionais da educación e concluíu a necesidade de fornecer os nenos dunha pedagoxía específica, onde o uso do idioma galego tivese un papel esencial.

Antón Villar Ponte recolleu a iniciativa de Ribalta en xaneiro de 1916 e na súa columna de opinión, Con letra del siete, no xornal La Voz de Galicia, reclamou a creación dunha Liga de Amigos do Idioma, xermolo da creación das Irmandades de Amigos da Fala. (2)

Al tratar en estas columnas de la interesante «encuesta» que Aurelio Ribalta abrió en su revista «Estudios Gallegos», acerca del uso de nuestra propia lengua en las escuelas, hablábamos de la necesidad de arribar urgentemente a la creación de una Liga de Amigos del Idioma (3) (…) (falar en galego) significa sentar la base de un pensamiento y una acción propios (…) unificándonos poco a poco en sentido nacionalista, obligándonos a querer la patria natural; como toda afirmación gallega tiene que asentarse en el lenguaje autóctono, aquí veréis si es o no urgente arribar a la creación de una Liga de Amigos del Idioma. Sin esa liga, los que piden actos habrán de contentarse con palabras.

Desde Madrid, Ribalta actuou como animador cultural e tamén promoveu a necesaria unificación normativa do idioma.

Como autor publicou varios libros de narrativa e poesía entre a fin do século XIX e as primeiras décadas do século XX. Entre eles atopamos a novela curta O pastor de doña Silvia, un texto ambientado nos últimos anos do século XVII e onde Ribalta dá conta dos costumes das clases acomodadas, narrando os amores entre unha moza de boa familia e o fillo dun caseiro. O relato recrea ademais unha certa maxia primitiva, mesturando os símbolos cristiáns con imaxes e ritos pagáns.

Sinopse da obra

En todo Santiago tiña sona o Nacimento da Câs de D. Lourenzo Porras, na Rúa Travesa, cuasque na esquina das Casas Reiás. En Santiago, e mais en cinco légoas todo arredore.

O belén dos Porras é admirado en toda Compostela. Na casa viven o señor da Curiscada, don Lourenzo de Porras e dona Inés Oxea, xunto coa súa filla dona Silvia.

Doña Silvia está moi encaprichada por esta elegante novedá de ter un Nacimento, e sobre todo por un dos pastores d’él, o millor, e teno sempre baixo do seu coido propio.

Logo de retirar o belén, Silvia coloca o pastorciño no altar do seu cuarto. A figura foi tallada en madeira polo mestre Xan Martínez Montañés e “representa un mancebo cuasque ispido, descalzo de pe e perna, e cuberto o corpo solasmente c’unha pelexa d’animal, un pouco vizosa”. Máis ca dun pastor semella o retrato dun deus pagán.

No tempo en que a familia deixa Compostela para dirixirse ao pazo da Curiscada, unha xitana bótalle a Silvia a boaventura: “¡Miña siñora! Ti, tan nobre, vas cair na vergoña de casar c’un vasallo vilán”, dixo ela. E tamén agoira que o vasalo viaxa con eles.

-      A sua siñoría traino consigo.
-      ¿Onde?
-      No seu equipaxe, moi ben envolveito en brancos panos, na ucha das propias cousas da sua siñoría.
-      ¿O Pastorciño do Nacimento?
-      Si, señora.
-      Pero si é un home de pau …
-      Tornaráse ben axiña n’un home de carne e óso.

O pastor había presentarse corenta días máis tarde na fraga do pazo da Curiscada, preto de Arzúa.

Chegados ao pazo, os vasalos agardan para renderlles homenaxe. Entre eles está Goros, o fillo máis vello do Toxeiro, o caseiro da Curiscada. A Goros fáltalle un dedo que perdeu nun accidente. Tamén a imaxe perdeu o dedo na viaxe.

Días máis tarde, na fraga, “por antre os fustes adianta esbarando, con paso meigo e sin pesáre no chan, o pastor do Nacimento feito carne, feito home, risoño e lanzal”. Goros preséntase diante de Silvia e ofrécelle dúas peras: “Sonlle as mellores da pereira grande. Cómaas, Doña Silvia, que para a sua Siñoría llas collín”.

Ela foxe e procura abeiro no cuarto, de onde desapareceu misteriosamente a figura do pastor, agora encarnada no mozo Goros.

Ese mesmo día prométense, malia o temor de Silvia ao rexeitamento da familia e os amigos casando cun labrego.

Iván de Porras, crego e tío de Silvia chega ao pazo.

Xa desqu’entróu n-aquela fidalga casa comprendeu Don Iván que non andaba todo normal nela. Doña Inés tiña un certo azoramento que non pudía desimulare, atormentada pol-a sospeita de que Goros e mais Doña Silvia se entenderan.

A sobriña desafogou as coitas co tío, quen será o encargado de torcer a vontade dos pais.

A nova de que Doña Silvia de Porras e Oxea, casára c’un probe laberco que lle chaman Goros Vazquez e Gaitán, natural de Curiscada, foiche motivo de moitos comentarios das língoas marmuradoras.

A parella tivo tres fillos, un deles Oidor da Audiencia de Galiza, outro xeneral na guerra de Francia e o terceiro cóengo, con dignidade de mestre escola na catedral de Santiago.

(1)  Fonte da imaxe de Aurelio Ribalta: www.galiciaartabradigital.com
(2)  Antón Villar Ponte. Con letra del siete – El cimiento de la afirmación gallega. 5.02.1916. La Voz de Galicia.
(3)  Antón Villar Ponte. Con letra del siete – Al margen de una encuesta. 8.01.1916. La Voz de Galicia.


sábado, 7 de setembro de 2013

A MIÑA MULLER


 
A MIÑA MULLER / Fernández Flórez, Wenceslao
29 de novembro de 1924
Lar, revista quincenal. Ano I; número 1. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
32 p ; 16 cm.


A editorial Lar inaugurou as súas publicacións o 29 de novembro de 1924 coa edición da novela humorística A miña muller, do escritor e xornalista Wenceslao Fernández Flórez.

Leandro Carré e Ánxel Casal non conseguiron facerse coa maquinaria de imprenta en propiedade até maio de 1925, así que os cinco primeiros números da revista Lar foron editados na Coruña pola imprenta Moret, no obradoiro da rúa da Mariña, 28. (2)

A miña muller foi escrita ex profeso por Fernández Flórez para a editorial Lar. Carré e Fernández tiñan coincidido en 1914 na redacción da revista Tierra Gallega, vinculada ao republicanismo coruñés e da que Fernández era redactor, e desde entón mantiveron a súa amizade.

A tradución da novela ao castelán publicouse en Madrid na colección La Novela de Hoy (3) en 1925. Anos máis tarde había editarse unha segunda edición en castelán na colección La Novela Corta (4).

Fueron sus amigos galleguistas (de Fernández Flórez): Carré Aldao y Camilo Díaz Baliño los que diseñaron la colección y querían dar comienzo a la misma con una obra de un escritor acreditado y con éxito de ventas y difusión en prensa. Wenceslao tarda en entregar “A miña muller", lo que retrasa seis meses la entrega del primer número de la colección. (5)

A mediados de 1924 apareceron as primeiras informacións sobre o esperado lanzamento da novela mensual Lar (6), e en novembro deste mesmo ano chegou ás librerías o primeiro número, que ao cabo comezou publicándose con periodicidade quincenal.

Edicións en castelán 1925 / 1945

A obra vai precedida dunha nota escrita por Leandro Carré.

DUAS VERBAS

Co’a humorística e fermosa novela de Wenceslao Fernández Flórez, escrita espresamente para Lar pol-o admirado amigo, encomenzamos hoxe a pubricación d’esta revista, na que poñemos todo o noso cariño e toda a nosa vontade.

Queremos que no limiar da nosa obra figuren unhas verbas de agradecimiento para o insine ironista que, desinteresadamente, ofreceunos a sua colaboración, como o tamén celebrado Paco Camba (7), demostrando así estes grandes escritores á par que o amor á Terra nai, o seu desexo de contribuir co prestixio das suas firmas e a valía das suas obras, ao enriquecemento da nosa Literatura rexional, que rexurde agora renovadora e vizosa coma froito en sazón.

E sexan tamén as nosas verbas primeiras un saúdo de irmandade para cantos colaboran con nós, para a prensa galega, para os letores. A todos rogámoslles acollan con agarimo esta pubricación que procuraremos mereza o seu favor.

A DIREICIÓN

Resulta recorrente a polémica sobre se debe considerarse a Fernández Flórez un escritor en lingua galega, logo de ter publicado dúas novelas curtas neste idioma: A miña muller e O ilustre Cardona (8). Eu opino que resulta difícil encadralo nesta categoría. Se ben é certo que A miña muller foi editada orixinalmente en galego por impulso do seu amigo Carré, o caso do ilustre Cardona é diferente: a obra foi publicada en castelán na colección La Novela de Hoy, catro anos antes da edición galega de Lar e traduciuse ao galego logo da separación de Ánxel Casal e Leandro Carré, quen botou man da familia e os amigos para editar os cinco últimos números da revista Lar. Tamén é posible que a novela fose traducida ao galego polo mesmo Carré.

Xa que logo, a consideración que merece Fernández Flórez é a dun escritor galego que escribiu a súa obra en castelán e, episodicamente, publicou unha obra orixinal en lingua galega.

Sinopse da obra

Hastra o derradeiro día da miña vida perguntareime se non tería procedido cordamente revelándolle á Herminia que pesaba un crime sobor da miña concencia.

Para conservar o amor e a fidelidade da parella, o protagonista aconsella aos lectores demostrar “que tedes callo para toda violencia e toda crueldade”.

El nunca confesou a Herminia que Hermóxenes Picouto morreu pola súa culpa.

En rigor, eu non matéi á Picouto: deixeino morrer.
 
Durante un ano desempeñou o cargo de secretario de Hermóxenes e o seu odio contra el “non obedecía á outra razón que aos seus lugares comuns (a terrible literatura das súas cartas, hilvanadas cos mais aborrecidos lugares comuns), ao seu ordenancismo, â sua reverencia pol-o estatuído, que facía d’el caseque un autómata, un home do que non cabía agardar nada que non estivera xa dito, feito ou previsto”.

Os esforzos para ocultar as discrepancias co xefe deixáronlle no corazón un pouso de odio. Certo día Hermóxenes invitouno a cazar e, cando o xefe estaba subido no alto dunha pedra, empuxouno sen intención, caendo nun lamazal onde asolagou lentamente até morrer.

Alonxeime, cacéi, aínda, durante un par de horas e corrín despois á dar parte da disgracia â garda civil.

Un semana máis tarde casou con Herminia. Foi entón cando apareceu na casa o fantasma do morto.

Vestía o traxe de caza que se sepultóu co’el no pantano, conservaba enriba do ollo esquerdo o limo lamacento d’unha salpicadura, e os cabelos no mesmo desorde que eu lle censurara denantes de s’él mergullare.

Fiel aos lugares comúns, o morto presentouse diante del cumprindo co seu deber como quen vai á oficina. Claro que el non contaba coa nula conciencia do asasino, quen o despachou sen facerlle moito caso. Desde aquela as aparicións foron puntuais e irreprochábeis. Mesmo “tiña a delicadeza de se voltar de costas cando m’eu ispía para me deitar”.

Durante o ano que durou a convivencia con Herminia, ela non chegou a decatarse da presenza de Hermóxenes Picouto.

Certo día en que o home baixaba as escaleiras do Goberno Civil, embelecou e foi dar co seu corpo nos banzos, batendo nel un axitador comunista saído do despacho do Gobernador e que ficou en coma logo de caer. Así foi como impediu a folga e o gobernador interesouse polo seu ascenso.

O Gobernador fíxome o honore de me preguntar se adoitaba caer moitas veces. Despois quedóu caviloso un instante e marmulóu, coma falando para o chaleque: O Presidente da Diputación adoita baixar a escaleira todol-os días, â unha e media.
Logo deume a man e engadiu: Mais repóñase, primeiro; repóñase …

Os compañeiros da oficina agasallárono cun banquete, determinando enviarlle a Herminia as flores que adornaban a mesa. Desde entón, o comandante Vilariño comezou a roldar a casa.

Endexamais molestéi ao comandante, nen aínda a noite en que, ao voltar desacostumadamente para me deitar, cruceime co’el na escaleira. Se daquela lle preguntara por qué levaba unha bota en cada man, en vez de as ter nos pés, seguramente poñeríao nun apreto (…) botéi da casa a miña muller. Apenas permitínme introducir n-este acto vulgarísimo un pequeno detalle de diferenzación: Herminia abandonóu o meu lar pol-a fenestra, apresuramento peligrosísimo que, como vostedes terán adiviñado, causoulle a morte en canto chegôu â rúa.

Todos aceptaron que se trataba dun suicidio. El tamén. Poucos días máis tarde presentouse o fantasma de Herminia xunto co de Hermóxenes.

Desde aquela noite foron os espectros que me fixeron compaña á todas partes e en todol-os momentos. Deslizábanse atrás de min pol-as rúas e inmovilizábanse frente a miña mesa de traballo e iban comigo de visita ao club.

E ao cabo sucedeu o inevitable: os espectros namoraron e o asasino sorprendeunos xuntos na casa.

Tusín. O espectro da miña muller recuóu. O espectro de Hermóxenes finxíu buscar algunha cousa na alfombra, para xustificare a sua atitude.
Marchei â oficina, e eles, coma de cote, atrás.
Ao dobrar a primeira rua, voltei a cabeza.
Xa non os vin.
Dend’aquela, non sei o que é d’eles …

(1)  Fonte da imaxe de Wenceslao Fernández Florez: salmonetesyanonosquedan.blogspot.com.es
(2)  Entre o 31 de xaneiro de 1925, data de publicación de Os probes de Deus, de Luís Amado Carballo, número 5 e último dos impresos por Moret, e o 9 de maio de 1925, data de impresión de Martes d’Antroido, da escritora Francisca Herrera e primeiro dos números impresos por Lar, a revista non publicou novas achegas.
(3)  Mi mujer. Madrid, sucesores de Rivaneyra, 1925 (col. La Novela de Hoy, año IV, núm. 140). Ilustración da portada: Rafael de Penagos.
(4)  Mi mujer. Madrid, Gráfica Clemares. Sen data (1945?) (col. La Novela Corta, núm. 17).
(5)  Enciclopedia libre universal en español. http://enciclopedia.us.es/
(6)  Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 48.
(7)  Francisco Camba, de quen fala Carré na presentación da colección como outro dos novelistas comprometidos con novo proxecto, non publicou ningunha obra na editorial Lar.
(8)  O ilustre Cardona. Wenceslao Fernández Flórez. A Cruña, Setembro de 1927. Imprenta Lar. Lar, revista mensual. Ano 4; número 37.