domingo, 30 de xuño de 2013

POESÍAS GALEGAS



POESÍAS GALEGAS / Añón, Francisco
1928
Biblioteca Lírica Lar. A Cruña

50 p ; 18 cm.

A escolma Poesías Galegas do autor Francisco Añón Paz foi publicada pola editorial Lar en 1928.

Este foi o terceiro volume da Biblioteca Lírica Lar (2) e había editalo en solitario Leandro Carré, logo de abandonar Ánxel Casal a imprenta Lar para fundar a editorial Nós.

O libro vai precedido dun prólogo escrito por Uxío Carré, pai do editor, quen xa tiña publicado en 1920 un pequeno volume coas poesías de Añón (3). Precisamente os poemas escolmados por Lar son a segunda edición desta mesma obra.

Carré indica no prólogo que moitas das poesías de Añón aparecidas orixinalmente en revistas e boletíns acabaron perdéndose e son poucas as que chegaron até nós. Tamén introduce algunhas notas biográficas sobre o autor.

Francisco Añón Paz, naceu n’aldea de Boel, parroquia e concello de Outes, partido de Muros, provincia da Cruña, o día nove de outono do ano 1812.

Añón foi un dos liberais que tomaron parte na malfadada revolución galega de 1846. Logo da revolta fuxiu a Portugal e máis tarde instalouse en Madrid. Durante este tempo traballou como xornalista, tradutor e mestre, vivindo sempre con grandes dificultades económicas até acabar os seus días sumido na miseria.

Francisco Añón. Poesías. A Coruña, 1920
Curros Enríquez consideraba a Añón como "vello mestre" e identificábase coas súas ideas progresistas e anticlericais, polo que o escolleu como guía no seu Divino Sainete. (4) 

As poesías galegas de Añón expoñen en primeira persoa a saudade do autor, decote lonxe da súa terra e tamén o seu humor cheo de acedume. A pesar da súa reducida obra en galego, Añón gozou do recoñecemento popular no seu tempo e tamén do respecto dos outros escritores, entre os que era sinalado como O Patriarca.

Sinopse da obra

O libro comeza co poema A Galicia.

O tempo s’apresura … Querida patria, escoita
ese xemido rouco que racha o aire van …
é o vapor que chama con violencia moita
a ese pôrvir xigante que co pasado loita,
e á transformar s’apresta o teu fecundo chán.

Deseguida Carré escolma o poema A Pantasma, unha composición burlesca, e os versos Xogos Froraes, enviados aos xogos da Coruña do ano 1861 xunto co himno titulado de novo: A Galicia.

A ti voa entre ardentes salayos
sobre as trémulas olas do vento,
a soidade do meu pensamento,
que decote cravado está en ti.
Por diversos países qu’eu vaya,
ti serás miña doce memoria …
¡Mesmo entrar non quixera na groria
sin primeiro pasar por ahí!!

A égloga Recordos da Infancia evoca a nenez do poeta; un tempo feliz e despreocupado “cal lóstrego sútil que as nubes racha, / cando un metido se hacha / en noite horrible de fatal negrura”.

A Leiteira é unha revisión enxebre do conto de Esopo. De novo O Recordo expresa a saudade do poeta por estar fóra de Galiza e O Magosto evoca a esmorga duns mozos.

Deseguida atopamos os mellores versos humorísticos de Añón no poema A Miña Enfermidade. Sobre eles anota Uxío Carré no prólogo:

Vello, doente é pobre pasou por moitas, mais inda tiñan de lle chegaren horas mais amargas. Así e todo o seu humorismo de cote, non o deixou, como pode verse na poesía A miña enfermedá, composta pouco antes de s’empeorar; composición na que o poeta se burla donosamente dos seus males.

        Fraco como un asubío,
        con tres enemigos loito,
        enfermedá, fame e frío,
        e da miña vida o fío
        vaise adelgazando moito (…)

        De duros unha poutada
        podrá curarme a hepatites,
        enfermedá conxanada
        cando ven acompañada
        d’unha gran sindinerites.

O libro remata cos poemas breves: Amor Apresurado, Ante a Torre d’Hércules e Epigrama.

ANTE A TORRE D’HERCULES

-      Esta torre fai mil anos
que a fixeron os fenicios.
-      Tamén hai algúns indicios
de qu’é obra dos romanos.
-      Sodes na historia profanos
e en sentenciar mui lixeiros;
pois nin foron os primeiros
nin os segundos ¡aposto!
-      Tíranos da duda, Agosto:
dí ¿quens foron?
- ¡Os canteiros!

(1)    Fonte da imaxe de Francisco Añón: Poesías Galegas.
(2)    A Biblioteca Lírica Lar reuniu catro volumes: No desterro e Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas, en 1926. Poesías Galegas de Francisco Añón, en 1928 e Bálsamo de Ferabás de Enrique Labarta, tamén en 1928.
(3)  Poesías. Follas Galegas. Francisco Añón. Prólogo de Uxío Carré Aldao. Imprenta e litografía de L. Lorman, A Cruña. 1920.
(4)  Francisco Añón. Real Academia Galega.


sábado, 22 de xuño de 2013

A VOLTA DO BERGANTIÑÁN



A VOLTA DO BERGANTIÑÁN / San Luís Romero, Xesús
31 de outono de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
30 p ; 17,5 cm.

O poema A volta do bergantiñán, escrito polo poeta e dramaturgo Xesús San Luís Romero, foi editado por Nós en outubro de 1928. A capa conta cunha fermosa ilustración de Camilo Díaz Baliño.

O mozo San Luís emigrou a Arxentina onde traballou como zapateiro. Alí escribiu as primeiras pezas dramáticas e tamén colaborou na prensa baixo o pseudónimo “Un mozo bergantiñán”. (2)

A comezos do século XX regresou a Galiza, asentándose en Santiago de Compostela (3). Foi entón cando acadou o meirande éxito coa representación da obra O Fidalgo, estreada no teatro Principal de Santiago o dezasete de xaneiro de 1918. O texto inspírase no enfrontamento de seu irmán Ramón contra os caciques de Bergantiños.

Do libro d’O Fidalgo fixéronse dúas edicións, a primeira delas con portada de Asorey e a segunda de Camilo Díaz.

O Fidalgo (2ª Ed.) 1925
San Luís foi coñecido no seu tempo como o Zapateiro Poeta, como deixa constancia Xohán Vicente Viqueira nun texto publicado en A Nosa Terra:

Un exemplo de idealismo vol-o ofrece o zapateiro poeta santiagués, un grande representante da nosa raza que facendo zapatos n’un modesto taller compostelán creaba un dos dramas millores d’España. (4)

O autor tamén participou na política, elixido concelleiro en Santiago pola Federación Republicana Galega en 1931. Esta militancia había valerlle a entrada no cárcere e o desterro logo do golpe de estado de 1936.

A volta do Bergantiñán é unha drama que trata os fracasos da emigración e o devezo dos emigrantes por volver ao lugar de orixe antes de morrer. O texto comeza coa dedicatoria dirixida aos pais do autor:

Aos meus pais queridos…! Ouh, para min sagradas cinzas que dormís o sono eterno, luíndovos, no escuro com’un rosario do cimenterio da Parroquial de San Xoan de Carballo!...

A memoria d’aqueles sofridos Bergantiñáns, que co-a saudá arrochada ô esprito lonxe da patrea, non tiveron a fertuna do retorno para pousar nos seus tan sospirados eidos.

I-en ademiración aos que, fora de Bergantiños, viven c’o pensamento posto en tan agarimoso chán.

Sinopse da obra

Noite pechada de Nadal, chovía,
Nin unha estrela no ceu aluceaba,
Lóstrego frenxente a escuridá fendía,
I-a rouca vôs do trono no âr arrebombaba.
O vento, asubiando, nos álbores runxía,
O río sobardado nas laxes balvordaba,
I-os lúgubres, doentes, queixumes dos pinales,
Concertos romedaban d’espritos infernales.

Os habitantes da aldea están a cuberto da tormenta. Mentres, un home sen folgos, enchoupado pola sarabia e que apenas pode camiñar, desafía a auga e máis o frío.

¡Meu Dios! ten cremencia / co este probe vello, / que com’un alleo / na sua terra está: / non deixes que morra / sen outro aloumiño / carón d’un camiño / co-a ruín tempestá.

O camiñante devece por chegar deica a aldea onde naceu. No camiño evoca os recordos do fogar: a casa, a horta, o souto, a carballeira, o cemiterio e a igrexa coas súa campás “qu’en terras lonxanas / en sonos ouín / a morto dobrando / por meus pais queridos… / ¡Mañán seus soídos / dobrarán por mín!”.

Ao cabo enxerga o cruceiro.

Ouh, vello cruceiro, / de doce lembranza, / soabe agarimo / da miña crianza / (…)

Eu, manido pol-os anos / a vello vín de rapas, / ti no mesmo sitio estás / de cote ollando pr’o ceo; / víchesme d’alento cheo, / escoitache o meu rezar, / i-agora estás a mirar, / murchado o meu curasón, / como nin podo falar / e cuase un cadavre son.

Ao pé do cruceiro evoca con saudade o día en que deixou a aldea para marchar camiño de América.

Fai sesenta anos / ¡Ouh! garrida aldeia / que por terra alleia / troequeite en ruín, / pra pasar traballos / ¡Nunca eu emigrara … / ¡Nunca eu te deixara / cuitado de min! …

O emigrante dóese da súa vida malfadada e despois morre.

Eisí foi, non houbo quen non lle botase
De terra bicada na coba unha presa;
Nin alma n’aldea que non lle rezase
Pol-a do difunto â Soprema Grandeza.
Nin vello nin mozo que non marmurase,
No chán de xionllos, beixada a cabeza:
«¡Dios che limpie a yalma de todo pecado
I-acougo che deia no ceu, meu cuitado!»

(1)    Fonte da imaxe de Xesús San Luís Romero: www.culturagalega.com.
(2)    Ibidem anterior. San Luís Romero colaborou no xornal El Eco de Galicia.
(3)  En Santiago había fundar un obradoiro onde fabricou zapatos: “San Luis no abandonó nunca lo útil por lo dulce. Honrado y trabajador, pudo llegar a la posesión de una zapatería, donde hoy sostiene a catorce operarios, que hacen muy buenas migas con las nueve musas a las que él rinde fervoroso culto”. Antón Villar Ponte. Glosas d’O Fidalgo. O Fidalgo. Xesús San Luís Romero. El Eco de Santiago. 1925 (2ª edición).
(4)  Ibidem anterior. No texto tamén atopamos unha descrición de San Luís efectuada por Antón Villar Ponte e publicada en El Noroeste, que contra o que poida semellar resulta eloxiosa no conxunto: “Un individuo de aspecto vulgar, de pergeño físico netamente gallego. Dedicado al arte suetonio desde niño y sin otra instrucción que la que suele adquirirse en las escuelas primarias”.


domingo, 16 de xuño de 2013

O GALO



O GALO / Amado Carballo, Luís
4 de setembro de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña

113 p ; 17,5 cm.

O Galo, libro póstumo de poemas escrito por Luís Amado Carballo, foi impreso por Nós o catro de setembro de 1928, coincidindo co aniversario da súa morte.

Pouco antes de morrer, Amado Carballo publicou en 1927 o seu primeiro libro de poesía, como recorda o breve prólogo d’O Galo.

Camiño da miña terra – como sua nas veiras de Lérez – dei con él (vrán de 1927) n’unha casiña homilde de Pontevedra. Inda que nunca nos víramos os nosos brazos cruzáronse como pra refrorecer unha vella aperta. Falamos de «Proel» - que saíra facía pouco -, da nova xente e das novas ideas encol da nosa terra. (2)

Luís Amado enfermou de tuberculose; doenza que acabaría decontado coa súa vida. Logo de publicar Proel o poeta pasou un tempo en Soutelo de Montes recuperándose da enfermidade. Alí había escribir a maioría dos poemas incluídos neste novo libro.

Unha mañán de San Xoán / atopei a fror das ágoas, / dend’aquela levo en min / unha mágoa de arelanzas.

Na terra… / no ceo… / no monte… / no val… / Non atopo acougo / pra tan fondo mal.

Da poesía luminosa de Amado Carballo, afirma Francisco Fernández del Riego:

A poesía de Amado Carballo influíu en moitos dos seus contemporáneos, e aínda en poetas máis novos. Falouse mesmo dunha escola poética inspirada por el. Esa escola recibiu diversos nomes: neorrománica (?), imaxinista e hilozoista. En realidade, o que caracteriza as imaxes empregadas polo poeta pontevedrés é, segundo Carballo Calero, o animismo; é decir a natureza representada como un ser vivo dotado de alma. (3)

E precisamente será a natureza a protagonista d’O Galo: a lúa, o mar, o val, o vento, a fonte, o río, os animais, as árbores… todos eles humanizados pola conciencia e os sentimentos.

A illa de Ons / preñada no mar / durmiuse no berce / qu’avala o luar.

As voces limpas de Amado Carballo e Manoel Antonio renovaron a poesía a comezos do século XX. A publicación entre 1927 e 1928 de Proel, De catro a catro e O Galo introduciu a poesía galega na modernidade da vangarda.

Sinopse da obra

O libro ábrese coa composición que dá título ao volume: O Galo.

Abrell’as portas ao día
co-a chave do teu cantar
que xa na fonte da Lua
está lavada a mañán.

Bótall’o teu aturuxo
a paisaxe dend’o val
qu’o gran balbo das estrelas
cairá serodio no mar.

O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
alcéndelle unha fogueira
co lume da tua voz.

A fonte, o grilo, o xílgaro e máis os piñeiros interpretan unha sinfonía pastoral, “canto realista d’emoción oitocentista”.

Os paxaros: carrizos e cucos, tamén actúan de intermediarios entre os homes e o destino, unindo a vangarda coa cultura popular:

Cuco-rey / rabo d’escoba / cantos días faltan / para a miña boda?

O paxaro decontado / poñíase a cantar / e o corazón latexante / estaba a moza á contar: / Un, dous, tres, / te non trabucache / meu bô cuco-rey?

Entre as imaxes recollidas nos poemas non falta tampouco a lúa:

velliña, / de brancos cabelos, / de enrugas de ouro / e de olliños cegos.

Os poemas vangardistas d’O Galo están ateigados de imaxes innovadoras.

Segándoos con fouces / de lua crecente / apañan n’un feixe / os rayos do sol.

E aínda…

Duro coitelo de lua, / o aturuxo da raza, / fai vendima de cantares / na viña da miña alma.

Tamén as persoas comparten coa natureza esta inmensidade instantánea que procuran as imaxes do poeta, como o mariñeiro, “poeta das augas”:

Pigoreiro / das mans foulas / que borracho de lua estás, / nos teus ollos debalan os lonxes / como as foulas no horfo areal.

A tradición interpretada de novo:

Co ollar humido de verde / camiñan os bois labregos, / levando os piñeiros mortos / no primeiro cadaleito.

Logo a natureza enteira chora a morte dos piñeiros.

Ficou chorando no campo / o enorme e viudo vento, / buscándoos âs palpadelas / na orfandade do ermo.

Son palabras xustas e certeiras que celebran a natureza.

O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
o poeta alcende a fogueira
co lume da súa voz.

(1)    Fonte da imaxe de Luís Amado Carballo: Real Academia Galega.
(2)    O prólogo está asinado por O.E. Iniciais que segundo Francisco Fernández del Riego corresponden a Xosé Roxelio Otero Espasandín, poeta e mestre que chegou a publicar varios poemas na revista Nós. Información recollida no Diccionario de Escritores en Lingua Galega. Ediciós do Castro, Sada. 1990.
(3)    Ibidem anterior.


domingo, 9 de xuño de 2013

DE MIN PRA VÓS (CONTOS DO POBO)



DE MIN PRA VÓS (CONTOS DO POBO) / Carballal, Ricardo
9 de agosto de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña

122 p ; 16 cm.

De min pra vós (contos do pobo), obra póstuma de Ricardo Carballal, saíu do prelo de Nós en agosto de 1928.

O libro escolma os contos publicados por Ricardo Carballal en A Nosa Terra, segundo informa Ánxel Casal no prólogo que precede a obra.

A Editorial NÓS pon â venda este libro de contos do malogrado escritor galego e férvido loitador galeguista Ricardo Carballal, c’o dobre propósito de divulgal-os e rendir un testimoño â sua lembranza.

Carballal, morto na prenitude das suas facultades literarias, foi dos primeiros fundadores da Irmandade da Fala cruñesa, punto de partida da actual renascencia galega. Patriota fervoroso con unha autuación exemprar no campo galeguista foi dos primeiros en acadar o grorioso tíduo de «bó e xeneroso» de que falou Pondal. As páxinas de «A Nosa Terra» están nos seus primeiros anos ateigadas de ademirabres probas do gran talento e nobre ideal galego de Carballal. D’elas son tirados estes contos que a Editorial NÓS imprenta n’un nobre propósito de divulgación e segura de facer unha obra mais a favor da literatura galega hoxe en vigoroso rexurdimento.


Ricardo Carballal foi un dos máis activos redactores do semanario A Nosa Terra desde a súa fundación en 1916 e até 1918. Comezou escribindo pezas de opinión e a partir do número sete publicou tamén os seus Contos do Pobo. Textos que pola súa calidade literaria e imaxinación ben merecen unha nova edición que os rescate do esquecemento.

De min pra vós foi o título da sección onde apareceron os contos de Carballal desde o ano 1917.

Ademais deste volume póstumo, o autor publicou un único libro en 1919 titulado O secreto acubillado, editado na Coruña polo xornal El Noroeste no suplemento Terra a Nosa!

Xunto coa presentación do autor, Casal revela no prólogo os principios literarios da editorial Nós.

Compre tamén adiantarse ao xuicio, que poidera vir, dos escolleitos ou dos mozos; decindo que NÓS ten á gala, e contituie esto o seu maior galardón, pubricar todas aquelas obras, que estando escritos na nosa fala contribuian de calquer xeito ao seu mais grande uso sin perder o tempo en disquisicións literarias inúteis. NÓS pensa e así o praitica, que hoxe en galego hai que escribir de todo e para todos. O mesmo para os iniciados que para o vulgo. Así o dí craramente toda a obra literaria por ela realizada, somentes c’o desexo de contribuir con todo o seu esforzo â creación d’unha gran cultura galega.

¡TERRA A NOSA!

No texto Casal formula os obxectivos do seu proxecto editorial, coutando dunha tallada as estériles polémicas que encheron algunhas das notas editoriais publicadas por Lar. Formulando a vocación de Nós como unha editorial popular, ao servizo da cultura galega, Casal afirma que no momento histórico que a el lle toca vivir cómpre actuar e non relear sobre a idoneidade da literatura que se está a facer.

Xa que logo, o principal obxectivo da editorial Nós será fornecer os escritores en lingua galega dunha plataforma de publicación. Non obstante, e visto coa perspectiva dos anos, a calidade literaria do catálogo publicado por Nós resulta innegable. Ou dito en palabras de Otero Pedrayo:

Enxamais saíu da imprensa de Casal unha páxina baixa, ruín, ou intresada. (2)

Sinopse da obra

O cocho do «Princesa de Asturias».
Conto picaresco sobre as mañas dun mariñeiro.

Ti sei que dormes. A Nosa Terra, número 13 (1917).
Escena de taberna onde o tío Farruco acomete a fungueirazos os mozos enleados por un papagaio.

A virxen de mármore. A Nosa Terra, número 24 (1917).
Historia de amor entre Rosario e Pepe do Castelo, adubada cos celos da prometida de Pepe.

Ao pé do cruceiro.
O conto narra a traxedia de Xan e a redención que lle chega da man do pai do mozo a quen matou.

Axúdate que Deus t’axudará
Relato picaresco, onde as mañas dun labrego serven para estafar un banqueiro.

A lenda do xutglar. A Nosa Terra, número 30 (1917).
Lenda de amor galante con final tráxico entre un xograr e a castelá.

Noite do sábado.
Comedia doméstica onde unha muller barbea o seu home cunha navalla.

En tempos que virán. A Nosa Terra, número 38 (1917).
Diálogo imposible entre a Marquesa e o Conde para reivindicar o carácter diferencial de Galiza e a figura inxustamente esquecida do labrego, “encarnación da raza e gardián da fala”.

Conde.- E obrigados qu’o non perdimos todo. Mais que nada a fala; ista fala que tanto envexan os alleos, e que non finou, e non perdeuse nas âs do esquecemento, mercede ôs bós labregos, que foron-os termadores da nosa tradizón, das nosas côstumes, dos nosos usos; os compretos cibdadáns, os únicos matriotas, os que sendo galegos vivían en Galicia e non n’unha colonia castelana. ¡Benia eles!

É a noite de San Xuan.
Arredor da moza doente confrontan a ciencia e a sabedoría popular. Derrotado pola enfermidade, o médico acepta probar os remedios a base de feitizos, herbas, follas e flores, que sandan a moza. Desenganado, o médico queima os libros de ciencia no lume novo de San Xoán.

A dos ollos meigos. A Nosa Terra, número 33 (1917).
Un pintor acada a súa obra mestra despois de pintar un cadro onde destacan “dous ollos de galega beixados por unha raiola de sol”, para logo ficar cego.

Noite Boa sin festa. A Nosa Terra, números 40-41 (1917).
Os comensais e outros veciños chegados evocan coas súas regueifas as festas e cantigas de antano.

O derradeiro beixo. A Nosa Terra, número 42 (1918).
Un encontro casual entre un mozo e unha muller máis vella ca el esperta neles unha grande paixón. A relación resulta imposible, contra o criterio do mozo. Anos máis tarde, a piques de morrer, a vella chama onda ela o rapaz. O amor da parella segue intacto e nun bico entrégalle o último alento.

Si é parvo non se persente. A Nosa Terra, número 46 (1918).
Conversación burleira entre o amo e o candidato a criado.

Axuda á tempo. A Nosa Terra, número 45 (1918).
Lance picaresco entre a taberneira e os tratantes, que ao cabo desenguedella Pepiño o Recurseiro diante do xuíz.

O loitador. A Nosa Terra, número 51 (1918).
Xacobe, o Loitador, teima en unir os homes da parroquia contra os que provocan a súa miseria, pero ninguén quere comprometerse e os propietarios néganlle o traballo. Encolerizado, o Loitador queima nun arrouto a casa do home máis rico do pobo.

Si te portas ben. A Nosa Terra, número 53 (1918).
Conto da emigración onde Xosé chega a Cuba e alí fai fortuna e casa coa mulata Consolo.

A falla de estudos. A Nosa Terra, número 52 (1918).
Bastián ten unha grande habilidade para facer trebellos coas mans, pero ningún deles funciona porque non ten estudos. Cando decide suicidarse, tamén a falta de estudos acabará por salvalo ao non contemplar todas as posibles circunstancias do acto.

Rosiña a estatuaria. A Nosa Terra, número 50 (1918).
Rodolfo é un mozo rico e sen escrúpulos. A única muller que consegue resistírselle é Rosiña, chamada a Estatuaria pola frialdade coa que trata os pretendentes. Anos máis tarde cando Rodolfo está cego, ademais de pobre e enfermo, Rosiña acéptao salvando a súa vida.

Por aforro. A Nosa Terra, número 55 (1918).
Diálogo cheo de piropos e pullas entre unha neneira e un soldado.

Ficamos sin conto. A Nosa Terra, números 47-48 (1918).
O autor anuncia que non ten inspiración para escribir un novo conto.

Deixarei os moitos leitores d’A Nosa Terra sin conto, e iso irán ganando.

Así vai pasando dun tema a outro sen decidirse por ningún e ao cabo narra unha historia burleira de amos e criados.

(1)    Fonte da imaxe de Ricardo Carballal: capa do libro O tesouro acubillado.
(2)    Ánxel Casal. O libro dos amigos. Ramón Otero Pedrayo. Ediciones Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires. Bos Aires. 1953. p. 106.