MOURENZA / Armando
Cotarelo Valledor
18 de Santos de 1931
Editorial Nós – Santiago. Hortas, 20
Volume XLIX
42 p ;
Mourenza. Lance dramático nun auto, escrita
por Armando Cotarelo Valledor e
incluída na colección Teatro Galego da
editorial Nós, saíu do prelo na rúa das Hortas de Compostela o 18 de novembro
de 1931, se ben o texto íntegro apareceu un mes antes no número 94 do boletín Nós.
Este é un dos primeiros libros impresos por Nós en Compostela, onde Casal trasladou a editorial desde A Coruña á procura dunha maior proximidade aos autores do Seminario de Estudos Galegos.
Cotarelo, como outros intelectuais galeguistas, participou da estratexia deseñada
polas Irmandades da Fala para usar o
teatro como ferramenta de difusión e dignificación do idioma entre a poboación
urbana. Os autores debían fornecer textos para ser representados polos cadros
dramáticos e esta vía culturalista permitiu ao galeguismo conectar coa sociedade
sen confrontar coas ditaduras, cando estas impedían as manifestacións
políticas.
O autor dirixiu en Compostela o Cadro
Dramático da Universidade e entre 1922 e 1924 publicou sucesivamente as
pezas Trebón, Sinxebra e Lubicán. Estas
dúas últimas representadas pola agrupación universitaria baixo a súa dirección.
En 1927, Cotarelo ingresa na Academia
Española da Lingua por unha disposición de Primo de Rivera designando dous representantes dos idiomas catalán,
galego e vasco. Por Galiza foron elixidos Ramón
Cabanillas e Armando Cotarelo e desde entón, e con máis motivo logo de ser
nomeado catedrático de filoloxía galaico-portuguesa na universidade de Madrid, Cotarelo
pasou moito tempo na capital, onde escribiu en 1931 as pezas Beiramar e Mourenza, estreada en Madrid en 1932.
Nós publicou as últimas pezas da súa produción dramática: Hostia (1926); Beiramar e Mourenza
(1932).
Esta última segue o ronsel dos dramas mariñeiros iniciados por Beiramar.
A acción comeza nunha noite de tormenta, cando Espadarte e Rapeta chegan
á casa de Lumia á procura de Breixo.
Revista Nós 94 |
Aiquí estou.
ESPADARTE. ¿Listos?
BREIXO. (collendo un truel).
Listos.
ESPADARTE. (indo á sair)
Avante.
Os tres
levan entre as mans un negocio escuro e tamén perigoso. Ao pouco de marchar,
érguese Madanela.
MADANELA. Espertóume o vento, madre, e desvelei. ¿Quén eran eses homes?
LUMIA. Espadarte e Rapeta; viñan por
teu irmán.
MADANELA. ¿Co este vendabalón? ¿Saen
ô mar hoxe?
LUMIA. Pouco se desviarán das penas;
van ô endeño.
O
contexto indica que os mariñeiros non teñen intención de apañar marisco nas
rochas e dá a entender que pretenden acender lumes na costa para atraer os
barcos e facelos naufragar.
Esta é
unha lenda negra, máis literaria que real, sobre a Costa da Morte e a suposta
existencia de grupos organizados a finais do século XIX dedicados a provocar os
naufraxios e a pillaxe das mercadorías e viaxeiros. A lenda serve de base ao
autor para tecer o drama na obra
Madanela
cóntalle a Lumia que soñou con Xelo,
quen ha vir do mar acompañado dun can rabioso: o urco do Mar.
LUMIA. Din que o urco é un can mui grande que en noites pechas sae do mar, e vai
por rúas e por congostras oubeando con outros cáns que acoden a lle dar
escolta. Leva unha cadea arrastro. Por veces detense, e todol-os máis fanlle
roda, calados.
Xelo
emigrou hai sete anos, fixo fortuna e agora volve onda Madanela. A moza está
encinta logo do encontro co emigrante durante as festas do último verán e
agarda por el para casar.
Breixo volve a casa e informa a Lumia que houbo un naufraxio e as barcas dos náufragos esnaquizaron nas rochas. Os mortos ficaron na praia e eles espoliaron os cadáveres.
BREIXO. De súpeto, o morto engarrou en min... Botóume as mas. Apertaba no
pescozo, esganábame... e non podía zafarme daquelas mas: eran poutas... Saquei
o coitelo que vosté me dou e chantéillo... ¡Matei o morto!
Breixo
fuxiu sen mirar atrás. O neno Rapeta encheu un saco coas xoias, reloxos e
cartos dos afogados e entrégallo a Lumia para que o agoche.
Alguén
chama na porta. É Xelo ferido polo coitelo de Breixo.
XELO. Estou ferido... Matáronme...
BREIXO. ¡Fuxe!... ¡Fuxe, pantasma,
fuxe!
XELO. Tí mesmo... Tí... ¡Asesino!...
Rapeta bótao
fóra. Entón aparece Madanela e dinlle que o barco afundido é o Bohemia
MADANELA. ¿O que? ¿O “Bohemia”? ¿Dis o “Bohemia”?... ¡Virxe do Carme! ¿É Xelo? Nel
viña Xelo...
Madanela
abre a porta e bate con Xelo deitado na solaina, morto.
MADANELA. ¡Ay María! Sei que dorme... Pero ésto... é sangue... Sí; ¡sangue! ¡Morto!
¡¡Meu Xelo morto!! Madre, irmán... e ti, serpe pezoñenta... corvos do mar,
urcos da ribeira... ¡Malditos! ¡Malditos seyades!
(1) Fonte da imaxe de Armando
Cotarelo Valledor: I.E.S. Armando Cotarelo Valledor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario