domingo, 9 de decembro de 2018

GRABADOS EN LINOLEUM




GRABADOS EN LINOLEUM
/ Xaime Prada
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
10 de Nadal de 1927
48 pp ; 29 cm.

O libro de arte Grabados en Linoleum foi escrito por Amancio Xaime Prada Losada e editado por Nós na Coruña en 1927.

Prada foi un pintor e humorista galego, membro da Irmandade da Fala, que por volta de 1933 mudou o seu compromiso ideolóxico e afiliouse á Falanxe, da cal foi mando provincial en Ourense, trasladándose a vivir a Madrid en 1935.

Grabados en Linoleum é un dos escasos libros galegos de arte publicados no primeiro terzo do século XX e constitúe unha rareza dentro do catálogo de Nós.

O gravado en linóleo é unha técnica de estampado en relevo onde se traballa coa gubia sobre unha base de aceite de liñaza, extraído da semente do liño, e outros materiais que mesturados adquiren unha consistencia semellante ao caucho. A tinta enchoupa as zonas altas da matriz e mediante a presión do tórculo pasa ao papel.

O libro comeza cun breve texto introdutorio aos dezaoito gravados, correspondentes a seis trípticos e a través dos cales o autor pretende condensar un esquema panorámico da vida galega.
 
Como veredes, non se trata mais que de ensaios d’un procedimento ô que se debería dar un gran auxe e movimento na Galiza, en que xa os nomes de Castelao, Castro-Gil e Xulio Prieto figuran n’este aspecto rodeados d’aureola dos mestres. Paréceme que as nosas traxedias rústicas, as obras dos nosos poetas, as novelas e contos galegos, ilustrados por medio de grabados, terían o millor ambente decorativo i-o millor xeito d’expresión.

Os gravados van acompañados por pequenas glosas escritas para a ocasión por outros tantos intelectuais galeguistas.




O primeiro tríptico que abre a obra é A Terra, composto polos gravados Pobo, Castiñeiro e Cruceiro.

POBO. Manuel Banet Fontenla. “... Deixarse d’alcumaciós, que os pobos son de Castela; e a iste noso lugar, se querés aqueloutralo, chamádelle en galego: vila, Vila da Eirexa, e nomais”.













CASTIÑEIRO. Antón Villar Ponte. “... O castiñeiro non é indíxena. Din que o trouxeron â Galiza – mais non temos probas certas de que así fose – os frades do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Emporiso enraizou ben na nosa Terra. Afíxose perfeitamente ô noso crima e ficou compondo de xeito admirabel na paisaxe galega. Non com’o eucaliptus que sigue e ha seguir sendo sempre unha arbre de traza exótica...”.








CRUCEIRO. Eladio Rodríguez González. “Un cruceiro de pedra erguido n’unha vella encrucillada é a voz perenne e muda con que o pasado co presente fala; a eterna voz dos séculos, que se desfai en rezos e pregarias, homildes e sinxelas, na xeórxica calma do paisaxe aldeano, entr’os arrullos musicales dos pinos e das agras...”.













O segundo tríptico son Os Elementos, onde están os gravados Fogo, Medo e Trono.

FOGO. Víctor Casas Rey. “Elemento vivificador e destructor ao mesmo tempo. Na literatura galega ten o lume un posto sinalado, inspirador e apocalíptico...”.














MEDO. Vicente Risco. “... Mais o medo vence; o home ha pasar e o medo ha quedar. E o medo mais tremendo, mais espantosamente arripiante, ha ser cando sen pantasmas, nin deuses, nin alma, os derradeiros homes poidan ollar o seu propio inmenso valeiro”.











TRONO. Florentino López Cuevillas. “Coidades que n-isa nube moura, con cenefas brancas non hai outra cousa que auga en vapor carregada de electricidade? Que trabucados estades. Sentado no medio de ela hai un home, un nubeiro coma aquil que coñeceu Borrow (...) Os mais temidos, os que precisan ser espantados con maor estrondo de latas e afuxentados, con meirande cantidade de auga bendita, son os forasteiros, son os que veñen de Castela...”.











O terceiro tríptico: Os Personaxes, fórmano Un gaiteiro d’hoxe, O cego e O fidalgo d’onte.

UN GAITEIRO D’HOXE. Francisco Abelaira Ayán. “... Perdida a lembranza dos bailes típicos, as parellas campesinas, baixo o palio verdecente das arbres seculares, imitarán simiescamente o derradeiro baile vilego, provocando a gargallada, ou facendo chorar ante a aldea perdida...”.











O CEGO. Xosé Filgueira Valverde. “... O cego, como esta vila de Compostela, ten tamén as rúas da sua i-alma afeitas ó cheiro de toda-las vilas e á poeira de todo-los camiños unha i-alma de vello mariñeiro pruida po-lo degoiro de lonxanías...”.












O FIDALGO D’ONTE. Salvador Cabeza de León. “Po-la calada e deserta praza da vella vila, onde s’ergue aínda a fachada señorial da que foi morada sua, pasa o fidalgo coos ollos tristeiros abatidos ô chan...”.















O cuarto tríptico está dedicado ao Liño e inclúe os gravados O enlagadoiro, A tasca e Fiadeiro.

O ENLAGADOIRO. Primitivo Rodríguez Sanjurjo. “... Estas figuras teñen sono de tranquilidade, un sono enquistado na coor do ambente moderno qu’están berrando coa sua descomposeceón o mais típico que temos nos: a virginal inxenuidade y-o encantamento d’a y-alma”.











A TASCA. Ramón Otero Pedrayo. “... En premio da sua obedencia i-homildade o liño fai-se branco ô igoal da y-alma e da lúa. Brancura teolóxica i-astral. Brancura das camisas dos petrucios de curazón sinxelo, dos lenzos da mesa campesía, da mesa do altar; a resurreición do liño”.











FIADEIRO. Evaristo Correa Calderón. “... Ando fiando n-un sono de néboa e de lembranza, longo com’os caminhos, caminhos da esperanza! Tenho senhardá de longe, senhardá de cousas vagas!”.















O quinto tríptico: O Mar, fórmano os gravados Peirao romántico, Mariñeiros e Mar calma.

PEIRAO ROMÁNTICO. Ramón Villar Ponte. “... Súpeto e brusco o laído feridor de unha sirena creba o silenzo da noite e vaise esmorecendo paseniño cal si percorrese os mais acobillados recunchos da natureza que dorme...”.












MARIÑEIROS. Xulián Magariños Negreira. “... O mariñeiro leva na i-alma toda a saudade azul do mar e do ceo. Cando navega, a sua ollada e os seus anceios galgan cara a terra a cabalo das ondas...”.













MAR CALMA. Gonzalo López Abente. “... Vento en popa, a toda vela, arredandose da orela fuxe a pesca embarcazón; man na escota, ergueita a frente con altivo e nobre porte, o mariñeiro valente leva o brazo rexo e forte aferrado no timón...”.














O último tríptico: A emigración reúne os gravados Por alí se foi papai, A volta do emigrado e O derradeiro viaxe.

POR ALÍ SE FOI PAPAI. Manoel Valcarce Gómez. “... Nos fogares aldeans, sin lume nin consolo, escoitarase o rouco saloucar das nais que non teñen fillos; i-as viudas dos vivos e dos mortos, fixos os ollos magoados na inmensidá bretemosa do mar d’Atlante, diranlle ôs seus orfiños: ¡Por alí se foi papai!”.











A VOLTA DO EMIGRADO. Plácido Ramón Castro del Río. “... ¡Que saudades non tería o que loitaba nas pampas ilimitadas, d’hourizontes craros e reitilineos, e cal non será a sua ledicia cando chega afinal ô seu val pequeneiro pechado antr’as montanas, co que tanto soñara no seu desterro! Si sentiu esa emoción que non se afrixa porqu’o seu rapaz non-o coñeceu. O caso é que a Galiza coñecera o fillo que tornaba ô seu seo”.








O DERRADEIRO VIAXE. Roberto Blanco Torres. “... E un día pol-a mañán cedo, sin que ninguén apenas soubera nada, foi levado pol-os da súa casa, n-unha caixa homilde e sinxela, â soidade do cimeterio aldeán. A natureza tiña n-aquela hora, como debeu ter na traxedia do Gólgota, unha profunda tristeza cósmica, ríxida, serea...”.













(1)   Imaxe de Xaime Prada: Autorretrato do autor. Suplemento nº 6 revista Nós