venres, 14 de abril de 2023

MOURENZA

MOURENZA / Armando Cotarelo Valledor
18 de Santos de 1931

Editorial Nós – Santiago. Hortas, 20

Volume XLIX

42 p ; 18 cm.

Mourenza. Lance dramático nun auto, escrita por Armando Cotarelo Valledor e incluída na colección Teatro Galego da editorial Nós, saíu do prelo na rúa das Hortas de Compostela o 18 de novembro de 1931, se ben o texto íntegro apareceu un mes antes no número 94 do boletín Nós.


Este é un dos primeiros libros impresos por Nós en Compostela, onde Casal trasladou a editorial desde A Coruña á procura dunha maior proximidade aos autores do Seminario de Estudos Galegos.

Cotarelo, como outros intelectuais galeguistas, participou da estratexia deseñada polas Irmandades da Fala para usar o teatro como ferramenta de difusión e dignificación do idioma entre a poboación urbana. Os autores debían fornecer textos para ser representados polos cadros dramáticos e esta vía culturalista permitiu ao galeguismo conectar coa sociedade sen confrontar coas ditaduras, cando estas impedían as manifestacións políticas.

O autor dirixiu en Compostela o Cadro Dramático da Universidade e entre 1922 e 1924 publicou sucesivamente as pezas Trebón, Sinxebra e Lubicán. Estas dúas últimas representadas pola agrupación universitaria baixo a súa dirección.

En 1927, Cotarelo ingresa na Academia Española da Lingua por unha disposición de Primo de Rivera designando dous representantes dos idiomas catalán, galego e vasco. Por Galiza foron elixidos Ramón Cabanillas e Armando Cotarelo e desde entón, e con máis motivo logo de ser nomeado catedrático de filoloxía galaico-portuguesa na universidade de Madrid, Cotarelo pasou moito tempo na capital, onde escribiu en 1931 as pezas Beiramar e Mourenza, estreada en Madrid en 1932.

Nós publicou as últimas pezas da súa produción dramática: Hostia (1926); Beiramar e Mourenza (1932).


Esta última segue o ronsel dos dramas mariñeiros iniciados por Beiramar.


A acción comeza nunha noite de tormenta, cando Espadarte e Rapeta chegan á casa de Lumia á procura de Breixo.

Revista Nós 94
BREIXO. (mariñán escorreito (traxe azul; boina) entra pol-a dereita poñéndose un chaquetón de abrigo).
Aiquí estou.
ESPADARTE. ¿Listos?
BREIXO. (collendo un truel).
Listos.
ESPADARTE. (indo á sair)
Avante.

Os tres levan entre as mans un negocio escuro e tamén perigoso. Ao pouco de marchar, érguese Madanela.

MADANELA. Espertóume o vento, madre, e desvelei. ¿Quén eran eses homes?
LUMIA. Espadarte e Rapeta; viñan por teu irmán.
MADANELA. ¿Co este vendabalón? ¿Saen ô mar hoxe?
LUMIA. Pouco se desviarán das penas; van ô endeño.

O contexto indica que os mariñeiros non teñen intención de apañar marisco nas rochas e dá a entender que pretenden acender lumes na costa para atraer os barcos e facelos naufragar.

Esta é unha lenda negra, máis literaria que real, sobre a Costa da Morte e a suposta existencia de grupos organizados a finais do século XIX dedicados a provocar os naufraxios e a pillaxe das mercadorías e viaxeiros. A lenda serve de base ao autor para tecer o drama na obra

Madanela cóntalle a Lumia que soñou con Xelo, quen ha vir do mar acompañado dun can rabioso: o urco do Mar.

LUMIA. Din que o urco é un can mui grande que en noites pechas sae do mar, e vai por rúas e por congostras oubeando con outros cáns que acoden a lle dar escolta. Leva unha cadea arrastro. Por veces detense, e todol-os máis fanlle roda, calados.

Xelo emigrou hai sete anos, fixo fortuna e agora volve onda Madanela. A moza está encinta logo do encontro co emigrante durante as festas do último verán e agarda por el para casar.


Breixo volve a casa e informa a Lumia que houbo un naufraxio e as barcas dos náufragos esnaquizaron nas rochas. Os mortos ficaron na praia e eles espoliaron os cadáveres.

BREIXO. De súpeto, o morto engarrou en min... Botóume as mas. Apertaba no pescozo, esganábame... e non podía zafarme daquelas mas: eran poutas... Saquei o coitelo que vosté me dou e chantéillo... ¡Matei o morto!

Breixo fuxiu sen mirar atrás. O neno Rapeta encheu un saco coas xoias, reloxos e cartos dos afogados e entrégallo a Lumia para que o agoche.

Alguén chama na porta. É Xelo ferido polo coitelo de Breixo.

XELO. Estou ferido... Matáronme...
BREIXO. ¡Fuxe!... ¡Fuxe, pantasma, fuxe!

XELO. Tí mesmo... Tí... ¡Asesino!...

Rapeta bótao fóra. Entón aparece Madanela e dinlle que o barco afundido é o Bohemia

MADANELA. ¿O que? ¿O “Bohemia”? ¿Dis o “Bohemia”?... ¡Virxe do Carme! ¿É Xelo? Nel viña Xelo...

Madanela abre a porta e bate con Xelo deitado na solaina, morto.

MADANELA. ¡Ay María! Sei que dorme... Pero ésto... é sangue... Sí; ¡sangue! ¡Morto! ¡¡Meu Xelo morto!! Madre, irmán... e ti, serpe pezoñenta... corvos do mar, urcos da ribeira... ¡Malditos! ¡Malditos seyades!

(1) Fonte da imaxe de Armando Cotarelo Valledor: I.E.S. Armando Cotarelo Valledor.