Xunio de 1926
Lar, revista mensual. Ano III; número 22. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
26 p ; 16 cm.
A novela curta A Coutada, escrita por Vicente Risco, apareceu publicada co número vinte e dous na revista mensual Lar en xuño de 1926.
Esta é a segunda obra de Vicente Risco editada na colección, logo de publicar en 1925 os contos reunidos baixo o título O lobo da xente (1).
A Coutada é un relato de inspiración filosófica e moralizante, onde Vicente Risco quere presentarse como membro dunha xeración de labregos expatriados e que contra a súa vontade interromperon a cadea da raza afincada na terra.
Foron os pais quen un día deixaron os eidos para trasladarse á cidade á procura dunha vida máis cómoda e agora os fillos padecen o desarraigo de saberse a primeira xeración desconectada de todas as anteriores.
Por este motivo, o texto explora o concepto da culpa colectiva como deixou anotado Risco no libro de viaxes Mitteleuropa (2), expresado tamén con claridade na novela.
-
Semella, Eladio, que queres tomar sobor de
Nós e a nosa caste os pecados todos de cantos arrenegaron do traballo e do amor
da terra; semella qu’imos ser nós os redentores soilos d’esa culpa...
-
E si o fóramos! Se foramol-a caste
escolleita do vieiro novo, outra raza d’Israel!... o Evanxeo da Vida Homilde,
moito mais fondo qu’o da vida sinxela, que procraman tantos filósofos
ensoberbiados do noso tempo...
-
Ay, Eladio, e non serás ti tamén un
filósofo ensoberbiado?
-
E mais si, ainda nos quedarán moitos
pecados que purgar.
(A Coutada)
(A Coutada)
Partindo desta situación, Risco pretende falarnos do carácter retroactivo da redención, a cal permite facer conta nova dos erros antigos por medio das decisións tomadas polos sucesores, exaltando a un tempo a vida sinxela dos labregos apegados á terra para propoñer, nun exercicio non exento de inxenuidade, a necesaria volta ás orixes.
Segundo a súa opinión, cando un vive unha vida trabucada e ten os medios para emendala, non facelo sería pecado.
Xa que logo, o retorno á terra non é unicamente unha comenencia senón unha obriga, un deber, e, de acordo coas conviccións relixiosas do autor, o protagonista procura redimirse do pecado a través dos seus actos.
Sinopse da obra
Eladio conversa con Minia logo de visitar a Coutada, aínda conmocionado ao revivir as lembranzas felices da infancia antes do día en que rifaron o pai e máis o tío e non volveu aló.
-
E ti afaríaste a vivir sempre na Coutada?
-
E non viveu meu tío?
-
Teu tío xa nasceu n-aquelo e ti non.
-
Eu son o seu herdeiro, o seu sucesor, o seu
continuador.
-
Ti ves tolo da Coutada. A Coutada
metéuchese na y-alma xa de primeiras.
-
Matino eu qu’o que che leva à Coutada, mais
qu’a cobiza do proveito é o ensoño, é o lirismo..., Quen che non coñecera, meu
rei? O qu’enantes dixeches do carro d’herba que t’abalaba leíchelo no Mr. de
Phocas: o outro do sabor dos acios da videira, tiráchelo de Collette Willy...
Tés os miolos inzados de lembranzas de leuturas, e velehí está. Non che é outra
cousa. Eladio, convéncete. Eu ben sei onde che manca. Fuches â Coutada, e fuche
ainda a soñar esperto; a tua Coutada, e tamén a Coutada verdadeira, é pra ti
ainda a Coutada que levabas dend’os dez anos na y-alma en presencia de saudade.
-
Principia unha vida nova. Ou cecais non;
vai principia-la vida antiga, a vida que levamos no sangue está a chamar por
nós; a vida pr’a que viñemos fadados por herdamento e que o non seguila, e
querérmonos arredar d’ela, do vieiro qu’o sangue nos amostra, é o que nos leva.
Na Coutada hai tamén catro criados e a terra prové abondo para vivir. Eladio non comprende por que o pai abandonou o campo para ir á cidade, deixando o certo polo dubidoso.
-
Escoita, Minia: hai eiquí moito mais
qu’unha sinxela comenencia d’intereses. Ou non m’entendes, ou me non queres
entender. Non é somentes o interés o que me leva â Coutada: é o escarmento, é a
consideración nidia do que foi a vida trabucada do meu pai, que por marchar da
aldea desfixo o seu haber, e a miña, que rematei de todo co derradeiro. É unha
esixencia espirtual, é a fame da y-alma, é a cobiza de reitificación e
d’enmenda.
Ao cabo, Minia acepta o destino e os dous deciden comezar unha nova vida lonxe da cidade.
-
Iremos â Coutada; seremos labregos e os
nosos fillos han ser labregos; pensaremos en cumprir co-a lei de Dios y-en refacel-a
nosa casiña; seremos com’irmaus pr’os nosos veciños, mais non seremos soberbios
e nonos hemos dar coma salvadores do mundo, com’abridores de vieiros novos.
-
Anqu’en realidá o somos.
-
Anqu’en realidá o somos!
-
O noso mundo é o que cingue o muro da Coutada,
com’o mar Océano cingue os continentes. Pra qué ollar mais lonxe, s’aquelo
abonda pra nós? Canto traballo, canto suor, canta arela se non ten sementado
alí en tantas vidas coma por alí pasaron! Os homes pasan, uns atrás dos outros,
e a terra queda... A terra vive sempre.
(1) Fonte da imaxe de
Vicente Risco: bvg.udc.es
(2) O lobo da
xente. Vicente risco. Lar, revista quincenal. Nº
10. 4 de xullo de 1925. A Cruña. (Comentado
neste mesmo lugar en setembro de 2012).
(3) MITTELEUROPA
(Impresiós d’unha viaxe). Vicente
Risco. Nós. Volume XXXIX. 3 de abril de 1934. Santiago de Compostela. (Comentado neste mesmo lugar en xuño de 2014).