sábado, 1 de xuño de 2013

PROBREMAS DE XEOGRAFÍA GALEGA



PROBREMAS DE XEOGRAFÍA GALEGA / Otero Pedrayo, Ramón
28 de maio de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña

38 p ; 33 cm.

O traballo publicado por Ramón Otero Pedrayo, director da sección de Xeografía do Seminario de Estudos Galegos, e titulado Probremas de xeografía galega. Notas encol das formas de poboazón labrega, saíu do prelo de Nós en maio de 1928, aínda que na capa leva impresa a data de 1927.

O texto foi confeccionado como resposta á demanda da Unión Xeográfica Internacional, logo de acordar esta institución no congreso celebrado en 1925 designar a comisión encargada de confeccionar as pautas dun informe sobre as formas de poboación rural, que habían redactar xeógrafos de todo o mundo. Os traballos presentáronse no Congreso Xeográfico Internacional celebrado en Cambridge en 1928.

Entusiasmado coa proposta, Otero ofreceuse a escribir sobre a poboación rural galega, particularizando o estudo no lugar que mellor coñecía: a parroquia de Trasalba.

O informe elaborado polo funcionario que asistiu ao congreso xeográfico en representación do ministerio de Instrución Pública recolle a seguinte anotación:

El señor Dantín Cereceda leyó un trabajo acerca de la distribución de la población rural en Galicia. (2)

Congreso Xeográfico. Cambridge, 1928.
Non obstante, non podemos saber se o madrileño Juan Dantín presentou no congreso o traballo escrito por Otero ou ben non é máis ca unha coincidencia.

En todo caso, a monografía de Otero non é exclusivamente un informe científico, pois nela aplica a súa capacidade de fabulación literaria ao traballo analítico e minuciosos do xeógrafo; mestura que non resulta estraña porque a ciencia e a prosa poética comparten espazo na obra de Otero, e a xeoloxía, a etnografía e mesmo a economía son pretextos que lle permiten falar da paisaxe.

O home, cóbados na fiestra, teima de adepresare ista xeografía nosa. Unha xeografía inaugural, de nenos que se devecen. Unha xeografía chea de balboura de luces da ialba, do medio día, da serán, da noite… (3)

E nesa paisaxe inaugural sempre escintila con luz propia, orixe e cerna do mundo, a parroquia de Trasalba; lugar onde todo é novo e vello a un tempo.

Cando Otero describe as serras e vales da parroquia nesta obriña de vocación internacional, ao tempo estandariza o universo enteiro da Galiza rural.

Sinopse da obra

Como punto de partida da análise, o autor establece que a parroquia galega, exemplo da poboación espallada arredor da igrexa, constitúe o modelo enxebre de organización rural en Galiza.

Na Galiza temos unha unidade vital antiga, xeográfica, eterna: parroquia.

Non obstante, as condicións naturais determinan a forma inicial das poboacións: os terreos enxoitos, de pouca auga, favorecen a concentración dos pobos, mentral-os fartamente regados predispoñen ô espallamento.

A forma espallada é natural nos celtas e a concentración nos xermanos. A Galiza moderna herda as formas de asentamento da época medieval, cando as condicións da propiedade da terra determinaron o espallamento da poboación.

En xeral a agricultura estensiva é d’habitat concentrado, i-a intensiva de forma espallada.

Esta condición preserva as tradicións agrícolas, os sentimentos relixiosos, a organización familiar e crea unidades autosuficientes.

Despois de expoñer a súa teoría arredor das formas de poboación galega, Otero concreta o estudo na parroquia de Trasalba.

En primeiro lugar describe as condicións xeolóxicas do lugar, utilizando unha prosa a medio camiño entre a erudición e a poesía:

O país do Carballiño déixase mordiscar pol-os vals coma tributario da artellada e desenrolada rexión ribeiráa do Avia (…) A chuvia levada pol-o vento forma sistemas d’ocos e coviñas nas que demoran as augas do ceo pucharquiñas e que xuntándose furan as laxes, ademais da aición maina e xeral qu’arredondeia e amolece as arestas.

Deseguida introduce a descrición xeográfica da rexión dos Coutos e do val da Bergueira no seu contacto coa rexión dos chans, para logo expoñer as condicións climatolóxicas e a vexetación común na parroquia.

Hai longas invernías d’aire Sul, tépedo e mol, de chuvia mansa e terca qu’amolece as terras e pôn en traballo por longo tempo todo o sistema de quebradas do país.

A descrición das paisaxes ocupa unha longa extensión no traballo, como tamén a análise da vida económica.

Trasalba é unha parroquia sinxelamente labrega; está lonxe dos camiños e non sabe beilar a peseta como os garabaneses nas feiras. As soilas formas de aitividade económica alleas ô traballo da terra son a emigración e o negocio do sárrio (…) arrincar o sarrio das cubas entr’a venda do viño e a nova vendima, angueira, cansa pois é perciso adoitar posturas violentas no interior das vasixas e traballar finiño con coitelos e azadiñas aproposito, pra non mancar as madeiras, sempre en bodegas fondas como cobas e á mercede das variacións do precio da mercancía. Os sarreantes de Trasalba veñen de pais á fillos.

Os cultivos do millo e a vide merecen un comentario destacado por parte de Otero. Por último, inclúe a descricións da casa labrega e das súas dependencias, e da casa fidalga: o pazo.

Damos por rematado iste traballo adicado ô noso Seminario d’Estudos Galegos, con mentes de estendelo a outras parroquias si Deus da tempo e axuda.

Ourense, 1928.

(1)    Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    XII Congreso internacional de Cambridge. Juan Carandell, Delegado oficial del ministerio de Instrucción Pública. Tirada aparte de la revista Ibérica. Juan Dantín Cereceda foi un xeógrafo español, introdutor da que foi coñecida no seu tempo como xeografía rexional.
(3)    Arredor de nós. Seitura inicial. Álvaro Cunqueiro. Yunque, 2 de maio de 1931. O mundo que teño de meu, artigos en lingua galega. Alvaro Cunqueiro. Galaxia. Vigo, 2013.


Ningún comentario:

Publicar un comentario